A Coruña, 28 de marzo de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, visitou hoxe na Coruña Oficios en Acción, unha iniciativa participativa relacionada con oito oficios artesanais coa que se impulsa a posta en valor do produto artesán galego no marco dos Días Europeos da Artesanía.
Organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, a mostra conta coa colaboración da Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño; así como da Asociación Galega de Artesáns, gañadora recentemente do Premio Nacional de Artesanía para Entidades Privadas.
Este ano os talleres sobre os diferentes oficios artesanais instálanse nos Xardíns de Méndez Núñez (fronte ao Kiosco Alfonso). Durante as xornadas de hoxe e do domingo, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, oito artesáns póñense á disposición do público para explicar cales son os procedementos básicos en cada un deles. Desta forma, o visitante poderá acceder a cada taller, intervir nas accións programadas, preguntar, e, por suposto, participar.
A Consellería de Economía e Industria participa na celebración dos Días Europeos da Artesanía, que se celebran ata o domingo 29 de marzo, con diferentes iniciativas de promoción da artesanía galega na nosa comunidade. Trátase dunha iniciativa promovida en España pola Fundación Española para la Innovación de la Artesanía (Fundesarte) e no que a Xunta colabora por cuarto ano consecutivo, baixo o que terán lugar toda unha serie de actividades relacionadas co sector artesán.
Inspirada nas Journées des métiers d’art, desenvolvidas en Francia desde 2002, a convocatoria pretende obter unha participación cada vez máis ampla de países da Unión Europea. Dez países tomarán parte este ano na celebración, Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Reino Unido, Letonia, Suíza, Hungría, Portugal e España.
Entre as diferentes iniciativas que se desenvolven deste este venres, varios obradoiros abren as súas portas ao público e ofrecen diferentes actividades. Hoxe e mañá domingo, de 11:00 a 20:00 horas, a ourive Susi Gesto ofrece aos visitantes ao seu taller na zona vella de Compostela participar e traballar coa artesán nunha xornada habitual de traballo, o que lles permitirá formar parte nos diferentes procesos de creación artesanal. A xornada, dirixida a un máximo de oito persoas inscritas previamente, distribuirase en dúas quendas, de mañá e de tarde.
A artesá Paz Carro abre en Ourense o seu taller especializado na elaboración de beléns, miniaturas e maquetas, para celebrar os Días Europeos da Artesanía. O taller estará aberto ao público hoxe e o domingo en horario de 12:00 a 18:00 horas, previa cita. Tamén en Ourense, a artesá téxtil Concha Outeiriño abre as portas do seu obradoiro para ensinar o manexo dun tear, dende a preparación da urdime ata a montaxe no tear e a tecedura dunha peza. Os horarios son hoxe de 10:00 a 17:00 horas e mañá de 10:00 a 13:00 horas.
Portas abertas no obradoiro Olería Aparicio en Buño
Hoxe e mañá neste obradoiro de olería de Buño, os visitantes poderán presenciar demostracións en vivo, unha mostra das ferramentas e os materiais cos que traballan para elaborar as súas prezadas pezas e moitas actividades máis. O horario de visita é de 10:00 a 20:00 para hoxe e de 10:00 a 14:00 o domingo.
XII Encontro de Palilleiras Concello de Cervo
Tamén no marco dos Días Europeos da Artesanía hoxe celébrase no pavillón polideportivo municipal de San Cibrao, en Cervo (Lugo), o XII Encontro de Palilleiras Concello de Cervo, un dos máis coñecidos a nivel autonómico e no que están inscritas máis de 800 palilleiras procedentes de distintos puntos da provincia de Lugo, Vigo, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Asturias, Castela e León e Cantabria.
Toda a información, horarios e localización destas actividades poden ser consultadas na páxina web www.diasdelaartesania.es
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2015.- A Consellería de Economía e Industria participa na celebración dos “Días Europeos da Artesanía”, desde mañá, venres 27, ao domingo 29 de marzo, con diferentes iniciativas de promoción da artesanía galega na nosa comunidade. Trátase dunha iniciativa promovida en España pola Fundación Española para la Innovación de la Artesanía (Fundesarte) e no que a Xunta colabora por cuarto ano consecutivo, baixo o que terán lugar toda unha serie de actividades relacionadas co sector artesán.
Inspirada nas Journées des métiers d’art, desenvolvidas en Francia desde 2002, a convocatoria pretende obter unha participación cada vez máis ampla de países da Unión Europea. Dez países tomarán parte este ano na celebración, Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Reino Unido, Letonia, Suíza, Hungría, Portugal e España. As actividades que se organizan en Galicia son as seguintes:
Oficios en acción
É unha iniciativa de carácter participativo relacionada con oito oficios artesanais, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, en colaboración coa Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e a Asociación Galega de Artesáns, gañadora recentemente do Premio Nacional de Artesanía para Entidades Privadas. Este ano os talleres sobre os diferentes oficios artesanais instálanse nos Xardíns de Méndez Núñez (fronte ao quiosco Alfonso). Durante as xornadas do sábado e do domingo, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, oito artesáns poñeranse á disposición do público para explicar cales son os procedementos básicos en cada un deles. Desta forma, o visitante poderá acceder a cada taller, intervir nas accións programadas, preguntar, e, por suposto, participar.
Inclúense talleres de cerámica de torno da man de Cerámica Unzueta (Brión) que presenta un programa demostrativo e moi participativo aberto a todos os públicos e, en particular, aos máis pequenos. O ceramista Nano Unzueta ofrecerá un percorrido práctico pormenorizado por todos os procesos de produción de obxectos no torno, dende a preparación do barro ata a montaxe final das pezas.
Tamén haberá espazo para pastas cerámicas, con Cerámic – chef, impartido por Terralume (A Coruña), unha proposta para descubrir como un oficio milenario como a cerámica emprega terras e minerais dos nosos solos, grazas a unha ampla variedade de pastas de distintas propiedades. A ceramista Susana González traballará con dous niveis de participación: sesións de catro horas para oito persoas previamente inscritas, que elaborarán unha bandexa- neriage e dirixirán a creación dun mural colectivo; e outro nivel dirixido a participacións puntuais.
Así mesmo, haberá un obradoiro de ourivaría tradicional dirixido polo taller Plata Nativa (Sada). Gustavo Helling propón tamén dúas fórmulas de participación, en ambos os dous casos para maiores de 15 anos: a primeira en sesións de dúas horas, segundo grao de habilidade, para catro persoas inscritas previamente e, a segunda, para participacións máis breves de ata 45 minutos. Os asistentes introduciranse nas técnicas básicas da xoiería e terán a oportunidade de realizar un obxecto de uso persoal.
A cestería contemporánea chegará da man da artesá Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), que acaba de resultar gañadora do Premio Nacional de Artesanía na categoría “Produto”, pola súa última colección. O taller permite tamén dúas posibilidades de participación: sesións de catro horas para catro persoas previamente inscritas e tamén sesións breves de 30 minutos. Será unha introdución aos tipos de cestería tanto con fibras vexetais como con tecidos.
O tallar de Vidreira chumbada será impartido polo artesán Polo Enríquez (A Coruña), que introducirá aos interesados nalgúns dos segredos desta complexa técnica secular. O seu programa inclúe tamén sesións de catro horas para catro interesados inscritos previamente e sesións máis curtas segundo a dispoñibilidade dos participantes.
Haberá arte floral a cargo de Beate Méndez, de Floriforma (Teo), que achegará os asistentes a este oficio tan meticuloso e detallista como espectacular. A artesá ofrece tamén dúas posibilidades para os interesados: sesións de dúas horas para un máximo de oito persoas inscritas previamente, a ta materializar unha proposta de certa complexidade, e sesións abertas de 30 minutos nas que os asistentes prepararán tamén unha peza completa.
Ademais, o artesán Xoán Manuel Tubío, de Outeiro de Rei, ofrecerá demostracións prácticas dos diferentes procesos de construción de instrumentos de percusión, de zanfonas e doutros instrumentos tradicionais, así como a posibilidade de elaborar algunhas mostras do noso rico patrimonio cultural: unhas tarrañolas para adultos ou sinxelos xoguetes sonoros para nenos de todas as idades a partir de cascas de noz.
Un dos obradoiros centrarase en tapiz 3D e xoiería téxtil macramé impartido por Tapices de Galicia (A Coruña). A artesá téxtil Josefina Sedes ofreceralle aos interesados dúas áreas de traballo diferentes: xoiería téxtil a partir de técnicas de micromacramé, Kumihimo (trenzado xaponés) e iniciación ao tapiz 3D sobre bastidores individuais prefabricados para tecer un pequeno tapiz con la de diferentes grosores e texturas. Os participantes poden traballar en sesións de catro horas, máximo oito participantes inscritos previamente, e achegamentos puntuais de unha hora de duración.
Portas abertas no taller de Susi Gesto en Santiago de Compostela
O sábado e o domingo, de 11:00 a 20:00 horas, a ourive Susi Gesto abre o seu obradoiro da zona vella de Santiago de Compostela ao público, durante os cales os asistentes poderán participar e traballar coa artesán nunha xornada habitual de traballo obradoiro, o que lles permitirá formar parte nos diferentes procesos de creación artesanal. A xornada, dirixida a un máximo de oito persoas inscritas previamente, distribuirase en dúas quendas, de mañá e de tarde.
Portas abertas no obradoiro de Carro Artesanos en Ourense
A artesá Paz Carro abre o seu taller especializado na elaboración de beléns, miniaturas e maquetas, para celebrar os Días Europeos da Artesanía. O taller estará aberto ao público o venres de 11:00 a 13:30 e o sábado e o domingo en horario de 12:00 a 18:00 horas, previa cita.
Portas abertas no obradoiro Olería Aparicio en Buño
Os días 27, 28 e 29 de marzo neste obradoiro de olería de Buño, os visitantes poderán presenciar demostracións en vivo, unha mostra das ferramentas e os materiais cos que traballan para elaborar as súas prezadas pezas e moitas actividades máis. O horario de visita é de 10:00 a 20:00 para venres e sábado e de 10:00 a 14:00 o domingo.
Toda a información, horarios e localización destas actividades poden ser consultadas na páxina web www.diasdelaartesania.es.
Máis informaciónBoiro (A Coruña), 26 de marzo de 2015.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe a praza de abastos da localidade, na que veñen de realizarse melloras co fin de converter as instalacións en dinamizadoras da economía local e en referencia da venda de produto fresco e de calidade. Os traballos contaron cunha subvención por parte da Consellería de Economía e Industria de 52.951 euros, é dicir, o 75% do total do investimento.
Na visita, na que estivo acompañada polo alcalde, Juan José Dieste, Do Campo sinalou que as reformas realizadas consistiron en crear un novo espazo cuberto dentro do propio recinto duns 500 metros cadrados de superficie para dar cabida a diversas actividades a prol do incremento das vendas e da atracción de visitantes. Así, procedeuse á demolición de algúns elementos de tabiquería en desuso para obter un espazo diáfano e abriuse un oco na fachada principal para a instalación dunha nova porta, que permite a conexión entre o mercado e o novo espazo. As obras completáronse coa colocación de falso teito e de pavimento antiesvarante.
“O novo espazo habilitado permitirá levar a cabo iniciativas tan diversas como catas de produtos típicos, actividades para a participación de nenos ou de tipo cultural compatibles coa labor dos praceiros”, comentou a delegada territorial, quen apuntou que, “con propostas deste tipo, impúlsase unha venda moderna, con novos servizos, ao tempo que se mantén a súa esencia, baseada na calidade, a diversidade e a atención ao cliente”. “Todo isto non sería posible sen a estreita colaboración que concellos como o de Boiro veñen mantendo co Goberno galego”, incidiu.
Neste sentido, a máxima representante do Goberno galego recordou que en poucas semanas se resolverá a nova orde de axudas destinada aos municipios galegos para impulsar as prazas de abastos, dotada con preto de 3 millóns de euros. Mediante esta convocatoria, os municipios de ata 70.000 habitantes poderán optar a axudas para a modernización dos mercados que chegan aos 150.000 euros.
Apoiaranse tamén actuacións para atraer nova clientela e dinamizar as vendas nas prazas de abastos, así como proxectos de mellora nas rúas contiguas ás mesmas, con axudas de ata 80.000 euros. Os concellos de menos de 20.000 habitantes poden acceder ademais a apoios de ata 30.000 euros para realizar melloras nos espazos destinados aos mercados tradicionais de apertura periódica.
Máis informaciónSantiago, 23 de marzo de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, presentaron esta tarde no compostelán IES de Pontepedriña a nova iniciativa da Xunta Comercio con talento, que ten por obxectivo impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial, ao tempo que se promove o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.
Tal e como se salientou na presentación da iniciativa, que conta coa colaboración de Abanca, a campaña vai dirixida ao alumnado do ciclo formativo de grao medio de Comercio e ao de grado superior de Xestión comercial e marketing. Os estudantes dos centros participantes, que traballarán en grupos de catro persoas, deberán propoñer antes do 5 de xuño a candidatura do comercio que, ao seu xuízo, sexa o máis innovador da súa zona, seguindo determinados criterios.
Un xurado especializado escollerá o negocio gañador en cada área, e os alumnos que propuxeran a súa candidatura recibirán premios para mercar no comercio local. Posteriormente, cada establecemento elixido recibirá un recoñecemento público e participará en diferentes iniciativas que se poñerán en marcha para difundir boas prácticas no sector comercial.
A campaña Comercio con talento, na que está previsto que participen máis de 700 alumnos de 16 localidades diferentes, compleméntase cun concurso de fotografía que se vai desenvolver no portal do comerciante (portaldocomerciante.xunta.es) co que se convida á cidadanía a reflexionar sobre o talento nos establecementos, en eidos como o escaparatismo, a selección de produtos á venda ou o packaging. Os seis primeiros clasificados recibirán tamén premios en metálico para mercar no comercio local.
O impulso ao sector comercial é un dos principais eixos da actuación da Consellería de Economía e Industria, que no que vai de ano leva activados xa programas de apoio por 7,6 millóns de euros centrados en eidos como a innovación e a modernización, o respaldo ao asociacionismo comercial ou a potenciación dos mercados e prazas de abastos.
Máis informaciónPontedeume (A Coruña), 17 de marzo de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que a reforma do mercado de Pontedeume, na que Xunta, Concello e Deputación da Coruña investirán 1,6 millóns de euros, vai contribuír ao desenvolvemento económico da vila, beneficiando a todo o sector comercial e impulsando o papel da praza de abastos como parte do atractivo turístico da localidade.
Neste sentido, Conde destacou que a cooperación institucional vai permitir a rehabilitación integral dun dos símbolos máis importantes de Pontedeume, e que a localidade conte cunha praza que sexa un referente. O mercado eumés é un exemplo de como os mercados de abastos e o comercio forman parte do patrimonio común, e vertebran a vida das vilas e cidades, e está chamado a ser un exemplo do camiño que a Consellería de Economía e Industria está a percorrer xunto cos concellos galegos para potenciar as prazas. O obxectivo deste trabalo é consolidalas como líderes na venda de produtos frescos e de calidade, dando resposta ás novas necesidades dos consumidores ao tempo que se mantén a súa esencia: a calidade, a diversidade e a atención ao cliente.
Os mercados teñen un valor estratéxico para o comercio de proximidade, polo que a Xunta ten facilitado nos últimos anos actuacións en máis de 80 mercados, con apoios que superan os 17 millóns de euros. Ademais, a Consellería de Economía e Industria está a traballar na posta en marcha da Rede de Mercados Excelentes, á que podería unirse no futuro a praza eumesa.
O apoio ás prazas de abastos é un dos eixos específicos da estratexia de apoio ao sector comercial da Consellería de Economía e Industria, que no que levamos de ano leva activados programas de apoio por 7,6 millóns de euros, centrados ademais de no impulso aos concellos na mellora dos mercados, no respaldo ao asociacionismo comercial, a innovación e a modernización.
Máis informaciónOza dos Ríos (A Coruña), 16 de marzo de 2015.- Un total de 16 colexios de toda Galicia aprenderán durante este trimestre a obter seda grazas ao proxecto Enredando, Artesanía na escola, que pon en marcha a Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, e que ten por obxectivo achegar aos máis novos os oficios artesanais, contribuíndo así á promoción e posta en valor do sector artesán galego, unha das liñas de acción do novo Plan de Artesanía de Galicia.
O C.E.I.P. Oza dos Ríos foi hoxe o primeiro en acoller a segunda parte da unidade didáctica O Gremio da seda, na que o alumnado que xa participou anteriormente no proceso de coidado e a evolución dos vermes da seda, coñecerá da man de artesáns expertos a extracción desta para a confección do fío de seda.
A actividade chegará nas próximas semanas a un total de 16 centros educativos de toda Galicia. Na provincia da Coruña celebrarase tamén no C.E.I.P. Francisco Vales Villamarín de Betanzos, no C.E.I.P. de Teixeiro en Curtis e no C.E.I.P. de Presaras de Vilasantar.
Enredando, artesanía na escola conta tamén cunha unidade didáctica centrada na elaboración e encadernado de papel, Do papel ao libro, para alumnado de 3º ciclo de primaria e 1º ciclo de secundaria, cuxa posta en marcha tamén se retomará en próximas datas.
Os principais obxectivos deste proxecto, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e no que participaron xa máis de 15.000 alumnos desde a súa posta en marcha hai catro anos, son concienciar a sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral. Tamén impulsar o relevo xeracional nos oficios máis tradicionais promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.
Contribúese así á posta en valor do sector artesán, unha das liñas de acción do novo Plan de Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
Máis informaciónSantiago, 14 de marzo de 2015.- O Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, conmemora a celebración do Día Mundial dos Dereitos dos Consumidores abrindo o Laboratorio de Consumo de Galicia a escolares e consumidores. Así, o vindeiro martes 17 visitarán este centro situado na Coruña, cuxo traballo en coordinación coa Inspección de Consumo sitúa a Galicia á cabeza na vixilancia e seguridade dos produtos de consumo, alumnos de 4º da ESO do colexio Compañía de María da Coruña, mentres que o xoves 19 ás 11:30 horas poderán coñecer de preto o Laboratorio usuarios da Federación Galega de Asociacións de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios – BRÉTEMA.
Achégase así á sociedade o labor dun departamento que ten permitido que no 2014 o Instituto Galego de Consumo notificase un total de 71 produtos inseguros á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), grazas a un traballo proactivo de vixilancia e control do mercado que sitúa ao IGC como a segunda autoridade autonómica de consumo que detectou máis produtos inseguros durante o ano pasado.
Neste eido, o Instituto Galego de Consumo céntrase na prevención e na corrección do mercado, desenvolvendo estratexias para garantir que os produtos que chegan ao consumidor son totalmente seguros. Así, no Laboratorio de Consumo de Galicia realizáronse o ano pasado máis de 7.600 análises de produtos, o que supón case duplicar a cifra de 2008.
No seu traballo a prol da defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Instituto Galego de Consumo tramitou o ano pasado máis de 21.200 reclamacións, das cales se resolveron xa un 45%. No tocante á arbitraxe, o ano pasado emitíronse preto de 3.600 laudos arbitrais, chegando nun 77% dos casos a acordos favorables para o consumidor. No ámbito da formación, a Escola Galega de Consumo organizou en 2014 un total de 186 actividades, ás que asistiron preto de 7.000 persoas.
Día Mundial do Consumidor
O 15 de marzo celébrase cada ano o Día Mundial dos Dereitos dos Consumidores, un acontecemento que foi instaurado en 1983 por Nacións Unidas para concienciar sobre os dereitos que asisten a todas as persoas como usuarios e consumidores.
Coas actividades programadas no Laboratorio, o IGC súmase á iniciativa do Comité Europeo Económico e Social, que enfoca o European Consumer Day á análise sobre as tendencias actuais no consumo. Nas xornadas que se van celebrar a vindeira semana informarase sobre o papel do Laboratorio como vixiante do mercado, e poderanse coñecer os diferentes ensaios que se levan a cabo en produtos como xoguetes, artigos de puericultura, electrodomésticos, téxtiles ou equipamento técnico.
Ademais destas actividades, con motivo da celebración do 15 de marzo o Instituto Galego de Consumo lembra a través da súa páxina web os dereitos das persoas consumidoras e usuarias, en eidos como a protección da saúde e seguridade; a protección dos intereses económicos e sociais; a educación e formación en materia de consumo; así como o dereito á representación, consulta e participación e o dereito a unha información veraz e axeitada.
Máis informaciónVedra (A Coruña), 9 de marzo de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada do xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, fixo hoxe entrega en Vedra do certificado de uso desta marca de garantía á adega coruñesa Adegas Valdés. Con este recoñecemento, os viños desta empresa, certificados da D.O. Rías Baixas, poderán incluír na súa etiquetaxe o distintivo de calidade da Xunta de Galicia.
Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con doce adegas certificadas, das cinco Denominacións de Orixe: Adega A Coroa,Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Bodegas Nairoa, Bodegas Pazo Villarei, Bodegas Ruchel, Castro Baroña, Gargalo, Quinta do Buble, Regina Viaurm e Vilarvín, ás que se suma agora Valdés.
Os asistentes realizaron unha visita ás instalacións da adega acompañados do propietario da mesma, Manuel Valdés. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá aos viños desta empresa incluír o distintivo nas etiquetaxes así como noutras accións de promoción que estimen oportuno.
En concreto, Adega Valdés conta cos seguintes viños amparados pola marca de garantía Galicia Calidade: “Da viña Galega”, “Gundián”, “Inmortal”, “Mayor de Gundián”, “Señorío de Rozadela” e “Xiradella”. Uns caldos de alta calidade e con importantes recoñecementos a nivel nacional e internacional.
Aposta pola calidade
Adega Valdés é reflexo da vocación e traballo da familia Valdés, propietaria desde hai máis de 30 anos de vinte hectáreas de viñedos a beiras do río Ulla. No ano 2001, coa ampliación da Denominación de Orixe Rías Baixas a esa zona, fúndase a actual adega, que xunta tradición familiar coas máis vangardistas técnicas de elaboración vitivinícola. Os seus viños responden a un traballo que aposta pola calidade e o bo facer na elaboración dos mesmos.
A Consellería de Economía e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 51 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector vitivinícola.
Máis informaciónA directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou na clausura do V Congreso Intercoiffure España de perruquería, que tivo lugar no Edificio de Empresariais do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Máis informaciónCangas (Pontevedra), 3 de marzo de 2015.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, achegou hoxe aos comerciantes e artesáns do Morrazo a nova convocatoria de axudas para impulsar a innovación e a calidade no sector comercial e artesán galego, dotado con 2,5 millóns de euros e á que se poden presentar solicitudes ata o vindeiro 11 de marzo.
Vázquez Abeal salientou que, a través desta convocatoria que forma parte do programa de renovación do tecido comercial galego, os comercios e as empresas artesás poden obter axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, avanzando así na incorporación do smart commerce, baseado na interrelación co cliente.
Isto permite, tal e como explicou a directora xeral de Comercio, complementar a experiencia de compra presencial dos consumidores cos diferentes canais comerciais. Tamén se apoia a posta en marcha de novas ferramentas de xestión e melloras na presentación dos produtos, e como novidade este ano, inclúense axudas para actuacións de mellora da imaxe exterior e o acondicionamento dos establecementos comerciais.
No encontro tamén interveu o presidente de Fecimo, Xosé Bangueses, que compartiu a súa experiencia á fronte da Librería Abrente de Bueu. Este negocio, que mantén unha presenza activa nas redes sociais, conta desde o ano pasado como complemento á tenda física cunha tenda on line especializada con máis de 2.000 títulos de libros de Galicia e cuxas vendas chegan a países como Dinamarca, Francia, etc.
Participou tamén o artesán do coiro Isaac Romero, profesional residente en Moaña con máis de 20 anos de experiencia e Máster de Deseño en Pel pola Fundación Loewe e a Universidade Politécnica de Madrid co apoio da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, que explicou a súa aposta pola mellora continua do seu negocio, que agora comercializa coa marca coIRaxe.
Axudas de ata 11.500 euros
Na convocatoria que se presentou hoxe ademais das axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, tamén se concederán apoios para a implantación de ferramentas que melloren a xestión do negocio e o deseño dos produtos que non fosen utilizadas con anterioridade; e para o desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetado. Para estes tipos de iniciativas tanto comerciantes como obradoiros artesanais poden sumar axudas de ata 11.500 euros.
Ademais, como novidade este ano os comerciantes poden obter apoios de ata 6.000 euros para o acondicionamento do local comercial, e para medidas orientadas á mellora da imaxe exterior e a adquisición de moblaxe e equipamento.
Dentro desta orde, no marco do impulso ao asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia específica de apoio ao sector, con diferentes programas de apoio ao longo do ano, as federacións de comerciantes poderán optar a apoios de ata 3.000 euros para o desenvolvemento de sistemas de m-commerce (comercio a través do móbil), aplicacións e webs móbiles.
Impulso á competitividade do sector artesán
Nesta mesma convocatoria, apoiarase con ata 63.000 euros ás asociacións profesionais de artesáns no desenvolvemento de sistemas de etiquetado intelixente, que acheguen información sobre os produtos e o seu proceso de elaboración. Estas entidades tamén poderán desenvolver con ata 56.000 euros de axuda proxectos de deseño e creación de novos produtos a partir da colaboración de dous ou máis artesáns e un deseñador.
Tal e como lembrou Vázquez Abeal, os apoios ás asociacións e ás empresas artesás enmárcanse no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sustentable no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento.
Con esta nova convocatoria, a Consellería de Economía e Industria leva xa activados nos dous primeiros meses do ano programas de apoio ao sector comercial por 7,6 millóns de euros. Dentro tamén do programa de renovación do tecido comercial, a Consellería ten aberta ata o 31 de agosto a convocatoria de axudas para a transmisión xeracional, dotada con 150.000 euros, co obxectivo de impulsar o emprendemento e a continuidade da calidade do sector en Galicia.
Os transmisores, que deben ter 64 anos ou máis no momento da presentación da solicitude, poderán recibir axudas de 800 euros mensuais ata a idade ordinaria de xubilación, ata un máximo de 12.800 euros, ou un único pago de 800 euros se xa a teñen. Os que retomen a actividade recibirán apoios por 2.000 euros, e formación por parte do comerciante experimentado.
Puxéronse tamén en marcha os programas de apoio aos concellos galegos para o impulso dos mercados, dotado con preto de 3 millóns de euros e cofinanciado con fondos Feder, así como a convocatoria de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, cun orzamento de 2,2 millóns.
Máis información
Boiro (A Coruña), 28 de febreiro de 2015.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, asistiu esta tarde en Boiro á inauguración do sexto salón Expoboda Barbanza 2015, que permanecerá aberto esta fin de semana para amosar ao público as últimas tendencias sobre a organización destes eventos e contará coa presenza de distintas firmas do sector que forman parte do tecido empresarial desta área, tales como florerías, tendas de moda, restaurantes, pastelerías ou empresas de fotografía, xoiería, viaxes ou salóns de peiteado e estética.
Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde de Boiro, Juan José Dieste, e polo presidente da Federación Boirense de Empresarios, Óscar España, trasladou o apoio do Goberno galego a esta iniciativa, pois, segundo incidiu, “sitúase na liña de actuación que ven defendendo: a de impulsar o pequeno comercio, o de proximidade, como motor de crecemento en Galicia e como xerador de emprego”.
Neste senso, a máxima representante do Goberno galego na provincia sinalou que desde o Executivo autonómico vense traballando desde hai tempo na posta en marcha de iniciativas innovadoras, potenciando a adaptación do comercio de proximidade ás novas demandas dos consumidores e mellorando a súa competitividade, ao tempo que se garante a continuidade do saber facer, a calidade e a profesionalidade que o caracterizan. “Por todo iso, entendemos que este escaparate de propostas de comercio especializado, neste caso nas vodas, permite achegar ao visitante as novas tendencias do sector e é un bo reflexo da potencialidade e do futuro que ten este sector para liderar o crecemento e a dinamización da comarca do Barbanza”, concluíu.
Baiona (Pontevedra), 18 de febreiro de 2015.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou esta mañá un percorrido pola praza de abastos de Sabarís, en Baiona, para coñecer as instalacións e comprobar o resultado da reforma e mellora feita polo goberno local grazas á axuda que recibiu da Consellería de Economía e Industria. Na visita, a delegada estivo acompañada polo alcalde da localidade, Jesús Vázquez Almuiña, e varios membros da Corporación municipal.
Ao abeiro do programa de axudas aos concellos galegos para a mellora competitiva do comercio de proximidade convocadas pola Consellería, o Concello de Baiona foi un dos beneficiarios deste tipo de subvencións recibindo así un total de 37.500 euros para a mellora e conservación da cuberta do mercado de Sabarís.
Segundo explicou a delegada da Xunta, a praza de abastos de Sabarís “localízase nun centro neurálxico da parroquia formando parte do espazo público máis significativo e representativo do barrio e que por mor dos temporais ocorridos no inverno pasado viuse danada nalgunha das súas partes”. Por isto, as obras de mellora da praza consistiron en:
- reparación das correas de madeira e rastreles;
- mellora do sistema construtivo, incluíndo panel sandwich de 30 mm de espesor, mellorando a estanquidade e impermeabilización da cuberta ademais de mellorar as condicións de illamento térmico do local;
- reparación das filtracións e problemas de humidade na cuberta anexa (zona de postos/tendas), así como limpeza de canalóns e baixantes de pluviais;
- pintado dos tramos da fachada deteriorados
O custo da obra ascendeu a un total de 50.000 euros, do cal o 75% -o máximo subvencionable- corre a cargo da Xunta de Galicia e o 25% restante ao goberno local.
A representante da Administración autonómica en Vigo e a súa área recordou que o Concello de Baiona xa recibira en anteriores convocatorias o respaldo da Consellería de Economía e Industria para potenciar e impulsar a competitividade do mercado de proximidade con importantes apoios destinados á mellora e potenciación da praza de abastos de Baiona, motor comercial e económico da vila, onde se investiron máis de 720.000 euros nas melloras realizadas no propio mercado e tamén na súa contorna.
Bravo Bosch sinalou que este tipo de axudas son unha importante iniciativa posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria coa finalidade de impulsar a potenciación dos mercados e prazas de abastos, sempre co obxectivo de promover a súa excelencia e posicionalos como líderes na venda de produto fresco e perecedoiro.
Nova convocatoria
Por último, lembrou que a Consellería de Economía e Industria mantén aberta a día de hoxe a nova convocatoria de axudas para este ano, dotada con preto de 3 millóns de euros e cofinanciada con Fondos Feder, co obxecto de acadar a mellora competitiva do comercio de proximidade ao tempo que se acada a revitalización da actividade comercial das vilas e cidades galegas.
O prazo para que os concellos interesados se acollan a esta orde de axudas e poidan presentar os seus proxectos remata o vindeiro día 23 de febreiro.
Este programa de axudas aos concellos galegos enmárcase na estratexia específica da Xunta de Galicia de impulso ao comercio como elemento vertebrador das vilas e cidades galegas e sector de relevancia para a reactivación económica.
Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria leva xa activados nos primeiros 40 días do ano programas de apoio ao sector comercial por 7,6 millóns de euros. Ademais do programa de apoio aos concellos galegos para o impulso dos mercados, puxéronse xa en marcha o programa de renovación do tecido comercial, dotado con 2,6 millóns de euros, así como a convocatoria de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, cun orzamento de 2,2 millóns.
Máis informaciónLugo, 11 de febreiro de 2015.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, convida ós centros comerciais abertos, ás asociacións de comerciantes ou de praceiros e ós propios concellos a solicitar algunha das axudas contempladas nos programas que, co obxectivo de impulsar as zonas comerciais, mercados, prazas de abastos, espazos de comercio non sedentario e centros comerciais abertos, ten en marcha a Xunta de Galicia.
A Xunta “é consciente da importancia da actividade comercial como motor de desenvolvemento económico e do seu papel dinamizador de cidades e pobos”, salientou Arias, razón pola que leva desenvolvido moitas e diversas actuacións encamiñadas precisamente a promover a actividade comercial nas nosas vilas e cidades.
Raquel Arias lembrou que durante o pasado ano diferentes colectivos e asociacións de comerciantes desenvolveron na Mariña unha trintena de accións grazas ás achegas concedidas pola Xunta e que, en conxunto, roldaron os 90.000 euros de investimento.
As iniciativas efectuadas tiveron os máis diversos fines, dende a dinamización comercial, a fidelización dos clientes, pasando pola sinalización exterior e a mellora da competitividade.
Segundo explicou a delegada territorial, a Consellería de Economía e Industria, ven de habilitar unha partida orzamentaria de 2,2 millóns de euros para a dinamización dos centros comerciais abertos e das asociacións de praceiros. As axudas, cuxo importe máximo ascende a algo más de 40.000 euros e terán que estar solicitadas antes do vindeiro venres, día 13, están encamiñadas á dinamización comercial, a implantación de sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outras actuacións.
Axudas a concellos
A Consellería tamén adica preto de tres millóns de euros para que os concellos poidan mellorar as prazas e mercados municipais; terán ata o vindeiro día 23 de prazo para solicitar as axudas.
As actuacións susceptibles de ser obxecto de subvención, por un importe tope de 150.000 euros, abarcan dende reparación, modernización e remodelación das instalacións, supresión de barreiras arquitectónicas ata mellora do consumo de recursos enerxéticos, redución de residuos ou mellora da calidade e da imaxe comercial. Os concellos que os desenvolvan deberán poñer en marcha tamén iniciativas dirixidas ao mentoring comercial aos praceiros. Estas actividades de formación e asesoramento, que se apoiarán cunha axuda máxima de 1.800 euros, ten como obxectivo aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.
As actuacións que teñan como finalidade a dinamización e rexeneración das prazas para atraer novos consumidores recibirán axudas de ata 3.000 euros mentres que para aqueles proxectos de actuación que pretendan peonizar o semipeonizar rúas ou zonas contiguas ás prazas de abastos a axuda pode chegar ós 80.000 euros, e a mellora de espazos destinados aos mercados tradicionais de apertura periódica ou ambulante poden recibir ata 30.000 euros.
Por último, a delegada informou de que hoxe mesmo está previsto que se publique no DOG unha nova convocatoria para impulsar a modernización e a innovación dos comercios dotada con 2,5 millóns de euros; e que igualmente, haberá apoios para o relevo xeracional.
Máis informaciónORDE do 30 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a mellora da imaxe, modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN201H).
Máis información
ORDE do 31 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN223A).
Máis informaciónORDE do 14 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN225A).
Máis informaciónVilagarcía de Arousa (Pontevedra), 16 de xaneiro de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na súa visita a Vilagarcía de Arousa o impulso da Xunta á praza de abastos da localidade polo papel que exerce como motor do comercio local e parte do seu atractivo turístico. Neste sentido, Conde sinalou que a Consellería asinará un convenio co Concello para impulsar a segunda fase da remodelación da praza, para o que o departamento que dirixe reserva xa unha partida específica de 120.000 euros coa que se dará un novo pulo ao mercado vilagarcián.
Na súa visita, na que estivo acompañado polo alcalde, Tomás Fole, así como polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, o conselleiro tivo a oportunidade de coñecer as melloras realizadas no 2014, cun apoio da Xunta de máis de 80.000 euros, que permitiron renovar a imaxe exterior dun edificio, que, tal e como subliñou o conselleiro, forma parte do patrimonio histórico da vila e permite atraer unha importante actividade económica.
Conde destacou a importancia da colaboración entre administracións para impulsar as prazas de abastos e agardou que o proxecto da segunda fase dea resposta tanto ás demandas dos propios praceiros e comerciantes como dos vilagarciáns no seu conxunto, servindo para impulsar e revitalizar o comercio en Vilagarcía como unha das actividades importantes dentro da economía desta vila.
O conselleiro destacou a aposta da Xunta polas prazas de abastos, un eido no que se está a impulsar unha venda moderna, con novos servizos, ao tempo que se mantén a esencia das prazas, como son a calidade, a diversidade, e a atención ao cliente, incidindo en que o mellor recurso co que contan os mercados son os profesionais que neles traballan.
Neste sentido, a Consellería vén de abrir a nova convocatoria de apoios ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, dotada con 2,2 millóns de euros. Ademais, e a maiores da contía asignada a Vilagarcía, o Goberno galego vén de anunciar un novo programa de axudas aberto a todos os concellos galegos para impulsar as prazas de abastos, dotado con preto de 3 millóns de euros.
Máis informaciónORDE do 29 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria (IN219A).
Máis información© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia