Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 25 Febreiro, 2014
    O Instituto Galego de Consumo activa unha nova campaña para garantir a seguridade de disfraces e outros produtos de entroido

    Santiago, 25 de febreiro de 2014.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, está a desenvolver un ano máis unha campaña específica de información e control destinada a garantir a seguridade nas compras de produtos como disfraces e máscaras cuxa venda se intensifica durante a tempada de entroido.

    Así, estanse a intensificar as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio Galego de Consumo.

    A iniciativa céntrase nos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable, e nestes momentos xa se está a analizar no Laboratorio de Consumo unha primeira partida de vinte mostras de artigos destinados a menores de 7 anos, entre os que se inclúen disfraces, máscaras, antefaces, perrucas e barbas.

    No caso de que se detecte que algún destes produtos presenta riscos, procederase a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

    A posta en marcha desta iniciativa enmárcase na intensa labor do mercado que realiza durante todo o ano o Instituto Galego de Consumo. Neste sentido, Galicia é a comunidade que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano, xa que é tamén a que máis investiga neste terreo.

    No tocante aos produtos de entroido e disfraces, como resultado das actuacións que o Instituto Galego de Consumo levou a cabo ao longo do ano pasado comunicáronse á Rede de alerta nacional un total de 15 produtos que non cumprían cos requisitos de seguridade establecidos na normativa, tras analizar un total de 38 mostras no laboratorio. Desde o ano 2009, o total de disfraces alertados foi de 95.

    Consellos á hora de mercar
    A campaña que está a desenvolver o Instituto Galego de Consumo tamén inclúe accións de información, distribuíndo a través de internet e entre colectivos de consumidores diferentes consellos e recomendacións. Así, desde o IGC recoméndase facer un consumo responsable ao mercar máscaras, disfraces e cosméticos como medida de prevención de accidentes, con especial atención aos produtos que van destinados aos máis pequenos.

    Desde o Instituto recórdase que os disfraces para nenos teñen a consideración de xoguete, polo que teñen que cumprir os requisitos de seguridade que marca a normativa e incluír na súa etiqueta a marca CE, a idade recomendada, as instrucións e advertencias na súa utilización, así como o nome e marca do produto, razón social e enderezo do fabricante ou importador. Recoméndase gardar tanto a etiqueta como a factura, necesaria para realizar calquera reclamación posterior.

    Os disfraces dos nenos non deben levar cordóns na zona do pescozo nin botóns ou outros compoñentes perigosos que poidan provocar asfixia. Tampouco se permiten cordóns, fitas, etc, que colguen por debaixo das dobras inferiores da peza. Recoméndase elixir materiais non inflamables, e atender ás indicacións da etiquetaxe neste aspecto, así como manter os nenos afastados de calquera fonte de calor intensa.

    Os traxes que non sexan axeitados para nenos menores de tres anos deberán indicalo explicitamente a través dunha advertencia, na que se explique o risco específico que motiva a exclusión. No tocante ás máscaras, hase de comprobar que os orificios son suficientes para permitir unha axeitada ventilación. Con respecto á maquillaxe, deberá ser axeitada para a pel dos nenos, e deberá probarse antes nunha zona da man ou do brazo. Ademais, despois hai que quitar a maquillaxe axeitadamente.

    Máis información
  • 25 Febreiro, 2014
    O IGC achega aos consumidores de Pontevedra a campaña “Dálle luz á túa factura” para facer máis comprensible o recibo eléctrico

    Pontevedra, 25 de febreiro de 2014.- O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá mércores unha xornada informativa en Pontevedra para achegar aos consumidores e usuarios a nova campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis comprensible a factura da luz ao resolver as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

    O encontro celebrarase a partir das 18 horas na sala de conferencias da Delegación Territorial da Xunta (Fernández Ladreda, 43). Na xornada presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta separa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

    Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución ás súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

    Máis información
  • 24 Febreiro, 2014
    A Xunta activa a campaña Máis que comercio! co obxectivo de incentivar as vendas e reforzar o comercio de proximidade

    Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou esta mañá en rolda de prensa a nova campaña de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, coa que a Consellería de Economía e Industria reforza o comercio de proximidade ao tempo que incentiva as vendas nas vilas e cidades galegas.

    Tal e como explicou Vázquez Abeal, a campaña percorrerá Galicia durante todo o ano, celebrándose cada mes en cinco localidades, nas que os clientes dos comercios asociados aos centros comerciais abertos recibirán por cada 5€ de compra un cupón para participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com, no que, votando ao seu establecemento favorito, poderán conseguir diferentes agasallos e premios en metálico para mercar no pequeno comercio.

    “O noso obxectivo é, por unha parte, dinamizar a actividade comercial, e ao mesmo tempo, resaltar os valores do pequeno comercio, como a proximidade, a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade” remarcou a directora xeral, quen engadiu que esta iniciativa supón “un impulso ao asociacionismo, apoiando o traballo dos centros comerciais abertos”.

    Neste sentido, Sol Vázquez Abeal destacou que estas asociacións, que permiten o deseño de estratexias comerciais de forma conxunta no pequeno comercio, son clave para mellorar a súa competitividade, lembrando que a Xunta vén de activar o programa de apoios para as asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros.

    O impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica de apoio ao sector comercial que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, na que o fomento do emprendemento desempeña tamén un importante papel. Neste sentido, vénse de poñer en marcha un novo programa de axudas de ata o 50% e ata 10.000 euros para a apertura de novos establecementos comerciais, co que se incide no impulso ao emprendemento no tecido comercial, complementando as iniciativas fomentadas na nova Lei do emprendemento e da competitividade de Galicia, entre as que destacan a simplificación administrativa grazas á eliminación con carácter xeral das licencias municipais de obra e actividade.

    A campaña Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que botará a andar o vindeiro luns nos centros comerciais abertos (CCA) de Ribadeo, O Carballiño, Caldas de Reis e do Calvario (Vigo), así como no CCU Zona Monumental de Pontevedra, inclúe en cada CCA un premio en metálico de 200 euros e outros dous de 100, ademais de outros agasallos achegados polos propios comerciantes. Ao final de cada mes, o establecemento escollido polos clientes en cada localidade recibirá un recoñecemento público ao seu labor.

    Máis información
  • 21 Febreiro, 2014
    A comisión xestora da Cámara de Ferrol decide na súa sesión constituínte abrir a inscrición ao censo electoral

    Ferrol, 20 de febreiro de 2014.- A Comisión Xestora da Cámara de Comercio de Ferrol, cuxa principal tarefa é a convocatoria de eleccións co obxectivo de restituír a gobernabilidade do ente e a estabilidade das súas funcións, decidiu esta mañá na súa sesión constituínte abrir a inscrición ao censo electoral.

    O empresariado ferrolán poderá inscribirse a este censo a partir do próximo xoves e durante un prazo de quince días. Posteriormente, e unha vez cumpridos os diferentes pasos e prazos recollidos pola normativa, procederase ao trámite das candidaturas e á convocatoria de eleccións.

    Na reunión celebrada hoxe, á que asistiu a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, en representación do organismo tutelante, acordouse tamén analizar as contas da Cámara para coñecer de xeito claro a súa situación económica, e poder así avaliar como facer fronte cos propios recursos da Cámara ás distintas obrigas e necesidades do ente.

    Á reunión asistiron os sete membros da Comisión Xestora nomeados polo organismo tutelar en representación da Administración entre funcionarios vinculados coa materia, que decidiron nomear como presidenta da xestora á subdirectora xeral de Comercio, Marta López Quintás.

    A Dirección Xeral de Comercio realizará as xestións oportunas para cubrir os postos dos representantes das cámaras de comercio galegas na Comisión Xestora que continúan vacantes.

    A Xunta, que como órgano tutelar se implicou desde o primeiro momento na busca de solucións para a Cámara de Ferrol, aposta por Cámaras de Comercio solventes e que presten servizos de calidade ao empresariado, que está chamado á participación no proceso electoral do ente cameral.

    Máis información
  • 20 Febreiro, 2014
    Silleda e Cruces reciben máis de 30.700 euros en favor do comercio

    A Consellería de Economía e Industria otorgou 30.738 euros aos concellos de Silleda e Vila de Cruces no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 para a revitalización do comercio de proximidade e a potenciación de unha rede galega de mercados de abastos excelentes. O Diario Oficial de Galicia publicou onte a resolución, do pasado 31 de xaneiro, na que figura a relación de municipios beneficiarios.

    No primeiro caso, loa aportación é de 28.015,90 euros e foi otorgada para o proxecto denominado 'Mellora do mercado tradicional ambulante de A Bandeira e dinamización comercial'. Os 2.722,96 euros restantes pertencen a Vila de Cruces e destináronse á adquisición de lonas techo para o marcado ambulante, según recolle o anuncio oficial. Son os únicos concellos da zona que figuran no dito listado, no que se incluen outros de toda Galicia.

     

     

     

     

     

    Máis información
  • 12 Febreiro, 2014
    O IGC achega aos consumidores de Ourense a campaña “Dálle luz á túa factura” para facer máis comprensible o recibo eléctrico

    Ourense, 12 de febreiro de 2014.- O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá xoves unha charla informativa en Ourense para achegar aos consumidores e usuarios a nova campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis comprensible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

    O encontro, que contará coa participación da Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumo Montealegre e a Asociación de Consumidores e Usuarios do Ribeiro Acur, celebrarase a partir das 18 horas no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta (avenida da Habana, 79). Na xornada presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando unha potencia a contratar. Esta ferramenta desglosa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

    Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

    Máis información
  • 12 Febreiro, 2014
    A Xunta acorda co sector as liñas estratéxicas para impulsar a artesanía galega nos próximos tres anos

    Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá un encontro con representantes das principais asociacións de artesáns galegas co obxectivo de presentarlles o futuro Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016 e acordar con eles as principais liñas estratéxicas e as prioridades para impulsar a artesanía galega nos vindeiros anos.

    A captación de talento; o reforzo da marca Artesanía de Galicia; a innovación, o deseño e a cooperación; así como a mellora continua e a excelencia son os retos sobre os que pivota o plan, co obxectivo de continuar a impulsar a mellora da competitividade do sector a través de liñas de actuación concretas.

    No encontro, ao que tamén asistiron a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, participaron responsables da Asociación Galega de Artesáns; a Asociación Galega de Artesáns Tradicionais; a Asociación de Oleiros de Buño; a Asociación de Artesáns de Ourense; o Colexio Oficial de Xoieiros de Galicia e a Federación Galega de Xoieiros, Prateiros e Reloxeiros; así como da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira.

    O conselleiro tivo a oportunidade de escoitar as súas achegas, que serán incorporadas a un plan que parte dunha análise previa sobre a situación da artesanía galega, tendo en conta a información achegada polos principais axentes do sector e un constante diálogo con estes.

     
    Máis información
  • 08 Febreiro, 2014
    Francisco Conde avalía cos representantes do Consello Galego de Consumidores e Usuarios novas liñas de traballo conxunto

    Santiago, 8 de febreiro de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro coa presidenta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, Rosa Celia Otero, e o vicepresidente do mesmo, Miguel López Crespo, para avaliar novas liñas de traballo conxunto na protección e defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios.

    Trátase do primeiro encontro institucional entre o conselleiro e os representantes do principal órgano de representación e consulta e de representación institucional das organizacións de consumidores e usuarios ante a Administración autonómica trala renovación dos seus membros a finais do mes de outubro pasado.

    A colaboración coas organizacións de consumidores e usuarios para a posta en marcha de diferentes iniciativas é fundamental no traballo que desenvolve o Instituto Galego de Consumo, cuxos principais eixos de actuación se centran no control e vixilancia do mercado, a formación e a información ou a aposta pola mediación e arbitraxe.

    Na reunión, na que tamén participou a presidenta do Instituto Galego de Consumo e directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, salientouse a implicación das asociacións de consumidores en iniciativas como a campaña Dálle luz á túa factura, posta en marcha polo IGC para facer máis comprensible aos consumidores o recibo da luz e fomentar o aforro de enerxía.

    Máis información
  • 04 Febreiro, 2014
    Hoxe publícase no DOG a Orde de subvencións para a apertura de novos establecementos comerciais

    Hoxe publícase no Diario Oficial de Galicia a Orde do 27 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a apertura de novos establecementos comerciales e se procede a súa convocatoria para o ano 2014 (Código do procedemento IN217A).

    Máis información
  • 03 Febreiro, 2014
    O IGC achega aos consumidores de Lugo a campaña “Dálle luz á túa factura” para facer máis comprensible o recibo eléctrico

    Lugo, 3 de febreiro de 2014.- O Instituto Galego de Consumo ofrecerá mañá martes unha charla informativa en Lugo para achegar aos consumidores e usuarios a nova campaña Dálle luz á túa factura, unha iniciativa de divulgación, formación e sensibilización coa que a Consellería de Economía e Industria persegue facer máis comprensible a factura da luz resolvendo as dúbidas da cidadanía e fomentando, ao mesmo tempo, o aforro enerxético.

    No encontro, que se celebrará a partir das 19 horas na sede de Conumar (Asociación de Consumidores e Usuarios en Marcha), na rúa Músico Falla, 20-21, presentarase o simulador eléctrico, unha aplicación que permite aos usuarios obter información sobre cada un dos elementos que conforman a factura eléctrica, personalizala e adaptala ao seu caso concreto recomendando a potencia a contratar. Esta ferramenta separa, tamén, o consumo do fogar, determinando o equipamento eléctrico co que conta a vivenda e as posibilidades de optimizar o seu consumo.

    Os asistentes poderán consultar as súas dúbidas a respecto da factura eléctrica e resolver diferentes casos prácticos, así como obter información sobre as distintas vías para darlle solución as súas reclamacións. Ademais, recibirán consellos sobre como reducir o consumo de enerxía no fogar.

  • 29 Xaneiro, 2014
    Cores Tourís comproba o remate das obras de potenciación do comercio local en Silleda

    Silleda, 29 de xaneiro de 2014.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Silleda para comprobar, en compaña do alcalde da localidade, Manuel Cuíña, o remate das obras de potenciación do comercio local deste municipio, executadas a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria.

    No acto estiveron acompañados polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como polo portavoz do PP da localidade, José Luis Espiño.

    Cores Tourís recordou que os traballos que hoxe visitaron son unha realidade grazas ao interese da Consellería de Economía e Industria de traballar en pro da revitalización do comercio de proximidade e da creación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes.

    “Seguindo esta liña de actuación, a Consellería concedeu unha subvención a Silleda encamiñada a executar melloras na área na que se desenvolve o mercado tradicional ambulante de Bandeira e favorecer así a afluencia das familias da contorna a este espazo comercial, fomentando, á vez, as compras no comercio local”, explicou Cores Tourís. O proxecto presentado polo municipio roldou os 33.500 euros, dos cales, o 75% (algo máis de 25.000 euros) foi aportado pola administración autonómica.
    As obras acaban de rematar e supuxeron a mellora da iluminación, a reparación do pavimento e a instalación de novo mobiliario urbano no entorno onde se celebra o mercado ambulante tradicional.

    O alcalde de Silleda agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia nesta obra xa que “para este concello é moi importante adaptar e mellorar este entorno, ao tratarse dunha zona de grande pulo comercial”.

    Tamén fixo referencia o rexedor ao feito de que dous días ao mes, Bandeira conta cun mercado tradicional “ao que acoden veciños de todos os concellos limítrofes, polo que contar cunha zona adecuada e atractiva axudará a que se animen a permanecer máis tempo na localidade e facer aquí as compras que necesiten”.

    Pola súa banda, o delegado territorial destacou que “a adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actua¬cións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles. É preciso, polo tanto, acondicionar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores”, apuntou.

    A maiores, o concello de Silleda tamén investiu outros 7.500 euros de cara á dinamización comercial do municipio, grazas á colaboración económica da Consellería de Economía e Industria que aportou o 40% deste montante que tivo como obxectivo a posta en marcha de diversas iniciativas para a atracción de novos consumidores, a sensibilización implicación da poboación para dinamizar o consumo local nos núcleos de Bandeira e Silleda e a colaboración coas asociacións para potenciar o pequeno comercio local.

    Esta orde de axudas destinou 4,5 millóns de euros a toda Galicia, dos que 1,5 millóns corresponderon a provincia de Pontevedra, “o que significa o 32,5% do total”, destacou o delegado territorial.

  • 26 Xaneiro, 2014
    A aplicación “Servizos no mapa” da web corporativa da Xunta facilita xa a localización de máis de 6.300 recursos públicos da Comunidade

    Santiago, 26 de xaneiro de 2013.- A aplicación do portal da Xunta “Servizos no mapa” dispón xa de máis de 6.300 equipamentos e servizos da Administración pública (culturais, educativos, sanitarios...) tanto autonómica coma estatal e local. O acceso a “Servizos no mapa” está dispoñible no portal corporativo, en eServizos! ou na ruta http://www.xunta.es/servizos-no-mapa.

    Desde a súa posta en marcha en setembro incorporáronse a esta ferramenta máis de 2.000 recursos, incrementado o tipo de servizos de 13 a 21 a día de hoxe. “Servizos no mapa” permite localizar de xeito sinxelo os distintos servizos realizando buscas por palabras, provincias e concellos, tipos de servizos e temáticas destes.

    Ademais, para cada tipo de servizo, dispón de iconas específicas sobre as que se pode premer para consultar os datos relacionados con cada recurso (enderezo, teléfono, correo electrónico, páxina web, horario...).

    Novos servizos e funcionalidades
    Servizo no mapa ofrece ao usuario unha nova funcionalidade que permite coñecer a posición física do cidadán (xa sexa a do seu ordenador ou a dun dispositivo móbil) para informalo de cales son os servizos ou equipamentos que están máis cerca do lugar no que se atopa.

    Os novos servizos incorporados permiten acceder a información detallada e datos de contacto das oficinas de emprego, as casas consistoriais, os edificios da Administración de Xustiza, centros sociais, centros para persoas con discapacidade, para a infancia, para persoas maiores ou para a inclusión social.

    Estes datos súmanse aos que xa ofrecía “Servizos no mapa” sobre centros educativos; farmacias; centros de saúde; de hospitais e centros de especialidades; a Rede de Arquivos de Galicia; da Rede de Aulas da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), da Rede de Bibliotecas de Galicia; das Oficinas de Rexistro e Información da Xunta de Galicia; dos museos e coleccións visitables do Sistema Galego de Museos; das oficinas de turismo; dos Centros de Información á Muller e das oficinas do Instituto Galego de Consumo.

    Novas incorporacións
    Entre os novos recursos que se facilitarán proximamente a través desta a aplicación están, os puntos limpos do Sistema de Información de Residuos de Galicia, as estacións de autobuses e trens, as Oficinas Agrarias Comarcais e as Estacións de Inspección Técnica de Vehículos.

    Máis de dez millóns de visitas a www.xunta.es en 2013
    A incorporación deste novo servizo á www.xunta.es enmárcase no novo concepto de web corporativa que se impulsou en 2011 tras a renovación do portal, deixando atrás o concepto de web institucional para converterse nun espazo de información e servizos máis orientados ao cidadán.

    Este portal recibiu en 2013 máis de 10 millóns de visitas de 140 países, e é o terceiro máis accesible de todos os portais corporativos das Comunidades Autónomas, segundo o último informe do Observatorio de Accesibilidade do Ministerio Política Territorial e Administración Pública.

  • 23 Xaneiro, 2014
    Hoxe publícase no DOG a Orde de subvención ás asociacións de comerciantes sen fins lucrativos para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia.

    ORDE do 14 de xaneiro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia e se procede á súa convocatoria (IN219A).

  • 21 Xaneiro, 2014
    A Xunta impulsa o importante papel que desenvolven as asociacións de comerciantes coruñesas na dinamización do sector

    A Coruña, 21 de xaneiro de 2014.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantiveron esta mañá un encontro de traballo con representantes de centros comerciais abertos e asociacións das prazas de abastos da cidade da Coruña para presentarlles a nova convocatoria de apoios da Consellería de Economía e Industria específica para estas entidades, coas que se impulsa a importante labor que desenvolven na dinamización do comercio de proximidade.

    O programa, que se publicará nos próximos días no Diario Oficial de Galicia e que está dotado con 2,2 millóns de euros, permitirá atraer nova clientela e mellorar os servizos que se ofrecen a través da posta en marcha de campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou proxectos de sinalización comercial externa. Tamén se concederán axudas para o funcionamento das unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.

    As axudas, das cales se beneficiaron na anterior convocatoria tres entidades da cidade herculina, poderán solicitarse durante o prazo dun mes a partir da súa publicación, e poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados. No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros.

    O programa para os centros comerciais abertos e as asociacións das prazas de abastos enmárcase dentro da aposta polo impulso ao asociacionismo comercial que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, dentro do cal se levan destinado nos últimos cinco anos máis de 6 millóns de euros ás asociacións de comerciantes da provincia da Coruña a través de diferentes convocatorias.

    Entre os criterios de valoración para acceder ás axudas das que se informou hoxe prímase o autofinanciamento das asociacións, a través da captación de socios, as actuacións que sexan máis novidosas, que teñan un maior alcance e impliquen un maior número de comercios, así como as que supoñan beneficios para o ambiente ou as familias numerosas.


    Ademais do respaldo ao asociacionismo comercial, na estratexia específica da Xunta para impulsar o comercio de proximidade como creador de riqueza e emprego e un importante dinamizador das vilas e cidades galegas e mellorar a súa competitividade incídese en eixos como o emprendemento, a innovación, o relevo xeracional ou a potenciación das prazas de abastos.

  • 20 Xaneiro, 2014
    A Xunta impulsa o asociacionismo comercial con 2,2 millóns para centros comerciais abertos e asociacións das prazas de abastos

    Santiago, 20 de xaneiro de 2014. A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou esta mañá en rolda de prensa o novo programa de axudas para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros, que está enmarcado dentro da aposta polo impulso ao asociacionismo comercial que desenvolve a Consellería de Economía e Industria e orientado a mellorar a competitividade do comercio de proximidade e estimular as vendas.

    A través desta convocatoria, que se publicará nos próximos días no Diario Oficial de Galicia, apóianse diferentes actuacións que, tal e como indicou Vázquez Abeal, permitirán atraer nova clientela e mellorar os servizos que se ofrecen. Así, a través deste programa apoiarase a posta en marcha de campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes ou proxectos de sinalización comercial externa, ademais de axudas para o funcionamento das unidades xerenciais e, no caso das asociacións das prazas de abastos, melloras en instalacións e equipamentos.

    O programa enmárcase na estratexia específica da Xunta para impulsar o comercio como creador de riqueza e emprego e un importante dinamizador das vilas e cidades galegas. A directora xeral sinalou que o traballo da Consellería de Economía e Industria neste eido se centra, ademais de no impulso ao asociacionismo comercial, en eixos como o emprendemento, no que a nova Lei supón un importante estímulo, a innovación, o relevo xeracional ou a potenciación das prazas de abastos.

    Coa convocatoria para a dinamización dos centros comerciais abertos presentada hoxe, implícase, tal e como salientou Vázquez Abeal, aos propios comerciantes na posta en marcha de actuacións conxuntas. Mediante a convocatoria do ano pasado apoiouse un total de 48 centros comerciais abertos e 23 asociacións de prazas, o que redundou no beneficio de máis de 5.000 pequenos comercios agrupados nos mesmos, e na posta en marcha de máis de 300 actuacións, cifras que se esperan superar este ano.

    As axudas, que poderán solicitarse durante o prazo dun mes a partir da súa publicación, poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos nos que están situados e do número de establecementos asociados.

    No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros. Avánzase así na estratexia que desenvolve a Consellería de Economía e Industria para consolidar os mercados como referentes na venda de produto fresco e de calidade, apostando por prazas “onde se leve a cabo unha venda moderna, con servizos, diversidade e excelencia”, tal e como subliñou Vázquez Abeal, “ao tempo que se dá resposta ás novas demandas dos consumidores”.

    Entre os criterios de valoración para acceder ás axudas, prímase o autofinanciamento das asociacións, a través da captación de socios, prevalecen as actuacións que sexan máis novidosas, que teñan un maior alcance e impliquen un maior número de comercios, así como as que supoñan beneficios para o ambiente ou as familias numerosas.

  • 17 Xaneiro, 2014
    Francisco Conde salienta que as melloras na praza de abastos de Celanova supoñen o punto de arranque para un novo impulso ao mercado

    O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na súa visita a Celanova que as melloras que se veñen de realizar na súa praza de abastos son o punto de arranque para un novo impulso a este mercado, no que se xa se están a abrir novos negocios.

    Conde destacou que un dos eixos da estratexia da Consellería de Economía e Industria para impulsar a mellora competitiva do comercio galego é a potenciación das prazas de abastos, un ámbito ao que se destinarán máis de 4 millóns de euros este ano para avanzar, en cooperación cos concellos, na súa consolidación como líderes na venda de produtos frescos e de calidade. Neste sentido, Conde subliñou que a convocatoria que se porá en marcha este ano, de carácter competitivo, supón unha oportunidade para seguir a colaborar co Concello de Celanova na remodelación do interior da praza de abastos, unha vez acometidas unhas reformas fundamentais como son as da estrutura.

    O conselleiro, acompañado polo alcalde celanovés, José Luis Ferro e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, así como pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, comprobou as obras que se veñen de rematar, centradas na renovación da cuberta e a carpintería exterior, e que supuxeron un investimento de preto de 70.000 euros.

    O apoio a esta actuación forma parte da estratexia específica de impulso ao sector comercial que desenvolve a Consellería, a través da cal se levan destinado nos últimos anos preto de medio millón de euros ao comercio de proximidade de Celanova e comarca, e na que o emprendemento é un dos aspectos nos que a Xunta está a facer especial fincapé.

    Outros dos eidos nos que incide a Consellería de Economía e Industria son o relevo xeracional, a cooperación ou o asociacionismo comercial, para impulsar un sector que, tal e como subliñou Conde, “é un motor fundamental na creación de emprego e riqueza” e que exerce tamén un importante papel vertebrador nas vilas e cidades galegas.

  • 15 Xaneiro, 2014
    Economía e Industria impulsa a internacionalización da artesanía galega na feira Formex de Estocolmo

     A Consellería de Economía e Industria avanza na promoción da artesanía galega no mercado internacional coa participación por segunda vez na feira Formex de Estocolmo, unha das maiores feiras de decoración de interiores do deseño nórdico que se celebra na capital sueca desde hoxe e ata o vindeiro sábado.


    Cun total de 850 expositores e 25.000 visitantes nacionais e internacionais, Formex é unha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos. A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta neste encontro unha liña centrada na decoración cunha selección de 15 obradoiros artesáns galegos feita en materiais como a madeira, a cerámica, os téxtiles e a cestería, na que se deixa constancia da tradición e a vangarda que se unen na artesanía galega.


    A Consellería de Economía e Industria, dentro da súa estratexia de impulso ao sector artesán, centrada na aposta pola innovación e o deseño, a formación e a mellora da comercialización, está a reforzar a presenza do produto artesán galego en feiras internacionais de prestixio, co obxectivo de dar a coñecer o traballo dos profesionais galegos e de abrir novas canles cara ao exterior, ao tempo que contribúe á consolidación de Artesanía de Galicia como marca de calidade e de prestixio nos mercados internacionais.


    Na escolma de produtos de Artesanía de Galicia que se poden ver estes días en Estocolmo está representada a olería de Buño, coas pezas de Alfarería Lista, Carmen Labrador e Alfarería Rulo; de Niñodaguia, con obras de Agustín Vázquez; e de Gundivós, con traballos de Elías González.


    No tocante á cestería, hai creacións do vigués Antonio Suárez e de Idoia Cuesta, de Outeiro de Rei, con técnicas tradicionais aplicadas a materiais téxtiles. Tamén no téxtil, os que se achegan ata Formex poden ver o traballo de C. Canoura Deseño, de Culleredo; o Centro de Recuperación de Cultura Popular, de Ponteareas; Anna Champeney Estudio Textil, da Teixeira; Taller Arbor, de Victoria Montenegro, de Vilamarín; e Artefíos Asociación de Padres para la Formación de Jóvenes Límite, da Coruña. E tamén a cerámica contemporánea de Lucía Catuxo, de Trabada; e os traballos en madeira utilitaria de Armaior, de Quiroga.
     

  • 13 Xaneiro, 2014
    O Concello de Lobios rematou os traballos de acondicionamento da praza Roja da localidade.

    O emprazamiento, que se atopa situado á salia da capitalidad na estrada hacia o Río Caldo, foi obxecto dunha importante rehabilitación froito dunha subvención da dirección xeral de Comercio para a revitalización do comercio de proximidade e a potenciación dunha rede galega de mercados de abastos excelentes. Dos 50.000 euros que costou a obra, un 75%, fue aportado por Comercio, mentres que o 25% restante 'foi sufragado cos fondos da Deputación', matizaba a rexidora.

    Os traballos, realizados nas últimas semanas, consistiron na renovación do pavimento, 'co adoquinado de todo o entorno da praza e a creación dun sendeiro central, así como a renovación da planchada de formigón e o entorno dos árboles', enumeraba Yáñez Salgado.


    PROMOCIÓN DA FEIRA

    O grupo de goberno  marcouse tamén como obxcetivo de 2014 a promoción da feira mensual. 'A pesar de ser un evento que esta máis que consolidado, trataremos de publicitalo a través de internet', explicaba a alca

    ADVERTISEMENT
     

    O mercado, que se celebra cada segundo domingo de mes, conta cunha media de 120 feirantes (145 en días sinalados) de Ourense e Portugal que ofrecen productos textiles, decoración, mobles, xardinería, ferretería e gastronomía, entre outros.

     

  • 11 Xaneiro, 2014
    A nova planta do mercado de Ponteareas, eixe da remodelación total

    Onte e tras rematar a cuarta fase de obras, inaugurouse oficialmente a nova planta do Mercado de Abastos. Unha dotación moderna e atractiva, na que dende mediados de decembro  reubicáronse os postos de pescadaría para maior comodidade dos clientes e de paso incentivar as ventas na campaña de Nadal.

    O acto inaugural estivo arropado por unha nutrida representación de autoridades. Ao filo das dez da mañá, o conselleiro de Industria, Francisco Conde coa directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, a secretaria xeral de Turismo de Galicia, a ponteareana Nava Castro e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, eran recibidos á porta do Mercado pola concelleira de Comercio e Desenvolvemento Local, Marisol Valado en compañía do alcalde, Salvador González Solla e  os representantes das asociacións de comerciantes e industriaiss do municipio.

    A comitiva percorreu a recén remodelada instalación coa que se pechou a última fase da rehabilitación integral da Plaza de Abastos. De feito, así o mencionou o alcalde: 'A instalación que se inaugura non é un feito aillado senón a continuidade da profunda reforma que o Concello está acometendo no Mercado Municipal dende o ano 2011, cun investimento global de 500.000 euros' (75% da Xunta e 25% o Concello). En 2014 e esperando contar coa axuda da consellería para impulsar o comercio de proximidade, está previsto instalar novas cubertas.

    ADVERTISEMENT
     

    Marisol Valado, destacou ante os presentes a 'magnífica colaboración dos pracerios, a súa implicación no proxecto soportando incomodidades e aportando ideas'. Agora, a aposta da edil 'é aprobar o novo regulamento da Praza e adxudicar os postos vacantes'.

     

  • 09 Xaneiro, 2014
    A Dirección xeral de Comercio convoca catro bolsas de formación para o ano 2014.

    Convocáronse catro bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio coa finalidade de que as persoas que tivesen unha titulación universitaria de licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou de grao complementasen os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación práctica que lles permitise afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional.

    ORDE do 20 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e se procede a súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN225A).


  • Páxina 24 de 85

  • Mostrando do 461 ao 480 dun total de 1686 rexistros