Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Concurso voluntario de acredores

 

Se ao final de todo, non se liquidan os problemas de liquidez, quédanos un último cartucho: o Concurso Voluntario de Acredores. Solicitar o Concurso Voluntario é unha opción a valorar xa que é a figura á que se acollen as empresas cando son ou están a piques de ser insolventes, é dicir, non poden pagar as súas débedas. O concurso permítelles conxelar o pagamento dos créditos.

Moitas empresas (mesmo persoas físicas) ante as serias dificultades para facer fronte ao pagamento das súas débedas, con situacións de insolvencia actuais ou inminentes, afróntanas cos medios e garantías que a nova Lei Concursal  (Lei 22/2003) pon ao noso alcance, podendo conseguir unha saída airosa dun estado de dificultades.

Aínda que é unha figura xurídica que tradicionalmente esperta receo nas empresas e na sociedade no seu conxunto, quizais debido a que se trata  dunha figura  aínda pouco coñecida, o concurso de acredores ofrece importantes vantaxes ao empresario dilixente que o insta para facer fronte a unha situación de insolvencia, máis aínda se  o fai cando esta é inminente e aínda non se chegou á  falta de pagamento dos acredores. Non se trata só de conseguir a  satisfacción do acredor, senón tamén a de evitar que os  administradores incorran nunha responsabilidade que poida  alcanzar aos seus bens propios ou  mesmo, e aínda máis grave,  poidan ser acusados dun delito de insolvencia punible.

 

Vexamos a continuación algunhas consideracións que corroboran a anterior afirmación:

  • O concurso permite conxelar o pagamento dos créditos. Un equipo externo avalía se o estrangulamento financeiro é pasaxeiro ou non.

 

  • Non supón a desaparición da empresa. De feito, o concurso de acredores está pensado para permitir a súa continuidade, por exemplo, a través da venda ordenada de activos

 

  • Se non hai fondos, o persoal cobraría do Fondo de Garantía Salarial até un máximo do que resulte de multiplicar o dobre do salario mínimo diario, sen pagas extras, polo número de días pendentes, cun máximo de 120 días..

 

  • A diferenza do chamado concurso forzoso, o voluntario (declarado a instancias dos propietarios), permite aos xestores seguir levando as rendas da compañía, aínda que as súas decisións poden ser vetadas polo xuíz ou polos administradores concursais.

 

  • Á hora dos cobros, cobran con preferencia os chamados acredores con privilexios: os traballadores da empresa, as administracións públicas e os debedores con garantías reais, é dicir, prendas e hipotecas. Loxicamente, nese grupo están a maioría dos bancos. Os últimos en cobrar son todos os demais: os bancos que non teñan garantía de cobro, os provedores e os subministradores.

 

É necesario insistir no feito de que no concurso voluntario o debedor conserva as facultades de administración e disposición sobre o seu patrimonio, de forma que a intervención dos administradores concursais limítase á  súa autorización ou conformidade. Non cabe dúbida que a situación é preferible á que se derivaría dun concurso necesario,  instado por calquera acredor, na que o efecto fundamental é a suspensión do debedor para o exercicio das súas facultades de administración e disposición sobre o seu patrimonio, ao ser substituído polos administradores concursais, o que supón unha desvantaxe para tratar de conseguir que a empresa siga a súa actividade e permitir ao empresario saír airoso da súa situación de crise.

 

Por outra banda, a finalidade de reestruturación da empresa que pretende a Lei Concursal pasa necesariamente por asegurar aos acredores o pagamento de todas as débedas contraídas desde o día da declaración de concurso, xa que, doutra forma, ningún provedor traballaría máis para dita empresa. Só  as débedas anteriores ao procedemento quedan en suspenso, á espera de que o procedemento determine  cando e como deben pagarse. Isto permite á empresa en crise un respiro e unha reorganización da débeda mentres que, para os acredores, o concurso garante que todas as obrigas posteriores serán pagas. Por estas peculiaridades, é especialmente importante que o concurso chegue a tempo, é dicir, que antes de que a falta de pagamento se prorrogue durante meses facendo entrar nunha crise definitiva á empresa, póñanse en marcha estes mecanismos  legais que garanten o pagamento das débedas desde o primeiro día. A nova lei Concursal outorga importantes vantaxes á empresa en situación de insolvencia  provisional, en aras de lograr  a súa recuperación e garantir o cobro para os acredores.

 

Instar o concurso a tempo permite que a falta de pagamentos non se produzan e pon en marcha os mecanismos de reestruturación da empresa, como son entre outros a oportunidade de alcanzar un convenio cos acredores que prevexa unha redución da  débeda  (quita) e un  atraso admitido no pagamento desta (espera), co fin de que non sexa necesaria a liquidación e peche da empresa, senón que sexa viable o reflotamento e mantemento da mesma.

 

Quizais o maior inconveniente da solicitude do Concurso de Acredores, sexa a complexidade e dilación do proceso, tal e como se reflicte no seguinte esquema: