Santiago, 10 de xuño de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, participaron hoxe nun encontro de empresas que contan con este selo de garantía coa agregada de Agricultura da embaixada de Estados Unidos en España, Rachel Bickford, organizado pola sociedade dependente da Consellería de Economía e Industria co obxectivo de impulsar a busca de novas oportunidades de negocio para as compañías galegas neste país.
Na xornada técnica celebrada en Santiago, que contou cunha vintena de empresas e organismos dos sectores lácteo, conserveiro, pesqueiro ou vinícola, entre outros, Bickford informou sobre as condicións do primeiro mercado do mundo para introducir produtos agroalimentarios doutros países. As exportacións das empresas de Galicia a Estados Unidos sumaron en 2014 un total de 567 millóns de euros, un 28% máis que o ano anterior, o que confirma o interese das empresas galegas por entrar neste mercado, ao que exportaron 776 compañías da comunidade.
O sector agroalimentario é un dos que máis está a apostar por incrementar as relacións comerciais con Estados Unidos, e nestes momentos varias empresas galegas deste sector están a colaborar en dous proxectos do programa Primex, promovido polo Igape, para a súa implantación comercial no país.
Un total de 42 empresas do sector agroalimentario galego contan co selo de Galicia Calidade, varias das cales participaron no encontro desta mañá, como Estrella Galicia, Ingapán, Coren, Luís Escurís Batalla, Adega dos Eidos, Adegas Valdés, Vilarvín, Granjas Campomayor, Bodegas Ruchel, Gargalo, Grupo HGA, Lácteos Anzuxao, Kiwi Atlántico, ou A Pementeira, entre outras, así como varias denominacións de orixe coma a de Valdeorras ou San Simón da Costa.
Trala xornada técnica, a agregada de Agricultura de Estados Unidos ten previsto visitar entre hoxe e mañá varias empresas amparadas por Galicia Calidade, e mañá está previsto un encontro coa conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.
Máis informaciónSantiago, 5 de xuño de 2015.- A Consellería de Economía e Industria vén de abrir a inscrición para os cursos especializados para profesionais que se desenvolverán no IV Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia Corazón da Artesanía, que se celebrará do 3 ao 5 de xullo nos Pendellos da localidade pontevedresa de Agolada. A sombreirería, a fotografía e o deseño son as áreas nas que se centran estas actividades nas que poderán participar os artesáns e deseñadores que se inscriban na páxina web artesaniadegalicia.xunta.es.
Nesta nova edición do encontro Corazón da Artesanía a oferta formativa será un dos atractivos que complementará as demostracións de oficios artesanais, as actividades para nenos e nenas, as actuacións de música e baile, as conferencias e as exposicións que formarán parte do programa que está a ultimar a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.
Os interesados poderán optar por participar en workshops como A asa. Análise, práctica e deseño que será impartido, os días 3 e 4 de xullo, polo recoñecido deseñador internacional de orixe libanesa e afincado en Madrid Assaad Awad, que ten colaborado con Thierry Mugler, Mario Testino, Lady Gaga ou Madonna.
Do 4 ao 5 de xullo, celébrase o workshop Fotografía aplicada á artesanía impartido polo fotógrafo alemán afincado en Lugo Peter Schneider. A finalidade deste curso é que os participantes poidan realizar fotografías de calidade das súas pezas para as súas publicacións en web, redes sociais ou páxinas de venda on line.
A artesá pontevedresa Viviana Araújo impartirá o obradoiro Oficios de moda. Sombreirería con novos materiais. Neste obradoiro, que se celebrará do 3 ao 5 de xullo, os asistentes poderán coñecer da man da experta artesá pontevedresa as novas correntes na introdución de materiais non habituais para a elaboración e confección de complementos de moda, especialmente na sombreirería.
Outras accións formativas que terán lugar neste encontro son o obradoiro Fotografía para dispositivos móbiles. Artesanía no prato que impartirá, o 4 de xullo, o comunicador audiovisual santiagués David Cabezón. Tratarase de desenvolver un obradoiro de fotografía gastronómica na que se traballará con composicións e estilismos que combinen as elaboracións gastronómicas e as pezas de Artesanía de Galicia.
Tras tres anos de celebración do evento Corazón da Artesanía, Agolada consolídase como un espazo de diálogo entre artesanía, deseño, arquitectura e moda; de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural, grazas ás actividades promovidas pola Consellería de Economía e Industria.
A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.
Máis informaciónSantiago, 31 de maio de 2015.- A Consellería de Economía e Industria, dentro da súa estratexia de impulso ao asociacionismo comercial como unha das claves para mellorar a competitividade do comercio de proximidade galego, destina 800.000 euros a unha nova convocatoria de apoios para impulsar a posta en marcha de novas actividades de dinamización do sector en colaboración coas federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal.
Mediante este programa, que se publicará o vindeiro martes no DOG e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto durante un mes, concederanse tíckets de dinamización que os beneficiarios empregarán no desenvolvemento de actuacións de impulso da demanda comercial, así como iniciativas encamiñadas á promoción das vendas, e aquelas relacionadas co incremento da actividade comercial, alcanzando a axuda ata o 70% dos investimentos a realizar.
Os apoios, dos que o ano pasado se beneficiaron máis dunha vintena de federacións e asociacións de comerciantes de ámbito supramunicipal, poden chegar ata os 70.000 euros no caso das federacións que conten con 20 ou máis asociacións federadas. Para as federacións que non alcancen este número de membros, a contía dos tíckets de dinamización poderá chegar ata os 48.000 euros. No caso das asociacións de ámbito superior ao municipal, o apoio será dun máximo de 13.000 euros.
Dentro da estratexia de impulso ao asociacionismo comercial da Consellería de Economía e Industria, activouse tamén a a liña de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as asociacións das prazas de abastos, dotada con 2,2 millóns de euros e que se atopa en fase de resolución.
No que levamos de ano, lévanse destinado preto de 8,5 millóns a programas específicos de apoio ao sector comercial, centrados en eidos como a innovación e a modernización, o relevo comercial, ou a potenciación das prazas de abastos.
Máis informaciónVilanova de Arousa (Pontevedra), 30 de maio de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe a praza de abastos de Vilanova de Arousa (Pontevedra), con motivo da celebración do Día do Mercado, que se festexa hoxe en máis de 50 prazas de abastos de toda Galicia con diferentes actividades para poñer en valor o seu papel na economía, na cultura e na sociedade.
Con esta celebración remata en Galicia a campaña internacional Quere o teu mercado. A Consellería de Economía e Industria impulsou desde o pasado 15 de maio a celebración por primeira vez na comunidade desta iniciativa apoiando diversas iniciativas de dinamización, en colaboración cos concellos, as federacións e asociacións de praceiros e a Federación Galega de comercio. Tal e como explicou Vázquez Abeal, o obxectivo da campaña é visualizar e promocionar as prazas como pezas clave do comercio de proximidade, así como poñer en valor a calidade e a profesionalidade das prazas galegas.
Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano contou coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.
A iniciativa preséntase como unha divertida oportunidade para que xente de todas as idades e condicións celebren a cultura do mercado local, resaltando o papel que xogan as prazas na compra de produtos frescos e de calidade, na cultura, e a tradición, á vez que se incentiva a creación de novos negocios nos mercados.
O apoio ás prazas de abastos é un dos eixos da estratexia específica de impulso ao sector comercial da Xunta, que traballa co obxectivo de consolidalas como líderes na venda de produtos frescos e de calidade e impulsar a súa excelencia con novos e mellores servizos para os consumidores.
Máis informaciónSantiago, 29 de maio de 2015.- A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, aposta pola oferta formativa para o sector artesán galego coa posta en marcha de dous novos cursos de formación especializada que se celebrarán en Santiago de Compostela e Gondomar (Pontevedra).
A primeira das actividades terá lugar mañá sábado coa celebración, na Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela, do curso “A experiencia tecida”, impartido pola deseñadora Sara Coleman e o creador téxtil José Bravo. A experiencia deste obradoiro diríxese a xerar unha nova visión en torno ao téxtil, rompendo co tradicional e ofrecendo un enfoque que continúa co movemento Fiber Art, sinalando ao téxtil como material artístico que abre un novo campo para a creación.
Na localidade pontevedresa de Gondomar, as artesás Paula Suárez e María del Mar Fernández impartirán, do 8 ao 13 de xuño, o curso “Técnicas do centón”. No transcurso das 50 horas de duración do curso, os alumnos e alumnas coñecerán de primeira man destas artesás, diversas técnicas para elaborar pezas.
A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo, que poden consultarse na páxina web artesaniadegalicia.xunta.es, forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.
Máis informaciónBudapest (Hungría), 28 de maio de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, resaltou esta mañá no Congreso da Unión Mundial de Mercados, que se celebra esta semana en Budapest (Hungría), a excelencia e a calidade das prazas de abastos galegas, destacando na súa intervención a aposta pola potenciación dos mercados que está a realizar a Xunta, en colaboración cos concellos e os comerciantes.
Vázquez Abeal participou nunha mesa redonda sobre promoción dos mercados retallistas xunto con representantes institucionais de Barcelona, Francia, Reino Unido, Polonia, China e Hungría, na que destacou as distintas accións que se están a desenvolver para consolidar os mercados como líderes na venda de produtos frescos e de calidade, situándoos á vangarda sen esquecer a tradición.
O congreso da World Union of Wholesale Markets coincide coa celebración da campaña internacional Quere o teu mercado (Love Yor Local Market), que esta organización promove a nivel internacional. A Xunta impulsa a participación por primeira vez de Galicia nesta iniciativa, á que este ano se suman mercados de 16 países de Europa, América e Asia.
En colaboración cos concellos, as federacións e asociacións de praceiros e a Federación Galega de Comercio póñense en marcha diferentes actividades lúdicas coas que se busca implicar a toda a sociedade no impulso ás prazas de abastos, e que culminarán o vindeiro sábado 30 de maio coa celebración do Día do Mercado.
Máis informaciónSantiago, 26 de maio de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, entregaron hoxe os premios da fase autonómica do certame escolar de consumo responsable Consumópolis, en cuxa décima edición participaron máis de 1.000 estudantes de primaria e secundaria de toda Galicia.
Este ano o concurso celebrouse baixo o lema O teu consumo ten historia: 10 anos de Consumópolis e 30 anos de consumo, conmemorando os 10 anos que ten xa o certame e as tres décadas da primeira Lei estatal para a defensa dos consumidores e usuarios. Así, despois dunha primeira fase de xogo en liña, os estudantes participantes elaboraron un traballo en grupos de cinco coordinados por un docente, consistente nun cartel que compara formas de consumo do pasado e do presente.
Tal e como sinalou Francisco Conde, os traballos premiados son “unha mostra de talento e creatividade, e dos bos resultados que pode dar o traballo en equipo”, apuntando que iniciativas como Consumópolis permiten avanzar de forma efectiva na protección dos consumidores e usuarios. Neste sentido, sinalou que a educación para o consumo é imprescindible para que “coñezamos os nosos dereitos como consumidores e para que os exerzamos de forma responsable”. Conde destacou a importante labor que desenvolve o Instituto Galego de Consumo, a través da Escola Galega de Consumo, que ofreceu o ano pasado de xeito directo formación a preto de 10.000 persoas, un 10% máis que o ano anterior.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sinalou como piares do éxito deste certame a súa capacidade de transmitir e potenciar entre o alumnado valores como a cooperación, o consumo responsable ou o traballo de equipo; e salientou o feito de que a maioría dos centros participantes dispoñan de aulas Abalar como un factor fundamental para facilitar a participación neste concurso, cuxa primeira fase se desenvolve en liña. Así mesmo, Román Rodríguez agradeceu o labor do profesorado para incentivar ao alumnado a implicarse neste tipo de iniciativas e lembrou que Consumópolis forma parte desde hai 3 anos do Plan Proxecta, no que se integran os proxectos institucionais das distintas consellerías e organismos da Xunta de Galicia vinculados coa educación cun obxectivo claro: fortalecer os valores e as competencias clave, nun marco de innovación educativa, para acadar a mellora do noso sistema educativo.
Na fase autonómica de Consumópolis, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través do IGC, e en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os 3 mellores carteis en cada tramo de idade, dotados con 1.000 euros os primeiros premios, 600 euros os segundos e 300 euros os terceiros, que poderán empregar para actividades ou material pedagóxico. Os primeiros clasificados de cada categoría representarán a Galicia na fase nacional de Consumópolis, organizada pola Axencia de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN).
Centros premiados
Na categoría de 5º e 6º curso de primaria clasificouse en primeiro lugar o colexio CPI Virxe do Monte de Cospeito (Lugo), mentres que en 2º e 3º lugar foron recoñecidos traballos de alumnos do CEIP Lourido de Poio (Pontevedra).
No tocante a 1º e 2º curso de ESO, o primeiro e o terceiro premio recaeron en alumnos do IES O Couto de Ourense, centro educativo que na anterior edición de Consumópolis se fixo cun dos premios a nivel nacional. En segundo lugar clasificouse un equipo de estudantes do CPI Pecalama de Tordoia (A Coruña).
O IES A Pinguela de Monforte de Lemos (Lugo) foi o primeiro clasificado na categoría para 3º e 4º de ESO. O segundo premio recaeu de novo en alumnos de IES O Couto, mentres que o terceiro foi para un equipo do colexio Sagrado Corazón de Jesús de Ribadeo (Lugo).
Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, o que amosa a gran preparación do alumnado galego e a gran labor desenvolvida neste ámbito desde o Instituto Galego de Consumo, que forma parte desde o inicio do equipo de traballo a nivel nacional que desenvolve a estrutura pedagóxica do certame cada ano. Coa posta en marcha desta iniciativa a Xunta continúa a traballar na mellora da formación dos máis novos en consumo, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido.
Máis información
Santiago, 22 de maio de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que a nova app de realidade virtual do Mercado de Santiago contribuirá a reforzar aínda máis o atractivo turístico desta infraestrutura tras a súa remodelación. Realizada polo CIS Galicia, que ten entre os seus obxectivos achegar estas tecnoloxías aos sectores estratéxicos da economía galega, a ferramenta presentada hoxe, coincidindo coa campaña Quere o teu mercado, permite realizar un paseo virtual pola praza e percorrer os seus recunchos desde calquera dispositivo Android.
A aplicación formará parte dun proxecto máis amplo no que xa está a traballar a Consellería de Economía e Industria, a través do cal se ofrecerá información sobre todas as prazas galegas, así como dos mercados tradicionais.
A praza de abastos de Santiago é unha das máis de 50 de toda Galicia que están a participar na campaña Quere o teu mercado, que se celebra en 16 países de Europa, América e Asia entre o 15 e o 30 de maio, e coa que a Xunta busca implicar a toda a sociedade no impulso ás prazas de abastos. En colaboración cos concellos, as federacións e asociacións de praceiros e a Federación Galega de Comercio póñense en marcha diferentes actividades lúdicas, que culminarán o 30 de maio coa celebración do Día do Mercado.
Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.
A iniciativa preséntase como unha divertida oportunidade para que xente de todas as idades e condicións celebren a cultura do mercado local, resaltando o papel que xogan as prazas na compra de produtos frescos e de calidade, na cultura, e a tradición, á vez que se incentiva a creación de novos negocios nos mercados. No marco de Quere o teu mercado, impúlsanse nas prazas galegas participantes actividades para os máis pequenos, actuacións musicais, e iniciativas nas redes sociais e na páxina web www.quereoteumercado.gal, entre outras.
A Coruña, 20 de maio de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe na Escola de Artes e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña o proxecto Facemos marca. Medrando cos artesáns, impulsado pola Consellería de Economía e Industria. Esta iniciativa busca impulsar o emprendemento no sector ao tempo que se contribúe á posta en valor do mesmo, incidindo na importancia social, económica, cultural, local e ambiental da artesanía.
O proxecto, que conta coa implicación do sector artesán galego, iníciase cunha achega aos estudantes das especialidades artísticas co obxectivo de favorecer a incorporación á artesanía a futuros profesionais. A iniciativa iniciouse o pasado mes de marzo cunha achega aos estudantes das especialidades artísticas nunha xornada na EASD Mestre Mateo de Santiago, e despois do seu paso pola Pablo Picasso chegará ás escolas Antonio Faílde de Ourense e á Ramón Falcón de Lugo.
Estes encontros contan coa participación de artesáns de diferentes oficios e localidades galegas que comparten as súas experiencias na aposta pola artesanía. Na xornada celebrada hoxe na Coruña participou o xoieiro Luis González Bahamonte, da empresa de Bergondo Ardentía.
Nestas xornadas difúndense os beneficios vinculados á obtención da carta de artesán, divúlganse os oficios artesanais e a marca Artesanía de Galicia, e complementaranse con cursos formativos en diversas técnicas artesanais, onde os estudantes xunto cos artesáns profesionais establecerán un contacto directo.
Dentro do proxecto Facemos marca. Medrando cos artesáns tamén se levarán a cabo diferentes accións dirixidas ao público en xeral, como conferencias, seminarios, e obradoiros para poñer en valor a importancia do slow made.
Este proxecto encádrase dentro do Plan de Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
Máis informaciónA Pobra do Caramiñal (A Coruña), 15 de maio de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe a praza de abastos da Pobra do Caramiñal con motivo da campaña internacional Quere o teu mercado, que se celebra ata o 30 de maio en 16 países de Europa, América e Asia. A Consellería de Economía e Industria impulsa a celebración por primeira vez na comunidade desta iniciativa apoiando diferentes actividades de dinamización en máis de 50 prazas de abastos de toda Galicia, en colaboración cos concellos, as federacións e asociacións de praceiros e a Federación Galega de comercio. Na comarca de Barbanza, participan tamén as prazas de Ribeira e Boiro.
No marco de Quere o teu comercio desenvólvense por toda Galicia distintas propostas para visualizar e promocionar as prazas como pezas clave do comercio de proximidade. Entre as actuacións específicas promovidas pola Xunta xunto co sector celebrarase en todas as prazas de abastos participantes o vindeiro sábado 30 de maio o Día do Mercado, poñendo en valor a calidade e a profesionalidade das prazas galegas. Ademais, impulsaranse actividades para os máis pequenos, actuacións musicais, e iniciativas nas redes sociais e na páxina web www.quereoteumercado.gal, entre outras.
Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos.
A iniciativa preséntase como unha divertida oportunidade para que xente de todas as idades e condicións celebren a cultura do mercado local, resaltando o papel que xogan as prazas na compra de produtos frescos e de calidade, na cultura, e a tradición, á vez que se incentiva a creación de novos negocios nos mercados.
O apoio ás prazas de abastos é un dos eixos da estratexia específica de impulso ao sector comercial da Xunta, que traballa co obxectivo de consolidalas como líderes na venda de produtos frescos e de calidade e impulsar a súa excelencia con novos e mellores servizos para os consumidores.
Máis informaciónSantiago, 4 de maio de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que o novo Consello Galego de Economía e Competitividade será a “canle estable de diálogo e de consenso” na política industrial de Galicia, coa vontade de que sirva para facilitar a participación dos axentes económicos e sociais na elaboración das diferentes políticas industriais e económicas da Xunta. Conde presidiu a constitución deste novo órgano, que nace como paso previo á aprobación definitiva da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, e que aglutina aos diferentes consellos que a Consellería tiña ata o de agora, de acordo coas previsións da Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia.
O consello, resaltou Conde, contará con varias funcións: formular propostas, asesorar á administración, e informar sobre anteproxectos de lei e proxectos de regulamento, así como sobre a Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0. “Vai permitir unha maior coherencia nas diferentes actuacións da Xunta, e sobre todo sirve á vontade da Xunta de que as políticas industriais sexan dos galegos e para os galegos”, incidiu, sumando neste consello a preto de 40 representantes da administración, empresas, patronal, sindicatos, universidades, colexios profesionais, comerciantes, e expertos. Máis alá do pleno do consello, resaltou o conselleiro, o órgano conta con comités executivos sectoriais de política industrial, enerxía, emprendemento, competitividade e internacionalización, comercio interior e exterior, e desenvolvemento mineiro.
Como primeira iniciativa do Consello Galego de Economía e Competitividade, hoxe púxose en común a Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, que conforma un dos principais eixos da política industrial da Xunta, buscando incrementar o peso da industria no PIB galego ata o 20% e a creación de 50.000 novos empregos ata 2020. “A forma máis clara de poder crear emprego de calidade e que a nosa economía se poida consolidar” é apostar pola industria, dixo Conde.
Un mapa para o futuro industrial de Galicia construído desde o consenso, para o que a Xunta ten recabado as aportacións de máis de 120 axentes. O documento está protagonizado pola fábrica intelixente nun ecosistema marcado polo equilibrio entre os nosos sectores tradicionais e emerxentes, a diversificación de produtos a partir da hibridación dos sectores punteiros, e a cultura da innovación e o emprendemento industrial.
Conde resaltou que a Axenda Galicia Industria 4.0 actúa sobre cinco eixos estratéxicos que responden aos cinco grandes retos da industria galega: o aproveitamento dos factores territoriais que nos poidan facer más competitivos; impulsando a formación, talento o e emprendemento industrial; o impulso ao o financiamento para incrementar o tamaño das pemes, reforzando a colaboración entre sectores para hibridar produtos; a captación de talento, innovando e transferindo esa innovación á empresa; e oi impulso á internacionalización da economía.
Máis informaciónSantiago, 28 de abril de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou esta tarde no Parlamento galego a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que cualificou como “unha axenda aberta e integradora que reflicte a colaboración público – privada” para poñer en práctica “unha nova industria intelixente, que sexa quen de converter unha revolución global nunha oportunidade local”.
Conde apuntou que a tendencia da economía internacional se redirixe a reinventar a industria a través da fábrica intelixente e que a política industrial do Goberno galego busca adecuar as pemes galegas a esta realidade. Do mesmo xeito, sinalou que con esta Axenda a Xunta aposta por “fixar tecido industrial en Galicia por ser o sector que, historicamente, ten amosado crear máis emprego e de máis calidade”, fortalecendo o sector industrial e converténdoo no motor do crecemento da economía galega. Neste sentido, lembrou o dobre obxectivo que se fixa nesta folla de ruta: que a industria creza ata chegar ao 20% do PIB galego no ano 2020 e a creación de 50.000 novos empregos.
Salientou o conselleiro que a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 é a axenda dos máis de 120 axentes que colaboraron na súa elaboración, coas achegas do empresariado galego, en especial das industrias, así como de clústers e centros tecnolóxicos, entre outros.
Medidas concretas
Neste sentido incidiu Conde en que o diálogo iniciado levou a deseñar cinco grandes programas de impulso, con medidas concretas para responder a necesidades e obxectivos concretos. Estes programas refírense á mellora dos factores territoriais de competitividade; a máis organizacións profesionalizadas e máis persoas cualificadas; a afondar na capitalización e crecemento das empresas; a impulsar un compoñente de innovación maior e a ampliar os mercados.
No primeiro programa, entre os compromisos da Axenda está facilitar solo industrial máis económico e mellor dotado, unha actuación xa en marcha a través da venda de solo industrial bonificado e á que se suma o apoio do Igape, que financiará ata o 40% do custo de proxectos empresariais a desenvolver neste solo industrial.
Tamén lembrou o conselleiro de Economía e Industria dentro destes compromisos a simplificación normativa e a maior axilidade nas tramitacións administrativas. Neste ámbito, fixo fincapé en medidas como a eliminación das licencias municipais de apertura e o decreto para facilitar a posta en marcha de novas gasolineiras, que se complementarán coa posta en marcha dunha oficina doing business en Galicia, unha plataforma pública na Internet para atender as denuncias sobre obstáculos e propoñer suxestións.
Puxo o acento ademais no talento e a excelencia tecnolóxica e organizativa, sinalando entre outros aspectos que se vai facilitar o coñecemento dos modelos e as tecnoloxías para a fábrica intelixente. Indicou, así mesmo, que se potenciará o emprendemento industrial, co foco nos sectores de gran potencial e a creación de startups. Tal e como detallou Conde, coa Axenda búscase apuntalar o crecemento e o tamaño das pemes a través de diferentes liñas de financiamento, poñendo como exemplo a nova liña de préstamos do BEI, que permitirá destinar 135 millóns de euros a apoiar o circulante.
No cuarto programa, tal e como explicou o conselleiro de Economía e Industria, recóllense as medidas para crear valor e deseñar o modelo galego de fábrica intelixente, favorecendo proxectos innovadores, impulsando a transferencia de resultados ao mercado e a captación de fondos públicos e privados. Ademais, apoiaranse aspectos relacionados coa internacionalización da fábrica intelixente, impulsando novas formas para atraer investimentos e apostando por novos mercados e a diversificación.
En liña con Europa
Na súa intervención ante o pleno da Cámara, Conde incidiu en que a planificación que se recolle na Axenda Galicia-Industria 4.0 se enmarca no Horizonte 2020, e vai en liña coas directrices da Unión Europa, ao igual que se fixo co Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) e a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega.
Asegurou Conde que é unha “Axenda ambiciosa da industria galega para a industria galega” e apuntou que este é o compromiso do Goberno galego e del se deu conta na elaboración do programa operativo Feder Galicia 2.014-2020, apuntando que a gran maioría dos 883 millóns de euros que se recibirán deste fondo europeo irán a promover a economía do coñecemento.
Conde remarcou que a Industria 4.0 non é excluínte, que “se trata dunha nova forma de abordar os procesos industriais e crear valor a través da tecnoloxía e a innovación” e que “é moito máis que robots e máquinas”. Neste sentido, asegurou que “o modelo de fabrica intelixente é para todos e resultará determinante tanto para as industrias máis avanzadas e cun alto compoñente tecnolóxico como para as industrias máis tradicionais e pequenas”.
Foco nas pemes
Así, asegurou que Galicia ten un tecido produtivo baseado nas pequenas empresas, polo que a Axenda ten o foco nas medidas para atender as súas necesidades concretas, sen esquecer as grandes empresas polo seu efecto tractor na economía e pola súa contribución á imaxe de Galicia.
Do mesmo xeito, Conde explicou que a Axenda Galicia-Industria 4.0 buscará “fortalecer todos os sectores produtivos para crecer e crear emprego”, tanto estratéxicos como emerxentes, e especificou no eido do naval 4.0 que a Xunta xa ten un acordo de 2 millóns de euros con empresas e centros de investigación galegos para impulsar tecnoloxías innovadoras.
O conselleiro de Economía e Industria sinalou que o modelo de Industria 4.0 é unha “realidade incuestionable que non podemos nin debemos rexeitar”, na que están avanzando países como Alemaña, Estados Unidos, Reino Unido ou Corea do Sur, apuntando así mesmo que o País Vasco e outras rexións europeas teñen tamén a atención posta neste modelo, e recordou que xa hai empresas galegas que se están “preparando para estar no grupo de cabeceira da Industria 4.0 en Europa e exercer un efecto tractor no tecido industrial galego”.
Máis informaciónBetanzos (A Coruña), 27 de abril de 2015.- O CEIP Franscico Vales Vilamarín de Betanzos acolleu hoxe o proxecto Enredando, artesanía na escola, que pon en marcha a Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e que durante este trimestre está a permitir a alumnos de 16 colexios de toda Galicia aprender a obter seda. O obxectivo desta iniciativa é achegar aos máis novos os oficios artesanais, contribuíndo así á promoción e posta en valor do sector artesán galego, unha das liñas de acción do novo Plan de Artesanía de Galicia.
Coa segunda parte da unidade didáctica O gremio da seda, que vén de pasar por outros tres centros da provincia (o CEIP Oza dos Ríos de Oza- Cesuras, o CEIP de Teixeiro, en Curtis, e o CEIP de Présaras, en Vilasantar), o alumnado que xa participara anteriormente no proceso de coidado e a evolución dos vermes da seda coñece da man de artesáns expertos a extracción desta para a confección do fío de seda.
Enredando, artesanía na escola conta tamén cunha unidade didáctica centrada na elaboración e encadernado de papel, Do papel ao libro, para alumnado de 3º ciclo de primaria e 1º ciclo de secundaria, cuxo comezo está previsto no vindeiro mes de maio
Os principais obxectivos deste proxecto, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, son concienciar a sociedade do valor do produto feito a man, así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral. Tamén impulsar o relevo xeracional nos oficios máis tradicionais promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.
Contribúese así á posta en valor do sector artesán, unha das liñas de acción do Plan de Artesanía de Galicia, co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
Máis informaciónSantiago, 20 de abril de 2015.- A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, está a impulsar un pop-up ou evento temporal de promoción e venda de artesanía que se desenvolve na tenda de decoración e interiorismo Myka, nos arredores da Praza de Abastos de Santiago, coincidindo coa celebración do evento Compostela Gastronómica.
Esta iniciativa de carácter temporal, que foi visitada hoxe pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, ten por obxectivo contribuír á visibilización do produto artesán galego e á posta en marcha de novas fórmulas de comercialización da artesanía. Encádrase dentro do Plan de Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
A escolma de produtos que están presentes neste espazo dedicado á decoración e ao interiorismo centra o valor da artesanía na súa diferenza: deseño, baixa pegada ecolóxica, cohesión co territorio e patrimonio cultural, ocupando a artesanía galega o seu propio lugar en consonancia con outros obxectos doutras características e procedencia.
A mostra está formado por pezas de madeira, cerámica, téxtiles, cestería tradicional e contemporánea, elaborados por 19 obradoiros artesanais de toda Galicia. Os visitantes poderán ver pezas dos talleres téxtiles de Concha Canoura (Culleredo), Taller Arbor (Vilamarín), Centro de Recuperación de Cultura Popular (Ponteareas), Artefíos (A Coruña), Anna Champeney (A Teixeira).
As pezas de cerámica están elaboradas por Alfarería Lista (Malpica de Bergantiños), Regal Cerámica (Viveiro), Carmen Labrador (Malpica de Bergantiños), Cerámica Unzueta (Brión), Cerámica Suve (Cangas), Lucía Catuxo Cerámica (Trabada), Victor Ares (A Coruña).
A madeira está representada por pezas de Armaior (Quiroga), Atalanta Madera (A Estrada), Elena Ferro (Vila de Cruces), Taxus (Vilarmaior). Zimzelatum (Gondomar) expón pezas en metal cicelado, Antonio Suárez Dávila (Vigo) cestería tradicional e Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), pezas de cestería contemporánea con fibras téxtiles.
Máis informaciónPontevedra, 15 de abril de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe aos alumnos do IES Luís Seoane de Pontevedra a nova iniciativa da Xunta Comercio con talento, que ten por obxectivo impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial, ao tempo que se promove o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.
Tal e como se salientou na xornada, na que participou o presidente do centro comercial aberto Zona Monumental, Miguel Lago, a iniciativa, que se está a desenvolver en centros de toda Galicia, vai dirixida ao alumnado do ciclo formativo de grao medio de Comercio e ao de grado superior de Xestión comercial e marketing. Os estudantes dos centros participantes, que traballarán en grupos de catro persoas, deberán propoñer antes do 5 de xuño a candidatura do comercio que, ao seu xuízo, sexa o máis innovador da súa zona, seguindo determinados criterios.
Explicou Vázquez Abeal que un xurado especializado escollerá ao negocio gañador en cada área, e os alumnos que propuxeran a súa candidatura recibirán premios para mercar no comercio local. Posteriormente, cada establecemento elixido recibirá un recoñecemento público, e participará en diferentes iniciativas que se poñerán en marcha para difundir boas prácticas no sector comercial.
A iniciativa Comercio con talento, que conta coa colaboración de Abanca e na que está previsto que participen máis de 700 alumnos de 16 localidades diferentes de toda Galicia, compleméntase cun concurso de fotografía que se desenvolve no portal do comerciante (portaldocomerciante.xunta.es) co que se convida á cidadanía a reflexionar sobre o talento nos establecementos, en eidos como o escaparatismo, a selección de produtos á venda ou o packaging. Poderán enviarse fotografías ata o vindeiro 31 de maio, e a publicación das mesmas e as votacións por parte do público serán no mes de xuño. Os seis primeiros clasificados recibirán tamén premios para mercar no comercio local.
Máis informaciónCaldas de Reis (Pontevedra), 8 de abril de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe aos alumnos do CPR San Fermín de Caldas de Reis a nova iniciativa da Xunta Comercio con talento, que ten por obxectivo impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial, ao tempo que se promove o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.
Tal e como se salientou na xornada, a iniciativa, que se está a desenvolver en centros de toda Galicia, vai dirixida ao alumnado do ciclo formativo de grao medio de Comercio e ao de grado superior de Xestión comercial e marketing. Os estudantes dos centros participantes, que traballarán en grupos de catro persoas, deberán propoñer antes do 5 de xuño a candidatura do comercio que, ao seu xuízo, sexa o máis innovador da súa zona, seguindo determinados criterios.
Explicou Vázquez Abeal que un xurado especializado escollerá ao negocio gañador en cada área, e os alumnos que propuxeran a súa candidatura recibirán premios para mercar no comercio local. Posteriormente, cada establecemento elixido recibirá un recoñecemento público, e participará en diferentes iniciativas que se poñerán en marcha para difundir boas prácticas no sector comercial.
A iniciativa Comercio con talento, que conta coa colaboración de Abanca e na que está previsto que participen máis de 700 alumnos de 16 localidades diferentes de toda Galicia, compleméntase cun concurso de fotografía que se desenvolve no portal do comerciante (portaldocomerciante.xunta.es) co que se convida á cidadanía a reflexionar sobre o talento nos establecementos, en eidos como o escaparatismo, a selección de produtos á venda ou o packaging. Poderán enviarse fotografías ata o vindeiro 31 de maio, e a publicación das mesmas e as votacións por parte do público serán no mes de xuño. Os seis primeiros clasificados recibirán tamén premios para mercar no comercio local.
Máis informaciónSantiago, 2 de abril de 2015.- Máis de mil escolares galegos de primaria e secundaria están a participar no concurso de consumo responsable Consumópolis, coordinado en Galicia polo Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Tras completar a primeira etapa, consistente nun percorrido dun xogo on-line sobre consumo responsable e calidade de vida, máis de 200 equipos de toda a comunidade están a traballar xa na segunda fase do certame, que nesta edición leva o lema O teu consumo ten historia: 10 anos de Consumópolis e 30 anos de consumo. Ponse así o foco sobre os cambios nos hábitos de consumo, conmemorando os 10 anos que ten xa o concurso e os 30 anos da entrada en vigor da Lei estatal para a defensa dos consumidores e usuarios.
O alumnado ten que elaborar antes do 6 de abril un traballo en grupos de cinco coordinados por un docente, que consiste na elaboración dun cartel que compare dúas formas de consumo do pasado e do presente.
Na fase autonómica establécense tres categorías por idades, con premios para os tres primeiros clasificados en cada unha delas que veñen de ser convocados a través do Diario Oficial de Galicia.
Máis informaciónSantiago, 2 de abril de 2015.- A Consellería de Economía e Industria vén de activar unha aplicación móbil de Galicia Calidade para dar a coñecer aos consumidores todos os produtos e servizos amparados pola marca de garantía. Con esta ferramenta, dispoñible para a súa descarga gratuíta, o cidadán poderá comprobar no punto de venda se un produto conta co distintivo. Ademais, tamén facilitará outros datos de interese tanto das empresas certificadas como de Galicia Calidade.
Desta forma, a app configúrase como unha forma de achegar ao consumidor final toda a información relativa aos produtos certificados por Galicia Calidade. Así, o usuario contará cun factor distintivo no punto de venda, diferenciando a través da app a orixe xeográfica e o concepto de calidade ligados a estes produtos. Neste sentido, a marca de garantía representa o compromiso das empresas galegas por ofrecer os mellores produtos e servizos, e o uso das mellores prácticas para a produción, a elaboración e a comercialización, podendo resultar un factor determinante á hora da elección dun produto.
Os usuarios que descarguen a aplicación poderán, así mesmo, atopar toda a actualidade de Galicia Calidade e das empresas certificadas. Ademais, tamén poderán consultar, dun xeito cómodo e accesible, distintos datos de interese relativos ás compañías, como a súa localización, ligada ao navegador móbil, os datos de contacto, ou o acceso aos seus perfís públicos en redes sociais, entre outros.
Galicia Calidade conta na actualidade con máis de 250 produtos e servizos certificados, un factor que fai decisiva a posta en marcha de ferramentas como esta app, que permitirá coñecer e diferenciar os mellores produtos galegos que contan coa marca de garantía.
Máis informaciónCamariñas (A Coruña), 1 de abril de 2015.- A directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Sol Vázquez Abeal, salientou esta tarde na XXV Mostra do Encaixe de Camariñas a relevancia deste encontro como referente de dinamización do sector artesán galego, así como escaparate da marca Artesanía de Galicia.
Camariñas é clave no papel que xoga a artesanía como atractivo diferenciador da oferta turística de Galicia e como vehículo para proxectar a imaxe de Galicia no exterior. A Mostra, que cumpre nesta edición 25 anos, está a consolidarse como punto de encontro para emprendedores artesáns, apostando pola innovación sen perder as raíces e os valores que caracterizan ao produto artesán galego.
Nesta edición a Mostra do Encaixe de Camariñas conta coa participación de doce delegacións internacionais procedentes de Alemaña, Brasil, Bélxica, Bulgaria, Estonia, Francia, Italia, Polonia, Portugal, República Checa, Rusia e Suíza. O programa de actividades inclúe diferentes desfiles coas creacións de trinta deseñadores noveis e a colaboración de firmas de moda de recoñecido prestixio como Lorenzo Caprile, Devota & Lomba ou Franco Quintáns, entre outros.
Ademais do encaixe, nesta Mostra, que conta co apoio da Consellería de Economía e Industria, pódense atopar outros oficios da artesanía galega grazas aos puntos de venda de artesáns xoieiros, téxtiles, do vidro e de bixutería. Artesanía de Galicia conta cun espazo propio para a promoción da marca e do sector artesán.
Máis información
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 30 de marzo de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou esta tarde en Vilagarcía de Arousa que a reforma do mercado de abastos da localidade lle dará un novo pulo a un dos centros neurálxicos da vila, contribuíndo á dinamización económica do concello.
Conde, que asinou co alcalde vilagarcián, Tomás Fole, un acordo de colaboración polo que a Xunta se compromete a achegar 240.000 euros para as melloras que se van poñer en marcha no mercado, sinalou que se trata dunha actuación moi importante para Vilagarcía na que se espera que se impliquen todas as partes, e remarcou os beneficios para praceiros, comerciantes en xeral e cidadanía.
Neste sentido, o conselleiro remarcou que a Xunta aposta polas prazas de abastos como verdadeiros centros de negocios con espazo e servizos comúns para todos os que nelas desenvolven a súa actividade; como eixos vertebradores para todo o sector comercial; e como un auténtico servizo público, achegando os mellores produtos, converténdose nun referente da cultura e do patrimonio, e unha mostra do que Galicia pode ofrecerlle aos seus visitantes.
Os mercados teñen un valor estratéxico para o comercio de proximidade, e por iso a Consellería de Economía e Industria facilitou nos últimos anos actuacións en máis de 80 mercados, con apoios que superan os 17 millóns de euros. Ademais, estase a traballar na posta en marcha da Rede de Mercados Excelentes.
O apoio ás prazas de abastos é un dos eixes específicos da estratexia de apoio ao sector comercial da Xunta, que no que levamos de ano leva activados programas de apoio por 7,6 millóns de euros, centrados ademais de no impulso aos concellos na mellora dos mercados, no apoio ao asociacionismo comercial, a innovación e a modernización.
Máis información© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia