Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 21 Outubro, 2011
    Nava Castro e Jorge Domínguez asistirán hoxe á xornada de promoción Oficios Artesanais

    A directora xeral de Comercio, Nava Castro, e o deputado provincial Jorge Domínguez asistirán esta tarde á xornada de promoción dos Oficios Artesanais, que terá lugar no Hotel Maruxía e que contará tamén coa presenza do alcalde.

    O obxectivo desta iniciativa é animar ás collareiras do Grove a conseguir o seu distintivo como artesás, o que lle permitiría abrir un novo mercado para os seus produtos e, sobre todo, ofrecelos cunha garantía de calidade.

    Nava Castro xa coñece o traballo das collareiras do Grove. Durante a Festa do Marisco, e acompañada do alcalde, visitou os postos de media ducia de talleres artesáns inscritos no rexistro xeral de Artesanía da Dirección Xeral de Comercio da Xunta. Nesa mostra destacou a presenza de Montse Betanzos, a primeira collareira do Grove xunto coa súa nai en formar parte deste rexistro de Artesanía de Galicia, e que no marco da Festa do Marisco expuxo por primeira vez as súas pezas dentro dunha feira no que tamén participaron outros artesáns galegos.

    Nava Castro xa mostraba entón o seu desexo de que máis collareiras grovenses se sumen a esta iniciativa e entren a formar parte do citado rexistro, xa que, entre outras vantaxes, isto permitiríalles participar nas feiras e campañas de Artesanía de Galicia.

     

    Fonte: Diario de Arousa

  • 20 Outubro, 2011
    A Xunta prepara a primeira feira artesá anual para xullo

    A Consellería de Economía e Industria celebrará a primeira feira artesá tradicional en Os Pendellos a comezos de xullo, como indicou onte o alcalde, Ramiro Varela. A data concretarase unha vez que o departamento autonómico ratifique que o evento non coincide con outro similar en toda a xeografía galega. Ademais, esta feira non impide a celebración da Mostra de Artesanía que organiza o concello a mediados de agosto e que culmina coa cea medieval. Na feira que programa a Xunta en colaboración coas asociacións autonómicas de Artesáns e Artesáns Tradicionais prevense, ademais de postos con produtos típicos, talleres de oficios artesanais en vivo, que terían como escenario o remodelado recinto feiral do século XVII.

    Fonte: Faro de Vigo (19/10/2011)

  • 20 Outubro, 2011
    Hoxe entra en vigor o Decreto polo que se regulan as Mesas Locais de Comercio

    Hoxe entra en vigor o Decreto 183/2011, de 15 de setembro, polo que se regulan as Mesas Locais de Comercio, publicado no DOG do 30 de setembro de 2011.

  • 19 Outubro, 2011
    Economía e Industria reitera o seu apoio ao téxtil como sector estratéxico para a economía de Galicia

    A directora xeral de Comercio, Nava Castro, que participou esta tarde na inauguración da tenda insignia e show room de Viriato en Santiago, destacou a unión do sector no clúster do textil, Cointega, impulsado pola Consellería

    Castro felicitou á empresa galega pola apertura deste novo establecemento comercial, “un novo escaparate para dar a coñecer a moda galega e unha aposta innovadora no actual contexto económico".

    Santiago, 18 de outubro de 2011.- A directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Nava Castro, salientou esta tarde o apoio do departamento que dirixe Javier Guerra ao textil “como un sector estratéxico para a economía galega”. Castro,quen participou na inauguración da tenda insignia e show room da firma galega Viriato en Santiago de Compostela, recordou como un paso fundamental no apoio de Economía e Industria a prol do sector o impulso para a creación do cluster do textil e da moda, Cointega (Confederación de Empresas Textiles de Galicia), no que tamén participan as tendas e que traballa en constante colaboración coa Consellería de Economía e Industria.

    A directora xeral de Comercio, cualificou de “aposta innovadora” a apertura desta nova tenda, situada nunha antiga fábrica de chocolate, e felicitou á empresa por abrir un novo establecemento comercial no actual contexto económico. Nava Castro manifestou que “as tendas son unha peza imprescindible para o textil, xa que son, nunca mellor dito, o escaparate da moda galega, tanto na nosa comunidade, amosando a excelencia e a calidade dos produtos aos galegos e a todos os que nos visitan, como a nivel nacional e fóra das nosas fronteiras”.

    A Consellería de Economía e Industria ten en marcha o Plan Textil Moda, Visión 2020, para vertebrar o sector, apoiar a súa reestruturación financeira e organizativa, e conseguir mellorar a súa competitividade a través da promoción e a innovación, consolidándoo como referente para a súa internacionalización.

     

     

  • 19 Outubro, 2011
    Unha campaña promove o comercio local en Soutomaior co sorteo de 3.000 euros

    A iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, fomenta o asociacionismo
    A Consellería de Economía e Industria, na súa aposta pola modernización e dinamización do comercio de proximidade en Soutomaior impulsa a campaña “Merca na rúa”, que incentivará as compras no comercio local mediante o sorteo de vales agasallo por un valor total de 3.000 euros.
    O deputado redondelano Alberto Pazos, acompañado polo alcalde e membros da Xunta directiva da Asociación de Empresarios de Arcade e Soutomaior, presentaron onte esta acción en Arcade. Pazos explicou que esta iniciativa permite “promover o asociacionismo comercial e fomentar a colaboración entre as asociacións de comerciantes locais e as administracións públicas”.
    A campaña “Merca na rúa” inclúe unha carpa que estará durante quince días na Alameda de Talo Río. O próximo día 29 realizarase o sorteo dos vales de compra entre todos os participantes.
     

    Fonte: El Faro de Vigo

  • 19 Outubro, 2011
    Carballo: O Concello leva ao pleno deste mes a adxudicación definitiva dos postos da praza

    O Concello carballés levará ao próximo pleno ordinario da corporación, que terá lugar o vindeiro mércores, a adxudicación definitiva dos postos do mercado municipal.
     

    Tamén estaba previsto, segundo indicou o concelleiro de Promoción Económica,  José Manuel García Guillín, presentar para a súa aprobación os pregos para sacar a concurso os novos espazos comerciais creados tras a reforma. Con todo, para dar luz verde a estes pregos será necesaria a aprobación definitiva da modificación da ordenanza fiscal do mercado municipal, que aínda está en fase de consulta e presentación de alegacións.
     

    Por este motivo a aprobación dos pregos para os novos postos deberá esperar ata novembro, aínda que é posible que se saquen a concurso no mes de marzo, xunto cos locais e espazos da praza cuxa concesión vencerá ese mesmo mes.

    A desafectación da primeira planta e a cafetaría do mercado é outro dos asuntos que se mantén á espera da culminación do período de exposición pública para a súa aprobación definitiva no caso de que non se presente ningunha alegación ao acordo plenario.

    O concurso destes postos tardará un pouco máis, indicou García Guillín. Cabe lembrar que neste asunto o goberno local comprometeuse a levar para a súa aprobación na corporación os pregos da concesión para o seu visto e prace, xa que os grupos esixían  tomar parte nas decisións sobre a utilidade que se lles ía a dar a ambos  espazos.
     

    Fonte: Diario de Bergantiños.
     

  • 19 Outubro, 2011
    A mellora da sinaléctica comercial na zona antiga custará 61.500 euros

    O Concello adxudicará nos próximos días á empresa Setga os traballos de "Deseño e execución do proxecto de sinaléctica comercial e mellora de infraestruturas", centrado na zona antiga e que pretende mellorar a imaxe e a información sobre o comercio local.

    Esta actuación, que custará preto de 61.500 euros, está cofinanciado polo Feder, dentro das axudas destinadas á mellora de equipamentos comerciais municipais dos programas que configuran o Plan Ágora, actualmente denominado Re-Comercia 2010-1013, que se xestionan a través da Dirección Xeral de Comercio de la Xunta.

    Tras a solicitude de oferta para levar a cabo a actuación a tres empresas e despois dos estudos técnicos necesarios, estableceuse que a máis vantaxosa era a de Setga, de modo que se están a cumprir os trámites administrativos para proceder á adxudicación.

    VANTAXES

    Esta firma reduciu en sete días o prazo para realizar os traballos de análise e diagnose previa e de catorce o destinado ao deseño e entrega do plan de sinaléctica. Así mesmo, incrementa o número de elementos de sinalización e promoción, así como doutro tipo de materiais.

    Finalmente, tal e como se indica na resolución municipal, achegaranse 22 placas identificativas, cinco direccionais, 21 bancos/estantes, 100 caixas serigrafiadas, un directorio comercial, 22 vinilos decorativos e elementos de "packaging" (envases ou embalaxes deseñadas) por importe de 6.000 euros. 

    Fonte: Diario de Arousa

  • 19 Outubro, 2011
    Gondomar ofrece un curso de pregas e plisados en moda

    A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño en colaboración co Concello de Gondomar ofrecen un curso de moda  "Plegado, plisados y color" que imparte, Viviana Araújo en el CDL ata o próximo sábado.

  • 19 Outubro, 2011
    Visita das obras do Plan Ágora en Forcarei

    O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Forcarei, David Raposeiras, supervisarán varias obras que se están a executar no municipio ao abeiro do Plan Ágora Recomercia. O punto de encontro para iniciar a visita será a Casa do Concello, ás 10.30 horas.

  • 18 Outubro, 2011
    Comprar en Burela ten premio

    A Federación Galega de Comercio pon en marcha unha campaña que sortea 3.000 euros en tarxetas regalo.

    As compras en Burela teñen premio ata o próximo día 28. A Federación Galega de Comercio e o Concello presentaron onte unha campaña de dinamización do consumo nas localidades galegas, que baixo o lema "As compras na túa vila teñen premio", premiará con 3.000 euros a confianza dos clientes no pequeno comercio. A iniciativa sorteará dúas tarxetas regalo de 300 euros e outras 24 de 100 euros. Os consumidores deberán presentar os billetes de compra dalgún dos comercios burelenses na carpa siatuada na Praza do Concello ou ben ás promotoras da campaña que encontren polas rúas e cambialos polos boletos para a participación no sorteo que se fará o día 28 no marco dunha festa final na Praza da Mariña. Así mesmo, os clientes que acheguen ás promotoras o xustificante de ter pagado coa tarxeta Mastercard do Comercio Galego ou a Comercio de Novacaixagalicia duplicarán a súa participación, obtendo dous boletos por cada billete presentado. 

  • 18 Outubro, 2011
    Unha exposición da OMIC informa sobre 102 produtos retirados do mercado

    A simple vista, dous chupetes á venda nun mesmo envoltorio, cada un cos respectivos escudos do futbol club Barcelona e do Real Madrid, poden resultar curiosos e un bo agasallo para afeccionados, pero estes mesmos obxectos poden supór un risco para os pequenos usuarios por non cumprir coas garantías de consumo. Isto é un exemplo dos 102 produtos publicados na rede de alerta do Instituto Nacional de Consumo e sobre os cales a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) de Bueu informa os cidadáns a través dunha exposición aberta ao público onte na Sala Amalia Domínguez Búa. A mostra componse de carteis informativos coa imaxe do produto alertado e unha explicación do seu perigo ou inseguridade para o consumo.

    Un amplo número de aveños deste tipo son xoguetes. Hainos provistos de pezas de tamaños inadecuados ou que rompen con facilidade, polo que poden provocar asfixia nos nenos; axóuxeres cuxas cordas se alongan demasiado co risco de poder enroscarse no pescozo dun pequeno; ou berces que non se bloquean e que carecen da altura mínima para evitar caidas, así como de estabilidade, podendo provocar lesións.

    Varios dos artigos son de recoñecidas marcas e algúns aínda permanecen á venda en distintos establecementos, desde bazares chineses ata grandes cadeas de supermercados ou comercios tradicionais.

    Produtos deportivos ou de lecer tamén se inclúen entre os retirados por Consumo, como é o caso dun monopatín con deseño de caveiras cuxos parafusos sobresaen da táboa e non rodan en condicións; unha minimoto cuxo conduto de combustible carece de dobre parede, co risco de provocar incendios ou queimaduras; ou unha pistola láser da marca Boyi provista dun dispositivo potencialmente perigoso para a vista.

    Chalecos inflables con superficies que non resitirían a picadas ou os manguitos dunha liña da marca Carrefour cuxo diámetro non se axusta á media do brazo dun neno de 3 a 6 anos; así como chisqueiros, vehículos e electrodomésticos defectuosos; son, xunto a bicicletas infantís cuxo deseño pode provocar atrapamientos ou botas e zapatos susceptibles de causar alerxias ou lesións cutáneas, outros dos produtos que se exhiben na mostra.

    Fonte: Diario de Pontevedra.

  • 17 Outubro, 2011
    Xunta e comerciantes descartan horarios libres en Galicia como terán en Madrid

    "A realidade na nosa comunidade é moi diferente, así como as características de cada cidade", afirma Economía. "Ampliar o tempo de traballo non xera emprego", sostén Seijas

    O anuncio da Comunidade de Madrid de impulsar unha normativa que suporá unha liberalización case absoluta dos horarios do comercio preocupa aos comerciantes galegos.

    O Goberno madrileño anunciou esta semana que está a elaborar un anteproxecto de lei que permitirá aos locais de ata 750 metros cadrados abrir vinte e catro horas ao día, todos os días do ano, o que supón estender unha norma que ata agora se aplica aos negocios de ata trescentos metros cadrados.

    Sería posible isto en Galicia? Rotundamente non, polo menos por agora. A Xunta de Galicia está de acordo en manter a Lei de Horarios Comerciais de Galicia -do 28 de decembro de 2006, e que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego- tal e como está.

    "Non se podería trasladar a Galicia unha normativa como a de Madrid porque o comercio da nosa comunidade é moi diferente, así como as características de cada cidade como son a dimensión, poboación, afluencia turística", explican desde o departamento que dirixe Nava Castro, directora xeral de Comercio.

    Suficiente

    Nestes momentos a lei establece un horario de "apertura de doce horas ao día e de setenta e dúas horas á semana, entre as oito e as vinte e catro horas. É suficiente", sinala Comercio.

    A Lei de Horarios Comerciais de Galicia establece un máximo de oito días ao ano nos que os establecementos poden estar abertos ao público os domingos e festivos.

    Unha das excepcións é para aqueles comercios que dispoñan dunha superficie útil para exposición e venda de ata 150 metros cadrados.

    Por outra banda, están excluídos desta liberdade horaria os pertencentes a empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa ou que operen baixo a denominación comercial dos mencionados grupos de empresas.

    Na comunidade galega gozan xa de liberdade horaria os establecementos comerciais situados en zonas de gran afluencia turística. É competencia dos propios concellos a solicitude desta declaración.

    Tamén quedan fóra desta limitación horaria os establecementos que estean nas zonas próximas á celebración de feiras e mercados tradicionais, co mesmo horario dos postos ambulantes, dedicados á venda de combustibles e carburantes ou os que se dediquen á venda de prensa ou pan e pastelaría entre outros.

    O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, recoñece que había movementos desde hai tempo para lograr a liberdade de horarios.

    "Mantiven reunións co presidente da Xunta e co conselleiro de Economía para explicarlles o noso punto de vista e coincidimos en que a liberdade de horarios é contraproducente", recoñece o dirixente.

    Flexibilidade

    Seijas afirma que a actual lei de comercio da Xunta ofrece unha flexibilidade máis que suficiente para que os consumidores estean perfectamente atendidos.

    Coincide en sinalar que "Galicia non é Madrid" e advirte de que por máis tempo que estean abertos os establecementos non se vai a vender máis. "Venderemos máis cando a economía se recupere e os cidadáns volvan ter confianza. Mentres tanto o consumo estará retraído e os comerciantes seguiremos pasándoo moi mal e aguantando", indica Seijas.

    A liberdade de horarios non evitaría que en Galicia se pechasen 11.500 comercios desde o inicio da crise. Estes peches multiplicáronse por tres en 2010 en relación ao ano 2008, mentres que as vendas nas rebaixas do último verán afundíronse un 20%.

    Fonte: La Opinión de A Coruña

  • 14 Outubro, 2011
    A Xunta recolle as inquietudes dos pequenos comerciantes

    A directora xeral de Comercio, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, mantiveron onte un encontro na Casa da Administración de Sargadelos, en Cervo, cos representantes das asociacións de comerciantes da comarca co obxectivo de intercambiar puntos de vista e de coñecer as inquietudes do sector.

    Neste encontro, ambas as representantes autonómicas instaron aos comerciantes das prazas de abastos de Ribadeo e Viveiro a asociarse baixo unha xestión compartida. “Esta modalidade de xestión, amén de facilitar o aforro de custos, redundaría nunha mellora competitiva que lles permitiría optar a axudas de maior contía por parte do Goberno autonómico”, explicaron. Nava Castro, destacou que tanto as prazas de abastos como os centros comerciais abertos “teñen un posicionamento estratéxico no desenvolvemento do comercio galego de proximidade”.

    Fonte do texto: El Progreso

  • 14 Outubro, 2011
    Argelia, Marruecos e Polonia, obxetivo da construcción galega

    Pgaproc trae á comunidade a trinta posibles aliados destes países á hora de lograr obras.

    O salto ao mercado exterior é vital para todos os sectores. Sobre todo para un que vive especialmente a crise, o da construción, que ante a caída da licitación nacional ten que saltar a fronteira. Para que esta aposta teña éxito, a Plataforma Galega de Asociacións Provedoras da Construción (Pgaproc) e a Asociación de Escavadores de Galicia organizan unha misión comercial inversa que lle permitiu traer a unha trintena de empresarios do sector de Polonia, Marrocos e Alxeria, aos que puxo en contacto con medio centenar de compañías galegas.

    A xornada, que se iniciou onte e prosegue hoxe no compostelán hotel Husa Santiago Apóstol, pretende favorecer un clima de negocio e novas oportunidades comerciais entre as empresas participantes. Para consolidar as relacións empresariais entre Galicia e este tres mercados e aproveitar sinerxías comerciais, Pgaproc asinou un acordo de cooperación coa Cámara de Comercio de Casabranca-Marrocos, a Cámara de Comercio de Polonia e a Confederación do Padroado de Alxeria.

    En virtude deste convenio, as entidades comprométense a traballar como centro de información, asistir ás firmas galegas interesadas en internacionalizar o seu negocio nestes países e colaborar en proxectos comúns no ámbito da construción.

    Como punto de partida desenvolveuse onte a xornada Potencial exportador do sector galego da construción, orientada a dar a coñecer a peculiaridade destes novos mercados e os apoios económicos públicos á internacionalización dos que dispoñen as empresas galegas.

    No encontro participaron a directora xeral de Comercio da Xunta, Nava Castro, e MaríaDolores García de los Huertos,  polo Igape; encargados económicos das embaixadas destes países e das súas cámaras; o presidente de Pgaproc, Manuel Espiño Mejuto; e o asesor externo de Aexga e Pgaproc Diego Maraña, entre outros.

    Fonte: El Correo Gallego.

  • 14 Outubro, 2011
    O mercado de Arcade modernizará o seu edificio para atraer clientes

    A actuación consiste na renovación do pavimento interior, os aseos e a limpeza da fachada. As obras rematarán en decembro

    A praza de abastos de Arcade, en Soutomaior, iniciará nos próximos días unhas obras de reforma co obxectivo de mellorar as instalacións e modernizar a súa imaxe para facela máis atractiva de cara aos clientes.

    O proxecto da actuación, que conta cun prazo de execución dun mes e medio, recibiu onte o respaldo da mesa local do comercio, na que están representados o goberno local, a Xunta, o colectivo empresarial e a asociación de consumidores e usuarios do municipio. Este trámite é necesario para aprobar unha subvención da Consellería de Industria e Comercio. A administración galega financiará o 75 por cento da actuación, cun orzamento total de 79.000 euros.

    Segundo informou onte o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, o proxecto foi ben recibido polos representantes dos empresarios e consumidores, que acordaron por unanimidade considerar a reforma do mercado como "beneficioso" para o comercio do municipio.

    As obras de modernización da praza de abastos consistirán nun cambio do pavimento interior, a mellora da instalación do saneamento, a renovación dos aseos, a impermeabilización do forxado para evitar a filtración de auga aos locais de planta baixa e a limpeza da fachada exterior, entre outras melloras. "O fin é conseguir que sexa máis atractiva para o cliente e animar aos veciños a que acudan á praza a realizar as súas compras de produtos frescos", explica Reguera.

    Con estas melloras tamén se pretende impulsar a demanda dos locais comerciais sen uso, posto que actualmente atópanse catro baleiros.

    Fóra do proxecto, o Concello tamén estuda a forma de mellorar o acceso para discapacitados nas instalacións, que pasaría pola construción dunha rampla na entrada. Con todo a solución non é sinxela pola altura na que se atopa o acceso á praza, o que obrigaría a dotala dunha forte pendente.

    O inmoble, con fachada de pedra e uns corenta anos de antigüidade, consta de dúas plantas. Na superior atópanse os postos da praza, mentres que na inferior sitúase a Policía Local, ademais doutros dous locais municipais que se utilizan para impartir cursos de formación. Un atópase cedido á asociación de Mulleres Rurais.

  • 13 Outubro, 2011
    As redeiras de Portonovo poderán converter o seu oficio en artesanía e vender os seus artigos

    As redeiras de Portonovo poderán converter o seu oficio en artesanía e vender os seus artigos

    A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, e o concelleiro de Comercio, Marcos Guisasola, Catalina González e Marcos Guisasola, reunidos n a Dirección Xeral de Comercio xunto coa Directora, Nava Castrotrasladáronse a Santiago de Compostela onde mantiveron unha reunión coa directora xeral de Comercio, Nava Castro, co obxectivo de afondar nas perspectivas profesionais que os oficios asociados tradicionalmente ao mar, como o que exercen as 'redeiras', presentan á hora de exportar estes labores a outros campos e outorgarlles deste modo un valor engadido. E é que o Goberno local propoñerá ás redeiras de Portonovo ampliar a súa tarefa ao sector da artesanía "posto que os seus coñecementos poden aplicarse na elaboración de produtos dirixidos ao público en xeral e non exclusivamente ao sector pesqueiro", afirmou a rexedora local, quen matizou que esta proposición será extensible tamén a outros traballos artesanais.

    Catalina González referiuse con iso á posibilidade de que estas mulleres empreguen as súas destrezas na elaboración de obxectos de decoración ou complementos de moda como bolsos ou cintos, "que poden venderse como artesanía galega pois se realizan a man".

    Disposición da Xunta 

    Tal e como confirmou a responsable autonómica de Comercio, as 'redeiras' de Portonovo terán a opción de obter a 'carta de artesán' que lles permitirá ampliar as súas oportunidades laborais tan só superando os correspondentes cursos de formación que, a petición da alcaldesa, a Xunta de Galicia realizará proximamente no municipio.

    "É unha fantástica maneira de achegar a todo ou mundo o minucioso traballo que realizan as redeiras ao tempo que supón unha nova opción de emprego", apuntou González Bea.

    Á súa vez, a alcaldesa adiantou que a 'Casa Mariñeira' que a empresa mixta Turismo de Sanxenxo está a habilitar na Casa de Don Fernando, en Portonovo, dispoñerá dun local destinado á venda de produtos de artesanía galega entre os que terán cabida aqueles que produzan as atadoras. É máis, Catalina González comentou que nun futuro poderían ser as propias 'redeiras' as que xestionaran de forma directa este punto de venda situado no centro da vila mariñeira de Portonovo.

    Fonte: Diario de Arousa

  • 12 Outubro, 2011
    Fecimo e AJE reivindican aos emprendedores co premio ao novo empresario do ano

    Varias iniciativas da comarca foron distinguidas nas últimas edicións. O prazo para presentar candidaturas remata o día 19

    A Asociación de Novos Empresarios de Pontevedra (AJE) convoca un ano máis o seu Premio Xoven Empresario do Ano e onte presentou na sede de Fecimo as bases da edición de 2011. As dúas entidades coincidiron á hora de destacar a achega dos emprendedores polo seu esforzo á hora xerar "riqueza e emprego". A actual crise económica supón un lastre importante, pero desde AJE tamén destacan que as novas iniciativas empresariais son constantes porque é precisamente nestes momentos cando o autoemprego "vese como unha forma de saír adiante".

    O premio que convoca AJE alcanza a súa décimo sexta edición e fallarase o próximo 28 de outubro nunha cea que se celebrará no Liceo Casino de Pontevedra. O prazo para presentar as candidaturas conclúe o próximo 19 de outubro e os candidatos deberán cumprir os seguintes requisitos: nacer nunha data non anterior ao 28 de outubro de 1970, o domicilio social da empresa ten que estar na provincia de Pontevedra, o capital social deberá estar participado en polo menos nun 25% por persoas físicas menores de 41 anos e a empresa non poderá estar participada por entidades ou sociedades públicas. Os interesados tamén poden entrar na páxina web www.premioaje.com para ver toda a documentación que é necesario achegar.

    O presidente de AJE, José Manuel Valenzuela, e o de Fecimo, Xosé Bangueses, convidaron os mozos emprendedores da comarca a presentar as súas candidaturas nun certame que nos últimos anos distinguiu iniciativas xurdidas no Morrazo. "Este premio ofrece unha gran proxección e ademais é un trampolín para ou concurso autonómico e estatal", explicou Valenzuela. Bangueses comprometeu o apoio de Fecimo para divulgar e promocionar a convocatoria para animar á participación.

    O xurado que concede o premio está formado por representantes de AJE, Deputación de Pontevedra, Cámara de Comercio o Igape, entre outros. Valóranse aspectos relacionados coa situación económica, recursos humanos, innovación ou internacionalización da empresa. O premio está dotado con 3.000 euros.

    Fonte: Faro de Vigo

     

     

  • 12 Outubro, 2011
    CENTRO COMERCIAL ABERTO O BARCO. Calidade, prezo, alegría e vitalidade

    A actividade comercial que xera o sector da moda é moi importante, aínda máis en épocas de cambio estacional e sobre todo nos meses de outono e inverno.

    Charo López, presidenta do Centro Comercial Aberto de O Barco, destaca “ o coñecer a situación comercial dunha zona como é O Barco e Valdeorras desde a propia experiencia. O verán alongouse bastante tempo durante as últimas semanas e agora, que as temperaturas empezan a arrefriar, os comercios locais empezaron  a vender ben e dunha maneira estable. Este atraso nas temperaturas habituais para esta época do ano influíu no comercio sobre todo do téxtil e do calzado, pero a partir deste fin de semana xa se experimentou un aumento considerable de vendas e unha maior actividade e movemento comercial en O Barco”

    O Centro Comercial Aberto “leva organizando actividades durante moito tempo que puxeron en valor a calidade do noso comercio. O desfile que organizamos cada ano no mes de maio é dun éxito abraiante, con cheo total de asistentes e participantes, e no que queda reflectida a calidade dos nosos produtos de téxtil e de calzado”.

    Este prestixio “vén tamén dado polas nosas campañas de rebaixas de verán e inverno. Son diferentes porque ofrecemos produto de calidade, xa que ao ser tendas multimarca non dispomos de pezas específicas para esas campañas comerciais, senón que son os produtos de sempre, artigos de tempada con prezos rebaixados”.

    Deica pouco “será o VII aniversario do centro Comercial Aberto de O Barco, e queremos que a xente nos siga coñecendo e visitando as nosas tendas, dispomos de produtos e artigos para todas as idades, gustos e tendencias, cheas de colorido, alegría e vitalidade, algo imprecindible nos tempos actuais”. Desde o Centro Comercial Aberto de O Barco “somos conscientes da situación económica e social, pero non por iso deixaremos de ofrecer os mellores produtos e servizos aos nosos clientes”

    Fonte: La Región

  • 11 Outubro, 2011
    A Xunta inviste 130.000 euros en viarios e a praza de abastos das Neves

    O delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou onte As Neves para supervisar obras por valor de 130.000 euros. Os traballos céntranse na mellora da contorna da praza de abastos, unha medida que se inclúe dentro do plan Ágora. Este proxecto suporá un investimento de 100.000 euros. Ademais, tamén se executan obras na rúa Gabino Bugallal e a praza de San Agustín, onde se traballa no enterramento da rede eléctrica. Posteriormente, tamén se procederá ao seu pavimentación.

    Por outra banda, o delegado da Xunta tamén aproveitou para tratar co alcalde o tema da concentración parcelaria na zona de Rubiós, xa que os veciños solicitaron que se realice esta medida na parroquia. A área afectada podería supor unhas 50 hectáreas e ten especial importancia pola súa implicación no negocio vitivinícola, xa que é un dos puntos máis importantes de produción de tinto da D.Ou. Rías Baixas.

    Fonte: La Voz de Galicia (Ed. Vigo)

  • 11 Outubro, 2011
    Salceda reparte 3.000 euros aos clientes do comercio local

    O Concello de Salceda de Caselas participará no programa As compras na túa vila teñen premio, que organiza a Federación Galega de Comercio en colaboración coa Consellería de Economía e Industria, Novacaixagalicia, o Concello e a asociación de comerciantes e industriais do municipio. A iniciativa pretende beneficiar aos 150 empresarios da zona. Os usuarios recibirán polas súas compras unhas participacións para un sorteo que se celebrará o próximo día 21. A cita incluirá unha festa na praza consistorial nunha carpa de 150 metros cadrados. Ademais de sortearse vales de compra por 3.000 euros, haberá zancudos, malabaristas e música.

    Fonte: La Voz de Galicia (Ed. Vigo)


  • Páxina 79 de 84

  • Mostrando do 1561 ao 1580 dun total de 1672 rexistros