27 Setembro, 2014
Preto de 150 artesáns abren os seus obradoiros ao público nas Rutas de Artesanía coas que a Xunta impulsa os oficios tradicionais como atractivo turístico
Sober (Lugo), 27 de setembro de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron hoxe no Centro Oleiro da Reitoral de Gundivós (Sober) a iniciativa Rutas de Artesanía, un proxecto conxunto co que a Xunta promove a posta en valor dos oficios tradicionais e o seu impulso como atractivo turístico no que están a participar preto de 150 artesáns de toda Galicia que abren os seus obradoiros ao público.
Tal e como salientou Francisco Conde, o proxecto nace do vínculo natural entre artesanía e turismo, salientando que a Artesanía de Galicia “achega un elemento diferenciador á oferta turística, cunha actividade fortemente ligada ao territorio que permite fixar emprego e tecido empresarial no rural”, e apuntando que a través desta iniciativa os visitantes poderán “coñecer e sentir a artesanía no seu entorno”.
Nestes aspectos incide a iniciativa Rutas de Artesanía, que inclúe unha aplicación móbil, Obradoiros Abertos, que parte dun traballo previo da Asociación Galega de Artesáns, e que agora incorpora a máis profesionais, todos eles coa marca Artesanía de Galicia, así como novas funcionalidades e rutas vinculadas ao Camiño de Santiago. Esta aplicación, dispoñible para Android e iOS, achega información sobre cada obradoiro ou punto de interese, xeolocalízao e proporciona a ruta para chegar ata el desde a ubicación do usuario. Como complemento a esta ferramenta, deseñáronse mapas por cada unha das provincias, que se están a distribuír nos principais puntos de interese artesán e turístico.
As Rutas de Artesanía contemplan, ademais, a realización de diferentes accións para zonas de destacado interese turístico, como a propia Ribeira Sacra ou San Andrés de Teixido, nas que se está a avanzar xa, e que se suman ás realizadas previamente pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño coas colareiras do Grove ou as redeiras, apostando pola posta en valor dos oficios tradicionais a través da diversificación e a profesionalización, e impulsando a súa incorporación á marca Artesanía de Galicia.
Apuntou Conde que a iniciativa que hoxe se presentou permite avanzar no contemplado no Plan de Artesanía de Galicia, elaborado xunto co sector co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
Para iso, tal e como subliñou o conselleiro de Economía e Industria, o plan márcase tres retos: afianzar a competitividade, reforzando un sector artesanal competitivo capaz de aglutinar todo o talento artesanal galego; consolidar a marca diferencial, impulsando o posicionamento e prestixio da marca Artesanía de Galicia; e potenciar unha artesanía innovadora e transversal, promovendo a innovación, a presenza dos produtos galegos artesáns na rede e a cooperación con outros sectores produtivos.
Día Mundial do Turismo
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia sinalou que non hai mellor data para presentar as Rutas de Artesanía que un día tan especial como o Día Mundial do Turismo, que este ano se celebra baixo o lema “Turismo e desenvolvemento comunitario” co propósito de divulgar e sensibilizar acerca do valor social, cultural, político e económico do sector.
Nava Castro explicou que o turismo é fundamental para a xeración de ingresos e o desenvolvemento dos territorios dunha maneira sostible e que, ademais, potencia a participación local e o progreso a nivel comunitario. “O turismo convertese nun catalizador da cohesión social ao involucrar á poboación local nas actividades do propio sector”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.
Así mesmo, Nava Castro, destacou que as Rutas da Artesanía son unha oportunidade para a interacción social e a participación de todos os galegos en xeral e os artesáns en particular no turismo da nosa comunidade. Este novo produto turístico únese a outros promovidos pola Xunta de Galicia para incentivar a relación entre turistas e veciños, como o turismo mariñeiro, enolóxicos ou o Outono Gastronómico, entre outros.
A directora de Turismo de Galicia, referiuse a artesanía como un símbolo do marcado carácter tradicional de Galicia que co paso do tempo foi modernizando o seu proceso produtivo para mellorar o rendemento e a calidade dos produtos. “A tradición e o vangardismo alíanse neste produto turístico que outorga a posibilidade non so de descubrir o noso territorio senón que tamén mostra a nosa cultura e costumes a aqueles que nos visitan”, sinalou Nava Castro.
Para finalizar, a directora de Turismo de Galicia, recordou que o Plan Integral de Turismo recolle a revalorización da artesanía de Galicia como elemento tradicional e cultural diferenciador, fomentando a cooperación entre empresas turísticas e actores e produtos artesanais. “Con este proxecto pioneiro que estamos a presentar hoxe estase dando un paso adiante no cumprimento destes obxectivos co fin de potenciar a artesanía como un produto turístico de primeiro orde e que complementa a outros consolidados como o Camiño de Santiago, o turismo rural ou o turismo urbano”, destacou Nava Castro.
Máis información