Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 20 Marzo, 2019
    Conde apela en Monforte á colaboración entre administracións e o tecido empresarial para impulsar a economía do rural galego
    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Monforte nun networking con empresarios da zona para escoitar as súas propostas e informarlles sobre as diferentes liñas de axuda que ten en marcha a Xunta para apoiar a innovación, a dixitalización industrial, a internacionalización, a formación e o emprego. Na xuntanza destacou a importancia da colaboración entre administracións e o tecido empresarial para impulsar a economía do rural galego agradecendo ao Concello de Monforte a súa implicación para o desenvolvemento da xornada informativa. O conselleiro explicou na reunión os programas centrados no emprego e a formación, sinalando que hoxe mesmo se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das axudas de Emprega Parados de Longa Duración, unha iniciativa que conta cun orzamento de dous millóns de euros para apoiar a formación e contratación de desempregados pertencentes a este colectivo nas empresas galegas. A través desta iniciativa finánciase, dunha banda, cun bono formación ás persoas sen emprego para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa. O bono formación oscila entre os 2000 euros e os 4000 euros. Será de 2000 euros para a cualificación dos traballadores que son contratados de xeito inicial por 12 meses a xornada completa para que reciban unha formación mínima de 50 horas. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4000 euros e a formación mínima terá que acadar as 70 horas. En canto aos incentivos á contratación, as contías varían segundo o programa aínda que aumentarán nun 25% se a empresa conta con máis de 50 traballadores e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70%, e noutro 25% no caso de que a actividade pertenza a un sector estratéxico. As axudas base para a contratación de 12 meses a xornada completa dos parados de longa duración suman como mínimo 5000 euros, incrementándose ata os 10.000 euros se se trata dun contrato indefinido. Conde explicou que Emprega Parados de Longa Duración forma parte do programa Galicia Emprega, co que a Xunta apoia a formación e a contratación de mulleres, mozos e mozas, e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión, ademais de parados de longa duración. Do que se trata é de impulsar o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego. Nas catro liñas de axudas -Emprega Muller, Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude- fináncianse os contratos asociados sempre á posibilidade de mellorar a formación. Comercio O titular de Economía referiuse tamén na reunión ás axudas para impulsar a modernización e dixitalización do comercio de proximidade. A convocatoria sairá publicada no DOG nas próximas semanas e lembrou que os beneficiarios poderán acceder a apoios para implantación de novas fórmulas de negocio, tanto en establecementos físicos como na rede. Este programa promoverá tamén a mellora da paisaxe das zonas comerciais, incentivando a homoxeneidade de deseño das fachadas de tres ou máis negocios. Referido tamén ao sector do comercio, e, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, a Xunta está a traballar no e-ticket creando unha plataforma que permita substituír o tradicional ticket en papel por outro dixital, perdurable e máis sustentable. Durante este encontro, tamén se fixo referencia aos Concellos Emprendedores, que ofrecen máis simplificación administrativa, máis facilidades de acceso a solo industrial e máis incentivos fiscais. En Galicia contan con este distintivo un total de 121 concellos ao sumarse recentemente os municipios lucenses de Castro de Rei e A Pobra de Brollón. Deste xeito, na comarca de Terra de Lemos existen tres Concellos Emprendedores (Monforte e O Saviñao, ademais da Pobra de Brollón). Estes municipios desenvolven unha dobre aposta polo emprego e pola economía local porque, ademais de facilitarlle ao tecido produtivo vantaxes, teñen preferencia á hora de acceder a axudas da Xunta para impulsar o acceso ao mercado laboral, a formación e as enerxías renovables. Conde, para rematar, insistiu na importancia da cooperación para dar solucións ás necesidades do tecido produtivo, contribuír a configurar unha industria máis competitiva e que o mercado laboral sexa capaz de crear máis emprego estable e de calidade. Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros