Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 07 Novembro, 2018
    A Xunta apoia con 80.000 euros o labor que desenvolven as asociacións de comerciantes da zona sur de Lugo no impulso á competitividade do sector
    A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de conceder apoios por 80.000 euros ás asociacións de comerciantes de Monforte de Lemos e Chantada para o desenvolvemento dunha vintena de accións de dinamización comercial. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha reunión de traballo en Monforte coa presidenta e o xerente do Centro Comercial Urbano, María José Senra e Ángel Folgueira respectivamente. Posteriormente desprazouse a Chantada, onde se reuniu con Néstor Quiroga, presidente do Centro Comercial Aberto, e a xerente Leticia Díaz. O obxectivo das xuntanzas foi coñecer o tipo de accións que desenvolven ambas entidades ao abeiro desta liña de axudas, que son de carácter anual; as actividades “benefician ás 300 empresas asociadas e ao conxunto dos veciños e veciñas, que son os destinatarios finais das campañas que se levan a cabo”, afirmou Balseiro. Así, o comercio de proximidade organiza en ambas localidades feiras de oportunidades, accións de fidelización e actividades de fomento das vendas en datas puntuais como o Nadal. Igualmente, axudan a mellorar a sinalización comercial e a formación dos empresarios do sector. Ademais, contribúen á dinamización social do entorno, ofrecendo oportunidades para o tempo de lecer. A modo de exemplo, a asociación chantadina organizou nos últimos meses a campaña Peque Chef para os nenos e nenas, e a de Monforte instalou temporalmente un rocódromo e unha tirolina. Balseiro sinalou que o respaldo ao asociacionismo comercial é unha das prioridades do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, na procura de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado, impulsar o smart commerce e o comercio electrónico, e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua. Neste sentido, este programa de achegas contribúe a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico fomentandoa revitalización dos centros comerciais abertos e a súa adaptación ao contorno, creando espazos confortables e de lecer para realizar compras que xeren polos de atracción comercial nas cidades e vilas. Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros