Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 26 Novembro, 2015
    O Plan de inspección para 2016 busca mellorar a calidade do sector comercial e o servizo aos consumidores

    Santiago, 26 de novembro de 2015.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Plan anual de inspección comercial para 2016, que incide na información e asesoramento aos comerciantes sobre a normativa comercial, así como na corrección dos incumprimentos, co obxectivo de mellorar a calidade do comercio galego e o servizo aos consumidores neste eido, e que se fixa o obxectivo de chegar a 1.000 establecementos ao longo do ano.

    Para iso poñeranse en marcha distintas campañas de información sobre normativa comercial, nas que os establecementos terán un prazo para emendar as infraccións detectadas; e de control do cumprimento da normativa. Estas últimas estarán centradas nas promocións de vendas (rebaixas, liquidacións e descontos); os prezos e os medios de pago; a devolución de produtos; as vendas a perda, os horarios comerciais e as feiras de oportunidades. Tamén se realizarán verificacións do cumprimento das subvencións.

    O publicado hoxe trátase do segundo Plan anual de inspección comercial tras a aprobación a finais de 2014 do decreto polo que se desenvolve regulamentariamente o papel da inspección de comercio de Galicia, regulada por primeira vez na Lei 13/2010 de comercio interior de Galicia.

    Este decreto contemplaba a posta en marcha de plans anuais de inspección como unha das principais novidades, co obxectivo de maximizar a eficacia e eficiencia da actividade inspectora que xa se viña desenvolvendo, e potenciando, igualmente, a actuación da inspección de comercio na súa vertente de apoio e asesoramento ao sector; así como a súa labor preventiva para corrixir determinados incumprimentos e mellorar aspectos da súa actividade en beneficio das persoas consumidoras.

    Neste sentido, cabe sinalar que dentro da campaña informativa incluída no Plan de inspección comercial para 2015, o primeiro tras a aprobación do decreto, se logrou un 96% de cumprimentos na segunda visita de comprobación. En total, no conxunto do Plan, que incluía tamén unha campaña de vixilancia e outra de verificación das subvencións, realizáronse preto de 950 inspeccións no que vai de ano.

    Máis información
  • 23 Novembro, 2015
    Os viños da adega das Neves Señorío de Rubiós contan xa co selo de garantía de Galicia Calidade

    As Neves (Pontevedra), 23 de novembro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e polo xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixeron hoxe entrega nas Neves do certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á empresa pontevedresa Señorío de Rubiós.

    Con este recoñecemento, os viños desta compañía, certificados polas denominación de orixe Rías Baixas, poderán incluír na súa etiquetaxe este distintivo de calidade da Xunta. Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con viños das cinco denominacións de orixe, cun total de doce adegas: Rías Baixas, con Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Adegas Valdés, Vilarvín, e agora Señorío de Rubiós; Monterrei con Quinta do Buble e Gargalo; Ribeiro con Bodegas Narioa; Valdeorras con Bodegas Ruchel e A Coroa; e Ribeira Sacra con Regina Viarum e Vía Romana. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá aos viños de Señorío de Rubiós incluír o distintivo nas etiquetaxes así como nas diferentes accións de promoción que estimen oportuno.

    Aposta pola calidade
    Señorío de Rubiós é unha adega da subzona do Condado do Tea que aposta desde a súa creación polos viños brancos e tintos da zona. A súa filosofía baséase en recuperar e manter a esencia dos viños de sempre, os que elaboraron os viticultores ao longo dos anos e que mellor expresan as características destas viñas.

    Desde a súa constitución no ano 2003, a adega traballou para recuperar e potenciar os viños tradicionais da localidade, como o condado branco (coas variedades treixadura, albariño, loureiro, godello e torrontés), o sousón ou o pedral, que se elabora só nesta adega. Unha aposta que lle permitiu gañar numerosos premios en diferentes concurso nacionais e internacionais

    Señorío de Rubiós conta neste 2015 cunha produción que supera o medio millón de litros, entre os seus viños tintos, brancos e espumosos. Na actualidade a adega traballa na súa internacionalización, cunhas vendas que superan o 20% do total en países como Estados Unidos, Reino Unido, Suíza, Bélxica, México, Polonia, Australia ou Xapón.

    A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 52 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario.

    Máis información
  • 20 Novembro, 2015
    Artesanía de Galicia impulsa a entrada de mozos no sector con accións formativas dirixidas aos alumnos da EASD Mestre Mateo

    Santiago, 20 de novembro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, asistiu hoxe ao arranque do primeiro dos cursos de formación que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, promove en colaboración coa Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela co fin de favorecer a entrada de mozos no sector da artesanía galega.

    A primeira acción formativa, “Iniciación á pasamanería tradicional”, é impartida polo artesán do téxtil Rafael González Goyanes do Centro de Recuperación da Cultura Popular do Castelo do Sobroso de Ponteareas, e ten como finalidade dar a coñecer aos alumnos as técnicas da pasamanería tradicional para a súa posterior aplicación a novas creacións. O curso, ao que terán acceso un total de 10 alumnos da escola e un docente da propia escola, terá unha duración de 28 horas e rematará o 18 de decembro.

    Darán continuidade a este programa de formación no que participarán un total de 40 alumnos da EASD Mestre Mateo, o curso impartido pola artesá pontevedresa Viviana Araújo, finalista nos Premios Artesanía de Galicia, que impartirá o curso “Elaboración de tocados” mentres que pola súa banda, o artesán Albino Quinteiro, presidente da Asociación Galega de Artesáns Tradicionais, compartirá cos alumnos a súa experiencia no oficio téxtil co curso “Impresión con pasta e tinguidura con Thermofax”.

    A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo encádrase dentro do Plan de Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

    Máis información
  • 19 Novembro, 2015
    Conde destaca o esforzo do comercio galego de proximidade por adaptarse ás novas realidades e aos novos hábitos de compra

    Santiago, 19 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe nunha xornada centrada en aspectos como a innovación comercial, as novas tecnoloxías ou a comunicación coa que a Federación Galega de Comercio celebra o seu 30 aniversario o esforzo do comercio galego de proximidade por adaptarse ás novas realidades e aos novos hábitos de compra dos consumidores.

    O conselleiro sinalou que, para acompañar ese esforzo, a Xunta ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020, que conta coas achegas do sector. Conde lembrou que este plan ten entre os seus obxectivos incrementar nun 15% os emprendedores que traballan no comercio galego; triplicar a porcentaxe de establecementos que venden na rede, alcanzando o 14%; e incrementar nun 10% o número de comercios que se asocian para competir.

    Para iso, tal e como detallou Francisco Conde, o Plan céntrase en tres retos: a mellora da competitividade, afianzando un comercio actual e xerador de riqueza; o smart commerce, ao que se destina un 40% dos recursos do plan, avanzando nun novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia; e a potenciación do comercio excelente, traballando na dinamización comercial e a mellora continua do servizo.

    Sinalou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria na súa intervención que o comercio galego de proximidade é consciente do reto que supón a presenza en internet e nas redes sociais, e neste sentido lembrou que preto de 1.000 comerciantes e artesáns galegos participan este ano no programa para impulsar o smart commerce e o comercio en liña activado pola Consellería.

    Conde, que apuntou que unha das principais vantaxes competitivas do sector comercial galego é o seu tecido asociativo, destacou que a colaboración co asociacionismo comercial é unha constante na estratexia de apoio ao sector polo papel clave que xogan centros comerciais abertos, asociacións e federacións.

    Máis información
  • 19 Novembro, 2015
    Conde destaca aos emprendedores galardoados nos premios de AJE Coruña como símbolo dunha nova “Galicia das ideas”

    A Coruña, 19 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe aos galardoados nos premios anuais de AJE Coruña, e ás 944 empresas creadas nas comarcas de A Coruña e Santiago no que levamos de ano, como símbolo dunha nova “Galicia das ideas” que crece en emprego “liderada por emprendedores”. Conde participou na entrega dos Premios Emprende Coruña 2015 organizados por AJE Coruña, que inclúen os galardoes Premio Joven Empresario 2015 e Premio AJE Junior 2015, así como un recoñecemento a varias compañías pola súa excelencia na innovación, a creación de emprego e a internacionalización.

    Conde resaltou a aposta dos galardoados por ver “portas onde outros empresarios teñen visto muros” e facer de A Coruña e Santiago “un lugar máis creativo para vivir, con máis emprego, con máis ideas, e con máis benestar”, marcando “as coordenadas da Coruña, do Santiago e da Galicia, que queremos ser”.

    O conselleiro resaltou aos membros de AJE Coruña como parte dunha nova xeración de talento emprendedor galego “que ten sido quen de estar a altura dos grandes empresarios do pasado que fixeron desta provincia o que é hoxe”, como Rubine, Bescansa ou os irmáns Núñez. E, neste senso, resaltou o apoio do Goberno galego a garantir ese pulo emprendedor, “derrubando barreiras como as licencias municipais de actividade, que eliminamos”, así como facilitando o asesoramento e o financiamento a través da Unidade Galicia Emprende, a Rede de Business Angels, as aceleradoras como Galicia Open Future, Vía Galicia ou Agrobiotech, e os 40 millóns de euros orzamentados pola Xunta para 2016 en apoio ao emprendemento.

    “Con ese esforzo aspiramos a acompañarvos para facer realidade os voso soños de cambiar Galicia para mellor, facendo de ponte entre as vosas ideas e os vosos negocios”, resaltou o conselleiro, que salientou ese liderado como “unha responsabilidade” en tanto que os galegos “vos teñen aos emprendedores como exemplo e guía”.
     

    Máis información
  • 19 Novembro, 2015
    A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou nun obradoiro para mellorar a xestión do comercio de proximidade organizado pola Cámara de Ourense

    Santiago, 19 de novembro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou hoxe durante a súa participación nun taller para a mellora na xestión do comercio de proximidade organizado pola Cámara de Comercio de Ourense a importancia da innovación comercial para reforzar a competitividade do sector.

    No encontro, centrado na innovación e a atracción de clientes, e que se enmarca no terceiro Plan Integral de Apoio ao Comercio Minorista da Cámara de Comercio de Ourense, lembrou que a Xunta destina un 40% dos recursos do Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia ao smart commerce e o comercio electrónico, avanzando nun novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia.

    O plan céntrase ademais de neste reto, na mellora da competitividade, afianzando un comercio actual e xerador de riqueza; e a potenciación do comercio excelente, traballando na dinamización comercial e a mellora continua do servizo.

    Entre os obxectivos que se fixan nesta folla de ruta están incrementar nun 15% os emprendedores que traballan no comercio galego; triplicar a porcentaxe de establecementos que venden na rede, alcanzando o 14%; e incrementar nun 10% o número de comercios que se asocian para competir.

    Máis información
  • 18 Novembro, 2015
    Conde sinala que o Plan de mercados excelentes “nacerá do consenso para impulsar a competitividade das prazas galegas”

    Santiago, 18 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na clausura do encontro “Falemos de mercados de futuro” que o Plan de Mercados Excelentes, que se presentará antes de que remate o ano, “nacerá do consenso, a participación e o debate para xuntos impulsar a competitividade das nosas prazas de abastos”.

    Conde foi o encargado de pechar unha xornada de debate na que a Xunta convidou a participar a comerciantes, consumidores e concellos para contar coas súas achegas na elaboración desta folla de ruta que incluirá medidas específicas para que os mercados galegos sigan camiñando cara a excelencia, como apoios para a mellora da imaxe e a atención ao cliente, ou axudas para que as asociacións de praceiros melloren servizos e equipamentos.

    Do mesmo xeito, o Plan, que tal e como salientou Conde busca “continuar modernizando os que son os máis importantes centros de dinamización do comercio de proximidade”, contemplará iniciativas para reforzar o emprendemento nas prazas, entre as que se atopan o impulso á apertura de novos establecementos en mercados de baixa ocupación.

    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que o Plan detallará tamén os requisitos que deberán cumprir as prazas que desexen obter o distintivo de Mercado Excelente, sinalando que a Xunta traballa co obxectivo de que a principios do ano que vén poidan estar acreditados os primeiros mercados excelentes.

    Para iso, sinalou o conselleiro, estableceranse auditorías nas que se medirán parámetros como a arquitectura, as instalacións e a accesibilidade, a xestión e a organización, a actividade comercial, a atención ao cliente, os servizos engadidos ou a mellora continua.

    Na xornada hoxe, coa que se busca implicar a todos os axentes no futuro Plan de Mercados Excelentes, expúxose a experiencia da Praza de Abastos de Santiago de Compostela, coa participación da súa xerente, Marta Rey; e da Federación de Mercados de Vigo (Mercacevi), a cargo do xerente Delmiro Hermida.

    Tamén interviron no encontro María del Carmen Rodríguez, xerente da Federación de Prazas de Abastos de Galicia, (Fepragal), e os alcaldes de Bande, José Antonio Armada, e de Tomiño, Sandra González, que detallaron os proxectos desenvoltos nos mercados dos seus respectivos concellos. O encontro contou tamén coa intervención de Marcos Balboa, vicepresidente da Federación Galega de Xoves Empresarios (Fegaxe-Aje Galicia).

    Tal e como subliñou Conde, estas experiencias deixan de relevo “que Galicia está a traballar xa en prazas de abastos que funden as súas raíces na tradición para medrar cara ao futuro” sinalando que “co Plan de Mercados Excelentes como folla de ruta e o traballo conxunto de todos lograremos seguir avanzando neste camiño”.

    Máis información
  • 13 Novembro, 2015
    Conde destaca o liderado emprendedor e innovador que debe xogar o rural ourensán para construír “a Galicia das ideas”

    Bande (Ourense), 13 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o liderado emprendedor e innovador que debe xogar o rural ourensán para construír “a Galicia das ideas, do esforzo, do risco e a perseverancia”. Conde participou en Bande no Foro La Región Transformando Ourense, encontro que resaltou como “necesario para impulsar esa mistura de saber facer e risco que caracteriza ao emprendemento ourensán, e que lle ten permitido estar á cabeza de Galicia”. Neste senso, o conselleiro lembrou que no que levamos de ano, Ourense é a provincia que lidera a creación de empresas en Galicia, sumando 360 novas compañías, máis dun 4% por riba do ano pasado.

    “Só cun ecosistema que permita emprender e innovar no rural seremos quén de vertebrar o país, de non ter só un motor industrial, senón varios, e de vivir nunha Galicia na que as oportunidades sexan iguais para todos”, dixo o conselleiro. O Goberno galego, segundo avanzou no recente debate de orzamentos, conta con ferramentas para avanzar neste camiño, como un programa de emprendemento industrial de produtos agrícolas e gandeiros do rural; ou o apoio á creación de novas compañías por parte dos menores de 30 anos a través de cooperativas ou sociedades laborais; así como reservando nos orzamentos 40 millóns de euros en apoio ao emprendedores, autónomos e cooperativas.

    De cara a reforzar esa tendencia, Conde incidiu nas ferramentas postas polo Goberno galego á disposición dos emprendedores, como a eliminación das licencias municipais de obra e actividade para facilitar a apertura de novos negocios; a posta en marcha de unidades de apoio como a Rede de Axentes de Emprego, a Rede Eusumo e a Unidade Galicia Emprende, que asesora aos emprendedores desde a primeira idea ata o mesmo momento da apertura do negocio; a formación e o financiamento, xa sexa directo por parte da Xunta ou a través da Rede de Business Angels.

    Ese impulso emprendedor, dixo Conde, debe complementarse cun traballo de apoio á innovación das empresas do rural, clave para apuntalar a súa competitividade, en eidos como o agroalimentario, a biotecnoloxía, ou a biomasa. Son preciosamente os tres grandes sectores que a Xunta está a impulsar na aceleradora Agrobiotech, con sede en Ourense, na que once pequenas empresas destes tres sectores están a recibir asesoramento especial para gañar proxección. A ese traballo se suma a estratexia de biotecnoloxía que activará a Xunta no vindeiro ano, que suma 10 millóns para multiplicar as oportunidades do sector, así como a Estratexia de Impulso da Biomasa, que busca fomentar o emprego deste combustible nas empresas, fogares e administracións, co potencial de reducir o gasto en calefacción á metade, reforzando o tecido empresarial galego a partir dos recursos propios do rural.

    Máis información
  • 07 Novembro, 2015
    Os obradoiros de cociña Peque-Chef achegan aos máis cativos en Padrón a calidade dos produtos das Praza de Abastos

    Padrón (A Coruña), 7 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entregou este mediodía na praza de abastos de Padrón os diplomas aos rapaces que participaron na localidade nos obradoiros de cociña Peque-Chef, desenvolvidos pola asociación de praceiros de Padrón e a Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal) co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

    A iniciativa Peque-Chef supón un paso moi importante na tarefa de achegar a actividade das prazas e mercados aos mais novos, contribuíndo a consolidar as prazas de abastos como líderes na venda do produto fresco e de calidade.

    Os obradoiros Peque-Chef, que se realizan nas prazas de abastos que forman parte de Fepragal, están dirixidos a nenos e nenas a partir dos cinco anos, cun mestre cociñeiro co que aprenden a elaborar pratos cos produtos da praza. Ademais, móstralles hábitos saudables na alimentación, ao tempo que se os informa das propiedades beneficiosas que conteñen os alimentos incluídos na súa dieta cotiá.

    O apoio a esta iniciativa enmárcase no novo Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que recolle entre as súas accións específicas a atracción de novos clientes ás prazas de abastos, e que ten tamén na colaboración coas asociacións de praceiros unha das principais liñas de traballo para impulsar a excelencia dos mercados galegos.

    Máis información
  • 05 Novembro, 2015
    O Comercio coruñés debate sobre emprendemento e novas tecnoloxías como claves do futuro do sector

    A Coruña, 5 de novembro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe na Coruña nun Taller de Emprendemento e Creatividade Tecnolóxica, organizado pola Federación Galega de Comercio en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, no que se debateu sobre as iniciativas emprendedoras, o smart commerce e as novas tecnoloxías como claves do futuro do sector.

    No Taller, que chegará nas próximas semanas ás catro provincias galegas, achegouse información sobre as distintas ferramentas a disposición dos comerciantes, ao tempo que as empresas Boutique Trés Jolie, Boutique Pilar y Carmen, Mustang e Zapaterías 100pies presentaron as súas experiencias de éxito baseadas na innovación.

    O obxectivo da iniciativa é transmitir información e exemplos de aptitudes que permitan ao comercio de proximidade responder aos diferentes desafíos e oportunidades, achegando medios para impulsar a súa competitividade a través do emprego de novas canles de promocion e venda, fidelización e coñecemento do consumidor.

    A aposta polo smart commerce, establecendo un novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia, é un dos eixos do novo Plan de Impulso ao Comercio de Galicia, no que se aposta por incrementar a innovación no comercio galego como un dos factores clave para mellorar a súa posición competitiva, impulsando o comercio electrónico e novas fórmulas de comercialización dos produtos, así como de mellora do seu deseño e presentación.

    Máis información
  • 30 Outubro, 2015
    Galicia Calidade estrea unha nova web máis accesible e social

    Santiago, 30 de outubro de 2015.- Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, estrea hoxe unha páxina web centrada na accesibilidade e a proxección das empresas e os produtos que forman parte do selo, así como na utilidade social. A nova web, que inclúe unha renovación total da interface de usuario, sendo máis clara e sinxela, ten como unha das súas principais novidades a Tenda, un espazo no que os usuarios poden consultar os produtos certificados e acceder directamente ás tendas online das respectivas empresas.

    A páxina é accesible nos dominios “.gal” e “.es” (www.galiciacalidade.gal e www.galiciacalidade.es), e foi deseñada cos máis esixentes principios de accesibilidade e adaptada para todo tipo de dispositivos móbiles e fixos.

    A nova web tamén facilita o acceso ás redes sociais de Galicia Calidade (Facebook, Twitter, Google+, Instagram e YouTube), que xa se converteron en canles estratéxicas para a difusión da actividade da marca de garantía e das empresas certificadas. Na actualidade, Galicia Calidade conta xa con máis de 10.000 seguidores en Twitter e case 9.000 Gústames en Facebook, cun crecemento do 35% no último ano.

    O sitio recolle toda a información institucional sobre a empresa, os estatutos e os criterios de certificación, así como a posibilidade de solicitar online a certificación dunha empresa. Outro punto destacado e o acceso á información das empresas certificadas, que se poden buscar por sectores (alimentación, viños ou lácteos, entre outros), ofrecendo unha sinopse de cada unha delas, ademais dos datos de contacto e os produtos que teñen certificados con Galicia Calidade. A nova web tamén inclúe a información de todos os selos de certificacións de orixe que hai activos en Galicia, como denominacións de orixe ou indicacións de orixe protexida.

    Galicia Calidade naceu hai 20 anos como marca de garantía para certificar a calidade dos produtos e servizos que pola súa elaboración en Galicia, a súa materia prima ou o seu deseño galego, sexan merecentes dela, despois de contrastada mediante os controis establecidos.

    Na actualidade, Galicia Calidade conta con máis de 50 empresas adheridas ao selo con máis de 300 produtos certificados. En total, as empresas facturan máis de 2.100 millóns de euros e xeran máis de 4.000 empregos directos. No último exercicio firmou sendos acordos co Clúster do Turismo de Galicia e co Clúster do Granito, para certificar os produtos das empresas que integran ambas asociacións.

    Máis información
  • 28 Outubro, 2015
    Economía, Emprego e Industria destaca en Lalín o papel das asociacións de praceiros na dinamización dos mercados galegos

    Lalín (Pontevedra), 28 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou esta tarde en Lalín o importante papel que desenvolven as asociacións de praceiros na dinamización dos mercados galegos.

    Vázquez Abeal participou na apertura da iniciativa “A praza en tapas”, organizada pola Asociación de Profesionais da Praza de Abastos de Lalín e a Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal), que se celebra cada día ata o 31 de outubro no mercado lalinense a partir das 19 horas, e que inclúe a degustación de produtos da praza de abastos e da comarca, en colaboración cos hostaleiros da zona.

    O apoio ao sector comercial é un eixo estratéxico da actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020, no que o traballo conxunto coas asociacións de comerciantes xoga un papel clave.

    Máis información
  • 27 Outubro, 2015
    Os Premios Nacionais de Comercio Interior recoñecen o labor do asociacionismo comercial galego

    Madrid, 27 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe en Madrid no acto de entrega dos Premios Nacionais de Comercio Interior, no que se recoñeceu o importante labor que desenvolve o asociacionismo comercial galego na dinamización do sector, con senllas mencións honoríficas no Premio a Centros Comerciais Abertos ao CCA Boiro Aberto e á Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO).

    Na cerimonia, que se celebrou na sede do Ministerio de Economía e Competitividade e que estivo presidida polo secretario de Estado de Comercio, Jaime García Legaz, o Concello de Santiago recibiu tamén un áccesit no Premio Nacional a municipios.

    O comercio galego ten cada ano unha importante presenza neste certame convocado polo Ministerio de Economía e Competitividade que ten por obxecto destacar os pequenos comercios, no seu labor de desenvolvemento comercial e modernización empresarial, mediante a mellora da tecnoloxía e a asociación de empresas, así como a promoción dos centros comerciais abertos e o traballo dos municipios nas súas actividades de renovación urbana comercial.

    O apoio ao sector comercial é un eixo estratéxico da actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020, no que o traballo conxunto coas asociacións de comerciantes xoga un papel clave.

    Máis información
  • 26 Outubro, 2015
    Os premios “Comercio con talento” distinguen en Carballo a tenda Mar de Encuentro

    Carballo (A Coruña), 26 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta mañá ao establecemento de Carballo Mar de Encuentro un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.

    Na iniciativa participaron alumnos dos ciclos formativos de grao medio de Comercio e do grao superior de Xestión comercial e márketing de toda Galicia, que propuxeron as candidaturas dos negocios que, ao seu xuízo, son os máis innovadores da súa zona. Un xurado especializado escolleu posteriormente aos diferentes negocios gañadores, e os alumnos que propuxeron a súa candidatura reciben premios para mercar no comercio local.

    No caso de Mar de Encuentro, foron propostos por un equipo de alumnas do Ciclo Medio de Comercio do IES Alfredo Brañas de Carballo: Inmaculada Alabarce Mingorance, Sandra Muñiz Souto e Esperanza Barca López.

    Mar de Encuentro naceu hai pouco máis de dous anos da man de Ana Écija co obxectivo de achegar o último en moda xuvenil e complementos. Como elemento diferenciador, o local, situado na rúa Valle Inclán, conta cun espazo no que tanto clientes como amantes da arte poden expoñer os seus traballos ou mesmo dar renda solta á súa creatividade. Ademais, periodicamente, no establecemento organízanse diversos obradoiros creativos vinculados ao mundo da moda e da decoración.

    A posta en marcha de Comercio con talento, que conta coa colaboración de Abanca, enmárcase na estratexia de impulso ao sector comercial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020. Esta folla de ruta, que suma 70 millóns en recursos públicos, busca incrementar nun 15 % os emprendedores que traballan no sector e triplicar a porcentaxe de establecementos que venden na internet, entre outros obxectivos.

    Máis información
  • 26 Outubro, 2015
    Os queixos da empresa lalinense Lácteos Anzuxao contan xa co selo de garantía de Galicia Calidade

    Lalín (Pontevedra), 26 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, fixo hoxe entrega en Lalín do certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á empresa pontevedresa Lácteos Anzuxao.

    Con este recoñecemento, os queixos desta compañía, certificados polas denominacións de orixe Queixo de Tetilla e Arzúa-Ulloa, poderán incluír na súa etiquetaxe o distintivo de calidade da Xunta. Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con queixos de tres denominacións de orixe: Queixo Tetilla, Arzúa Ulloa e San Simón da Costa.

    O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá aos queixos de Lácteos Anzuxao incluír o distintivo nas etiquetaxes así como nas diferentes accións de promoción que estimen oportuno.

    Aposta pola calidade
    A parroquia de Madriñán, en Lalín, acolle a Fábrica de Queixos de Pazo de Anzuxao, unha empresa que soubo manter a tradición galega no mercado gastronómico actual. Pazo de Anzuxao iniciou a súa singradura como fábrica de queixos artesanais nos anos setenta por iniciativa da súa fundadora Josefina Menéndez, unha muller emprendedora que sempre mantivo desde os seus inicios que os seus produtos virarían ao redor dos conceptos de calidade e tradición.

    Lácteos Anzuxao é unha referencia nos queixos galegos elaborando as modalidades de Queixo de Tetilla e Arzúa-Ulloa, certificados agora por Galicia Calidade, e ademais outras como semi-curado, semi-graxo, curado e requeixo. A calidade destes produtos foi recoñecida con diferentes premios, e o seu queixo de tetilla conta actualmente coa Distinción de Ouro a mellor tetilla na categoría D.O.P.

    A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 52 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario.

    Máis información
  • 23 Outubro, 2015
    Economía, Emprego e Industria destaca o papel do Salón do Automóbil de Ourense como o mellor escaparate do sector

    Ourense, 23 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou esta mañá en Expourense na inauguración do Salón do Automóbil de Ourense, que se celebra ata o domingo coa participación de 24 marcas e todos os concesionarios oficiais da provincia.

    Na súa intervención, a representante da Consellería de Economía, Emprego e Industria destacou o papel desta feira como “o mellor escaparate” dun sector de especial relevancia para a economía de Ourense e de Galicia.

    Na sétima edición desta feira, organizada de forma conxunta por Expourense e Acauto (Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense), poden verse en horario de mañá e tarde os diferentes modelos á venda, así como as principais novidades para o vindeiro ano. Do 30 de outubro ao 1 de novembro daralle continuidade o salón de vehículos de ocasión.

  • 23 Outubro, 2015
    Economía, Emprego e Industria impulsa con 70.000 euros a modernización da praza de abastos de Noia

    Noia (A Coruña), 23 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá a praza de abastos de Noia, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade na que se están a realizar melloras cunha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria de máis de 7.000 euros.

    As actuacións céntranse na rehabilitación do pavimento na planta baixa e nas escaleiras, e súmanse a outras realizadas en anos anteriores destinadas a impulsar o aforro enerxético no mercado ou á rehabilitación da cuberta, entre outros. En total, o Goberno galego apoiou con máis de 270.000 euros a praza de abastos noiesa desde 2009.

    A Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

    Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

    Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

    Máis información
  • 21 Outubro, 2015
    Economía, Emprego e Industria impulsa con preto de 400.000 euros a modernización da praza de abastos das Pontes

    As Pontes (A Coruña), 21 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá acompañadas polo alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, a praza de abastos da localidade, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade na que se están a realizar melloras cunha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria de máis de 120.000 euros.

    As actuacións céntranse na cuberta e na remodelación do baixo cuberta, remodelándoa para dar acollida a unha planta con postos administrativos, oficinas e unha sala de reunións para os praceiros. Súmanse ás realizadas no 2013 e no 2014, que contaron tamén co apoio da Xunta. En total, o Goberno galego leva destinados desde o 2013 preto de 400.000 euros para actuacións no mercado pontés.

    A Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

    Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

    Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

    Máis información
  • 21 Outubro, 2015
    A Xunta destaca o papel do comercio ourensán na dinamización económica e social da provincia

    Ourense, 21 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, destacou hoxe na entrega dos I Premios Mercurio, organizados pola Federación provincial de comercio de Ourense, o papel do comercio ourensán na dinamización económica e social da provincia.

    Vázquez Abeal subliñou así mesmo a importancia de recoñecer a aqueles profesionais que “co seu esforzo diario son un referente do saber facer do comercio de proximidade e da súa calidade”, ademais de destacar proxectos innovadores que “lle dan un novo pulo ao sector”. Do mesmo xeito, agradeceu ademais aos colectivos e persoas que foron recoñecidos tamén hoxe pola Federación polo seu respaldo ao sector ou a súa contribución á sociedade ourensá.

    A directora, que felicitou á Federación provincial de Comercio pola iniciativa, salientou o importante labor que desenvolve o asociacionismo no impulso ao comercio de proximidade, permitindo levar a cabo estratexias de promoción conxuntas e achegar novos servizos aos consumidores.

    Neste sentido, incidiu en que o respaldo ao asociacionismo comercial é prioritario para a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que este ano apoia con preto de 300.000 euros o traballo que desenvolven tanto a Federación provincial de Comercio de Ourense como os sete centros comerciais abertos da provincia, así como a Asociación de Comerciantes e Industriais da Praza de Abastos nº1 de Ourense e a Asociación Empresarial de Valdeorras.

    Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

    Máis información
  • 17 Outubro, 2015
    Economía, Emprego e Industria impulsa a posta en valor dos creadores galegos na Maker Faire Compostela

    Santiago, 17 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe a iniciativa Maker Faire Compostela, que se celebra ao longo de toda a xornada en Área Central e que conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria pola súa contribución á posta en valor dos creadores galegos.

    Trátase do primeiro encontro en Galicia do movemento MAKER, que se basea na cultura do “Do It Yourself” ou “Faino ti mesmo”. Haberá durante todo o día obradoiros abertos para toda a familia, e un espazo onde se sucederán mesas redondas sobre tecnoloxía, innovación educativa, espazos colaborativos, artesanía e gastronomía. Haberá ademais unha zona específica na que artistas urbanos realizarán intervencións sobre obras de artistas e artesáns, o que constituirá un espectáculo en vivo.

    Artesanía de Galicia estará presente cun espazo informativo e un obradoiro de papel e encadernación dirixido a todos os públicos. Ademais, no encontro participarán artesáns que contan coa marca Artesanía de Galicia, como os ceramistas Ferando Porto (A Estrada) e Nacho Porto (Carnota); o téxtil de Lola de Logaro (Ourense), e as xoias en vidro de Rosa Méndez (Teo). Pola súa banda, a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) participa cun obradoiro para todas as idades de 11:00 a 18:00 chamado Artesanía (looping).

    A artesanía tamén estará presente na mesa redonda prevista para as 19 horas, na que ademais desta cesteira contemporánea participarán Lucía Ruiz Aguirre (fundadora de MöU e Como molo), Luis González (da firma de xoiaría Ardentia, finalista dos Premios Artesanía de Galicia); Lola García Romaneli (da firma Lola de Logaro) e Elena Fabeiro, xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

    Máis información

  • Páxina 14 de 85

  • Mostrando do 261 ao 280 dun total de 1686 rexistros