A facturación no sector minorista pecha 2015 cunha subida do 4,5%, a mais forte do país. É a primeira vez que medran as contratacións na comunidad dende 2011.
Máis informaciónSantiago, 7 de decembro de 2015.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, ten en marcha unha nova edición da campaña Infonadal Consumo, unha iniciativa mediante a cal, de cara ás compras do Nadal, se reforzan as actuacións de control do mercado que a inspección de consumo leva a cabo permanentemente para garantir a seguridade dos produtos, así como as análises no Laboratorio de Consumo de Galicia. A iniciativa inclúe tamén accións formativas para atender á necesidade de orientación, información e formación dos consumidores galegos nestas datas, nas que está prevista a participación de preto de 800 persoas.
Os controis realizados no marco de Infonadal céntranse nos xoguetes, e, entre eles, nos xoguetes para menores de tres anos, e nos xoguetes con imáns, así como as grilandas e os punteiros láser. Deste xeito garántese ao máximo a protección dos consumidores galegos durante o Nadal, época na que se incrementa a venda de produtos para os máis pequenos. A inspección de Consumo é a encargada de tomar as mostras no mercado, que posteriormente se envían ao Laboratorio de Consumo de Galicia, o único oficial público acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para o análise deste tipo de produtos.
No caso de que se constate que algún destes produtos presenta riscos, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.
Por outra banda, o Instituto Galego de Consumo tamén intensifica a vixilancia no cumprimento das obrigas dos establecementos que poñen os seus produtos a disposición dos consumidores: indicación de prezos, etiquetado, publicidade ou existencia de follas informativas.
A posta en marcha da campaña Infonadal Consumo enmárcase na intensa labor de control do mercado que realiza durante todo o ano o Instituto Galego de Consumo, que sitúan a Galicia cada ano como unha das comunidades que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano.
Así, ao longo do pasado 2014, realizáronse no Laboratorio de Consumo de Galicia máis de 7.000 ensaios en máis de 500 produtos de consumo analizados, e o IGC comunicou á rede de alerta nacional un total de 70 produtos, situándose como a segunda autoridade autonómica de Consumo que realizou máis notificacións. Entre os produtos notificados, cabe sinalar que 37 eran xoguetes, tendo en conta que nas análises e inspeccións se presta especial atención aos produtos destinados aos consumidores máis vulnerables.
Charlas formativas
A campaña Infonadal complementa o labor de inspección e control con accións formativas a través da Escola Galega de Consumo (EGC), que oferta a colectivos e entidades a organización de charlas nas que se analizan as particularidades do consumo durante o Nadal e se propoñen alternativas para un consumo máis responsable e solidario, ao mesmo tempo que se explica, dun xeito sinxelo, que facer ante os problemas máis frecuentes coas compras do Nadal. Estas charlas participativas están dirixidas a todas as idades e o seu contido está especialmente adaptado ás necesidades propias dos grupos ao que van dirixidas.
Consellos para mercar os xoguetes
Á hora de mercar os xoguetes, o IGC resalta unha serie de consellos para garantir a seguridade e a idoneidade dos mesmos. Así, resulta fundamental comprobar que sexan axeitados á idade e ás habilidades físicas do neno, e asegurarse de que dispoñen do marcado CE. Tamén hai que comprobar que na etiqueta figura o nome e o enderezo do responsable do produto, ler as instrucións de manexo e as advertencias, e constatar que a etiqueta e as instrucións están polo menos en castelán. Ademais, débese asegurar que non teñan bordes cortantes, e que os xoguetes eléctricos non teñan fontes de alimentación de máis de 24 voltios.
Santiago, 27 de novembro de 2015.- O programa Venres nas librarías clausura a actividade de dinamización do libro e da lectura de 2015 con dous encontros literarios e musicais para o público infantil nos concellos de Vigo e Ourense, que terán lugar mañá sábado, 28 de novembro.
Ás 12:00 horas, na libraría Andel da cidade viguesa, As Maimiñas, o grupo de autoras formado por Lucía Lago Fernández e Irene Álvarez Lago, propoñeranlles aos máis novos unha viaxe musical e literaria arredor do mundo, na que presentarán o seu libro-disco ‘Unha viaxe polo mundo’, da Editorial Galaxia.
Promovido polas consellerías de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Cultura–, e de Economía e Industria –a través da Dirección Xeral de Comercio–, pola Federación de Librarías e pola Asociación Galega de Editores (AGE), Venres nas librarías tamén despedirá a programación de 2015 en Ourense, na libraría Káthedra. Alí, ás 12:30 horas, o músico e compositor coruñés Fran Amil fará gozar os máis novos cos poemas ilustrados e musicados do seu traballo ‘Un conto ao revés’, da Editorial Galaxia.
Promoción do libro e da lectura
Desde a súa posta en marcha o pasado 2 de outubro e ata o 28 de novembro, Venres nas librarías ofreceu semanalmente, os venres e os sábados, actividades para público adulto e infantil dirixidas a promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos.
Co obxectivo principal de promover o libro e a lectura, Venres nas librarías iniciou o pasado 2 de outubro a súa segunda edición, que terá continuidade en 2016 con novas actividades durante os meses de febreiro e de marzo. Neste tempo, o programa ofreceu semanalmente, os venres e os sábados, actividades para público adulto e infantil dirixidas a promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos.
Coa participación de 8 editoriais e 17 librarías
Un total de 8 editoriais –Nova Galicia Edicións, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Hércules de Ediciones, Editorial Toxosoutos e Urco Editora– e de 17 librarías das catro provincias –Cartabón, Andel, Librouro e Casa del Libro, en Vigo; O Pontillón, en Moaña; Pedreira e Aenea en Santiago de Compostela; Trama, en Lugo; Káthedra, en Ourense; Suévia, Couceiro e FNAC, na Coruña; Nós, en Sanxenxo; Ler, en Cee; Day, en Narón; Bahía, en Foz; e Vagalume, en Lalín– participan neste espazo de encontro entre público lector, libreiros e libreiras, e escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de diferentes propostas.
Concursos nas redes sociais
Nestes dous meses, o programa tamén desenvolveu nas redes sociais, a través das contas de Twitter @conscultura e de Facebook www.facebook.com/CulturaGalegaXunta o concurso Andel do agasallo, con libros de regalo para as persoas que acertaron, a través de pistas, as publicacións das que se falou cada semana.
La directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, visitaron hoxe na Guarda o curso de formación para redeiras que está a impartir a artesá especializada en bixutería Alicia González. A iniciativa forma parte das novas actividades formativas impulsadas en colaboración pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería do Mar coas que se sigue afondando na promoción da diversificación profesional das redeiras artesás de Galicia.
Con este obxectivo, estanse a celebrar seis cursos organizados pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño tanto na Asociación de redeiras Atalaia da Guarda como en Corme. As accións formativas céntranse no deseño de pezas específicas e na mellora da elaboración de complementos e presentación dos productos co fin de mellorar a comercialización dos artigos elaborados polas redeiras artesas de Galicia.
Onte e hoxe celébrase na Guarda o curso de “Técnicas de enfiado para redeiras”, que xa tivo lugar a semana pasada na Asociación de redeiras Illa da Estrela na localidade de Corme. O obxectivo deste curso é a mellora da calidade, a aprendizaxe de novas técnicas e a elaboración de novos produtos de bixutería.
O fotógrafo alemán residente en Lugo, Peter Schneider, impartirá o curso “Fotografía aplicada á artesanía” en Corme os días 12 e 13 de decembro e a continuación na Guarda os días 18 e 19. Con esta actividade búscase a adquisición de coñecementos e técnica que permitan realizar fotografías de calidade das pezas que elaboran as redeiras e a súa posta en valor a través de publicacións en webs e redes sociais ou comercio online.
A deseñadora galega Montserrat Álvarez, directora do estudo de deseño de Ronan y Erwan Bouroullec de París, impartirá entre o 3 e o 30 de decembro na Guarda o curso “Deseño e produción de novos produtos de bixutería para redeiras” onde a través das técnicas e das súas posibilidades de traballo elaborarán unha nova liña de bixutería con novos materiais que permitirá ampliar o mercado das profesionais deste sector da artesanía galega.
Na localidade coruñesa de Corme a deseñadora de moda Rosalía Castro impartirá o curso “Deseño e produción de novos complementos de moda para redeiras” co fin de achegarlles novas técnicas que potencien novos produtos de complementos vinculados ás tendencias e á moda actual.
A formación e a colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forman parte da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016.
Máis información© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia