Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 16 Xaneiro, 2019
    Conde inicia en Vilagarcía unha rolda de xuntanzas co tecido local empresarial para informar sobre o mapa de apoios da Xunta ás pemes
    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, iniciou hoxe en Vilagarcía unha rolda de xornadas co tecido local empresarial para escoitar as súas propostas e dar a coñecer o mapa de apoios da Administración Autonómica para impulsar a súa actividade ao longo deste ano 2019. Estas axudas teñen como principal obxectivo dar resposta ás necesidades dos emprendedores. Na xuntanza celebrada hoxe, que contou para o seu desenvolvemento coa colaboración da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e da Federación Comarcal de Empresarios de Arousa (FECA), o titular de Economía sinalou que as axudas autonómicas para 2019 se centran en apoiar a incorporación de novas tecnoloxías ás pemes galegas, impulsar a súa internacionalización e promoción da eficiencia enerxética, así como fomentar o emprendemento, a modernización do comercio local, a mellora das infraestruturas nos parques empresariais e o acceso ao solo industrial. Así mesmo, indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca con estes apoios impulsar de xeito especial o emprego local, lembrando que o paro baixou en Vilagarcía no 2018 un 10,17% con respecto a 2017 e na comarca do Salnés un 10%. Así, neste mesmo mes de xaneiro, a Xunta xa publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) axudas por valor de 40 millóns de euros entre as que se atopan os apoios do Igape para impulsar a dixitalización das pemes galegas cun orzamento de 5 millóns e unha mobilización prevista de máis de 13 millóns. Esta iniciativa, tal e como explicou o conselleiro, forma parte dun paquete máis amplo que se irá convocando en vindeiras semanas para que a tecnoloxía dixital siga avanzando na industria e empresas galegas. Con este paquete de apoios estímase unha mobilización de 70 millóns de euros. Así mesmo, xa se abriu o prazo de solicitude das axudas para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais e para a creación de viveiros industriais, que contan cun orzamento de 5,5 millóns de euros. Con respecto ao primeiro dos programas, o prazo de inscrición remata o próximo 11 de febreiro. O prazo de solicitude das axudas para financiar a creación de viveiros industriais abriuse hoxe mesmo e rematará o 15 de febreiro. Conde, ademais, salientou os apoios xa aprobados para impulsar a eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industrial, servizos e no agrícola que mobilizarán máis de 24 millóns. No eido da dixitalización, o conselleiro lembrou que os parques empresariais do Pousadoiro, Bamio e Trabanca contan cunha rede ultrarrápida de máis de 100Mbps, un xeito imprescindible para que as empresas poidan traballar con tecnoloxías máis avanzadas. Para rematar, o titular de Economía puxo en valor que Vilagarcía conta cun tecido empresarial consolidado que factura en conxunto máis de 65 millóns de euros. Lembrou, ademais, que a localidade arousá é un Concello Emprendedor, polo que comparte o espírito da Lei de implantación empresarial da Xunta de poñer facilidades administrativas e fiscais á actividade industrial Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros