Twittear |
A regulación das autorización comerciais autonómicas atópanse no capítulo III do Título II da lei 13/2010 de 17 de decembro de comercio interior de Galicia.
Título II Da ordenación comercial
Capítulo III Da autorización comercial autonómica
Artigo 28º.-Apertura de establecementos comerciais.
1. Para a apertura dun establecemento comercial será requisito imprescindible a obtención da licenza municipal de apertura ou actividade ou, de ser o caso, comunicación previa ou declaración responsable. Ademais do anterior, nos supostos previstos nesta lei, requirirase autorización comercial da Comunidade Autónoma.
2. As licenzas de apertura dos establecementos comerciais serán concedidas polos concellos, de acordo coa normativa vixente en materia de urbanismo, seguranza, salubridade e protección do medio ambiente.
3. En todo caso, as actividades comerciais non suxeitas ao trámite de incidencia, efecto ou impacto ambientais, nin ao informe da consellaría titular da competencia en sanidade, estarán exentas da obtención da licenza municipal de apertura ou actividade, bastando para o inicio desta a presentación dunha comunicación previa ou dunha declaración responsable.
4. Suxéitanse unicamente ao deber de presentar unha comunicación previa, asinadapolapersoa transmitente e a adquirente, os cambios de titularidade das licenzas de actividadeou apertura de establecementos e actividades comerciais.
5. Os datos contidosnaslicenzas de apertura de establecementos comerciais ou, de ser o caso, nas comunicacións previas ou declaracións responsables recibidas serán comunicados polo respectivo concello á dirección xeral con competencia en materia de comercio para os efectos da súa inscrición no Rexistro Galego de Comercio consonte o disposto no artigo 8º desta lei.
Artigo 29º.-Actividades suxeitas á autorización comercial autonómica.
1. O sometemento á autorización comercial autonómica da instalación de establecementos comerciais ten como finalidade garantir a axeitada integración territorial do establecemento comercial a través da súa planificación urbanística e da execución previa das infraestruturas e dotacións necesarias, a súa compatibilidade desde o punto de vista da protección do medio ambiente e a accesibilidade dos cidadáns a estes equipamentos en condicións adecuadas.
Atendendo á antedita finalidade, unicamente precisará autorización comercial autonómica a instalación, a ampliación e o traslado dos establecementos comerciais individuais ou colectivos que destinándose ao comercio retallista de calquera clase de artigos teñan unha incidencia ambiental, territorial, urbanística e no sistema viario que transcenda o termo municipal no que se localicen, pola súa magnitude, importancia e características.
2. Para estes efectos, enténdese que unicamenteteñen incidencia supramunicipal, e polo tanto están suxeitos á autorización comercial autonómica, a instalación e o traslado dos establecementos comerciais cuxa superficie útil de exposición e venda ao público sexa igual ou superior a 2.500 metros cadrados polo impacto territorial, urbanístico, viario e medioambiental xerado. Tamén será preceptiva a citada autorización no caso de ampliacións de establecementos comerciais cando a superficie que resulte tras a ampliación sexa igual ou superior a 2.500 metros cadrados.
3. Non precisan de autorización comercial autonómica:
a) Os establecementos individuais dedicados á exposición e á venda de automóbiles, de embarcacións e outros vehículos, maquinaria industrial ou agrícola, de materiais para a construción e artigos de saneamento, que requiran dun grande espazo físico.
b) Os mercados municipais e os denominados centros comerciais abertos.
4. Serán nulas de pleno dereito as licenzasmunicipais de edificación e uso do solo e mais de actividade outorgadas para a instalación, a ampliación ou o traslado de establecementos comerciais que precisando de autorización comercial autonómica de acordo co establecido nesta lei fosen outorgadas sen ela.
Artigo 30º.-Superficie útil de exposición e venda ao público.
1. Enténdese por superficie útil de exposición e venda ao público toda aquela superficie onde se desenvolvan actividades de vendas e de intercambio comercial.
2. En particular, enténdense incluídos entre os espazos definidos na alínea anterior os seguintes:
a) Os mostradores, os estantes, as vitrinas, os escaparates, os andeis de bandexas ou góndolas, as illas, as cámaras ou os murais accesibles ao público, destinados á presentación dos artigos, así como os probadores.
b) Os espazos de venda, exteriores e interiores.
c) As escaleiras, os corredores e calquera outro espazo destinado á permanencia e ao tránsito de persoas, precisos para o acceso aos artigos.
d) A liña das caixas rexistradoras, así como a zona entre estas e a saída, sempre que nesta se desenvolva algunha técnica de promoción comercial, directa ou indirecta.
3. Exclúense expresamente da superficie útil de exposición e venda ao público aquelas superficies destinadas ás seguintes finalidades:
a) As dependencias ou as instalacións non accesibles ao público en xeral, nas que non se desenvolva actividade comercial directa.
b) As zonas de estacionamento, sempre que nestas non se desenvolva ningunha actividade comercial.
c) As zonas destinadas permanentemente á restauración e ao desenvolvemento de actividades lúdicas.
Artigo 31º.-Solicitude da autorización comercial autonómica.
1. Para o caso dun establecemento comercial de carácter individual, a autorización comercial autonómica solicitaraa a persoa que vaia desenvolver efectivamente a actividade comercial.
2. No caso dun establecemento comercial de carácter colectivo, a autorización comercial autonómica deberaa solicitar a persoa promotora. Se no establecemento comercial colectivo se integran establecementos que individualmente precisan de autorización comercial consonte o disposto no artigo 29º desta lei, estes deberán solicitar individualmente autorización comercial autonómica no suposto de non estaren incluídos no proxecto colectivo presentado pola persoa promotora.
Artigo 32º.-Procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica e a súa valoración.
1. A autorización comercial autonómica será concedida mediante resolución da persoa titular da consellaría competente en materia de comercio con carácter previo á obtención da licenza de obra municipal, así como á obtención de calquera outra licenza ou permiso doutra entidade ou administración que sexan esixibles, de ser o caso.
2. A concesión da autorización comercial autonómica estará fundamentada nos seguintes criterios de interese xeral, cuxo cumprimento estará debidamente xustificado no proxecto:
a) A adecuación da nova implantación aos instrumentos de ordenación do territorio que, de ser o caso, resulten aplicables.
b) A viabilidade urbanística, tendo en conta a plena concordancia do establecemento proxectado coas determinacións establecidas no planeamento xeral e nos instrumentos de desenvolvemento e xestión urbanística e mais no resto de normas de competencia municipal.
c) O axeitado cumprimento da normativa reguladora en materia de accesibilidade, circulación e mobilidade contidas no proxecto e a previsión de mellora das infraestruturas que permitan a fluidez do tráfico rodado xerado pola implantación comercial no suposto de que as existentes non resulten axeitadas.
d) A dotación de, polo menos, unha praza de aparcadoiro por cada 20 m2 de superficie útil de exposición e venda ao público. Así mesmo, deberase prever a reserva de prazas para persoas discapacitadas nos termos que establece a normativa vixente.
e) O establecemento de liñas de transporte colectivo que desconxestionen o tráfico rodado e permitan acceder en axeitadas condicións de regularidade e intensidade á implantación comercial cando as existentes non resulten suficientes.
f) A viabilidade e a legalidade ambiental do proxecto co cumprimento da normativa vixente en materia medioambiental, que preverá a adopción de medidas positivas de protección ambiental que reduzan a contaminación acústica, a emisión de gases de efecto invernadoiro e a produción de residuos, e a súa xestión mediante procedementos de valorización, preferentemente mediante reciclaxe e reutilización, e a utilización da auga, da enerxía, das materias primas e doutros recursos de maneira eficiente. Este criterio acreditarase do xeito establecido na letra b) da alínea 3 deste artigo.
g) O informe da consellaría competente en materia de traballo sobre o cumprimento dos criterios establecidos na letra h) desta alínea.
h) A materialización no establecemento pretendido de instalacións e medidas de conciliación da vida familiar e laboral, tales como a creación de gardarías, ludotecas ou salas de lactación. A avaliación do impacto laboral da creación ou destrución de emprego na localidade, a adopción de medidas ou compromisos para a estabilidade no emprego, o número de empregados e empregadas segundo a unidade de superficie comercial, como indicadores de mellora da calidade do servizo.
3. Logo de completar a documentación, o órgano instrutor recadará os seguintes informes:
a) Informe da consellaría competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo sobre o cumprimento dos criterios establecidos na letra a) da alínea anterior.
b) Declaración de impacto ambiental, que constituirá a acreditación do cumprimento do criterio f) da alínea anterior.
Para estes efectos, os proxectos de instalación de establecementos comerciais precisados de autorización comercial autonómica someteranse en todo caso aos trámites de avaliación de impacto ambiental. O procedemento correspondente quedará integrado no de outorgamento da autorización comercial e o órgano substantivo será a consellaría competente en materia de comercio. Durante a tramitación da avaliación de impacto enténdese suspendido o procedemento para resolver a autorización autonómica.
c) Informe da consellaría competente en materia de transporte sobre a existencia ou a suficiencia do transporte interurbano previsto no criterio e) da alínea anterior.
d) Informe do concello en cuxo termo municipal se pretenda localizar o establecemento comercial, que se deberá pronunciar sobre o cumprimento dos criterios b), c), d) e e) da alínea anterior, ademais do cumprimento de todas as normas que habilitan a apertura do establecemento.
e) Informe do organismo galego de defensa da competencia, que non poderá versar sobre aspectos económicos.
4. Transcorridos dous meses desde que se teña constancia da recepción da petición de cada informe sen que existise pronunciamento expreso para o efecto, poderanse proseguir as actuacións, presumíndose favorables. Porén, no suposto de ausencia do informe previsto na letra d), poderá ser recadada a información complementaria que resulte precisa e que conste á disposición da consellaría competente en materia de urbanismo e transporte.
5. Ao estar emitidos os anteriores informes, o expediente remitiráselle á Comisión Consultiva prevista no artigo 20º.3 desta lei para o obxecto de que efectúe a proposta de resolución. A Comisión Consultiva poderá neste trámite solicitar ampliación ou aclaracións dos informes emitidos.
6. O prazo para resolver o procedemento de autorización comercial autonómica será de seis meses desde que teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación a documentación completa, incluído o xustificante de aboamento das correspondentes taxas. Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que recaese resolución expresa, a solicitude entenderase estimada por silencio administrativo.
7. Regulamentariamente establecerase o procedemento de concesión da autorización comercial autonómica prevista nesta lei.
Artigo 33º.-Simplificación administrativa e integración de procedementos.
Sen prexuízo do disposto no artigo 28º desta lei, o procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica eximirá da necesidade de obter a licenza municipal de actividade. Obtida a autorización autonómica, o concello respectivo será competente para o outorgamento da licenza urbanística.
Artigo 34º.-Vixencia da autorización comercial.
1. A vixencia da autorización comercial autonómica terá carácter indefinido.
2. Sen prexuízo do disposto na alínea anterior, a autorización concedida caducará no caso de que o proxecto de instalación do establecemento comercial autorizado non se leve a cabo no prazo dun ano, contado desde que remate o termo indicado no calendario presentado para a súa realización. Non obstante, a persoa interesada poderá solicitar, mediante escrito motivado e con anterioridade á terminación do prazo do ano citado, a prórroga deste por un período máximo de seis meses.
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia