Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 27 Novembro, 2017
    Conde pon de exemplo a Artesanía de Galicia como marca que avala a calidade dun produto único e con gran potencial

    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou en Madrid, na visita que realizou ao Espazo Pop Up Galicia, saberes e sabores, que Artesanía de Galicia é unha marca que avala a calidade dos produtos que ofrece, todos eles únicos e diferenciados e cun gran potencial. Galicia, saberes e sabores, que pecha hoxe as súas portes despois de 12 días de actividade, é un punto de encontro que achegou a Madrid a tradición e a vangarda da artesanía galega a través dunha selección de pezas de máis de 50 artesáns; showcookings a cargo de cociñeros consolidados con representantes da nova cociña galega como Lucía Freitas do restaurante A Tafona ou Iago Pazos, de Barra Atlántica e Abastos 4.0; exposicións e venda de produtos de alimentación de calidade; e obradoiros participativos abertos a todo o público. No espazo déronse cita unha completa selección dos diversos oficios que conviven no sector artesanal de Galicia con pezas de xoiería, marroquinería, olería tradicional, cerámica, cestería, téxtil, papel, madeira, coitelería, encaixe e complementos de moda. Conde destacou que é un sector en auxe composto na actualidade por máis de 2.900 profesionais, 60 tendas adheridas e 550 obradoiros, presentes en diferentes países dos 5 continentes como Reino Unido, Suecia, Francia, Australia, Xapón e Estados Unidos. A Xunta colabora con esta expansión impulsando a marca Artesanía de Galicia e a todo o sector en xeral con iniciativas como o Espazo Pop Up que hoxe remata e que tivo como obxectivos estreitar lazos profesionais, crear novos contactos e servir como xerme de proxectos futuros; fortalecer as redes comerciais e a venda directa; e realizar accións promocionais. O orzamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria neste eido aumentou este ano nun 23%, crecendo nun 8% a liña de axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector. Os expositores No Pop Up, contou cun espazo propio a cesteira Idoia Cuesta, afincada en Outeiro de Rei, gañadora nos Premios Nacionais de Artesanía 2014 coa súa colección Pandeira na categoría de Premio Produto. Tamén visitaron o Palacio de Santa Bárbara as profesionais da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme (A Coruña), implicadas no proxecto Enredadas de posta en valor deste oficio artesán, que gañou o Premio Nacional de Artesanía 2016 na categoría de Promociona para Entidades Públicas. Maysil, obradoiro da Estrada (Pontevedra) presentou as súas diferentes coleccións de xoiería artesanal, que abarcan desde os modelos máis tradicionais ata os máis transgresores xogando a repensar o uso dos materiais. Contaron tamén cun expositor María Feijoo (Santiago de Compostela), que traballa a seda pintada convertendo o material en lenzo para adaptalo a variados complementos de moda e decoración; e Pilar Rodal (Vigo), con xoias orgánicas inspiradas na natureza e baseadas na exploración da fusión da prata con outros materiais. O programa do evento acolleu obradoiros de artesanía como o dirixido pola artesá Palmira Castro do obradoiro Mimadriña (Fisterra, A Coruña), que traballou a técnica do Origami elaborando unha postal mariñeira. Pola súa banda, a cesteira contemporánea Idoia Cuesta dirixiu un obradoiro de decoración de Nadal con fibras vexetais, mentres que as redeiras estiveron representadas por Rosa Rodríguez da Asociación de Redeiras Illa de Corme, que tamén imparteu un obradoiro de nós mariñeiros. Pola súa banda, os produtos de alimentación estiveron representados por Eidos de Iria&Adolfo. Olivares do Norte, Adegas Castrobrey, as cooperativas Terras da Mariña e Campocapela, Orballo Innovaciones Forestales, Las Cañitas de la Abuela, Obrador de Lamprea, Conservas y Ahumados Lou S.L, A la cena galega e El Capricho de Esther y Cecilia, Sovoral Apicultura Orgánica e Muuhlloa Cosmética Gallega. Ademais, houbo showcookings a cargo de cociñeiros como o ‘Estrela Michelin’ Pepe Solla e representantes da nova cociña galega.

    Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros