Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 13 Maio, 2019
    O comercio galego celebra desde hoxe ata o 26 de maio unha nova edición dos ’Días azuis’ para dinamizar a súa actividade
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, presentou esta mañá en Ourense unha nova edición da campaña Días azuis do comercio galego, organizada pola Federación Galega de Comercio, Abanca e a Xunta, e que se celebra desde hoxe ata o 26 de maio co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade. Na súa intervención, a directora xeral destacou que durante estas dúas semanas o obxectivo da campaña é visibilizar os establecementos que están a pé de rúa e dinamizar o comercio de proximidade, “tan importante para a nosa economía”. Neste sentido, animou aos galegos e galegas a comprar, gozar e apoiar a actividade deste tipo de locais ao longo de todo o ano. Os clientes dos comercios que realicen as súas compras entre estas dúas datas deberán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com, ou ben solicitar que a rexistre o propio comerciante. Entre todos os participantes sortearanse un total de 16.200 euros en 80 tarxetas prepago: 28 de 300 euros e 52 de 150 euros, que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos tradicionais galegos. O sorteo, ante notario, realizarase o vindeiro 29 de maio. Comercio 360 A iniciativa enmárcase no Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia que a Xunta está a desenvolver para reforzar este sector e que contempla un total de 55 accións específicas ata 2020. Nesta aposta pola sector, o Goberno galego vén de presentar Comercio 360, unha iniciativa que pretende mellorar a competitividade do sector a través da dixitalización, a economía circular e o produto local e que contempla medidas como a implantación de laboratorios comerciais ou unha liña de axudas á ecoinnovación. Esta nova iniciativa, dirixida a pemes de menos de 10 traballadores, ten como obxectivo ofrecer aos establecementos unha folla de ruta para conseguir un comercio diverso, moderno e adaptado ás novas realidades e servizos, o que permitirá dinamizar tamén os centros urbanos das cidades e vilas galegas para facelos máis atractivos aos cidadáns, turistas e visitantes. Máis información
  • 08 Maio, 2019
    O comercio galego celebrará do 13 ao 26 de maio unha nova edición dos ‘Días azuis’ para dinamizar a súa actividade
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou esta mañá en Santiago de Compostela na presentación da segunda edición da campaña Días azuis do comercio galego, organizada pola Federación Galega de Comercio, Abanca e a Xunta, e que se celebrará do 13 ao 26 de maio co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade. Na súa intervención, a directora xeral destacou que durante estas dúas semanas o obxectivo da campaña é visibilizar os establecementos que están a pé de rúa e dinamizar o comercio de proximidade, “tan importante para a nosa economía”. Neste sentido, animou aos galegos e galegas a comprar, gozar e apoiar a actividade deste tipo de locais ao longo de todo o ano. Os clientes dos comercios que realicen as súas compras entre estas dúas datas deberán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com, ou ben solicitar que a rexistre o propio comerciante. Entre todos os participantes sortearanse un total de 16.200 euros en 80 tarxetas prepago: 28 de 300 euros e 52 de 150 euros, que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos tradicionais galegos. O sorteo, ante notario, realizarase o vindeiro 29 de maio. A iniciativa enmárcase no Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia que a Xunta está a desenvolver para reforzar este sector e que contempla un total de 55 accións específicas ata 2020. Máis información
  • 29 Abril, 2019
    A Xunta destaca o papel da Feira de Artesanía de Ourense no impulso á promoción e á comercialización do produto artesán galego
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu hoxe á inauguración da XXIII Feira de Artesanía de Ourense, organizada pola Asociación de Artesáns de Ourense, onde destacou o importante papel que xoga esta cita no impulso á promoción e á comercialización do produto artesán galego. Baixo o lema A creación como modo de vida, a mostra recolle o traballo de artesáns que se dedican a actividades coma o tecido, a xoiería, a bixutería, o coiro, o vidro ou a madeira. Ademais, os visitantes poderán participar en obradoiros e demostracións de oficios como o obradoiro de cestería contemporánea que hoxe dirixe Idoia Cuesta e outro de tecidos a cargo de Concha Outeiriño, mañá 30 de abril. Tamén haberá demostracións de olería, de construción artesanal de gaitas e de encaixe de bolillos. O horario da feira, que se celebra ata o domingo 5 de maio, é de 11:00 a 14,00 horas, e de 17:00 a 21:00, agás o venres, xa que nesta edición a Feira de Artesanía coincide coa celebración da Shopping Night e amplíase o horario ata as 00:00 horas. Máis información
  • 26 Abril, 2019
    Hoxe publícase a Orde reguladora das subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal
    ORDE do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a innovación, a dixitalización e a implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do sector comercial e artesanal, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300C). Máis información
  • 26 Abril, 2019
    A Xunta destaca o papel de Expoordes como escaparate e motor da dinamización económica da comarca
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, destacou hoxe na inauguración da Feira de Exposicións Multisectorial Expoordes, o importante papel deste encontro como escaparate e motor da dinamización económica da comarca, poñendo en valor os negocios xa consolidados e dando pulo aos que comezan a súa acividade. No encontro, no que participan ata o domingo arredor dun cento de expositores de eidos como a maquinaria agrícola, as novas tecnoloxías, as enerxías renovables, a automoción, o mobiliario, a alimentación, o medio ambiente, a artesanía, o deporte, a cultura, o ocio, a moda e os eventos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria conta cun espazo para dar a coñecer as posibilidades e o carácter transformador da economía social, así como para impulsar a promoción e comercialización das sociedades participantes e dos seus produtos e servizos. Son sete as empresas galegas de economía social que están presentes neste stand, representando tres fórmulas distintas de actividade económica: por un lado, as cooperativas Condado Paradanta, Bico de Xeado, Campo Capela, Terras da Mariña e Tres Fuciños, cos seus produtos lácteos e derivados, produtos apícolas e da horta, ou elaborados de porco celta; a empresa de inserción Conservas Anaco, coas súas anchoas, e finalmente o centro especial de emprego I-Lab, que ofrecerá produtos de xoiaría. O horario de apertura da feira o sábado e o domingo vai desde as 10.00 ata as 21.00 horas. Máis información
  • 26 Abril, 2019
    A Xunta activa axudas por 3,8M€ para impulsar a modernización e dixitalización do comercio de proximidade
    A Consellería de Economía, Emprego e Industria activa un novo programa de apoios dotado con 3,8 millóns de euros para impulsar a modernización e dixitalización do comercio de proximidade galego. A convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), céntrase na dixitalización, na mellora da imaxe tanto dixital como física dos locais, na expansión comercial e nas novas fórmulas de comercialización, ademais de no equipamento de ferramentas que melloren o produto final. Entre outras actuacións, no eido dixital apoiarase a implantación e actualización de páxinas web comerciais e a contratación de servizos profesionais de xestión de redes sociais, a introdución de ferramentas de márketing 4.0 ou a implantación de ferramentas de xestión. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 27 de maio. A axuda directa máxima deste programa para os titulares de establecementos comerciais que leven a cabo actuacións de dixitalización poderá chegar a 21.000 euros. Tamén se poderán obter ata 15.000 euros para os proxectos relacionados coa imaxe física do local, 30.000 euros para expansión comercial e ata 33.600 euros para iniciativas relacionadas con novas formas de comercialización e equipamento. A intensidade da axuda, dependendo da actuación que se realice, pode chegar ata o 80% do investimento a realizar. No tocante aos proxectos de modernización integral de locais, apóianse as obras de reforma e acondicionamento, a adquisición de moblaxe e melloras na fachada. Como novidade, concederanse tamén axudas para actuacións conxuntas dun mínimo de tres establecementos comerciais contiguos para dotar de homoxeneidade estética da imaxe exterior dos comercios dunha mesma rúa comercial, promovendo así a mellora da paisaxe das zonas comerciais. Por outra banda, os comerciantes que decidan expandir o seu negocio poderán obter apoios para a apertura dun novo establecemento, baseado no desenvolvemento do mesmo proxecto comercial, na especialización ou diversificación de produtos, na especialización de servizos ao cliente ou na especialización de novas tendencias emerxentes de consumo. O proxecto de expansión comercial deberá incluír un compromiso de contratación de polo menos unha persoa durante un período mínimo dun ano. Para potenciar novas fórmulas de comercialización, a convocatoria tamén contempla axudas para a posta en marcha de tendas efémeras ou pop up, así como de concept stores. Nestas últimas, poderán participar un ou varios comerciantes ou artesáns nun espazo compartido con diferentes propostas innovadoras xa sexan comerciais, culturais, artísticas, de deseño ou gastronómicas, creando unha experiencia única de compra. Ao igual que nas axudas para a modernización integral de locais e na de expansión comercial, no caso das concept stores esíxese contar cun proxecto de decoración e interiorismo. Na convocatoria para a innovación, dixitalización, e implantación de novas fórmulas de comercialización, os comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesáns tamén poderán acceder a apoios para a adquisición de equipamento e ferramentas que melloren o produto final. Máis información
  • 25 Abril, 2019
    A Xunta informa ás pemes de Celanova das axudas vinculadas á actividade empresarial e o emprego que teñen á súa disposición
    A Consellería de Economía, Emprego e Industria organizou esta tarde en Celanova unha xornada técnica na que se informou ás pequenas e medianas empresas do municipio das diferentes axudas activadas pola Administración autonómica á actividade empresarial e o emprego. No encontro, no que participaron a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, ademais de técnicos do Igape, destacáronse programas como o Galicia Emprende, cuxa convocatoria está aberta desde o día 17, os apoios á dixitalización, ou as diferentes iniciativas para axudar os autónomos no inicio e na consolidación da súa actividade, na conciliación ou na contratación de persoal. Achegouse tamén información sobre o Plan de Financiamento Empresarial, no que se inclúen diferentes instrumentos financeiros para a creación de empresas, o crecemento das pequenas e medianas compañías no ámbito da Industria 4.0 e o apoio ás actividades de innovación. A modernización do sector comercial ou a formación á carta foron outros dos aspectos abordados na xuntanza, na que se explicaron algunhas das últimas iniciativas publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), como o Emprega Xuventude, con contías para contratos dun ano de duración de 3.000 euros, alcanzando o dobre no caso de contratos indefinidos, e os apoios para contratar parados de longa duración ou para fomentar a contratación indefinida. Máis información
  • 10 Abril, 2019
    A Xunta informa aos comerciantes de Ferrol das axudas para impulsar a competitividade do sector
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, mantivo hoxe un encontro con comerciantes de Ferrol, organizado en colaboración co Centro Comercial Aberto A Magdalena, no que informou das diferentes axudas para impulsar a competitividade do sector, ademais de escoitar as propostas e achegas dos participantes na xuntanza. Vázquez Abeal sinalou que, tal e como se informou recentemente no Consello da Xunta, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vai activar nas próximas semanas unha convocatoria de apoios, dotada con 3,8 millóns de euros, para impulsar a dixitalización dos comercios, a mellora da imaxe tanto dixital como física dos locais, a expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, ademais de ferramentas que melloren o produto final. Como novidade, destacou que se van tamén conceder axudas para actuacións conxuntas dun mínimo de tres establecementos comerciais contiguos para dotar de homoxeneidade estética da imaxe exterior dos comercios dunha mesma rúa comercial, promovendo así a mellora da paisaxe das zonas comerciais. Ademais, informou de que a Xunta vén de publicar axudas por 2,5 millóns de euros para impulsar a competitividade do comercio mediante a colaboración cos centros comerciais abertos (CCA), asociacións de praceiros e federacións. O obxectivo é impulsar o papel dinamizador do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permitan atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 2 de maio. Por unha banda, destínanse 2 millóns de euros á liña dirixida a centros comerciais abertos para proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros. Como novidade, entre as actuacións subvencionables inclúese a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con apoios para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital. Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados. Esta liña tamén se dirixe a asociacións de praceiros que, ademais de proxectos de fidelización, sinalización, dinamización e competitividade, poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos. As axudas poden chegar a un máximo de 9.800 euros. A segunda liña, á que se destinan 500.000 euros, está dirixida a asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións para o impulso do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial. Neste caso, os apoios poden chegar aos 49.000 euros. Máis información
  • 07 Abril, 2019
    A Xunta destina 2,5M€ ás asociacións e federacións de comerciantes para impulsar a competitividade do sector
    Santiago de Compostela, 7 de abril de 2019.- A Xunta vén de activar axudas por 2,5 millóns de euros para impulsar a competitividade do comercio mediante a colaboración cos centros comerciais abertos (CCA), asociacións de praceiros e federacións. O obxectivo é impulsar o papel dinamizador do comercio na actividade das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permitan atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 2 de maio. Por unha banda, destínanse 2 millóns de euros á liña dirixida a centros comerciais abertos para proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros. Como novidade, entre as actuacións subvencionables inclúese a creación de sinerxías e oportunidades dixitais a través do asociacionismo, con apoios para a posta en marcha de solucións dixitais para a venda e promoción de produtos dos comercios asociados e mellora e modernización da imaxe do centro comercial aberto, a implantación e mellora do portal web do CCA ou márketing dixital. Cada entidade pode obter apoios de ata 40.000 euros, en función do número de comercios asociados e a poboación da localidade na que estean situados. Esta liña tamén se dirixe a asociacións de praceiros que, ademais de proxectos de fidelización, sinalización, dinamización e competitividade, poderán desenvolver iniciativas relacionadas coa mellora de instalacións e equipamentos. As axudas poden chegar a un máximo de 9.800 euros. A segunda liña, á que se destinan 500.000 euros, está dirixida a asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións para o impulso do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial. Neste caso, os apoios poden chegar aos 49.000 euros. Máis información
  • 06 Abril, 2019
    A Xunta destaca a dixitalización como unha oportunidade para que o sector da xoiaría atraia clientela e incremente os seus servizos
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, destacou hoxe na inauguración do II Congreso da Xoiaría Galega que a transformación dixital é unha oportunidade para que o comercio de proximidade galego atraia nova clientela e incremente os servizos que presta aos consumidores. Neste sentido, lembrou que, tal e como se informou recentemente no Consello da Xunta, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vai activar nas próximas semanas unha convocatoria de apoios, dotada con 3,8 millóns de euros, para impulsar a dixitalización dos comercios, a mellora da imaxe tanto dixital como física dos locais, a expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, ademais de ferramentas que melloren o produto final. Como novidade, destacou que se van tamén conceder axudas para actuacións conxuntas dun mínimo de tres establecementos comerciais contiguos para dotar de homoxeneidade estética da imaxe exterior dos comercios dunha mesma rúa comercial, promovendo así a mellora da paisaxe das zonas comerciais. O II Congreso da Xoiaría Galega, organizado pola Federación Galega de Xoieiros e o Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, celébrase durante todo o día de hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), onde diferentes expertos están a poñer de relevo as repercusións das novas tecnoloxías no sector do comercio. O Congreso conta ademais con outros tres bloques temáticos nos que se abordan temas como a ciberseguridade, os medios de pago ou a protección de datos, e outros aspectos máis específicos do sector da xoiaría. Máis información
  • 02 Abril, 2019
    Conde destaca a incorporación de novos talentos e visións a un sector artesán competitivo e renovado
    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a incorporación de novos talentos e novas visións a un sector artesán competitivo e renovado, no que hoxe traballan máis de 5.000 persoas, e que conta con máis de 3.000 artesáns e 635 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Conde entregou as cartas de artesáns a participantes no programa para a incorporación de aprendices impulsado pola Xunta, en cuxa primeira edición participaron 44 obradoiros que formaron a 48 bolseiros de diferentes disciplinas de Formación Profesional, Deseño Industrial e Belas Artes. Puideron así aprender oficios tradicionais como a xoiaría, a cerámica, a construción de instrumentos musicais, a cestería, a encadernación, a vidrería, o téxtil e mesmo a construción tradicional de embarcacións. A nova convocatoria deste programa, que adapta a formación dual ás características propias do sector artesán, está aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 16 de setembro. Na súa intervención, Conde apuntou que Artesanía de Galicia, presente en feiras de referencia en Londres, Estocolmo, París ou Milán, é hoxe unha marca de prestixio internacional, lembrando que a Xunta vén de convocar as axudas para seguir contribuíndo á mellora da comercialización e á proxección do sector artesán galego, das que poden beneficiarse obradoiros, asociacións profesionais do sector e concellos, para organizar e participar en feiras nacionais e internacionais. Días Europeos da Artesanía O acto de hoxe enmárcase nos Días Europeos da Artesanía, que se celebran ata o domingo. Trátase dunha iniciativa promovida en España pola Fundación Española para a Innovación da Artesanía (Fundesarte) e na que a Xunta colabora por oitavo ano consecutivo. Baixo a mesma teñen lugar diferentes eventos de divulgación e posta en valor dos oficios artesáns. Así, ofrécense diferentes propostas de demostracións abertas de oficios artesáns e xornadas de portas abertas por toda Galicia. Na provincia da Coruña, participan o obradoiro de olería de Buño Alfarería Aparicio, Mi recuncho del repujado (Ferrol), e Artesanías no Navalón (Santiago de Compostela), así como a artesá Charo López. En Lugo, son Regal Cerámica e o Concello de Cervo os que se suman á iniciativa, mentres que en Ourense cóntase coa participación da artesá Paz Carro. En Pontevedra, organizan actividades o obradoiro Estilo Aramar (Pontevedra), a Escola Municipal de Artes e Oficios do Concello de Vigo, o Concello de Gondomar e o estudio-obradoiro de cerámica Alén das Olas (Marín), ademais da ceramista de Catoira Mar Barral. Toda a información, horarios e localización destas actividades poden ser consultadas na páxina web www.diasdelaartesania.es. Máis información
  • 02 Abril, 2019
    Hoxe publícase a Orde reguladora das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro de ámbito superior ao municipal ou federacións, para a revitalización do comercio de proximidade
    ORDE do 13 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro de ámbito superior ao municipal ou federacións, para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CO300B). Máis información
  • 02 Abril, 2019
    Hoxe publícase a Orde reguladora das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia.
    ORDE do 13 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CO300A). Máis información
  • 27 Marzo, 2019
    Hoxe publícase a Orde pola que se regula a concesión das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán
    ORDE do 11 de marzo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento IN201G). Máis información
  • 26 Marzo, 2019
    A Xunta destina 1M€ a impulsar a excelencia das prazas de abastos galegas
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, informou hoxe aos praceiros de Pontedeume do novo programa para impulsar os Mercados Excelentes de Galicia, unha iniciativa que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) á que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina un millón de euros. As axudas, en concorrencia non competitiva, poderán solicitarse ata o 30 de setembro. Os concellos que conten cunha praza co distintivo de Mercado Excelente outorgado pola Xunta poderán obter apoios de ata 150.000 euros e un 50% do investimento. Entre outras actuacións, potenciarase o acondicionamento das instalacións, con iniciativas encamiñadas á mellora da imaxe, a instalación de sistemas de climatización, de sistemas de illamento térmico e/ou acústico que reduza o impacto de ruídos, ou o establecemento de sistemas de recollida de auga. Tamén se apoiará a creación e mellora de servizos para clientes, como a posta a disposición de carros da compra, a habilitación de espazos infantís ou salas de lactancia; o reparto a domicilio; a instalación de consigna frigorífica; ou o servizo de cociñado de produtos. Entre as actuacións subvencionables tamén se atopa a instalación de pantallas de información, servizo automático de quenda, planos de situación do edificio, rede Wifi e implantación ou actualización de páxinas web dirixidas a mellorar a comercialización dos produtos que conten con tenda online e pasarela de pagamento. A orde publicada hoxe no DOG tamén recolle apoios para mellorar a loxística e comercialización do produto, e para a creación ou mellora de aparcadoiros, para a conservación, mantemento, reposición e mellora das instalacións e dos equipamentos, e para a promoción e dinamización da praza de abastos e mercado. A Xunta financiará ademais actuacións formativas e de asesoramento dirixidas ao mentoring comercial, e os gastos das unidades xerenciais. Ademais, nas prazas de abastos que non dispoñan do selo de Mercado Excelente os concellos poderán obter axudas de ata 7.000 euros para a diagnose de situación e usos do mercado realizada por unha empresa de consultoría especializada, e ata 40.000 euros para actuacións de preparación para a obtención do selo de Mercado Excelente. Máis información
  • 26 Marzo, 2019
    Hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se regulan as bases para a concesión das subvencións para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia
    Máis información
  • 20 Marzo, 2019
    A Xunta apoia a calidade e a innovación do comercio galego na entrega dos premios nacionais ao sector
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañou hoxe ao sector comercial galego na entrega dos Premios Nacionais de Comercio Interior, que se celebrou en Madrid na sede do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Na cerimonia, a asociación Compostela Monumental recibiu o Premio Nacional na categoría para centros comerciais abertos. Nesta mesma categoría, recibiu un áccesit Noia Histórica, mentres que o Concello de Vigo recolleu un áccesit dentro do premio a municipios. Máis información
  • 20 Marzo, 2019
    Conde apela en Monforte á colaboración entre administracións e o tecido empresarial para impulsar a economía do rural galego
    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Monforte nun networking con empresarios da zona para escoitar as súas propostas e informarlles sobre as diferentes liñas de axuda que ten en marcha a Xunta para apoiar a innovación, a dixitalización industrial, a internacionalización, a formación e o emprego. Na xuntanza destacou a importancia da colaboración entre administracións e o tecido empresarial para impulsar a economía do rural galego agradecendo ao Concello de Monforte a súa implicación para o desenvolvemento da xornada informativa. O conselleiro explicou na reunión os programas centrados no emprego e a formación, sinalando que hoxe mesmo se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das axudas de Emprega Parados de Longa Duración, unha iniciativa que conta cun orzamento de dous millóns de euros para apoiar a formación e contratación de desempregados pertencentes a este colectivo nas empresas galegas. A través desta iniciativa finánciase, dunha banda, cun bono formación ás persoas sen emprego para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa. O bono formación oscila entre os 2000 euros e os 4000 euros. Será de 2000 euros para a cualificación dos traballadores que son contratados de xeito inicial por 12 meses a xornada completa para que reciban unha formación mínima de 50 horas. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4000 euros e a formación mínima terá que acadar as 70 horas. En canto aos incentivos á contratación, as contías varían segundo o programa aínda que aumentarán nun 25% se a empresa conta con máis de 50 traballadores e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70%, e noutro 25% no caso de que a actividade pertenza a un sector estratéxico. As axudas base para a contratación de 12 meses a xornada completa dos parados de longa duración suman como mínimo 5000 euros, incrementándose ata os 10.000 euros se se trata dun contrato indefinido. Conde explicou que Emprega Parados de Longa Duración forma parte do programa Galicia Emprega, co que a Xunta apoia a formación e a contratación de mulleres, mozos e mozas, e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión, ademais de parados de longa duración. Do que se trata é de impulsar o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego. Nas catro liñas de axudas -Emprega Muller, Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude- fináncianse os contratos asociados sempre á posibilidade de mellorar a formación. Comercio O titular de Economía referiuse tamén na reunión ás axudas para impulsar a modernización e dixitalización do comercio de proximidade. A convocatoria sairá publicada no DOG nas próximas semanas e lembrou que os beneficiarios poderán acceder a apoios para implantación de novas fórmulas de negocio, tanto en establecementos físicos como na rede. Este programa promoverá tamén a mellora da paisaxe das zonas comerciais, incentivando a homoxeneidade de deseño das fachadas de tres ou máis negocios. Referido tamén ao sector do comercio, e, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, a Xunta está a traballar no e-ticket creando unha plataforma que permita substituír o tradicional ticket en papel por outro dixital, perdurable e máis sustentable. Durante este encontro, tamén se fixo referencia aos Concellos Emprendedores, que ofrecen máis simplificación administrativa, máis facilidades de acceso a solo industrial e máis incentivos fiscais. En Galicia contan con este distintivo un total de 121 concellos ao sumarse recentemente os municipios lucenses de Castro de Rei e A Pobra de Brollón. Deste xeito, na comarca de Terra de Lemos existen tres Concellos Emprendedores (Monforte e O Saviñao, ademais da Pobra de Brollón). Estes municipios desenvolven unha dobre aposta polo emprego e pola economía local porque, ademais de facilitarlle ao tecido produtivo vantaxes, teñen preferencia á hora de acceder a axudas da Xunta para impulsar o acceso ao mercado laboral, a formación e as enerxías renovables. Conde, para rematar, insistiu na importancia da cooperación para dar solucións ás necesidades do tecido produtivo, contribuír a configurar unha industria máis competitiva e que o mercado laboral sexa capaz de crear máis emprego estable e de calidade. Máis información
  • 13 Marzo, 2019
    Conde avoga por que as cámaras de comercio continúen adaptando os seus servizos á realidade das empresas
    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avogou hoxe, durante o acto Démoslle unha volta á Cámara, celebrado na Cidade de Cultura, en Santiago de Compostela, por que as cámaras de comercio sigan apostando por adaptar os servizos que prestan á realidade empresarial. Neste sentido, lembrou que, nun momento de transformación tecnolóxica como o actual, as empresas precisan acompañamento, recursos e formación para gañar en competitividade. Ao mesmo tempo, incidiu na importancia de velar pola unidade e pola integración de todo o tecido produtivo para contar con cámaras de comercio máis fortes. Máis información
  • 12 Marzo, 2019
    A Xunta pon en marcha o primeiro Plan de inspección do comercio dixital
    A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), o primeiro Plan de inspección do comercio dixital, que velará polos dereitos dos consumidores e a seguridade dos produtos ofertados na rede. Búscase comprobar, a través da análise e inspección das páxinas web, o grao de cumprimento da legalidade vixente en materia de comercio e consumo. Ademais, impulsarase a mellora da información que recibe o consumidor a través de internet, tanto dos produtos ofrecidos como dos seus dereitos e obrigas; e velarase pola seguridade dos produtos ofertados na rede, verificando que cumpren todos os requisitos e garantías de seguridade para os seus usuarios. O plan, que responde a unha proposta do sector, e que redundará nunha maior seguridade xurídica de todos os axentes do mesmo, estará vixente durante todo o ano, e desenvolverano de xeito coordinado os servizos de inspección de Comercio e de Consumo. Realizaranse un total de 800 controis da información e publicidade en páxinas web, e recolleranse mostras dun mínimo de 70 produtos adquiridos a través da rede. Esta nova actuación complementa ao Plan de inspección comercial xeral, que tamén vén de publicarse no DOG, e que ten por obxecto a información aos comerciantes sobre a normativa de aplicación, así como a corrección dos incumprimentos, para mellorar a calidade do comercio galego e o servizo aos consumidores neste eido. No Plan, que se fixa o obxectivo de chegar a 1000 actuacións ao longo do ano, establécese unha campaña informativa sobre normativa comercial, na que os establecementos terán un prazo para emendar as infraccións detectadas. No tocante ás campañas de control do cumprimento da normativa, estarán centradas nas promocións de vendas (rebaixas, liquidacións e descontos); os prezos e os medios de pagamento; a devolución de productos, os horarios comerciais, e o control de actividades comerciales en establecementos que non dispoñan da autorización comercial autonómica, cando esta fóra preceptiva. Do mesmo xeito, realizaranse tamén verificacións do cumprimento das subvencións outorgadas no ano 2018. Ademais das inspeccións planificadas, a inspección comercial tamén realizará inspeccións no caso de ter coñecemento ou indicios da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa. Trátase do quinto Plan anual de inspección comercial trala aprobación a finais de 2014 do decreto polo que se desenvolve regulamentariamente o papel da inspección de comercio de Galicia, regulada na Lei 13/2010 de Comercio Interior de Galicia. Este decreto contempla a posta en marcha de plans anuais de inspección co obxectivo de maximizar a eficacia e eficiencia da actividade inspectora que xa se viña desenvolvendo, e potenciando a actuación da inspección de comercio na súa vertente de apoio e asesoramento ao sector; así como o seu labor preventivo para corrixir determinados incumprimentos e mellorar aspectos da súa actividade en beneficio das persoas consumidoras. Neste sentido, cabe sinalar que dentro da campaña informativa incluída no Plan de Inspección Comercial para 2018 se logrou un 93% de cumprimentos na segunda visita de comprobación. Máis información

  • Páxina 4 de 85

  • Mostrando do 61 ao 80 dun total de 1686 rexistros