Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 31 Xullo, 2019
    A iniciativa da Xunta ‘Comercio con talento’ premia as tendas coruñesas Varaston, Crafty Lu, Ai! Carmiña e a queixería da praza de Vigo
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe aos establecementos coruñeses Varaston, Crafty Lu, Ai! Carmiña e a queixería da praza de Vigo catro dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa coa que a Xunta pretende impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado de formación profesional. Con esta acción, na que participou estudantado de ciclos formativos relacionados co comercio de toda Galicia, búscase impulsar a participación e o contacto dos estudantes coa realidade do sector, complementando a súa formación; potenciar a innovación, o emprendemento e a incorporación do talento á actividade comercial de proximidade, así como ás pemes deste sector; e incrementar o coñecemento das novas tendencias do comercio, especialmente das novas tecnoloxías. Para participar no concurso, o alumnado estudou o comercio da súa comarca para, finalmente, seleccionar un negocio de acordo a criterios como o espazo físico, a xestión, o produto ou a atención ao cliente. Posteriormente, os participantes elaboraron un proxecto sobre o comercio elixido. Un xurado especializado escolleu os nove comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de cinco para ser escollidos no Facebook do Portal do Comerciante, polo que un dos 10 premios decídese polo número de “me gusta” recibidos. Os autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad wifi 32GB. No caso da tenda Varaston, premiada a proposta de Cristina Fernández Trillo, alumna do IES Ramón Menéndez Pidal ao igual que os outros estudantes que resultaron gañadores na Coruña, defínese como a primeira utilería de Galicia. Neste comercio próximo ao mercado de San Agustín poden adquirirse utensilios de cociña, ferramentas ou xabóns, destacando a aposta pola tecnoloxía na xestión do negocio, o coidado empaquetado ou o trato ao cliente. Crafty Lu, elixida grazas ao traballo de Laura Fraguío, é unha mercería situada na avenida de Hércules que, ademais de ofrecer material para costura e manualidades, organiza diferentes cursos e actividades para os seus clientes. Ai! Carmiña, situado en Orillamar, e proposta por Judit Campoy, é un taller de flores especializado na decoración de vodas que aposta pola creatividade e a natureza. Contan con tenda en liña, reparto a domicilio en bicicleta e organizan diferentes obradoiros. Tamén conta con reparto a domicilio en bicicleta a queixería da praza de Vigo, proposto por Borja López. Este comercio especializado destaca pola calidade e a variedade, e o coidado ao produto, queixos artesanais tanto nacionais como internacionais. Máis información

  • Páxina 1 de 1

  • Mostrando do 1 ao 1 dun total de 1 rexistros