Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 24 Xaneiro, 2018
    Conde aposta na Coruña polas novas tecnoloxías como unha oportunidade de crecemento para o comercio de proximidade
    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou hoxe polas novas tecnoloxías e por Internet como unha oportunidade para que o comercio de proximidade poida medrar, durante a presentación das axudas Smart Commerce que realizou na libraría Moito Conto da Coruña, gañadora do Premio Smart Commerce 2017. Co de hoxe, iniciouse unha rolda de encontros-networking para explicar as novidades da nova convocatoria que chegará a outras cidades galegas. No acto, o conselleiro puxo a libraría Moito Conto como exemplo no que poden mirarse outros establecementos comerciais polo seu esforzo por integrar as novas tecnoloxías nas súas tarefas diarias. Así, incidiu na importancia da dixitalización do comercio polas novas oportunidades que abre e animou aos asistentes a trasladar as principais vantaxes do pequeno comercio, como o trato persoal ou o atractivo da tenda física, ao comercio electrónico: “Esa mestura entre comercio tradicional e dixital é o camiño que queremos impulsar”, sinalou. Desde xeito, os establecementos poderán medrar como marca e chegar a un público máis amplo, á vez que se mellora a experiencia de compra do cliente. Conde insistiu na necesidade de que Administración e comercio realicen un esforzo conxunto para reinventar o comercio galego dando resposta ás demandas dos consumidores actuais: “Temos que favorecer a modernización do comercio para que poida dar resposta aos retos actuais desenvolvendo un comercio moderno e dixital”, asegurou e engadiu a importancia da imaxe de marca e de ofrecer un produto diferenciado. No transcurso do encontro, os asistentes puideron informarse das novidades así como resolver as súas dúbidas con respecto ás liñas de axudas que o Goberno galego publicará no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 1 de febreiro cun importe de 4,5 millóns de euros para modernizar e impulsar o pequeno comercio e os obradoiros artesanais galegos. Trátase de tres iniciativas, que mobilizarán nove millóns de euros, e que abranguen desde proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización; dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais; ata programas da competitividade da artesanía galega. Estas liñas permitiron, en 2017, apoiar preto de 375 proxectos. O obxectivo destas convocatorias é ofrecer un valor engadido ao comercio galego, vencellando o seu crecemento, expansión e modernización ás novas canles de comercialización, utilizando a innovación, o social commerce, e a mellora da imaxe, como factores para facer máis competitivo o tecido comercial de Galicia. Así, a Xunta apoiará con máis de 3,1 millóns de euros a dixitalización e modernización de empresas comerciais e, como novidade deste ano, tamén artesanais para a implantación de solucións dixitais que permitan aos beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral dun local. En canto á liña dedicada á expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, contará cun orzamento dun millón de euros e poderanse beneficiar pemes e, no caso do desenvolvemento dun proxecto pop up, tamén comerciantes on line e, como novidade, fabricantes. Preténdese impulsar a apertura de novos establecementos comerciais por titulares doutro comercio cun mínimo de dous anos de antigüidade, así como proxectos pop up por un prazo máximo de dous meses nun concello distinto onde se veña exercendo a actividade. Por último, apoiarase con 255.000 euros o fomento da comercialización da artesanía e o impulso da actividade do sector. As axudas, dirixidas á promoción a través da participación en feiras e certames e a organización de eventos feirais, están destinadas a obradoiros artesanais, asociacións profesionais de empresarios e artesáns e concellos. Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros