ORDE do 29 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria (IN219A).
Máis informaciónBaiona (Pontevedra), 9 de xaneiro de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a praza de abastos de Baiona se configura como un motor comercial e económico e un reforzo ao atractivo turístico da vila, tras as melloras realizadas tanto no propio mercado como no seu entorno, cun respaldo da Xunta de máis de 720.000 euros nos últimos anos.
Tal e como destacou o conselleiro, trala remodelación da fachada, abrindo a praza ao exterior; e do interior, facéndoa máis atractiva e funcional; así como coas actuacións na rúa Carabela Pinta, Baiona conta cun mercado moderno e adaptado ás novas necesidades dos consumidores. Entre as melloras realizadas, destacou os novos espazos destinados á gastronomía ou á realización de diferentes actividades.
O conselleiro, que estivo acompañado polo alcalde da vila, Jesús Vázquez Almuiña, así como pola delegada da Xunta, María José Bravo Bosch, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, lembrou a colaboración do Goberno galego cos concellos para potenciar as prazas de abastos galegas, impulsando unha venda moderna, con novos servizos, ao tempo que se mantén a súa esencia, baseada na calidade, a diversidade, e a atención ao cliente.
Neste sentido, nos últimos seis anos a Xunta ten facilitado a mellora de máis de 80 mercados galegos con apoios por máis de 17 millóns, e para este ano mantén o seu compromiso con 3,3 millóns de euros destinados a colaborar cos concellos neste eido.
A estes apoios súmase o programa para impulsar as asociacións de comerciantes na dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, dotada con 2,2 millóns de euros, cuxa nova convocatoria se publicará no Diario Oficial de Galicia nos próximos días.
Máis informaciónSantiago, 21 de decembro de 2014.- A campaña Galicia Calidade en ruta, que percorreu as sete cidades galegas, arrancando o pasado 28 de novembro en Santiago e rematando onte na Coruña, achegou a preto de 3.000 persoas a excelencia dos produtos gastronómicos galegos amparados por este selo de garantía.
Ademais, máis de 800 persoas participaron nos talleres e showcookings realizados no camión adaptado no que se desenvolveu a iniciativa, dirixidos a profesionais do sector da gastronomía, prescriptores de opinión, bloggers e xornalistas. A campaña tivo tamén unha ampla repercusión nas redes sociais, onde alcanzou unha audiencia de máis de 500.000 usuarios únicos en Facebook.
Segundo o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, a campaña é unha “experiencia moi positiva” xa que permitiu “poñer en valor a excelencia dos produtos certificados” entre consumidores especializados. Segundo explicou, é necesario que os galegos “coñezan ben os seus produtos para despois competir nos mercados máis esixentes”.
Neste sentido, Cabaleiro defendeu que a marca Galicia Calidade é “o mellor pasaporte” das empresas galegas porque representa o seu compromiso co esforzo por ofrecer os mellores produtos e servizos; e o uso das mellores prácticas para a produción, elaboración e comercialización dos produtos.
Talleres e showcookings
Nas 20 sesións desenvolvidas nas cidades galegas, chefs como Marian Rodríguez ou Iván Méndez realizaron diversos showcookings nos que demostraron versatilidade e excelencia dos produtos, aplicada a elaboracións culinarias para satisfacer aos consumidores máis esixentes. Tamén realizaron unha selección de tapas elaboradas con conservas, para demostrar as posibilidades de adaptación destes produtos a elaboracións gastronómicas moi sofisticadas.
A campaña tamén contou con sete catas de viños, nas que sumilleres da talla de Xoan Cannas, director do Instituto Galego do Viño, e Luis Paadín, autor da Guía de viños, destilados e bodegas de Galicia, xunto coa enóloga Cristina Murga, exaltaron as excelencias dos caldos das bodegas certificadas por Galicia Calidade. Tamén se desenvolveron tres talleres sobre a elaboración do café e almorzo con produtos con este selo, da man de baristas do prestixio de Oscar de Toro e Augusto Morales.
Galicia Calidade, que conta xa con 20 anos de historia, é unha marca recoñecida e valorada polos consumidores. Na actualidade, ten xa máis de 300 produtos certificados, de 51 empresas diferentes. Ademais, está a desenvolver unha estratexia de incorporación de novos sectores económicos de Galicia, como o turismo, granito, biomasa, xeotermia ou a madeira para se converter na marca global da economía galega no exterior.
Máis informaciónSantiago, 5 de decembro de 2014.- A empresa galega de novas tecnoloxías Torus Software Solutións foi recoñecida hoxe co premio nacional Emprendedor XXI organizado por La Caixa. Neste sentido, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, felicitou persoalmente á compañía coruñesa pola obtención dun galardón que premia tanto o seu labor innovador como o potencial de crecemento.
Torus Software Solutions xa recibiu o pasado 5 de xuño o premio Emprendedor XXI a nivel galego, fase organizada por La Caixa en colaboración coa propia Consellería de Economía e Industria, nun acto desenvolvido na Coruña que contou coa participación do director do Igape, Javier Aguilera.
A empresa desenvolve e comercializa un novo protocolo de comunicacións substitutivo do clásico protocolo de Internet (IP), co obxectivo de aumentar a capacidade de procesamento e acelerar o funcionamento das aplicacións informáticas, diminuíndo os seus tempos de resposta.
No acto de hoxe, esta spin off nacida na Universidade da Coruña obtivo tamén o premio especial á Innovación concedido pola Embaixada de Israel para distinguir, entre todos os finalistas das diferentes autonomías, o proxecto máis destacado neste ámbito.
Promovidos por La Caixa, os premios Emprendedor XXI distinguen cada ano os proxectos innovadores máis destacados, que teñen a oportunidade de acceder a formación especializada e financiamento.
Máis informaciónMeaño, 2 de decembro de 2014.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou, en compaña da alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, a praza de abastos da localidade co obxectivo de comprobar o remate das obras realizadas neste mercado de cara a súa modernización e renovación.
Na visita estiveron acompañados polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.
A orde da Consellería (do 12 de marzo de 2014) á que se acolleu o concello de Meaño, estableceu as bases reguladoras para a subvención de proxectos municipais co obxectivo de mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.
O proxecto para a reforma do mercado municipal de Meaño supuxo un investimento de 13.740 euros, dos cales 10.305 foron aportados pola administración autonómica, “é dicir, o 75% do total”, explicou Cores Tourís. As obras consistiron na sinalización e reparación do mercado municipal de Dena.
Deste xeito instalouse un toldo, tipo varanda, con estrutura realizada mediante perfiles lacados e unha lona acrílica que permite evitar o impacto directo da luz do sol na época de maior calor sobre as bancadas de pescado, así como a colocación de rótulos luminosos nos locales comerciais .
A maiores, tamén se puxeron en marcha actuacións para a dinamización comercial deste mercado a través de mentoring comercial, o aumento da rendibilidade do punto de venta con técnicas de “visual merchandising”, a colocación do produto e a atención ao cliente.
“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou o delegado territorial. “Non podemos esquecer que, para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.
Por estas razóns, considera Cores Tourís que “é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.
Neste senso, “resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre concellos como, neste caso o de Meaño, e a Consellería de Economía e Industria de cara a acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá, desenvolvendo unha xestión global aos intereses dos comerciantes e dos propios consumidores, creando así tamén unha rede de mercados de Galicia”, explicou o xefe territorial.
José Manuel Cores Tourís recordou que a Xunta impulsou en 2014 actuacións por un total de 5,5 millóns en toda Galicia destinadas a potenciar os mercados de abastos e a impulsar a competitividade do comercio de proximidade, para os que facilitará axudas por un montante global de 3,8 millóns de euros.
En relación á provincia de Pontevedra, as axudas aportadas pola administración autonómica supuxeron case 2 millóns de euros (1.925.785,2 euros), facilitando así a execución de obras e melloras que contemplan un investimento total de 2.781.670,2 euros.
Pola súa banda, a alcaldesa da localidade agradeceu a implicación da Xunta de Galicia, e en concreto, da Consellería de Economía e Industria, de cara a mellora desta praza de abastos, “xa que é un motor de dinamización comercial do noso municipio”.
Máis informaciónLugo, 27 de novembro de 2014.- A Xunta de Galicia está a articular todos os mecanismos ao seu alcance “para que ningún proxecto que sexa viable se quede no camiño e para que, a través da información, dos servizos, e da axuda financeira, o proxecto se materialice e se converta nunha fonte de riqueza tanto social como económica”. Así o manifestou hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, durante a inauguración dunha xornada sobre emprendemento responsable organizada en Lugo pola Asociación de Empresarias da Provincia.
Arias afirmou que “a posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar é fundamental para acadar a igualdade en todos os ámbitos”, recoñecendo como principais materias pendentes que “segue diminuíndo a taxa de emprego feminino en función do numero de fillas e fillos, e restrínxese a promoción das mulleres a cargos directivos”.
O emprendemento feminino, subliñou, “é unha das vías para superar este obstáculo”, xunto coa implantación de plans de igualdade nas empresas.
Neste sentido, indicou que existen diversas liñas de subvención a través da Secretaría Xeral de Igualdade e tamén un marco xeral de axudas promovidas pola Consellería de Economía e Industria, na súa maioría a través do Igape, e pola de Traballo e Benestar, que subvenciona o establecemento de traballadores autónomos.
A delegada territorial explicou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) puxo en marcha as unidades Galicia Emprende, un instrumento creado na Lei de Emprendemento –aprobada hai menos dun ano- que busca simplificar e axilizar os trámites á hora de crear novas empresas galegas.
Raquel Arias invitou a todas as mulleres “que teñen un proxecto empresarial pero non saben cómo poñelo en marcha” a achegarse á unidade Galicia Emprende de Lugo, nas oficinas do Igape no Edificio Administrativo da Xunta. “Alí atoparán asesoramento profesional sobre a viabilidade económica da iniciativa empresarial que propoñen así como a relación de posibles axudas ás que poden optar”, concluíu.
Máis informaciónSantiago, 27 de novembro de 2014.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mediodía, tras o Consello, a posta en marcha en 2015 do Plan de inspección de comercios, que prevé chegar a revisar en torno ao millar de establecementos comerciais no vindeiro ano.
Feijóo destacou a aprobación, hoxe no Consello da Xunta, dun decreto que desenvolve regulamentariamente o papel da inspección de comercio -ao abeiro da Lei de comercio interior de Galicia-, ao regular o persoal inspector, coas súas correspondentes prerrogativas, incompatibilidades, coas causas de abstención e recusación e coas súas obrigas.
O titular da Xunta precisou, ademais, que o texto regulará os diferentes documentos nos que se plasma a execución dos labores de inspección, tales como comunicacións, dilixencias, informes ou actas.
“Aproveitamos para aprobar xa o Plan anual de inspección de comercio do ano 2015. Neste ano 2015 ponse en marcha este primeiro plan de inspección, no sentido dun documento único para concretar todo o calendario de actuacións durante o ano para buscar a mellor calidade do comercio galego e o mellor servizo aos consumidores”, sinalou Feijóo ao respecto.
Segundo explicou, este programa prevé tres tipos de actuacións: a primeira delas, unha campaña informativa, para recordar as obrigas, dando un prazo temporal para, no suposto de detectar algún incumprimento, se corrixa. En segundo lugar, o presidente da Xunta referiuse á campaña de control de cumprimento da normativa, con campañas específicas sobre: venda en rebaixas, venda en liquidación e venda con desconto, ou campañas sobre devolución de produto, prezos e medios de pagamento, feiras de oportunidades e horarios comerciais. Como terceira actuación, Feijóo remarcou que se vai incidir “dunha forma intensa no plan de verificación do cumprimento das subvencións de diñeiro público”. “Aqueles comercios que teñan subvencións como consecuencia dos plans que a Consellería de Economía e Industria ou calquera outra destine aos comercios, terán unha verificación do cumprimento destas subvencións”, asegurou.
Máis información
Ourense, 24 de novembro de 2014.- O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, destacou hoxe que o Goberno galego aposta por seguir impulsando a proxección exterior das empresas galegas no marco da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020. Martínez participou no acto de apertura dunhas xornadas técnicas sobre as posibilidades de negocio con Colombia, organizadas pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO).
O delegado territorial destacou as posibilidades de incrementar as relacións bilaterais e lembrou que durante o ano pasado máis de duascentas empresas galegas venderon produtos e servizos a Colombia, sumando unhas exportacións cifradas en 33 millóns de euros, cun incremento dun 67% sobre as cifras rexistradas en 2011. “As cifras son relativamente baixas, tendo en conta o potencial do mercado de Colombia, que está entre as economías mías potentes de América latina. Hai marxe de mellora”, indicou Rogelio Martínez. Neste sentido, indicou que a Consellería de Economía e Industria –a través do Igape- está a apoiar iniciativas de internacionalización das empresas galegas cun amplo abano de servizos e axudas financeiras xa que “a internacionalización é unha vía irrenunciable para mellorar a competitividade das empresas galegas e recuperar o crecemento económico”.
Na súa intervención, Martínez apuntou que Ourense conta con máis de 650 empresas que exportan, pero que hai que incrementar esta cifra. Na actualidade, a Xunta está a consensuar coas entidades e organismos empresariais a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega coa que aspira a asegurar o progresivo incremento das exportacións ata superar, no horizonte de 2020, os 23.000 millóns de euros.
Máis informaciónA Directora xeral de Comercio pechará a campaña Máis que Comercio! en A Estrada este mércores 12 de novembro ás doce e media da mañá no café bar Scala.
Porto do Son, 7 de novembro de 2014.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá a praza de abastos de Porto do Son para supervisar o avance dos traballos de mellora das instalacións, que o Goberno galego está a cofinanciar co concello cunha achega de 45.026 euros, é dicir, o 75% do total, que ascende a 60.035 euros.
Segundo indicou Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde, Luís Oujo, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, subvenciona esta actuación, que consistirá na reforma das fachadas do edificio que ata o de agora se atopaban en moi mal estado de conservación. Deste xeito continúase a traballar na mellora da imaxe do mercado, co fin de convertelo nun servizo moderno e funcional e prepárase o inmoble para a futura adecuación do primeiro andar. Estes traballos quedarán rematados a finais deste mes.
O programa impulsado polo departamento autonómico enmárcase dentro da estratexia específica de apoio ao sector comercial que desenvolve a Xunta como unha das claves para a reactivación da economía das vilas galegas e reforza a colaboración do Executivo autonómico cos concellos nun ámbito no que as súas actuacións resultan imprescindibles, tanto pola súa proximidade ao comerciante como polo seu coñecemento directo do comercio local.
Nas comarcas do Barbanza e de Noia recibirán estas achegas catro concellos A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Boiro e Noia, que en total contarán con axudas por importe de case 219.000 euros.
Máis informaciónVila de Cruces, 5 de novembro de 2014.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Vila de Cruces para, en compaña do alcalde da localidade, Jesús Otero, comprobar as obras de reforma da praza de abastos que están a piques de rematar.
Na visita estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial Santomé.
Tal e como recordou o delegado territorial, a orde da Consellería (do 12 de marzo de 2014) á que se acolleu o concello de Vila de Cruces, estableceu as bases reguladoras para a subvención de proxectos municipais co obxectivo de mellorar os mercados e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia.
O proxecto de Vila de Cruces supuxo un investimento global de 42.373 euros, dos cales 31.779,75 foron aportados pola administración autonómica, “é dicir, o 75% do total”, explicou Cores Tourís. As obras consistiron na mellora da praza de abastos, coa reparación de humidades na fachada principal e dos postos situados debaixo das escaleiras de acceso á praza. Cambiouse tamén o pavimento do mercado e das rampas, a carpintería de madeira e a metálica, pintarase e levaranse a cabo labores de limpeza e cambio de luminarias. Ademais, do total da axuda, 1.800 euros destinaranse á formación dos comerciantes a través dun curso de mentoring.
“A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, recordou, o delegado territorial. “Non podemos esquecer que, para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial, que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría”, engadiu.
Por estas razóns, considera Cores Tourís que “é preciso adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, dende o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades”.
Máis informaciónOurense, 30 de outubro de 2014.- Os conselleiros de Economía e Industria, Francisco Conde, e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacaron hoxe aos galardoados dos II Premios ao Xoven Empresario de Ourense como representantes da nova xeración de emprendedores ourensáns chamados a liderar a provincia. Ambos conselleiros participaron na entrega dos premios concedidos polo Círculo de Xoves Empresarios de Ourense, no Centro Municipal Ángel Valente, e resaltaron o papel clave dos novos empresarios para a consolidación dun futuro próspero para a provincia.
Conde resaltou que os premios “entregados de emprendedores para emprendedores”, reflicten “non só o presente de Ourense, senón o que esta provincia aspira a ser na vindeira década”. Un traballo que, resaltou, a Xunta está acompañando, eliminando barreiras burocráticas, creando un clima competitivo que impulse a innovación e a eficacia, e impulsando a creatividade e o financiamento das boas ideas.
A esa convicción, salientou, responde a eliminación das licencias municipais de obra e actividade coa Lei de Emprendemento, e a creación da Unidade Galicia Emprende, que facilita a avaliación e a posta en marcha do negocio, e a posta en marcha de estímulos económicos, como o apoio a 70 novos proxectos de emprendedores este ano, “cos que xa levamos mobilizados 30 millóns en cinco anos”. O esforzo dos emprendedores ourensáns, sinalou, sumado a este ecosistema competitivo, supuxo este ano a creación de 300 novas empresas en Ourense.
Pola súa parte,o titular de Cultura e Educación subliñou a aposta da Xunta por consolidar o Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende, fomentando o espírito emprendedor. Vázquez Abad explicou que “durante este curso vaise ampliar a rede de viveiros de empresa en centros educativos de Galicia na provincia de Ourense. Así, ampliarase a súa capacidade en dous centros de referencia como son A Carballeira-Marcos Valcárcel e A Farixa e, crearase un novo viveiro no IES de Verín, chegando aos 4 viveiros na provincia.”
O responsable educativo rematou o seu discurso gabando aos galardoados e ao Círculo de Xoves Empresarios de Ourense pola convocatoria destes recoñecementos que “incentivan así á cultura emprendedora na provincia.”
A filosofía destes galardóns é coñecer e difundir os proxectos que se poñen en marcha na provincia. Como novidade este ano, introduce o recoñecemento ao mentor, mención especial a algunha persoa de relevancia involucrada co emprendemento e que prestase o seu apoio ás iniciativas e proxectos dos xoves empresarios. En concreto, o Círculo premiou a José Rodríguez, de Rodríguez López Auto; a Javier Rodríguez, de Regalsa; e a Francisco Nóvoa, do Grupo Academia Postal.
Máis informaciónA Coruña, 18 de outubro de 2014.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participaron hoxe na inauguración de Tenda. Novo comercio urbano, na que ambas coincidiron en sinalar o importante papel que xoga o sector comercial na dinamización económica e no atractivo turístico da cidade.
Durante a apertura deste evento, que se celebra durante toda a fin de semana en Expocoruña e que conta co apoio de Turismo de Galicia e de Artesanía de Galicia, entre outras institucións, Nava Castro sinalou que o comercio se está a converter nun compoñente cada vez mais relevante na cadea de valor do turismo. “As compras son un elemento imprescindible na experiencia do viaxeiro contemporáneo e en moitos casos a principal motivación ou o factor determinante para a elección dun destino”, afirmou.
Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia destacou que “o turismo de compras incentiva a minimización da estacionalidade e o gasto dos turistas na nosa comunidade”. Nos últimos datos de EGATUR realizado polo Instituto de Estudios Turísticos, o gasto total do turismo internacional no mes de agosto ascendeu ata os preto de 134 millóns de euros, un 20,6% máis que en agosto do 2013. A cifra aumenta ata os mais de 589 millóns de euros, nos primeiros oito meses do ano, o que supuxo un incremento do 18,4% con respecto ao mesmo período do pasado ano. Neste senso, a directora de Turismo de Galicia explicou que “aos beneficios económicos hai que engadir os sociais, xa que o comercio serve como unha plataforma de rexeneración urbana mediante o incremento de valor de zonas que ata agora eran menos visitadas por turistas”.
“En definitiva, as compras estanse consolidando como un segmento clave dentro da industria do turismo é son un elemento destacable na contribución da consolidación do destino, no crecemento económico, na xeración de ingresos e na creación de postos de traballo”, concluíu Nava Castro.
Pola súa banda, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal destacou o papel vertebrador da vida económica e social das cidades do sector comercial, e en especial do comercio de proximidade, destacando que Tenda permite achegar ao visitante as novas tendencias do sector, sinalando entre os eixos da estratexia específica de apoio ao comercio que desenvolve a Consellería de Economía e Industria o impulso á modernización e a innovación. Do mesmo xeito, Vázquez Abeal destacou que en tenda comparten espazo o deseño, a gastronomía ou o comercio especializado, xunto con diferentes actividades, nun espazo como Expocoruña, escaparate estes días da actividade económica non só da provincia senón de toda Galicia.
Promoción
Tanto Turismo de Galicia como Artesanía de Galicia contarán esta fin de semana con espazo propio no evento. A entidade de promoción turística da Xunta achegará ao público asistente a este certame toda a información turística de Galicia que precise, así como do Camiño de Santiago. Farase especial fincapé nas posibilidades que ofrece a comunidade galega para a práctica do turismo urbano, especialmente co relacionado coas compras. Ademais, nesta ocasión, Turismo de Galicia promocionará os produtos turísticos deseñados este ano para as fins de semana e pontes do outono, tales como ‘De tapas por Galicia’ ou o ‘Outono gastronómico turísmo rural’.
Pola súa banda, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Consellería de Economía e Industria, presenta neste encontro unha liña centrada na decoración cunha escolma de máis de 15 obradoiros artesáns galegos feita en materiais como a madeira, a cerámica, os téxtiles e a cestería, na que se deixa constancia da tradición e da vangarda que se unen na Artesanía de Galicia. Contribúese así á promoción do traballo dos profesionais galegos, e refórzase a imaxe de Artesanía de Galicia como marca de calidade e de prestixio.
Así, estará representada a olería de Buño con pezas de Carmen Labrador, Alfarería Lista e O Rulo; así como as olerías tradicionais de Niñodaguia, con obras de Agustín Vázquez; Gundivós, con traballos de Elías González; e de Bonxe con Josefa Lombao. No tocante á cestería, haberá creacións do vigués Antonio Suárez. Tamén no téxtil, os que se acheguen ata Tenda poderán ver o traballo de C. Canoura Deseño, de Culleredo; o Centro de Recuperación de Cultura Popular. Castelo de Sobroso, de Ponteareas; Anna Champeney Estudio Textil, da Teixeira; Taller Arbor, de Victoria Montenegro, de Vilamarín; e Artefíos Asociación de Padres para la Formación de Jóvenes Límite, da Coruña. E tamén a cerámica contemporánea de Lucía Catuxo, de Trabada e Cerámica Unzueta, de Brión; os traballos en madeira utilitaria de Armaior, de Quiroga, as pezas tradicionais de San Andrés de Teixido elaboradas con miga de pan por Jorge Bellón; ou pezas do taller de Elena Ferro (Vila de Cruces).
Máis informaciónSantiago, 17 de outubro de 2014.- A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, colabora co Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia na posta en marcha do curso Atención excelente ao cliente de xoiaría, unha novidosa iniciativa deseñada para os profesionais do sector en Galicia.
O formador do curso, que se celebrará durante toda a xornada de mañá, é Eloy Gesto, pertencente a unha destacada familia de ourives composteláns e experto en comunicación e venda no sector. A programación do curso combina técnicas eficaces de comunicación, de venda e claves de éxito, co obxectivo de mellorar a atención ao cliente e os resultados.
O apoio a esta actividade formativa forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para potenciar o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do novo Plan de Artesanía de Galicia.
Nos últimos meses, no marco da colaboración co Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, desenvolvéronse con este un total de cinco cursos co obxectivo de contribuír a incrementar a innovación nas empresas de xoiería así como a mellorar a súa competitividade dentro do sector.
Máis informaciónCervo (Lugo), 16 de outubro de 2014.- Artesáns do coiro de toda Galicia perfeccionarán a súa técnica a partir do vindeiro sábado, 18 de outubro, no obradoiro do especialista cervense Vidal Revilla. A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, organiza este curso de especialización, “Perfeccionamento da volumetría en coiro”, que terá unha duración de 40 horas, rematando o vindeiro 26 de outubro.
A organización desta actividade formativa forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para potenciar o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do novo Plan de Artesanía de Galicia.
Ao longo do curso os alumnos realizarán unha peza decorativa desenvolvendo distintas técnicas de volumetría e incorporando elementos de peche de bisagra e laminados. Os exercicios irán desde a preparación das ferramentas, deseño do patrón, o corte, a montaxe e o cosido, ata o tinguido e os remates da peza.
Máis información4 de xaneiro
11 de xaneiro
2 de abril
5 de xullo
11 de outubro
1 de novembro
6 de decembro
13 de decembro
20 de decembro
27 de decembro
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2014
Máis informaciónFoz (Lugo), 10 de outubro de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientou esta tarde na presentación do novo centro comercial aberto de Foz o importante papel que desenvolven as asociacións do sector na mellora competitiva do comercio de proximidade.
Sinalou a directora xeral que a posta en marcha do CCA, unha ferramenta deseñada polo pequeno comercio que reforza a profesionalidade na xerencia, o deseño de estratexias de dinamización comercial ou a imaxe conxunta, permitirá ao comercio focense avanzar na prestación de novos e mellorados servizos aos consumidores.
Do mesmo xeito, Vázquez Abeal, que felicitou pola iniciativa á Asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Foz (ACIA Foz), destacou que o apoio ao asociacionismo comercial é un dos eixos da estratexia específica de impulso ao sector que desenvolve a Consellería de Economía e Industria.
Esta estratexia, dentro da cal se levan activado no que levamos de ano programas de apoio por 10 millóns de euros, incídese tamén en eidos como a innovación, o emprendemento, ou a potenciación dos mercados e prazas de abastos.
A Coruña, 9 de outubro de 2014.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación das xornadas Tenda. Novo comercio urbano, que acollerá a vindeira semana o recinto feiral da Coruña –Expocoruña-. A Xunta colaborará co concello da Coruña na organización do evento, que nace como unha gran feira do comercio urbano especializado.
Segundo explicou Do Campo, Turismo de Galicia estará presente no encontro cun stand -e unha informadora- no que se promocionará Galicia como destino turístico. “Entendemos que estar en Tenda. Novo comercio urbano, pola que previsiblemente pasarán centos de persoas, supón un grande escaparate para atraer novos visitantes non só á cidade, senón tamén ao resto de Galicia”, indicou a máxima representante do Goberno galego na provincia, quen recordou que o sector turístico constitúe un dos piares da economía na nosa comunidade autónoma e, nestes momentos, está sendo capaz de xerar emprego.
Por outra banda, o Goberno galego terá participación nesta feira a través de Artesanía de Galicia, dependente da Consellería de Economía e Industria, cunha selección de máis de 15 obradoiros artesáns galegos que amosarán pezas feitas en materiais como a madeira, a cerámica, os téxtiles e a cestería, “a través das que se deixa constancia da tradición e a vangarda que se unen na artesanía galega”, sinalou a delegada territorial. “A presenza en Expocoruña enmárcase no obxectivo de dar a coñecer o traballo dos profesionais galegos e de abrir novas canles cara o exterior, ao tempo que se contribúe á consolidación de Artesanía de Galicia como marca de calidade e prestixio”, apuntou.
Tenda. Novo comercio urbano terá lugar os días 18 e 19 de outubro e nela máis de 100 establecementos presentarán as súas últimas propostas e descubrirán as tendencias en moda, deseño, gastronomía comercio especializado e showrooms. O evento inclúe ademais conferencias, música, actividades e obradoiros para toda a familia.
Máis informaciónA Coruña, 6 de outubro de 2014.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, participou hoxe nunha nova reunión da Mesa Provincial de Comercio Local da Coruña, que agrupa a administracións públicas, asociacións de comerciantes e consumidores e representantes dos distintos concellos. Tamén estiveron presentes, en nome do ente provincial, o deputado Antonio Cañás, a presidenta da Asociación Galega de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios “Brétema”, Rosa Otero, e o presidente da Federación Galega de Comercio, Miguel Agromayor.
Neste encontro, supervisouse e déuselle o visto e prace ao proxecto de dinamización comercial presentado pola Federación de Empresarios do Barbanza, trámite necesario para que esta poida concorrer ás ordes de axudas convocadas polo Goberno autonómico.
A iniciativa consiste na creación dun sistema informático e aplicación para dispositivos móbiles para a promoción e desenvolvemento do comercio, coa captación de clientes potenciais cara a venta dos produtos aloxados nos comercios que forman parte desta federación. O sistema non só estará orientado a dar coñecemento dos eventos, lugares ou produtos, senón que tamén pretende ser unha ferramenta interactiva, que permita a comunicación entre o usuario e os comerciantes e as asociacións implicadas.
Cumprimento da Lei de comercio interior de Galicia
A convocatoria da reunión da Mesa Provincial de Comercio Local faise en cumprimento da Lei de comercio interior de Galicia. Este órgano está pensado para fomentar o diálogo e a coordinación entre a administración, os comerciantes e os consumidores no deseño e execución das políticas comerciais que lles afectan. Neste senso, Do Campo subliñou que se está a traballar para “impulsar a colaboración entre os membros do sector para a optimización dos recursos”. Coa nova norma, indicou, está a disposición dos comerciantes unha serie de instrumentos que teñen como obxectivo a mellora e a modernización do comercio galego, así como a solución dos problemas que lles afectan.
Entre as novas ferramentas que recolle a lei están as chamadas mesas locais de comercio, entendidas como un lugar de encontro e un foro de debate, onde teñen voz e voto o comercio de proximidade, os consumidores e os propios concellos. A mesa provincial asume as funcións da administración local naqueles concellos que non contan con un mínimo de 20 comercios minoristas ou nos que non existe unha asociación local de comerciantes. Ata o de agora, máis 30 municipios coruñeses, dos 93 de toda a provincia, están representados na nova mesa, algo que para a delegada territorial dá conta “do nivel de actividade comercial na Coruña e da importancia da constitución das mesas locais como instrumentos de participación”.
Funcións da Mesa Provincial do Comercio Local
Entre as tarefas que desenvolve a Mesa Provincial do Comercio Local están as de informar sobre as campañas de promoción que se desenvolven con fondos públicos, elaborar informes para a realización de feiras de oportunidades, actuar como órgano consultivo sobre todas as cuestións que afecten ao comercio retallista ou ser oída na elaboración de plans de tráfico e de ordenación urbana dos concellos integrantes, entre outras. Esta tamén está a servir para trasladar aos municipios representados as medidas, iniciativas e propostas en materia comercial.
En definitiva, trátase de contar con unha ferramenta eficaz para dotar de maior dinamismo, proxección e modernidade ao pequeno comercio, “máis aínda nun contexto de crise económica como o actual”, indicou a representante autonómica. “Pretendemos que o sector se decate de que a través da unión de todos os axentes se pode ser máis competitivo e chegar a negociar, por exemplo, créditos cos bancos, as tarifas da luz ou outros asuntos que poidan beneficiar a súa actividade”, engadiu.
Santiago, 6 de outubro de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe unha reunión con representantes das Cámaras de Comercio galegas, no segundo dos encontros que está a manter cos axentes implicados para consensuar a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, coa que o Goberno galego aspira a “consolidar o traballo realizado en internacionalización para impulsar o crecemento”.
Durante o encontro, o titular de Economía e Industria escoitou as opinións e propostas dos distintos entes camerais, e destacou as posibilidades que ofrece a Estratexia para, desde a unidade de acción dos diferentes axentes e das entidades financeiras, coordinar e facilitar a internacionalización do tecido empresarial, impulsando investimentos e creando emprego. Un traballo conxunto que, como explicou, aspira a acadar un dobre obxectivo: incrementar as exportacións galegas nun 25% en 2020 ata superar os 23.000 millóns de euros, coa meta global de acadar o 40% do PIB galego en 2020.
Neste sentido, Conde avogou por seguir coordinando esforzos, resaltando o importante papel que poden xogar as cámaras no desenvolvemento deste documento, especialmente no tocante a dous instrumentos como o Foexga e a xanela única. Así, avogou por potenciar o Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga), unha iniciativa que, en colaboración cos entes camerais galegos, está a impulsar a presenza das empresas galegas en novos mercados exteriores.
O Foexga, explicou o conselleiro, incide na cooperación do tecido empresarial como panca para a súa chegada a novos mercados, complementa os servizos de apoio que achega a Rede Pexga, e contribúe a consolidar o importante labor desempeñado ata o de agora en materia de internacionalización. Un traballo que permitiu que Galicia acadase en 2013 un novo récord histórico exportador, sumando máis de 18.400 millóns de euros en vendas ao exterior, e siga mellorando estas cifras no que vai de 2014.
Pola súa banda, no tocante á xanela única, Conde apostou tamén por traballar de xeito coordinado no impulso dun instrumento que facilita o acceso a servizos, recursos, formación e información, que simplifica os trámites e axuda ao empresariado na procura de novos mercados internacionais.
Estas medidas, sinalou o conselleiro de Economía e Industria, inclúense dentro do plan de acción global que supón a Estratexia de Internacionalización 2020, que se apoiará en cinco eixos fundamentais para impulsar as exportacións galegas: a promoción dunha cultura da internacionalización; o incremento da presenza nos mercados internacionais; a atracción de investimentos; a consolidación da Marca “Galicia Calidade”; e a cooperación desde a unidade de acción cos axentes, pemes e entidades financeiras.
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia