Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 07 Novembro, 2015
    Os obradoiros de cociña Peque-Chef achegan aos máis cativos en Padrón a calidade dos produtos das Praza de Abastos

    Padrón (A Coruña), 7 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entregou este mediodía na praza de abastos de Padrón os diplomas aos rapaces que participaron na localidade nos obradoiros de cociña Peque-Chef, desenvolvidos pola asociación de praceiros de Padrón e a Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal) co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

    A iniciativa Peque-Chef supón un paso moi importante na tarefa de achegar a actividade das prazas e mercados aos mais novos, contribuíndo a consolidar as prazas de abastos como líderes na venda do produto fresco e de calidade.

    Os obradoiros Peque-Chef, que se realizan nas prazas de abastos que forman parte de Fepragal, están dirixidos a nenos e nenas a partir dos cinco anos, cun mestre cociñeiro co que aprenden a elaborar pratos cos produtos da praza. Ademais, móstralles hábitos saudables na alimentación, ao tempo que se os informa das propiedades beneficiosas que conteñen os alimentos incluídos na súa dieta cotiá.

    O apoio a esta iniciativa enmárcase no novo Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que recolle entre as súas accións específicas a atracción de novos clientes ás prazas de abastos, e que ten tamén na colaboración coas asociacións de praceiros unha das principais liñas de traballo para impulsar a excelencia dos mercados galegos.

    Máis información
  • 05 Novembro, 2015
    O Comercio coruñés debate sobre emprendemento e novas tecnoloxías como claves do futuro do sector

    A Coruña, 5 de novembro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na Coruña nun Taller de Emprendemento e Creatividade Tecnolóxica, organizado pola Federación Galega de Comercio en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, no que se debateu sobre as iniciativas emprendedoras, o smart commerce e as novas tecnoloxías como claves do futuro do sector.

    No Taller, que chegará nas próximas semanas ás catro provincias galegas, achegouse información sobre as distintas ferramentas a disposición dos comerciantes, ao tempo que as empresas Boutique Trés Jolie, Boutique Pilar y Carmen, Mustang e Zapaterías 100pies presentaron as súas experiencias de éxito baseadas na innovación.

    O obxectivo da iniciativa é transmitir información e exemplos de aptitudes que permitan ao comercio de proximidade responder aos diferentes desafíos e oportunidades, achegando medios para impulsar a súa competitividade a través do emprego de novas canles de promocion e venda, fidelización e coñecemento do consumidor.

    A aposta polo smart commerce, establecendo un novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia, é un dos eixos do novo Plan de Impulso ao Comercio de Galicia, no que se aposta por incrementar a innovación no comercio galego como un dos factores clave para mellorar a súa posición competitiva, impulsando o comercio electrónico e novas fórmulas de comercialización dos produtos, así como de mellora do seu deseño e presentación.

    Máis información
  • 30 Outubro, 2015
    Galicia Calidade estrea unha nova web máis accesible e social

    Santiago, 30 de outubro de 2015.- Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, estrea hoxe unha páxina web centrada na accesibilidade e a proxección das empresas e os produtos que forman parte do selo, así como na utilidade social. A nova web, que inclúe unha renovación total da interface de usuario, sendo máis clara e sinxela, ten como unha das súas principais novidades a Tenda, un espazo no que os usuarios poden consultar os produtos certificados e acceder directamente ás tendas online das respectivas empresas.

    A páxina é accesible nos dominios “.gal” e “.es” (www.galiciacalidade.gal e www.galiciacalidade.es), e foi deseñada cos máis esixentes principios de accesibilidade e adaptada para todo tipo de dispositivos móbiles e fixos.

    A nova web tamén facilita o acceso ás redes sociais de Galicia Calidade (Facebook, Twitter, Google+, Instagram e YouTube), que xa se converteron en canles estratéxicas para a difusión da actividade da marca de garantía e das empresas certificadas. Na actualidade, Galicia Calidade conta xa con máis de 10.000 seguidores en Twitter e case 9.000 Gústames en Facebook, cun crecemento do 35% no último ano.

    O sitio recolle toda a información institucional sobre a empresa, os estatutos e os criterios de certificación, así como a posibilidade de solicitar online a certificación dunha empresa. Outro punto destacado e o acceso á información das empresas certificadas, que se poden buscar por sectores (alimentación, viños ou lácteos, entre outros), ofrecendo unha sinopse de cada unha delas, ademais dos datos de contacto e os produtos que teñen certificados con Galicia Calidade. A nova web tamén inclúe a información de todos os selos de certificacións de orixe que hai activos en Galicia, como denominacións de orixe ou indicacións de orixe protexida.

    Galicia Calidade naceu hai 20 anos como marca de garantía para certificar a calidade dos produtos e servizos que pola súa elaboración en Galicia, a súa materia prima ou o seu deseño galego, sexan merecentes dela, despois de contrastada mediante os controis establecidos.

    Na actualidade, Galicia Calidade conta con máis de 50 empresas adheridas ao selo con máis de 300 produtos certificados. En total, as empresas facturan máis de 2.100 millóns de euros e xeran máis de 4.000 empregos directos. No último exercicio firmou sendos acordos co Clúster do Turismo de Galicia e co Clúster do Granito, para certificar os produtos das empresas que integran ambas asociacións.

    Máis información
  • 28 Outubro, 2015
    Economía, Emprego e Industria destaca en Lalín o papel das asociacións de praceiros na dinamización dos mercados galegos

    Lalín (Pontevedra), 28 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou esta tarde en Lalín o importante papel que desenvolven as asociacións de praceiros na dinamización dos mercados galegos.

    Vázquez Abeal participou na apertura da iniciativa “A praza en tapas”, organizada pola Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Lalín e a Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal), que se celebra cada día ata o 31 de outubro no mercado lalinense a partir das 19 horas, e que inclúe a degustación de produtos da praza de abastos e da comarca, en colaboración cos hostaleiros da zona.

    O apoio ao sector comercial é un eixo estratéxico da actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020, no que o traballo conxunto coas asociacións de comerciantes xoga un papel clave.

    Máis información
  • 27 Outubro, 2015
    Os Premios Nacionais de Comercio Interior recoñecen o labor do asociacionismo comercial galego

    Madrid, 27 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe en Madrid no acto de entrega dos Premios Nacionais de Comercio Interior, no que se recoñeceu o importante labor que desenvolve o asociacionismo comercial galego na dinamización do sector, con senllas mencións honoríficas no Premio a Centros Comerciais Abertos ao CCA Boiro Aberto e á Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO).

    Na cerimonia, que se celebrou na sede do Ministerio de Economía e Competitividade e que estivo presidida polo secretario de Estado de Comercio, Jaime García Legaz, o Concello de Santiago recibiu tamén un áccesit no Premio Nacional a municipios.

    O comercio galego ten cada ano unha importante presenza neste certame convocado polo Ministerio de Economía e Competitividade que ten por obxecto destacar os pequenos comercios, no seu labor de desenvolvemento comercial e modernización empresarial, mediante a mellora da tecnoloxía e a asociación de empresas, así como a promoción dos centros comerciais abertos e o traballo dos municipios nas súas actividades de renovación urbana comercial.

    O apoio ao sector comercial é un eixo estratéxico da actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020, no que o traballo conxunto coas asociacións de comerciantes xoga un papel clave.

    Máis información
  • 26 Outubro, 2015
    Os queixos da empresa lalinense Lácteos Anzuxao contan xa co selo de garantía de Galicia Calidade

    Lalín (Pontevedra), 26 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, fixo hoxe entrega en Lalín do certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á empresa pontevedresa Lácteos Anzuxao.

    Con este recoñecemento, os queixos desta compañía, certificados polas denominacións de orixe Queixo de Tetilla e Arzúa-Ulloa, poderán incluír na súa etiquetaxe o distintivo de calidade da Xunta. Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con queixos de tres denominacións de orixe: Queixo Tetilla, Arzúa Ulloa e San Simón da Costa.

    O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá aos queixos de Lácteos Anzuxao incluír o distintivo nas etiquetaxes así como nas diferentes accións de promoción que estimen oportuno.

    Aposta pola calidade
    A parroquia de Madriñán, en Lalín, acolle a Fábrica de Queixos de Pazo de Anzuxao, unha empresa que soubo manter a tradición galega no mercado gastronómico actual. Pazo de Anzuxao iniciou a súa singradura como fábrica de queixos artesanais nos anos setenta por iniciativa da súa fundadora Josefina Menéndez, unha muller emprendedora que sempre mantivo desde os seus inicios que os seus produtos virarían ao redor dos conceptos de calidade e tradición.

    Lácteos Anzuxao é unha referencia nos queixos galegos elaborando as modalidades de Queixo de Tetilla e Arzúa-Ulloa, certificados agora por Galicia Calidade, e ademais outras como semi-curado, semi-graxo, curado e requeixo. A calidade destes produtos foi recoñecida con diferentes premios, e o seu queixo de tetilla conta actualmente coa Distinción de Ouro a mellor tetilla na categoría D.O.P.

    A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 52 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario.

    Máis información
  • 26 Outubro, 2015
    Os premios “Comercio con talento” distinguen en Carballo a tenda Mar de Encuentro

    Carballo (A Coruña), 26 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta mañá ao establecemento de Carballo Mar de Encuentro un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.

    Na iniciativa participaron alumnos dos ciclos formativos de grao medio de Comercio e do grao superior de Xestión comercial e márketing de toda Galicia, que propuxeron as candidaturas dos negocios que, ao seu xuízo, son os máis innovadores da súa zona. Un xurado especializado escolleu posteriormente aos diferentes negocios gañadores, e os alumnos que propuxeron a súa candidatura reciben premios para mercar no comercio local.

    No caso de Mar de Encuentro, foron propostos por un equipo de alumnas do Ciclo Medio de Comercio do IES Alfredo Brañas de Carballo: Inmaculada Alabarce Mingorance, Sandra Muñiz Souto e Esperanza Barca López.

    Mar de Encuentro naceu hai pouco máis de dous anos da man de Ana Écija co obxectivo de achegar o último en moda xuvenil e complementos. Como elemento diferenciador, o local, situado na rúa Valle Inclán, conta cun espazo no que tanto clientes como amantes da arte poden expoñer os seus traballos ou mesmo dar renda solta á súa creatividade. Ademais, periodicamente, no establecemento organízanse diversos obradoiros creativos vinculados ao mundo da moda e da decoración.

    A posta en marcha de Comercio con talento, que conta coa colaboración de Abanca, enmárcase na estratexia de impulso ao sector comercial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020. Esta folla de ruta, que suma 70 millóns en recursos públicos, busca incrementar nun 15 % os emprendedores que traballan no sector e triplicar a porcentaxe de establecementos que venden na internet, entre outros obxectivos.

    Máis información
  • 23 Outubro, 2015
    Economía, Emprego e Industria impulsa con 70.000 euros a modernización da praza de abastos de Noia

    Noia (A Coruña), 23 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá a praza de abastos de Noia, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade na que se están a realizar melloras cunha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria de máis de 7.000 euros.

    As actuacións céntranse na rehabilitación do pavimento na planta baixa e nas escaleiras, e súmanse a outras realizadas en anos anteriores destinadas a impulsar o aforro enerxético no mercado ou á rehabilitación da cuberta, entre outros. En total, o Goberno galego apoiou con máis de 270.000 euros a praza de abastos noiesa desde 2009.

    A Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

    Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

    Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

    Máis información
  • 23 Outubro, 2015
    Economía, Emprego e Industria destaca o papel do Salón do Automóbil de Ourense como o mellor escaparate do sector

    Ourense, 23 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou esta mañá en Expourense na inauguración do Salón do Automóbil de Ourense, que se celebra ata o domingo coa participación de 24 marcas e todos os concesionarios oficiais da provincia.

    Na súa intervención, a representante da Consellería de Economía, Emprego e Industria destacou o papel desta feira como “o mellor escaparate” dun sector de especial relevancia para a economía de Ourense e de Galicia.

    Na sétima edición desta feira, organizada de forma conxunta por Expourense e Acauto (Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense), poden verse en horario de mañá e tarde os diferentes modelos á venda, así como as principais novidades para o vindeiro ano. Do 30 de outubro ao 1 de novembro daralle continuidade o salón de vehículos de ocasión.

  • 21 Outubro, 2015
    Economía, Emprego e Industria impulsa con preto de 400.000 euros a modernización da praza de abastos das Pontes

    As Pontes (A Coruña), 21 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá acompañadas polo alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, a praza de abastos da localidade, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade na que se están a realizar melloras cunha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria de máis de 120.000 euros.

    As actuacións céntranse na cuberta e na remodelación do baixo cuberta, remodelándoa para dar acollida a unha planta con postos administrativos, oficinas e unha sala de reunións para os praceiros. Súmanse ás realizadas no 2013 e no 2014, que contaron tamén co apoio da Xunta. En total, o Goberno galego leva destinados desde o 2013 preto de 400.000 euros para actuacións no mercado pontés.

    A Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

    Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

    Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

    Máis información
  • 21 Outubro, 2015
    A Xunta destaca o papel do comercio ourensán na dinamización económica e social da provincia

    Ourense, 21 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, destacou hoxe na entrega dos I Premios Mercurio, organizados pola Federación provincial de comercio de Ourense, o papel do comercio ourensán na dinamización económica e social da provincia.

    Vázquez Abeal subliñou así mesmo a importancia de recoñecer a aqueles profesionais que “co seu esforzo diario son un referente do saber facer do comercio de proximidade e da súa calidade”, ademais de destacar proxectos innovadores que “lle dan un novo pulo ao sector”. Do mesmo xeito, agradeceu ademais aos colectivos e persoas que foron recoñecidos tamén hoxe pola Federación polo seu respaldo ao sector ou a súa contribución á sociedade ourensá.

    A directora, que felicitou á Federación provincial de Comercio pola iniciativa, salientou o importante labor que desenvolve o asociacionismo no impulso ao comercio de proximidade, permitindo levar a cabo estratexias de promoción conxuntas e achegar novos servizos aos consumidores.

    Neste sentido, incidiu en que o respaldo ao asociacionismo comercial é prioritario para a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que este ano apoia con preto de 300.000 euros o traballo que desenvolven tanto a Federación provincial de Comercio de Ourense como os sete centros comerciais abertos da provincia, así como a Asociación de Comerciantes e Industriais da Praza de Abastos nº1 de Ourense e a Asociación Empresarial de Valdeorras.

    Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

    Máis información
  • 17 Outubro, 2015
    Economía, Emprego e Industria impulsa a posta en valor dos creadores galegos na Maker Faire Compostela

    Santiago, 17 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe a iniciativa Maker Faire Compostela, que se celebra ao longo de toda a xornada en Área Central e que conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria pola súa contribución á posta en valor dos creadores galegos.

    Trátase do primeiro encontro en Galicia do movemento MAKER, que se basea na cultura do “Do It Yourself” ou “Faino ti mesmo”. Haberá durante todo o día obradoiros abertos para toda a familia, e un espazo onde se sucederán mesas redondas sobre tecnoloxía, innovación educativa, espazos colaborativos, artesanía e gastronomía. Haberá ademais unha zona específica na que artistas urbanos realizarán intervencións sobre obras de artistas e artesáns, o que constituirá un espectáculo en vivo.

    Artesanía de Galicia estará presente cun espazo informativo e un obradoiro de papel e encadernación dirixido a todos os públicos. Ademais, no encontro participarán artesáns que contan coa marca Artesanía de Galicia, como os ceramistas Ferando Porto (A Estrada) e Nacho Porto (Carnota); o téxtil de Lola de Logaro (Ourense), e as xoias en vidro de Rosa Méndez (Teo). Pola súa banda, a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) participa cun obradoiro para todas as idades de 11:00 a 18:00 chamado Artesanía (looping).

    A artesanía tamén estará presente na mesa redonda prevista para as 19 horas, na que ademais desta cesteira contemporánea participarán Lucía Ruiz Aguirre (fundadora de MöU e Como molo), Luis González (da firma de xoiaría Ardentia, finalista dos Premios Artesanía de Galicia); Lola García Romaneli (da firma Lola de Logaro) e Elena Fabeiro, xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

    Máis información
  • 15 Outubro, 2015
    O DOG publica hoxe os domingos e festivos nos que os establecementos comerciais poderán abrir no 2016

    Santiago, 15 de outubro de 2015.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia os domingos e festivos nos que os establecementos comerciais que non gozan de liberdade horaria poderán abrir ao longo do vindeiro ano 2016.

    Logo da consulta previa ás principais organizacións do sector, ao Consello Galego de Consumidores e Usuarios e ao Consello Galego de Cámaras, os días de apertura, que como en anos anteriores e tal e como marca a normativa serán 10, repártense do seguinte xeito: os domingos 3 e 10 de xaneiro; o 24 de marzo, festividade de Xoves Santo; o domingo 3 de xullo; o domingo 24 de xullo, véspera do Día de Galicia; o 1 de novembro, Todos os Santos; e os domingos 4, 11 e 18 de decembro; así como o 8 de decembro, día da Inmaculada Concepción.

    Calquera concello que o estime oportuno poderá solicitar ata o próximo 15 de novembro a modificación de ata dúas datas para o seu termo municipal para adaptalo aos festivos locais ou atendendo a calquera outra circunstancia motivada.

    Estes domingos e festivos non son de aplicación para o pequeno comercio, xa que, con carácter xeral, poden decidir libremente o seu horario e días de apertura os establecementos de ata 300 metros cadrados, coa excepción dos que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa.

    Máis información
  • 14 Outubro, 2015
    O obradoiro de Bergondo Ardentia, a viguesa Marta Armada e a pontevedresa Viviana Araújo optan ao Premio Artesanía de Galicia

    Santiago, 14 de outubro de 2015.- O obradoiro de xoiaría de Bergondo Ardentia; a ceramista e deseñadora de xoias viguesa Marta Armada e a pontevedresa Viviana Araújo, experta en tocados, sombreiros e outros complementos, son os finalistas do Premio Artesanía de Galicia, dotado con 6.000 euros e que ten por obxectivo recoñecer a obra que mellor representa á artesanía competitiva e que conxuga os valores tradicionais do sector coas novas tendencias.

    Ademais desta categoría, dotada con 6.000 euros, os Premios Artesanía de Galicia 2014, que teñen por obxectivo recoñecer o labor creativo e a traxectoria dos artesáns galegos, ao tempo que se contribúe a impulsar o relevo xeracional e o desenvolvemento do talento no sector, contan con outras dúas categorías: o Premio Traxectoria, de carácter honorífico, e a Bolsa Eloy Gesto, dotada con 3.000 euros e coa que se apoiará a formación do gañador nun centro de referencia no eido da artesanía e do deseño. Os gañadores en cada unha destas categorías daranse a coñecer nun acto público que se celebrará nas próximas semanas.

    O xurado estivo presidido pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez e como vogais participaron Marta López, subdirectora xeral de Comercio, así como os expertos Covadonga Carrasco, arquitecta fundadora do estudio CREUSeCARRASCO; Pablo Velasco, responsable da Cátedra Fundesarte na Fundación EOI; Jaime Sevilla, socio da empresa peSeta e Félix Sanz Sastre, director do Centro Rexional de Artesanía de Castela e León (Cearcal). Como secretaria con voz pero sen voto participou a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro.

    As tres obras finalistas na categoría Premio Artesanía de Galicia foron escollidas por unanimidade. Viviana Araújo, que dirixe a tenda-obradoiro Estilo Aramar na capital pontevedresa, especializada en complementos femininos artesanais, como turbantes, tocados e sombreiros de festa, e flores artesanais de tea e plumas, presentou a peza con lema Luscofusco. O xurado destaca a calidade técnica e o proceso de elaboración deste corpiño singular e único, que incide tamén na renovación dos oficios como a plumería e o acceso a novos mercados.

    Pola súa banda o obradoiro de xoiaría de Bergondo Ardentia participa coa peza con lema Origami. O coidado deseño, a calidade e a incorporación das novas tecnoloxías no proceso de elaboración desta colección son as razóns que o xurado expón para seleccionar esta colección de Ardentia como finalista dos Premios Artesanía de Galicia 2014. Este obradoiro de xoiaría, con mais de 27 anos de vida e presentes en mais de vinte países, deseña e elabora coleccións de xoiaría contemporánea en prata de lei e esmalte ao lume cun marcado carácter diferenciador.

    A viguesa Marta Armada presentou a peza con lema Sin lastre. A adaptación ás novas tendencias, a innovación, o deseño e a calidade tanto dos materiais empregados como na execución da obra son as razóns que levan ao xurado a nomear finalista esta candidatura. O traballo desta ceramista e deseñadora de xoias é como un mapa de situación no que o espectador pode percorrer lugares, momentos e situacións nos que a autora destila as súas vivencias e nos amosa a súa persoal visión do micro mundo ao que nos remiten os seus traballos.

    A convocatoria dos Premios de Artesanía de Galicia por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria forma parte do Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

    Máis información
  • 13 Outubro, 2015
    A Xunta reúnese co Concello de Pontedeume e a Deputación para avanzar na reforma do mercado eumés

    Santiago, 13 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, reuniuse esta mañá co Concello de Pontedeume e representantes da Deputación Provincial da Coruña para buscar solucións ás dificultades materiais trasladadas por parte do Concello para executar a parte das obras de reforma do mercado prevista para ano 2015.

    Vázquez Abeal trasladoulles que a Xunta manterá o seu compromiso económico, en virtude do protocolo de actuación asinado en marzo de 2015. Neste protocolo, subscrito por Concello, Xunta e Deputación, a Administración autonómica comprometíase a achegar 500.000 euros, un terzo do orzamento total, dos cales 150.000 euros se correspondían a actuacións a desenvolver neste 2015.

    Co obxectivo de facilitar o desenvolvemento das actuacións, na reunión de hoxe a Xunta comprometeuse a reaxustar as súas achegas ao novo calendario de execución, que corresponde aos anos 2016 e 2017. Este reaxuste quedará plasmado no convenio que se asinará en vindeiras semanas.

    No encontro celebrado hoxe en Santiago incidiuse na necesidade da reforma do mercado e na súa importancia para dinamizar a actividade comercial da vila e a xeración do emprego, así como as oportunidades de contar cun novo mercado capaz de potenciar a venda de produtos locais da comarca e incrementar o atractivo turístico da vila.

    Máis información
  • 09 Outubro, 2015
    A iniciativa “As compras na túa vila teñen premio” dinamiza as vendas do comercio ourensán

    Ourense, 9 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou esta tarde en Ourense na festa de peche da iniciativa de dinamización comercial As compras na túa vila teñen premio, unha campaña posta en marcha pola Federación Galega de Comercio e a Federación de Comercio de Ourense en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria que se desenvolveu desde o pasado 28 de setembro co obxectivo de poñer en valor o comercio de proximidade e impulsar as vendas premiando a confianza dos clientes.

    No acto sorteáronse premios por un total de 4.000 euros entre os que mercaron durante a duración da campaña no comercio de proximidade, repartidos en 5 tarxetas regalo de 300 euros e outras 25 por valor de 100 euros.

    A campaña As compras na túa vila teñen premio chega este ano á súa oitava edición, desenvolvéndose en 4 cidades galegas. A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para a posta en marcha de iniciativas conxuntas para impulsar a competitividade do sector.

    Este acordo dotado con 600.000 euros, un 20% máis que o ano pasado, permite entre outras actuacións o mantemento dun servizo de asesoramento ao sector comercial e de fomento do emprendemento, e contémplanse tamén diferentes actuacións para a implantación das novas tecnoloxías relacionadas coa fidelización de clientes e a potenciación do comercio electrónico, así como a realización de encontros e xornadas.

    Máis información
  • 08 Outubro, 2015
    Economía, Emprego e Industria apoia con preto de 30.000 euros a ampliación da praza do mercado de Ponte Carreira (Frades)

    Frades (A Coruña), 8 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá a praza do mercado de Ponte Carreira (Frades), unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio local na que está realizando melloras o Concello, ao que a Consellería de Economía e Industria vén de conceder unha axuda por preto de 30.000 euros. As actuacións previstas céntranse na ampliación, adecuación e modernización do espazo público destinado ao mercado tradicional que se celebra os días 12 e 26 de cada mes.

    A Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

    Os concellos que realicen melloras nas prazas de abastos deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

    Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

    Máis información
  • 06 Outubro, 2015
    Belén do Campo analiza con representantes dos veciños do concello de Ordes medidas para revitalizar o mercado agrario comarcal do Mesón do Vento

    A Coruña, 6 de outubro de 2015.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da asociación de veciños Campo da Feira de Ardemil, Fernando Noya, e co representante dos empresarios do Concello de Ordes José Manuel Candal, que lle expuxeron a necesidade de levar a cabo medidas de impulso ao mercado agrario comarcal do Mesón do Vento, que se celebra nesta localidade os sábados vésperas do primeiro e terceiro domingo de cada mes.


    No encontro, no que tamén estivo o deputado autonómico Miguel Prado, Do Campo trasladoulles o compromiso do Goberno galego para reactivar esta feira a través das medidas impulsadas pola Consellería de Economía e Industria para seguir potenciando este espazo como dinamizador do comercio de proximidade local.
    A representante do Executivo autonómico na provincia recordou que o departamento autonómico mantén unha estratexia de impulso ao sector a través de distintas achegas económicas dirixidas aos concellos nos que se asenta o tecido comercial, que busca modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con tres retos como eixo: afianzar un sector comercial renovado, impulsar o smart commerce e o comercio electrónico e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua. A finalidade destas actuacións é a de incrementar o atractivo dos recintos e atraer novos clientes.


    En total, Economía e Industria vén de conceder este ano apoios por importe de 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

    Máis información
  • 01 Outubro, 2015
    A Xunta de Galicia destina preto de 75.000 euros á realización de melloras nos campos da feira dos concellos da Baña, Negreira e Val do Dubra

    A Baña (A Coruña), 1 de outubro de 2015.- A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o campo da feira da Baña, onde nas vindeiras semanas se levarán a cabo traballos para reparar as deficiencias e mellorar a súa imaxe, co fin de seguir potenciando este espazo como unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local. A actuación estará cofinanciada polo Goberno galego, a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria de 29.953 euros, que supón o 70% do investimento total.

    Do Campo analizou co alcalde do municipio, Andrés García, o proxecto, que consistirá na rehabilitación das zonas onde se instalan os postos ambulantes en días de feira, na renovación dos bancos e papeleiras, así como na instalación de tres illas de madeira para a ocultación dos colectores do lixo. Ademais, instalarase un aparcabicicletas e un punto informativo e habilitaranse novas superficies axardinadas, con novas plantas baixas caducas e perennes. Por último, colocaranse catro sinais luminosas indicadoras do paso de peóns, co fin de mellorar a seguridade viaria no entorno. Todos os traballos deberán estar rematados o 15 de novembro.

    A representante do Executivo autonómico na provincia recordou que esta achega enmárcase na estratexia de impulso ao sector comercial da consellería, que busca modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con tres retos como eixo: afianzar un sector comercial renovado, impulsar o smart commerce e o comercio electrónico e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

    Neste senso, a delegada recordou que tamén os concellos limítrofes de Negreira e Val do Dubra recibirán varias achegas por este concepto. No caso de Negreira, a Xunta destinará 29.827 euros a mellorar a imaxe e os servizos do campo da feira coa renovación do mobiliario urbano, a instalación dunha pérgola e mesas de merendeiro, así como a reparar as deficiencias detectadas no recinto. En canto a Val do Dubra, a partida autonómica será de 14.533 euros, que servirán para acondicionar o mercado ambulante de Bembibre, no que se delimitarán novas praza de estacionamento, pintaranse os pasos de peóns, eliminaranse as barreiras arquitectónicas e renovarase o mobiliario urbano. En definitiva, a finalidade destes proxectos será incrementar o atractivo dos recintos e atraer novos clientes.

    En total, Economía e Industria vén de conceder apoios por importe de 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

    Máis información
  • 30 Setembro, 2015
    A Xunta colabora nas xornadas “Ourense é comercio” que se desenvolverán na cidade das Burgas ao longo de outubro

    Ourense, 30 de setembro de 2015.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou hoxe na presentación das xornadas Ourense é comercio organizadas pola Federación de Comercio e que se desenvolverán durante o mes de outubro na cidade das Burgas.

    Martínez destacou a colaboración da Consellería de Economía e Industria a través do programa de impulso ao labor que desenvolven as federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal, concedéndolles tíckets de dinamización que os beneficiados empregan no desenvolvemento de actuacións de impulso da demanda comercial, así como iniciativas encamiñadas á promoción das vendas, e aquelas relacionadas co incremento da actividade comercial, alcanzando a axuda ata o 70% dos investimentos a realizar. Dentro deste programa, á Federación de Comercio de Ourense concedéuselle un apoio de 50.000 euros para esta e outras iniciativas.

    O delegado territorial indicou que “o comercio é un importante elemento vertebrador das vilas e das cidades galegas e un sector de relevancia para a reactivación económica, e sobre todo si estamos a falar da cidade ourensá” . Por isto, explicou que o Goberno galego, ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020, unha folla de ruta que suma 70 millóns en recursos públicos e que busca incrementar nun 15 % os emprendedores que traballan no sector e triplicar a porcentaxe de establecementos que venden na internet, entre outros obxectivos.

    As xornadas consistirán na celebración de tres encontros os días 2, 8 e 21 de outubro que
    pretenden difundir a importancia do comercio ourensán e fortalecer o valor social desta actividade empresarial, ademais de proxectar a cidade como capital das compras.

    Máis información

  • Páxina 9 de 79

  • Mostrando do 161 ao 180 dun total de 1578 rexistros