A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, participou nunha xornada informativa na Fundación Eduardo Pondal na que presentou a nova convocatoria de axudas para impulsar a modernización comercial, que suma máis de 3 millóns de euros
Máis informaciónA facturación no sector minorista pecha 2015 cunha subida do 4,5%, a mais forte do país. É a primeira vez que medran as contratacións na comunidad dende 2011.
Máis informaciónSantiago, 7 de decembro de 2015.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, ten en marcha unha nova edición da campaña Infonadal Consumo, unha iniciativa mediante a cal, de cara ás compras do Nadal, se reforzan as actuacións de control do mercado que a inspección de consumo leva a cabo permanentemente para garantir a seguridade dos produtos, así como as análises no Laboratorio de Consumo de Galicia. A iniciativa inclúe tamén accións formativas para atender á necesidade de orientación, información e formación dos consumidores galegos nestas datas, nas que está prevista a participación de preto de 800 persoas.
Os controis realizados no marco de Infonadal céntranse nos xoguetes, e, entre eles, nos xoguetes para menores de tres anos, e nos xoguetes con imáns, así como as grilandas e os punteiros láser. Deste xeito garántese ao máximo a protección dos consumidores galegos durante o Nadal, época na que se incrementa a venda de produtos para os máis pequenos. A inspección de Consumo é a encargada de tomar as mostras no mercado, que posteriormente se envían ao Laboratorio de Consumo de Galicia, o único oficial público acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para o análise deste tipo de produtos.
No caso de que se constate que algún destes produtos presenta riscos, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.
Por outra banda, o Instituto Galego de Consumo tamén intensifica a vixilancia no cumprimento das obrigas dos establecementos que poñen os seus produtos a disposición dos consumidores: indicación de prezos, etiquetado, publicidade ou existencia de follas informativas.
A posta en marcha da campaña Infonadal Consumo enmárcase na intensa labor de control do mercado que realiza durante todo o ano o Instituto Galego de Consumo, que sitúan a Galicia cada ano como unha das comunidades que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano.
Así, ao longo do pasado 2014, realizáronse no Laboratorio de Consumo de Galicia máis de 7.000 ensaios en máis de 500 produtos de consumo analizados, e o IGC comunicou á rede de alerta nacional un total de 70 produtos, situándose como a segunda autoridade autonómica de Consumo que realizou máis notificacións. Entre os produtos notificados, cabe sinalar que 37 eran xoguetes, tendo en conta que nas análises e inspeccións se presta especial atención aos produtos destinados aos consumidores máis vulnerables.
Charlas formativas
A campaña Infonadal complementa o labor de inspección e control con accións formativas a través da Escola Galega de Consumo (EGC), que oferta a colectivos e entidades a organización de charlas nas que se analizan as particularidades do consumo durante o Nadal e se propoñen alternativas para un consumo máis responsable e solidario, ao mesmo tempo que se explica, dun xeito sinxelo, que facer ante os problemas máis frecuentes coas compras do Nadal. Estas charlas participativas están dirixidas a todas as idades e o seu contido está especialmente adaptado ás necesidades propias dos grupos ao que van dirixidas.
Consellos para mercar os xoguetes
Á hora de mercar os xoguetes, o IGC resalta unha serie de consellos para garantir a seguridade e a idoneidade dos mesmos. Así, resulta fundamental comprobar que sexan axeitados á idade e ás habilidades físicas do neno, e asegurarse de que dispoñen do marcado CE. Tamén hai que comprobar que na etiqueta figura o nome e o enderezo do responsable do produto, ler as instrucións de manexo e as advertencias, e constatar que a etiqueta e as instrucións están polo menos en castelán. Ademais, débese asegurar que non teñan bordes cortantes, e que os xoguetes eléctricos non teñan fontes de alimentación de máis de 24 voltios.
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia