Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 15 Outubro, 2015
    O DOG publica hoxe os domingos e festivos nos que os establecementos comerciais poderán abrir no 2016

    Santiago, 15 de outubro de 2015.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia os domingos e festivos nos que os establecementos comerciais que non gozan de liberdade horaria poderán abrir ao longo do vindeiro ano 2016.

    Logo da consulta previa ás principais organizacións do sector, ao Consello Galego de Consumidores e Usuarios e ao Consello Galego de Cámaras, os días de apertura, que como en anos anteriores e tal e como marca a normativa serán 10, repártense do seguinte xeito: os domingos 3 e 10 de xaneiro; o 24 de marzo, festividade de Xoves Santo; o domingo 3 de xullo; o domingo 24 de xullo, véspera do Día de Galicia; o 1 de novembro, Todos os Santos; e os domingos 4, 11 e 18 de decembro; así como o 8 de decembro, día da Inmaculada Concepción.

    Calquera concello que o estime oportuno poderá solicitar ata o próximo 15 de novembro a modificación de ata dúas datas para o seu termo municipal para adaptalo aos festivos locais ou atendendo a calquera outra circunstancia motivada.

    Estes domingos e festivos non son de aplicación para o pequeno comercio, xa que, con carácter xeral, poden decidir libremente o seu horario e días de apertura os establecementos de ata 300 metros cadrados, coa excepción dos que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa.

    Máis información
  • 14 Outubro, 2015
    O obradoiro de Bergondo Ardentia, a viguesa Marta Armada e a pontevedresa Viviana Araújo optan ao Premio Artesanía de Galicia

    Santiago, 14 de outubro de 2015.- O obradoiro de xoiaría de Bergondo Ardentia; a ceramista e deseñadora de xoias viguesa Marta Armada e a pontevedresa Viviana Araújo, experta en tocados, sombreiros e outros complementos, son os finalistas do Premio Artesanía de Galicia, dotado con 6.000 euros e que ten por obxectivo recoñecer a obra que mellor representa á artesanía competitiva e que conxuga os valores tradicionais do sector coas novas tendencias.

    Ademais desta categoría, dotada con 6.000 euros, os Premios Artesanía de Galicia 2014, que teñen por obxectivo recoñecer o labor creativo e a traxectoria dos artesáns galegos, ao tempo que se contribúe a impulsar o relevo xeracional e o desenvolvemento do talento no sector, contan con outras dúas categorías: o Premio Traxectoria, de carácter honorífico, e a Bolsa Eloy Gesto, dotada con 3.000 euros e coa que se apoiará a formación do gañador nun centro de referencia no eido da artesanía e do deseño. Os gañadores en cada unha destas categorías daranse a coñecer nun acto público que se celebrará nas próximas semanas.

    O xurado estivo presidido pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez e como vogais participaron Marta López, subdirectora xeral de Comercio, así como os expertos Covadonga Carrasco, arquitecta fundadora do estudio CREUSeCARRASCO; Pablo Velasco, responsable da Cátedra Fundesarte na Fundación EOI; Jaime Sevilla, socio da empresa peSeta e Félix Sanz Sastre, director do Centro Rexional de Artesanía de Castela e León (Cearcal). Como secretaria con voz pero sen voto participou a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro.

    As tres obras finalistas na categoría Premio Artesanía de Galicia foron escollidas por unanimidade. Viviana Araújo, que dirixe a tenda-obradoiro Estilo Aramar na capital pontevedresa, especializada en complementos femininos artesanais, como turbantes, tocados e sombreiros de festa, e flores artesanais de tea e plumas, presentou a peza con lema Luscofusco. O xurado destaca a calidade técnica e o proceso de elaboración deste corpiño singular e único, que incide tamén na renovación dos oficios como a plumería e o acceso a novos mercados.

    Pola súa banda o obradoiro de xoiaría de Bergondo Ardentia participa coa peza con lema Origami. O coidado deseño, a calidade e a incorporación das novas tecnoloxías no proceso de elaboración desta colección son as razóns que o xurado expón para seleccionar esta colección de Ardentia como finalista dos Premios Artesanía de Galicia 2014. Este obradoiro de xoiaría, con mais de 27 anos de vida e presentes en mais de vinte países, deseña e elabora coleccións de xoiaría contemporánea en prata de lei e esmalte ao lume cun marcado carácter diferenciador.

    A viguesa Marta Armada presentou a peza con lema Sin lastre. A adaptación ás novas tendencias, a innovación, o deseño e a calidade tanto dos materiais empregados como na execución da obra son as razóns que levan ao xurado a nomear finalista esta candidatura. O traballo desta ceramista e deseñadora de xoias é como un mapa de situación no que o espectador pode percorrer lugares, momentos e situacións nos que a autora destila as súas vivencias e nos amosa a súa persoal visión do micro mundo ao que nos remiten os seus traballos.

    A convocatoria dos Premios de Artesanía de Galicia por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria forma parte do Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

    Máis información
  • 13 Outubro, 2015
    A Xunta reúnese co Concello de Pontedeume e a Deputación para avanzar na reforma do mercado eumés

    Santiago, 13 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, reuniuse esta mañá co Concello de Pontedeume e representantes da Deputación Provincial da Coruña para buscar solucións ás dificultades materiais trasladadas por parte do Concello para executar a parte das obras de reforma do mercado prevista para ano 2015.

    Vázquez Abeal trasladoulles que a Xunta manterá o seu compromiso económico, en virtude do protocolo de actuación asinado en marzo de 2015. Neste protocolo, subscrito por Concello, Xunta e Deputación, a Administración autonómica comprometíase a achegar 500.000 euros, un terzo do orzamento total, dos cales 150.000 euros se correspondían a actuacións a desenvolver neste 2015.

    Co obxectivo de facilitar o desenvolvemento das actuacións, na reunión de hoxe a Xunta comprometeuse a reaxustar as súas achegas ao novo calendario de execución, que corresponde aos anos 2016 e 2017. Este reaxuste quedará plasmado no convenio que se asinará en vindeiras semanas.

    No encontro celebrado hoxe en Santiago incidiuse na necesidade da reforma do mercado e na súa importancia para dinamizar a actividade comercial da vila e a xeración do emprego, así como as oportunidades de contar cun novo mercado capaz de potenciar a venda de produtos locais da comarca e incrementar o atractivo turístico da vila.

    Máis información
  • 09 Outubro, 2015
    A iniciativa “As compras na túa vila teñen premio” dinamiza as vendas do comercio ourensán

    Ourense, 9 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou esta tarde en Ourense na festa de peche da iniciativa de dinamización comercial As compras na túa vila teñen premio, unha campaña posta en marcha pola Federación Galega de Comercio e a Federación de Comercio de Ourense en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria que se desenvolveu desde o pasado 28 de setembro co obxectivo de poñer en valor o comercio de proximidade e impulsar as vendas premiando a confianza dos clientes.

    No acto sorteáronse premios por un total de 4.000 euros entre os que mercaron durante a duración da campaña no comercio de proximidade, repartidos en 5 tarxetas regalo de 300 euros e outras 25 por valor de 100 euros.

    A campaña As compras na túa vila teñen premio chega este ano á súa oitava edición, desenvolvéndose en 4 cidades galegas. A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para a posta en marcha de iniciativas conxuntas para impulsar a competitividade do sector.

    Este acordo dotado con 600.000 euros, un 20% máis que o ano pasado, permite entre outras actuacións o mantemento dun servizo de asesoramento ao sector comercial e de fomento do emprendemento, e contémplanse tamén diferentes actuacións para a implantación das novas tecnoloxías relacionadas coa fidelización de clientes e a potenciación do comercio electrónico, así como a realización de encontros e xornadas.

    Máis información
  • 08 Outubro, 2015
    Economía, Emprego e Industria apoia con preto de 30.000 euros a ampliación da praza do mercado de Ponte Carreira (Frades)

    Frades (A Coruña), 8 de outubro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá a praza do mercado de Ponte Carreira (Frades), unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio local na que está realizando melloras o Concello, ao que a Consellería de Economía e Industria vén de conceder unha axuda por preto de 30.000 euros. As actuacións previstas céntranse na ampliación, adecuación e modernización do espazo público destinado ao mercado tradicional que se celebra os días 12 e 26 de cada mes.

    A Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

    Os concellos que realicen melloras nas prazas de abastos deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

    Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

    Máis información
  • 06 Outubro, 2015
    Belén do Campo analiza con representantes dos veciños do concello de Ordes medidas para revitalizar o mercado agrario comarcal do Mesón do Vento

    A Coruña, 6 de outubro de 2015.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da asociación de veciños Campo da Feira de Ardemil, Fernando Noya, e co representante dos empresarios do Concello de Ordes José Manuel Candal, que lle expuxeron a necesidade de levar a cabo medidas de impulso ao mercado agrario comarcal do Mesón do Vento, que se celebra nesta localidade os sábados vésperas do primeiro e terceiro domingo de cada mes.


    No encontro, no que tamén estivo o deputado autonómico Miguel Prado, Do Campo trasladoulles o compromiso do Goberno galego para reactivar esta feira a través das medidas impulsadas pola Consellería de Economía e Industria para seguir potenciando este espazo como dinamizador do comercio de proximidade local.
    A representante do Executivo autonómico na provincia recordou que o departamento autonómico mantén unha estratexia de impulso ao sector a través de distintas achegas económicas dirixidas aos concellos nos que se asenta o tecido comercial, que busca modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con tres retos como eixo: afianzar un sector comercial renovado, impulsar o smart commerce e o comercio electrónico e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua. A finalidade destas actuacións é a de incrementar o atractivo dos recintos e atraer novos clientes.


    En total, Economía e Industria vén de conceder este ano apoios por importe de 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

    Máis información
  • 01 Outubro, 2015
    A Xunta de Galicia destina preto de 75.000 euros á realización de melloras nos campos da feira dos concellos da Baña, Negreira e Val do Dubra

    A Baña (A Coruña), 1 de outubro de 2015.- A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o campo da feira da Baña, onde nas vindeiras semanas se levarán a cabo traballos para reparar as deficiencias e mellorar a súa imaxe, co fin de seguir potenciando este espazo como unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local. A actuación estará cofinanciada polo Goberno galego, a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria de 29.953 euros, que supón o 70% do investimento total.

    Do Campo analizou co alcalde do municipio, Andrés García, o proxecto, que consistirá na rehabilitación das zonas onde se instalan os postos ambulantes en días de feira, na renovación dos bancos e papeleiras, así como na instalación de tres illas de madeira para a ocultación dos colectores do lixo. Ademais, instalarase un aparcabicicletas e un punto informativo e habilitaranse novas superficies axardinadas, con novas plantas baixas caducas e perennes. Por último, colocaranse catro sinais luminosas indicadoras do paso de peóns, co fin de mellorar a seguridade viaria no entorno. Todos os traballos deberán estar rematados o 15 de novembro.

    A representante do Executivo autonómico na provincia recordou que esta achega enmárcase na estratexia de impulso ao sector comercial da consellería, que busca modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con tres retos como eixo: afianzar un sector comercial renovado, impulsar o smart commerce e o comercio electrónico e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

    Neste senso, a delegada recordou que tamén os concellos limítrofes de Negreira e Val do Dubra recibirán varias achegas por este concepto. No caso de Negreira, a Xunta destinará 29.827 euros a mellorar a imaxe e os servizos do campo da feira coa renovación do mobiliario urbano, a instalación dunha pérgola e mesas de merendeiro, así como a reparar as deficiencias detectadas no recinto. En canto a Val do Dubra, a partida autonómica será de 14.533 euros, que servirán para acondicionar o mercado ambulante de Bembibre, no que se delimitarán novas praza de estacionamento, pintaranse os pasos de peóns, eliminaranse as barreiras arquitectónicas e renovarase o mobiliario urbano. En definitiva, a finalidade destes proxectos será incrementar o atractivo dos recintos e atraer novos clientes.

    En total, Economía e Industria vén de conceder apoios por importe de 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

    Máis información
  • 30 Setembro, 2015
    Os premios “Comercio con talento” distinguen en Tui a tenda Volvoreta

    Tui (Pontevedra), 30 de setembro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta mañá ao establecemento tudense Volvoreta un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa da Consellería de Economía e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.

    Na iniciativa participaron alumnos dos ciclos formativos de grao medio de Comercio e do grao superior de Xestión comercial e márketing de toda Galicia, que propuxeron as candidaturas dos negocios que, ao seu xuízo, son os máis innovadores da súa zona. Un xurado especializado escolleu posteriormente aos diferentes negocios gañadores, e os alumnos que propuxeron a súa candidatura reciben premios para mercar no comercio local.

    No caso de Volvoreta, foron propostos por un equipo de alumnos do Ciclo Superior en Xestión Comercial e Márketing do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui: Sandra Martínez Rodríguez, Sara Fernández Pereira, María Bouzada Conde e Sara Diego Santiago.

    Volvoreta naceu hai case cinco anos da man de Gloria e Patricia Estévez Trillo, sendo os zapatos, os accesorios e os complementos os produtos estrela desta tenda. Ademais deste establecemento situado no Cantón de Diómedes, e outro de moda xuvenil situada a poucos metros, estas dúas irmás abriron unha tenda no Porriño. Volvoreta conta con páxina web e está presente en diferentes redes sociais.

    A posta en marcha de Comercio con talento, que conta coa colaboración de Abanca, enmárcase na estratexia de impulso ao sector comercial da Consellería de Economía e Industria, que ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020. Esta folla de ruta, que suma 70 millóns en recursos públicos, busca incrementar nun 15 % os emprendedores que traballan no sector e triplicar a porcentaxe de establecementos que venden na internet, entre outros obxectivos.

    Máis información
  • 30 Setembro, 2015
    O premio do certame de vídeos do programa Lecer Consumo do IGC recae na súa terceira edición de novo en estudantes de Muros

    Muros (A Coruña), 30 de setembro de 2015.- A directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo (IGC), Sol Vázquez Abeal, entregou esta tarde o recoñecemento ao equipo gañador do concurso de vídeos do programa de actividades do IGC Lecer Consumo, que na súa terceira edición volveu recaer en estudantes de Muros, ao igual que o ano pasado.

    Unha das actividades que se propoñían dentro de Lecer Consumo co que se busca cada ano aproximar á poboación os valores do consumo responsable a través do ocio estival, e no que este ano participaron máis de 1.000 persoas, chegando a 24 concellos galegos, era unha xincana de Lecer, Publicidade e TIC, ao remate da cal os participantes gravaban un vídeo por grupos.

    Nestes vídeos, que foron publicados no facebook da Escola Galega de Consumo, os participantes debían promover actividades de lecer responsable que se puidesen levar a cabo no seu concello. O vídeo do equipo premiado, formado por 8 rapaces e rapazas de Muros de entre 8 e 16 anos, e que leva por título “Deportes acuáticos en Muros”, foi con preto de 300 votos o máis votado dos 55 vídeos que se presentaron.

    O programa Lecer Consumo, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Consumo, celebrou unha nova edición este verán baixo o lema Nestas vacacións... Achégate a un lecer responsable! e centrouse nos xogos populares e a publicidade. As actividades desenvolvéronse dentro dos campamentos urbanos e outras iniciativas impulsadas por diversos concellos e entidades para os meses de xullo e agosto.

    Esta iniciativa está dirixida ao conxunto da poboación galega, adaptando a súa oferta ás necesidades de cada colectivo participante tendo en conta criterios de idade. Ademais da xincana de Lecer, Publicidade e TIC, para rapaces de 8 a 16 anos, este verán tamén se propoñía para nenos e nenas de 3 a 7 anos un obradoiro en torno ás alternativas de ocio que non respondan só ao lecer como produto de consumo, coa proposta de Un lecer máxico, que incluía un conto e a creación dun xoguete

    Os participantes maiores de 16 anos puideron coñecer criterios de seguridade nas diferentes formas de viaxar, a compra de viaxes pola internet, así como os dereitos que teñen os consumidores do tempo de lecer a través do obradoiro Oca: o xogo da xente viaxeira. Tamén se propoñía unha charla sobre alternativas para un ocio saudable a todas as idades, destinada ao público adulto.

    Máis información
  • 30 Setembro, 2015
    A Xunta colabora nas xornadas “Ourense é comercio” que se desenvolverán na cidade das Burgas ao longo de outubro

    Ourense, 30 de setembro de 2015.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou hoxe na presentación das xornadas Ourense é comercio organizadas pola Federación de Comercio e que se desenvolverán durante o mes de outubro na cidade das Burgas.

    Martínez destacou a colaboración da Consellería de Economía e Industria a través do programa de impulso ao labor que desenvolven as federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal, concedéndolles tíckets de dinamización que os beneficiados empregan no desenvolvemento de actuacións de impulso da demanda comercial, así como iniciativas encamiñadas á promoción das vendas, e aquelas relacionadas co incremento da actividade comercial, alcanzando a axuda ata o 70% dos investimentos a realizar. Dentro deste programa, á Federación de Comercio de Ourense concedéuselle un apoio de 50.000 euros para esta e outras iniciativas.

    O delegado territorial indicou que “o comercio é un importante elemento vertebrador das vilas e das cidades galegas e un sector de relevancia para a reactivación económica, e sobre todo si estamos a falar da cidade ourensá” . Por isto, explicou que o Goberno galego, ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020, unha folla de ruta que suma 70 millóns en recursos públicos e que busca incrementar nun 15 % os emprendedores que traballan no sector e triplicar a porcentaxe de establecementos que venden na internet, entre outros obxectivos.

    As xornadas consistirán na celebración de tres encontros os días 2, 8 e 21 de outubro que
    pretenden difundir a importancia do comercio ourensán e fortalecer o valor social desta actividade empresarial, ademais de proxectar a cidade como capital das compras.

    Máis información
  • 25 Setembro, 2015
    “As compras na túa vila teñen premio” dinamiza as vendas do comercio ourensán premiando a confianza dos seus clientes

    Ourense, 28 de setembro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou esta mañá en Ourense na presentación da iniciativa de dinamización comercial As compras na túa vila teñen premio, unha campaña posta en marcha pola Federación Galega de Comercio e a Federación de Comercio de Ourense en colaboración coa Consellería de Economía e Industria que ten por obxectivo poñer en valor o comercio de proximidade e impulsar as vendas premiando a confianza dos clientes.

    Nos días de duración da campaña, que se desenvolverá ata o 9 de outubro, deberán presentar os seus tíckets de compra na carpa situada na rúa do Paseo ou aos promotores que se atoparán polas rúas da cidade, que lles entregarán boletos de participación para o sorteo final que terá lugar o venres, 9 de outubro, a partir das 20 horas na praza Eugenio Montes dentro do programa dunha festa de peche que contará coa actuación do mago Rei Midas. Ese día sortearanse 5 tarxetas regalo de 300 euros e outras 25 por valor de 100 euros, e os posuidores dos boletos deberán estar presentes para converterse en gañadores.

    A campaña As compras na túa vila teñen premio chega este ano á súa oitava edición, desenvolvéndose en 4 cidades galegas. A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para a posta en marcha de iniciativas conxuntas para impulsar a competitividade do sector.

    Este acordo dotado con 600.000 euros, un 20% máis que o ano pasado, permite entre outras actuacións o mantemento dun servizo de asesoramento ao sector comercial e de fomento do emprendemento, e contémplanse tamén diferentes actuacións para a implantación das novas tecnoloxías relacionadas coa fidelización de clientes e a potenciación do comercio electrónico, así como a realización de encontros e xornadas.

    Máis información
  • 25 Setembro, 2015
    A Xunta destaca que con Termatalia México se seguirá avanzando nun mercado cara o que as exportacións galegas se incrementaron un 30% en 3 anos

    Ourense, 25 de setembro de 2015.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe que México está consolidado como un aliado clave para o tecido empresarial galego, como demostra o feito de que as exportacións galegas a ese país medraran nun 40% durante os tres últimos anos.

    Durante a súa participación na presentación de Termatalia México 2016, que contou coa presenza do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, e de diferentes autoridades mexicanas encabezadas polo subsecretario de Turismo de Coahuila, Aguilera salientou que arredor de 430 empresas galegas exportaron durante o pasado ano a México, un mercado prioritario para Galicia.

    A Xunta está a desenvolver a Estratexia de Internacionalización da empresa galega 2020, con obxectivos como incrementar nun 25% tanto as exportacións, como o número de empresas exportadoras ou a captación de investimentos estranxeiros. No desenvolvemento desta estratexia, México ocupa un lugar prioritario, tanto polo seu propio potencial como pola súa situación estratéxica como plataforma cara a mercados como Estados Unidos ou Centroamérica.

    Termatalia, que cumpre este ano o seu décimo aniversario como feira internacional, constitúe xa unha cita de referencia mundial para o turismo de saúde en xeral e o termalismo en particular, salientou Aguilera, do mesmo xeito que Expourense e tamén un referente dos recintos feirais galegos, como instrumento potenciador dos sectores económicos estratéxicos para a provincia.

    O director do Igape amosouse convencido de que a celebración de Termatalia en México permitirá, o ano próximo, seguir avanzando na aposta pola dinamización económica e pola internacionalización das empresas, tanto de Ourense como de Galicia, abrindo novas oportunidades de negocio e alianza a ambos lados do Atlántico.

    Comercialización de Artesanía de Galicia
    A Consellería de Economía e Industria está tamén presente en Termatalia a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, que conta neste encontro cun stand con pezas téxtiles e complementos de moda de tres obradoiros artesáns pertencentes á Asociación de Artesáns de Ourense: Logaro, Alpacas As Bolboretas e A. Outeiriño, que teñen á venda os seus produtos e amosan ao público diferentes técnicas e demostracións do seu traballo.

    Esta iniciativa enmárcase na aposta pola comercialización e promoción do produto artesán galego a través da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados, unha das liñas estratéxicas do Plan de Artesanía de Galicia.

    Máis información
  • 24 Setembro, 2015
    Artesanía de Galicia achega novas oportunidades de negocio para as empresas artesás galegas na Feira Tent en Londres

    Santiago, 24 de setembro de 2015.- A Consellería de Economía e Industria impulsa a busca de novas oportunidades de negocio para a Artesanía de Galicia e a comercialización do produto artesán galego no mercado internacional coa súa participación na feira Tent London, unha cita profesional de referencia na decoración de interiores a nivel europeo e que ten lugar no marco do London Festival Design.

    A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta neste encontro, que se celebra ata o vindeiro domingo, unha selección de pezas de 24 obradoiros artesáns que empregan diferentes materiais para a elaboración de pezas como a madeira, a cerámica, os téxtiles, o coiro, o papel e a cestería. Deste xeito, algúns dos obradoiros que deixan constancia da tradición e vangarda que se unen na artesanía galega son as pezas de coiro do Obradoiro Media Lúa (Santiago de Compostela), as figuras tradicionais de San Andrés de Teixido elaboradas con miga de pan de Jorge Bellón (Cedeira) ou as pezas tecidas á man do Centro de Recuperación da Cultura Popular (Ponteareas).

    Na feira está tamén representada a olería tradicional galega: Niñodaguia, coas pezas de Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo); Gundivós, co traballo de Reitoral de Gundivós (Sober); ou Buño, coas pezas de Alfarería Lista. Tamén se amosa a cerámica e porcelana de deseño máis contemporáneo da man dos obradoiros de Lucía Catuxo (Trabada), Cerámica Unzueta (Brión), Nacho Porto (Carnota), Manuel Figueiras (Muros), Regal Cerámica (Viveiro), Cerámica Suve (Cangas), Como Cuando (Vigo), Marta Armada (Vigo) e Victor Ares (A Coruña).

    No stand tamén comparten espazo os cestos tradicionais de Antonio Suárez Davila (Vigo) coa cestería contemporánea con materiais téxtiles elaborada por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei). Tamén están presentes pezas de madeira de Armaior (Quiroga), Artesanía Ferradáns (A Estrada), Atalanta (A Estrada) e Elena Ferro (Vila de Cruces).

    Entre as novidades desta edición atópase a incorporación do novo talento galego coa presenza de tres obradoiros inscritos no 2015 no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Javier Prieto, responsable de Miolos Design (Pontevedra), investiga materiais e novas formas creando novos produtos de coiro, a súa materia prima base. Palmira Castro ofrece desde o seu obradoiro Mimadriña en Sardiñeiro (Fisterra) unha proposta creativa na que a artesanía, a educación e a acción social se interrelacionan. Ao mundo da cerámica achégase Verónica Moar (A Coruña) cunhas pezas de porcelana de deseño limpo e boa factura.

    A participación de Artesanía de Galicia na feira de Tent Londres, na que se dan cita máis de 400 expositores de deseñadores e artesáns de 29 países, enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía e Industria coa que se busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. A comercialización e promoción do produto artesán galego a través da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados constitúe unha das liñas estratéxicas que se enmarcan dentro deste plan impulsado pola Xunta.

    Máis información
  • 21 Setembro, 2015
    O IGC apoia ás asociacións de consumidores na posta en marcha de obradoiros prácticos sobre o subministro eléctrico

    Santiago, 21 de setembro de 2015.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, vén de activar un programa de colaboración coas asociacións de consumidores para a posta en marcha de actividades de formación, divulgación e sensibilización á cidadanía en materia de subministración eléctrica.

    Así, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria de axudas por 12.000 euros con apoios para o desenvolvemento de obradoiros encamiñados a identificar, esclarecer e dar a coñecer os dereitos como usuarios do sector eléctrico e os datos esenciais que conforman a factura; así como a sensibilizar e concienciar da importancia do aforro no consumo eléctrico, afondando nas diferentes clases enerxéticas dos electrodomésticos ou os distintos tipos de tarifas.

    Do mesmo xeito, a través do programa que hoxe se publica tamén se apoia o desenvolvemento práctico de simuladores de consumo eléctrico ou outro tipo de ferramentas que axuden a unha mellor comprensión da factura eléctrica e ao aforro nos fogares; así como a posta en marcha de obradoiros de elaboración e deseño de guías útiles nos que participen os propios consumidores destinatarios.

    Cada actividade ou proxecto financiarase con ata 200 euros, cun máximo de 12 actividades ou proxectos por asociación. O prazo para a presentación de solicitudes comezará mañá e rematará no prazo dun mes ou cando se esgoten os fondos.

    A subministración eléctrica é un ámbito prioritario para o IGC pola súa relevancia no benestar e na economía dos consumidores, desenvolvendo iniciativas de información e divulgación; achegando información e asesoramento e resolvendo as reclamacións presentadas polos cidadáns. Nos seis primeiros meses do ano o Instituto Galego de Consumo tramitou preto de 2.800 reclamacións en materia eléctrica, das cales preto dun 74% foron resoltas de forma favorable para o consumidor.

    Co programa que hoxe se publica avánzase na cooperación coas asociacións, unha das claves do traballo a prol da defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios do IGC, que mantén acordos de colaboración coas principais organizacións de ámbito autonómico centrados na promoción e o desenvolvemento de actuacións de atención e resolución das reclamacións en materia de protección dos consumidores.

    Máis información
  • 19 Setembro, 2015
    A Xunta destaca a Feira do Moble de Galicia como a cita de referencia anual para o sector

    A Estrada (Pontevedra), 19 de setembro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, destacou hoxe na inauguración da XIX edición da Feira Internacional do Moble de Galicia, que se celebra na Estrada ata o vindeiro 27 de setembro, que este encontro é un referente anual para o sector. Destacou así mesmo o impulso que supón tanto para comerciantes como para produtores, contribuíndo á dinamización económica da comarca.

    O encontro, que conta co apoio da Consellería de Economía e Industria, reúne preto de 70 firmas directas e preto doutras 250 indirectas en máis de 26.000 m2 de espazo expositivo. Na Feira do Moble de Galicia, en cuxa inauguración participou tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, van da man innovación, deseño e calidade, achegando as últimas tendencias en mobles, iluminación, decoración, artesanía, ou menaxe, entre os diferentes subsectores que este ano están representados. Nesta edición, a Feira conta co distintivo de Internacional, outorgado polo Ministerio de Economía e Competitividade.

    No marco deste encontro, responsables do Igape participarán o martes 22 de setembro a partir das 11 horas nunha xornada técnica centrada en instrumentos de financiamento para as pemes galegas. Ademais, o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria contará cun espazo propio durante toda a Feira, no que se achegará información sobre os distintos servizos e axudas dispoñibles.

    A entrada á Feira do Moble de Galicia é gratuíta, e o recinto feiral permanecerá aberto cada día entre as 11 e as 21 horas, contando con programación paralela como actividades lúdicas, ou actuacións artísticas, entre outros. Ademais, sortearanse bonos de compra e agasallos entre os asistentes.

    Máis información
  • 19 Setembro, 2015
    Rogelio Martínez asiste en Ourense á II edición da Pasarela de moda "Calpurnia-As Burgas"

    Ourense, 19 de setembro de 2015.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presenciou os actos programados na segunda edición da Pasarela Calpurnia-As Burgas 2015 que se celebrou esta tarde noite no entorno monumental das Burgas da cidade ourensá. A Dirección Xeral de Comercio colabora neste evento, organizado pola Federación de Comercio, que pretende proxectar a cidade como capital da moda e as compras

    Máis información
  • 18 Setembro, 2015
    Economía e Industria apoia con máis de 73.000 euros a modernización da praza de abastos de Ribadavia

    Ribadavia (Ourense), 18 de setembro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron esta mañá a praza de abastos de Ribadavia, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local que vai ser modernizada por parte do Concello, ao que a Consellería de Economía e Industria vén de conceder unha axuda de máis de 73.000 euros.

    As actuacións previstas céntranse na instalación de portas corredoiras automáticas; a posta en marcha dun sistema de son e pantallas; a creación dun aparcadoiro de bicicletas; a eliminación de barreiras arquitectónicas ou a mellora da eficiencia enerxética coa substitución de luminarias, entre outras. Estas melloras súmanse ás realizadas o ano pasado, cunha axuda da Xunta que superou os 75.000 euros, e que permitiron a renovación da cuberta do mercado, a limpeza da fachada e a mellora do pavimento ou a colocación de consignas.

    A Consellería de Economía e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por preto de 700.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 18 concellos da provincia de Ourense, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

    Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

    Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

    Máis información
  • 18 Setembro, 2015
    “As compras na túa vila teñen premio” dinamiza as vendas do comercio lugués premiando a confianza dos seus clientes

    Lugo, 18 de setembro de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou esta tarde en Lugo no acto final da iniciativa de dinamización comercial As compras na túa vila teñen premio, unha campaña posta en marcha pola Federación Galega de Comercio e a Federación de Comercio de Lugo en colaboración coa Consellería de Economía e Industria que ten por obxectivo poñer en valor o comercio de proximidade e impulsar as vendas premiando a confianza dos clientes.

    Así, na tarde de hoxe sorteáronse premios por un total de 4.000 euros, repartidos en cinco tarxetas agasallo de 300 euros e 25 de 100 euros para mercar no comercio local, dentro do programa dunha festa de peche que contou con diferentes actividades lúdicas.

    A campaña As compras na túa vila teñen premio, que en Lugo botou a andar o pasado 7 de setembro, chega este ano á súa oitava edición, desenvolvéndose en 4 cidades galegas. A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para a posta en marcha de iniciativas conxuntas para impulsar a competitividade do sector.

    Este acordo dotado con 600.000 euros, un 20% máis que o ano pasado, permite entre outras actuacións o mantemento dun servizo de asesoramento ao sector comercial e de fomento do emprendemento, e contémplanse tamén diferentes actuacións para a implantación das novas tecnoloxías relacionadas coa fidelización de clientes e a potenciación do comercio electrónico, así como a realización de encontros e xornadas.

    Máis información
  • 17 Setembro, 2015
    Artesanía de Galicia amosa a unión de innovación e tradición do sector artesán galego na Exposición Universal de Milán

    Santiago, 17 de setembro de 2015.- A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, está a achegar na Semana de Galicia na Exposición Universal de Milán a unión de innovación e tradición do sector artesán galego, a través dunha escolma de pezas nas que se amosan oficios como o téxtil, a xoiaría, a cestería, a cerámica ou a elaboración de zocos.

    En concreto, na mostra que se pode ver en Milán, o sector téxtil está representado polos traballos dos obradoiros Castelo de Sobroso (Ponteareas); Bulideira (Santiago), e Concha Canoura, de Culleredo. No que respecta á xoiaría, exhíbense pezas de Mayer (Santiago), mentres que no tocante á cestería, está representada por Antonio Suárez (Vigo), e Idoia Cuesta (Outeiro de Rei).

    A cerámica chega da man de Carmen Labrador (Alfarería Lista, Buño), Elías González (Gundivós, Sober), Regal (Viveiro), Víctor Ares (A Coruña), Manuel Figueiras (Muros), e Cerámica Unzueta (Cangas). Tamén se poden ver pezas en madeira de Taxus (Vilarmaior), Atalanta (A Estrada), e Armaior (Quiroga); así como zocos de Elena Ferro (Vila de Cruces) e instrumentos musicais de Sanín (A Estrada).

    Ademais, Turismo de Galicia dedica un espazo a tres colectivos que veñen desempeñando traballos artesanais ao longo do tempo: redeiras, nodeiras e colareiras, coa presenza de artesás que contan coa marca Artesanía de Galicia: Rosa Isabel Rodríguez Vidal, de Illa da Estrela de Corme; Marina Álvarez Rodríguez, da asociación Atalaia de A Guarda, e Montse Betanzos, colareira do Grove.

    Por outra banda, no marco do proxecto Artesanía no Prato, que busca sinerxías entre a cociña de vangarda e o sector artesán galego, nos showcookings e catas que acolle estes días o espazo de Galicia na Expo de Milán empregan pezas de Artesanía de Galicia.
    A participación de Artesanía de Galicia na Expo de Milán enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía coa que se busca acadar un sector artesán sólido e sustentable no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. A comercialización e promoción do produto artesán galego a través da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados, constitúe unha das liñas estratéxicas que se enmarcan dentro deste plan impulsado pola Xunta.


    A Expo Universal de Milán, que abriu as súas portas o pasado mes de maio baixo o lema “Alimentar o planeta, Enerxía para a vida” está a reunir a preto de 150 países e organismos internacionais e atraer a máis de 20 millóns de visitantes que buscan participar nunha experiencia única de ocio educativo.

    Máis información
  • 17 Setembro, 2015
    A Xunta de Galicia destina preto de 35.000 euros á realización de melloras nos campos da feira dos concellos de Cabanas e Neda

    Cabanas, 17 de setembro de 2015.- A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o campo da feira de Cabanas, onde nas vindeiras semanas se levarán a cabo traballos para reparar as deficiencias e mellorar a súa imaxe, co fin de seguir potenciando este espazo como unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local. A actuación estará cofinanciada polo Goberno galego, a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria de 28.000 euros, que supón o 70% do investimento total.

    Do Campo analizou co alcalde do municipio, Germán Castrillón, o proxecto, que consistirá na rehabilitación das zonas onde se instalan os postos ambulantes en días de feira, na mellora da iluminación e do mobiliario urbano desta área e na delimitación adecuada da zona de aparcamento. Para iso, repararase o pavimento, colocaranse novos bancos, papeleiras, mesas de merendeiros e macetas, instalarase unha pérgola e habilitarase unha pasarela para evitar as fochancas que se forman nas épocas de choivas no acceso subterráneo ao recinto. A intervención completarase coa colocación dun punto informativo, a ocultación dos contedores de residuos nunha illa de madeira e a substitución das luminarias. Todos os traballos deberán estar rematados no mes de outubro.

    A representante do Executivo autonómico na provincia recordou que esta achega enmárcase na estratexia de impulso ao sector comercial da consellería, que busca modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con tres retos como eixo: afianzar un sector comercial renovado, impulsar o smart commerce e o comercio electrónico e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua. Neste senso, a delegada recordou que na comarca de Ferrol, tamén co concello de Neda recibirá unha achega de máis de 6.000 euros para paliar as deficiencias detectadas no seu campo da feira, co fin de incrementar o atractivo deste recinto e atraer novos clientes.

    En total, Economía e Industria vén de conceder apoios por importe de 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

    Máis información

  • Páxina 15 de 85

  • Mostrando do 281 ao 300 dun total de 1686 rexistros