Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 21 Setembro, 2012
    A industria do comercio online dáse cita en Madrid

     

    Os próximos 26 e 27 de setembro celébrase en Madrid a feira e o congreso profesional eShow, dedicados ao comercio electrónico, o márketing online e o cloud computing. O evento, que se desenvolverá no pavillón 6 de Ifema, congregará a máis de 12.000 visitantes profesionais, 87 expositores e 217 conferencias, foros, workshops e actividades paralelas. A feira eShow, que ten carácter internacional, e súmase ás citas de Sao Paulo, Barcelona e Lisboa, terá a Colombia como país invitado.

    O comercio electrónico prosegue a súa marcha imparable a nivel mundial e, en España, acadou un volume de negocio récord de 2.401,4 millóns de euros no cuarto trimestre do pasado exercicio, o que supón un incremento do 25,7% respecto ao mesmo período de 2010. Durante o ano pasado realizáronse un total de 36,9 millóns de operacións de comercio online no mercado español, polo que eShouw preséntase como un gran escaparate para empresas, anunciantes e emprendedores que queren efectuar negocios en Internet.

    Directivo de Twitter

    A edición de eShow en Madrid contará coa presenza de Stephen McIntyre, director internacional de vendas de Twitter, e desenvolveranse conferencias cos casos de éxito máis importante do panorama internacional no mundo da empresa e Internet como Google, eDreams, O Corte Inglés e Privalia, entre outros. A feira conta co respaldo de ADigital, IAB e do área de comercio electrónico da consellería de Economía da Comunidade de Madrid.

    Fonte: Expansión

  • 20 Setembro, 2012
    Uns vinte afectados polas preferentes en Tui recuperaron o seu diñeiro pola vía da arbitraxe

    E.G. - TUI Un total de 20 persoas e familias de Tui afectados polas "preferentes" recuperaron os seus aforros despois de acudir á fórmula da arbitraxe. Foron atendidas por técnicos do Instituto Galego de Consumo, IGC, organismo, que confía en incrementar este número en breve prazo.
    Técnicos de IGC e da OMIC atenderon a máis de 350 consultas, das que nun 90% dos casos se optou pola arbitraxe. Ao longo do pasado mes de agosto, na oficina aberta no edificio do Concello, atendéronse a uns 250 afectados pola comercialización de participacións preferentes emitidas por diversas entidades bancarias, ofrecendo información e asesoramento sobre este problema. Ao longo deste mes de setembro é o persoal da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) do Concello quen atendeu máis de 80 consultas sobre este tema.
    A arbitraxe que impulsa o Instituto Galego de Consumo, que segue aberto e ten a mesma firmeza que unha sentenza xudicial, é unha vía áxil e gratuíta posta en marcha pola Xunta de Galicia como ferramenta para que os aforradores poidan recuperar o seu diñeiro, explica o Concello de Tui, que colabora coa Xunta de Galicia na defensa dos afectados polas participacións preferentes. A través da OMIC do Concello continúanse tramitando arbitraxes solicitadas polos consumidores afectados, sendo Galicia a única comunidade que conseguiu facilitar estes resultados. 

  • 20 Setembro, 2012
    Traballo e Banesto lanzan un programa para emprendedores

    Os emprendedores galegos están un paso máis preto de poder crear a súa propia empresa, grazas ao convenio que onte asinaron a Consellería de Traballo e a Fundación Banesto, polo cal se pon en marcha en Galicia o programa "Yuzz" de apoio a ideas de negocio innovadoras con base tecnolóxica.

    Deste xeito, as catro provincias galegas incorpóranse ás 35 localidades españolas onde xa está presente este programa, que o titular de Traballo, Beatriz Mato, cualificou de "especializado, de alto rendemento e innovador".

    Esta iniciativa permitirá participar a un máximo de 80 persoas de entre 18 e 30 anos, que teñan unha idea de base tecnolóxica "susceptible de traducirse nun proxecto empresarial".

    O programa dotará aos seleccionados do soporte necesario para desenvolver a súa idea no mercado, tal como unha rede de expertos, formación empresarial ou apoio administrativo e xurídico.

    Unha vez finalizado o proceso de formación e asesoramento que dura sete meses, os mellores participantes viaxarán a Silicon Valley, meca da innovación en novas tecnoloxías. Ao concluír o ano, os tres mellores proxectos entre os finalistas a nivel nacional, recibirán unha dotación económica de entre 10.000 e 30.000 euros, dirixidos a materializar a idea.

    A convocatoria de recepción de candidaturas abriuse onte e prolongarase ata o próximo 31 de outubro. Ata agora, 393 empresas foron creadas no marco deste programa, no que xa participaron 665 mozos emprendedores.

    Fonte: El Progreso 

  • 19 Setembro, 2012
    O camión de Galicia Calidade chega a Bueu para achegar ao público os seus produtos gastronómicos

     

    O Tour Experiencias Galicia Calidade chegará mañá á vila de Bueu coas súas demostracións e talleres de cociña con produtos da zona.

    Os talleres e showcookings (demostracións de cociña) terá lugar na unidade móbil que estará mañá na vila. As actividades no seu interior, que terán unha hora de duración, será ás 12:30, ás 17:30 e ás 19:00 horas. Ademais, cada un dos cursos inclúe a degustación dos produtos que se preparen, así como a entrega de distintos agasallos por parte de Galicia Calidade aos asistentes.

    Todos os interesados en participar nesta iniciativa deberán inscribirse nas dependencias da Omix do Concello ou na propia unidade móbil canto antes, xa que as prazas son limitadas e en cada sesión caberán un máximo de 35 asistentes.

    Coñecer os produtos

    Segundo informa o Concello, “a intención do Tour Experiencias é a de achegar aos usuarios non só a calidade dos produtos do selo Galicia Calidade, senón, tamén ao mesmo tempo, as súas aplicacións  na cociña”.

    Ademais de facelo da forma máis atractiva, interactiva e amena posible, co fin de xerar no consumidor “a maior sensación de proximidade posible, por iso, Galicia Calidade sae á rúa”, tal e como comentaron os organizadores.

    Esta iniciativa está dirixida principalmente a asociacións de amas de casa ou colectivos de consumidores, así como calquera outro colectivo local.

    Fonte: Diario de Pontevedra.

  • 19 Setembro, 2012
    Redondela celebra os días 29 e 30 unha feira de oportunidades

     

    Redondela acollerá os próximos días 29 e 30 a segunda edición da Feira de Oportunidades, con horario ininterrumpido de 10:00 a 22:00 horas o sábado e de 11:00 a 20:00 horas o domingo. A cita contará cunha ampla variedade de postos de roupa e calzado, complementos, decoración, fogar, informática, fotografía e xoiaría, ademáis dun área de xogos infantís.

    Fonte: Faro de Vigo.

  • 19 Setembro, 2012
    Mellorar a contorna para dinamizar o comercio

     

    O alcalde de Mondariz, Julio Alén, acompañou onte na súa visita ao municipio ao xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial. Ambos, pasaron revista ás obras que a Dirección Xeral de Comercio acaba de levar a calo na rúa Miguel Ángel Blanco e a habilitación dun aparcadoiro na rúa San Gregorio, na parcela da Pedreira. A obra requiriu un investimento de 64.500 euros.

    Dinamizar o comercio na localidade é o obxectivo destas obras de modernización, presupostadas en case 100.000 euros (98.808), coa axuda de 69.900, que aportou a propia Dirección Xeral de Comercio “para incentivar novos e futuros asentamentos comerciais”, segundo explicou Ignacio Rial.

    Concretamente na rúa Miguel Ángel Blanco remodeláronse as beirarrúas, colocouse plaqueta de pedra e instaláronse bancos, marquesinas e sinalización comercial. Obras que segundo o alcalde, “melloraron visiblemente esta rúa apostando polo comercio local cara á súa supervivencia futura”.

    Fonte: Atlántico Diario.

  • 19 Setembro, 2012
    A campaña de Acebe “As compras na túa vila teñen premio” continúa ata o próximo venres

     

    A entidade brigantina Acebe, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, e a Federación de Comercio de A Coruña, manterá ata o próximo venres, día 21, a campaña  “As compras na túa vila teñen premio”. Esta iniciativa premiará con 2.000 euros a confianza no mercado retallista de Betanzos, sorteándose tres tarxetas regalo de 200 euros e 14 de cen euros.

    Fonte: El Ideal Gallego.

  • 19 Setembro, 2012
    Talleres de cociña, o luns en Praia América

     

    O autobús da campaña Experiencia Galicia Calidade estacionará o próximo luns, día 24, xunto ao Punto Pasión Playa de Praia América. No seu interior impartiranse talleres de cociña con productos típicos galegos e degustacións ás 12:30, 17:30 e 19:00 horas.

    Fonte: Faro de Vigo.

     

  • 18 Setembro, 2012
    Mercado de A Ponte: o avó modernízase

     

    A remodelación da praza de abastos máis antiga da cidade, de 1929, para reconvertela en zona de venda, lecer e tapeo, mostra o seu interior no ecuador da obra.

    As obras de remodelación da praza de abastos de A Ponte, o mercado máis antigo da cidade, con máis de 80 anos de historia, para reconvertelo, si todo sae segundo as previsións do Concello, no primeiro mercado ourensá con dobre uso para a venda e degustación de produtos frescos empeza a dar a cara cando se atopa no ecuador do proxecto, no que se investirán preto de dous millóns de euros.

    "As obras de remodelación do edificio, que albergaba este mercado de abastos e a de biblioteca municipal de A Ponte comezaron en xaneiro deste ano e non rematarán ata finais do verán de 2013, pero o cambio que experimentou o barrio é total e agora parece que os comerciantes empezamos a recuperarnos", explicaba onte Luís Rivera, portavoz dos adxudicatarios dos postos do mercado, que desde principios de ano, están realoxados de forma provisional en casetas situadas nunha praza próxima.

    O proxecto, financiado cunha partida de 1,9 millóns de euros, con cargo aos orzamentos do Estado, permite ver xa o baleirado da primeira planta do antigo mercado, e as súas pilastras, con pinceladas do modernismo dos mercados cataláns, mesturado co racionalismo dos edificios civís da década dos anos trinta e corenta. Agora o edificio está totalmente baleiro, e mostra as súas columnas de época que se respectan no proxecto definitivo.

    Esperanza no realoxo

    Segundo Luís Rivera "por agora estanse cumprindo os prazos, e en canto aos oito postos de venda, conseguiron superar a peor costa, a dos primeiros meses. Ao principio moita xente descoñecía que estabamos detrás da praza e as vendas caeron en picado, co que máis dun pensou na pechadura e chegamos a dar un aviso ao Concello", recorda.

    A praza contaba antes da súa remodelación con catro carnicerías, unha froitería, unha charcutería, unha pescadería e unha floristería. Os postos teñen un canon, segundo os comerciantes, de 150 euros por trimestre, unha cantidade módica en aparencia, pero aos que si se lle suman os impostos, fan máis difícil a espera a que remate a obra de remodelación da praza "trala que desexamos recuperarnos, pois trátase dun novo proxecto e tal vez atraia novos visitantes", desexaba en voz alta un dos comerciantes.

    Tragsa é a encargada de realizar este complexo proceso, no que se respectaron só os muros perimetrais, pero que cambiará agora íntegramente para incorporar, unha entrada sen barreiras arquitectónicas na parte traseira para a biblioteca, así como unha conexión directa a través de ascensor, e escaleiras das dúas plantas, a cultural e a gastronómica.

    O proxecto de remodelación, deseñado pola firma Oikos, incorpora unha planta intermedia ao edificio, que fará as veces de vestíbulo, configurado como un mirador acristalado, que comunica, por escaleiras interiores ou a través de ascensor a rúa coa biblioteca e esta última co mercado, eliminando as escaleiras que había antes e que eran a única vía de acceso a unha biblioteca de barrio, que ten bo número de usuarios de mediana e avanzada idade.

    Polo que respecta á distribución da zona destinada orixinalmente a postos de venda do mercado, prevé a dotación de novos postos de venda, ante a posibilidade de que nesta época de crise, despegue a imaxinación e anime a máis dun a investir nun negocio de produtos frescos ou ben nos de restauración e tapeo do remodelado mercado.

    Fonte: Faro de Vigo

  • 18 Setembro, 2012
    Galicia Calidade celebrará unha demostración de cociña o venres

     

    A entidade Galicia Calidade celebrará un acto público o vindeiro venres no recinto da Seca. O evento desenvolverase en horario de 9:00 a 21:00 horas e incluirá unha demostración de cociña con produtos catalogados co selo de calidade. Ademais, o ente dependente da Xunta de Galicia completará a xornada con entrega de agasallos, sorteos e hinchables para os máis pequenos.

    Fonte: Diario de Pontevedra.

  • 18 Setembro, 2012
    O comercio ultima detalles para a pasarela de O Morrazo

     

    Remi Díaz, Mister Galicia e portada de “Men´s Health” será un dos modelos da pasarela de moda de O Morrazo, que se celebra o vindeiro sábado organizada pola federación de comerciantes,  Fecimo.

    Un total de 43 empresas presentarán os seus produtos na pasarela, que se desenvolverá na contorna do paseo marítimo de Moaña a partir das 21 horas.

    O impactante cartel foi deseñado polo fotógrafo de Moaña, Jacobo Gayo, que fuxiu da imaxe tradicional dunha modelo para reflectir que a moda non ten idade e así, baixo o eslogan de “A modiña do Morrazo”, escolleu como protagonista a un inglés de 70 anos, moi coñecido na comarca, e retratouno cun “look” ao estilo Rolling Stones, cos brazos tatuados en cores.

    Moita preparación

    O presidente de Fecimo, Xosé Bangueses , explicou que a pasarela lévase organizando ao longo de todo o verán. Ademais, das empresas contan coa participación de profesionais con experiencia no ámbito da moda e contratouse á Axencia de Modelos Luena.

    Os presentadores serán Beatriz Manjón, presentadora da TVG, e Rafa Durán, que presenta o programa da TVG “O clan dos impostores”. No desenvolvemento do certamen terán lugar a actuación musical da moañesa Woyza.

    Fonte: Atlántico Diario

     

  • 18 Setembro, 2012
    Ata 25 comercios súmanse á terceira Fashion´s Night, que se celebra o venres

     

    Os establecementos ofrecerán todo tipo de descontos e agasallos ata a medianoite

    Unha iniciativa da asociación que aglutina a parte dos comerciantes de Betanzos, que leva por título Fashion´s Night Out, provocará que o vindeiro venres, día 21, se abran de noite as portas de 25 establecementos.

    A presidenta de Acebe, Antonia Anido, explicou que se trata dunha xornada na que, entre as 20.30 e as 00.00 horas, os establecementos comerciais manterán as súas portas abertas ofrecendo descontos, sorteos, agasallos e sorpresas. Así mesmo os 25 comercios ofrecerán unha decoración especial, degustacións e sesións de fotografía, entre outras actividades.

     

     

    Os establecementos ofrecerán todo tipo de descontos e agasallos ata a medianoite

    Anido sinalou que ata o momento inscribíronse establecementos de diferentes sectores como moda, puericultura, floristerías, librerías, beleza, decoración, complementos, saúde, agasallos, artigos de perfumería e complementos.

    Ademais a iniciativa farase en todas as zonas de Betanzos xa que participarán tanto comercios da zona nova como do emblemático casco histórico.

    Esta será a terceira vez que se leve a cabo unha iniciativa destas características desde o pasado mes de decembro. Con todo, nesta ocasión haberá unha novidade xa que coincidirá coa clausura da campaña “As compras na túa vila teñen premio” e o inicio da primeira edición da Oktoberfest.

    Premiar as vendas

    A campaña, que leva por título “As compras na túa vila teñen premio”, e que se clausura o venres, ten por obxectivo incrementar as vendas ao longo deste mes de setembro e para iso sortéanse 2.000 euros entre todos aqueles clientes que realicen compras ata o día 21.

    Representantes de Acebe, da Federación Galega de Comercio, da Federación de Comercio da Coruña e o alcalde, Ramón García Vázquez, presentaban o pasado día 10 esta campaña de dinamización, que premiará a confianza no comercio brigantino sorteando tres tarxetas regalo de 200 euros e 14 tarxetas de 100.

    Os consumidores que aposten polo comercio tradicional de Betanzos poderán presentar os tíckets de compra na carpa situada na praza dos irmáns García Naveira, tamén denominada praza de O Campo, ou ás promotoras que se atoparán polas rúas de Betanzos, que lles farán entrega de boletos de participación para o sorteo. O concurso comezará ás 20.00 horas, na propia praza, logo dunha serie de actividades lúdicas.

    Os posuidores dos boletos deberán estar presentes na festa para converterse en gañadores. A organización tamén quere destacar que os clientes que xustifiquen que realizaron as súas compras con Tarxeta Comercio de Novagalicia Banco, duplican a súa participación, obtendo dous boletos por cada ticket.

    A campaña está sendo publicitada nos establecementos de Betanzos, que dispoñen de carteis e repartirán trípticos informativos entre os seus clientes.

    Non é esta, con todo, a única iniciativa que acomete Acebe para intentar incrementar vendas.

    O próximo mes de outubro, entre os días 12 e 14, terá lugar o tradicional mercado de oportunidades Mercabetanzos.

    Por primeira vez a feira pasa de dúas a tres días, xa que tamén se dá a circunstancia de que o 12 de outubro, primeira xornada do mercadillo, é festivo.

    Fonte: El Ideal Gallego

  • 17 Setembro, 2012
    Comercio electrónico: micompragallega.com, o super online de produtos galegos

     

    A tenda ofrece máis de 70 produtos alimenticios galaicos de calidade, así como unha vintena de viños e licores diferentes

    Os amantes da gastronomía galega están de parabén. A web Mi Compra Gallega (http://www.micompragallega.com/es/) acaba de inaugurarse  en Internet co obxectivo de ser o primeiro supermercado online que ofrece para toda España todo tipo de produtos alimenticios de Galicia. A web estréase cunha oferta de lanzamento: Todos os peixes, carnes, mariscos, conservas, empanadas, viños e licores da tenda terán un 5% de desconto ata o 30 de setembro.

    A partir de agora, vivir en Madrid, Barcelona, Valencia ou en calquera outro punto de España xa non será un problema para poder degustar comodamente, a un prezo alcanzable e en calquera casa as comidas frescas e os viños e licores singulares e propios de Galicia que tan difíciles son de encontrar nos supermercados convencionais de fóra da Comunidade galega e que, en caso de encontralos, adoitan ter uns prezos excesivamente elevados.

    Con lemas como  “Sabores de Galicia na miña mesa” ou “Na miña mesa, sempre o mellor”, a tenda online Mi Compra Gallega abre cunha oferta de máis de 70 tipos diferentes de carnes, pescados, mariscos, empanadas e conservas e cunha vintena de viños e licores diferentes. Como oferta de lanzamento da páxina, todas as compras que se realicen ata o 30 de setembro terán un 5% de desconto no seu prezo normal.

    Como se realiza a compra e como chega aos domicilios?
    Mi Compra Gallega fará que o cliente reciba na súa casa, directamente dende as lonxas galegas e dende os seus principais provedores, os produtos alimenticios da maior calidade e en perfecto estado de conservación. Unha vez realizado o pedido na tenda online, o cliente terá en menos de 48 horas a compra en calquera domicilio de toda España, transportada en frío.

    Todos os produtos serán enviados por unha empresa de transporte de primeiro nivel, garantindo en todo momento unha temperatura entre os 2 e 6 graos centrígrados. Deste modo, mantense en todo momento a cadea de frío dos alimentos, preservando intacta a calidade destes. O pedido será entregado dentro das 48 horas seguintes da confirmación da compra, nun horario flexible de 9:00 a 14:00 horas.

    Sobre a filosofía de Mi Compra Gallega

    A tenda online de produtos alimenticios galegos Mi Compra Gallega é un proxecto de Mercedes Inaraja e Nacho Berrocal, unha parella residente en Vigo que optou pola vía do emprendemento despois de constatar que os alimentos galegos teñen unha alta demanda en toda España e que Internet é unha canle que permite abaratar os custos da venda e facer accesibles comidas e bebidas que son difíciles de encontrar fóra de Galicia.

    A súa filosofía é levar o mellor da terra galega directamente aos domicilios de toda España e o seu principal valor é o servizo con calidade e profesionalidade, por iso sempre se dará unha atención personalizada para cada cliente.

    Nas próximas semanas e meses irase ampliando a actual variedade de produtos de Mi Compra Gallega con novas categorías como: sobremesas típicas galegas, embutidos, queixos, produtos da horta e outros. O obxectivo ademais é que moi pronto sexa posible non só facer pedidos a nivel español a Mi Compra Gallega, senón tamén a nivel internacional, levando os produtos galegos de primeira calidade a calquera parte do mundo.

    Fonte: Farodevigo.es

  • 17 Setembro, 2012
    O proxecto Novatec axuda a modernizar o pequeno comercio

     

    O proxecto Novatec no que participan 25 empresas de Vilanova, será presentado o próximo luns ás 20 horas no Salón de Plenos do concello.

    A este evento asistirán Nava Castro Domínguez, o alcalde Gonzalo Durán e os concelleiros Alejandro Costa, Ana Carballa, Benito Portas e Nuria Morgade.

    O proxecto finánciase por medio dunha subvención do IGAPE e consiste na implantación dun novo programa informático de xestión da actividade diaria dun comercio. Ten funcións de control de caixa, almacén, facturación. Ademais, o proxecto non ten custos de mantemento, axuda á modernización do pequeno comercio en Vilanova e fomenta a súa competitividade.

    Fonte: Faro de Vigo (Ed. Arousa)

  • 17 Setembro, 2012
    A Estrada acolle o luns un taller de cociña de Galicia Calidade

    O Concello de A Estrada acollerá o luns un taller de cociña do programa Galicia Calidade. Esta actividade ten previsto celebrarse en tres quendas: a primeira delas comezará ás 12:30 horas, a segunda sesión terá lugar arredor das 17;30 horas e ás 19:00 horas arrincará a última parte deste taller. Hai 35 prazas por cada quenda.

    Fonte: Faro de Vigo (Ed. Deza-Tabeirós)

  • 17 Setembro, 2012
    “Galicia Calidade” visitará Salceda e Ponteareas

     

    A  caravana “Galicia Calidade” comeza a súa periplo por diferentes municipios da provincia de Pontevedra co fin de promocionar o consumo de produtos galegos. Entre os 13 Concellos que visitará nas dúas próximas semanas, está Ponteareas e Salceda de Caselas, localidade na que remata o día 29 de setembro esta iniciativa da Consellería de Economía e Industria. Nos talleres de cociña haberá degustacións, reparto de agasallos, folletos e sorteos, así como hinchables para nenos.

    Fonte: Atlántico Diario

  • 17 Setembro, 2012
    I DESFILE DE MODA DO MORRAZO

    pasarela201223

    Un desfile de moda é un medio a través do cal os pequenos establecementos comerciais poden difundir as tendencias a xerar o coñecemento das súas marcas comerciais, conseguindo cobertura nos medios de comunicación e a predisposición do público e clientes potenciais cara os seus negocios.

    É o desexo de anter a visibilidade dos establecementos comerciais asociados o que levou a MOAÑACENTRO - Asociación de Comerciantes e Industriais de Moaña e FECIMO a plantexarse para este a ano a organización dunha gran PASARELA DE MODA, como xeito de difundir o seu produto.

    Esta iniciativa terá lugar o vindeiro 22 de Setembro ás 21:00 horas no contorno do Paseo Marítimo de Moaña, co obxecto de dar a coñecer a tempada outono - inverno, demostrando así a diversidade do comercio da Comarca.

    Serán 43 empresas as que presentarán os seus produtos nesta pasarela. As categorías nas que se encadran son diversas:
    Manjon 1
    * Moda Home-Muller

    * Noivos e Festa
    * Lencería
    * Complementos
    * Moda Infantil
    * Deportes
    * Óptica
    * Perruquería e Estética
    * Xoiería
    * Cosmética
    * Decoración

    rafa 1Cóntase tamén coa participación de profesionais con experiencia no ámbito da moda, como é o caso de GF Studio. Así mesmo contratouse a Axencia de Modelos Luena, que leva no seu curriculum a organización de numerosas pasarelas de moda pola comunidade Galega.

    Jacobo Gayo de GF Studio presentou o cartel co slogan “Amodiña do Morrazo”, e a imaxe da pasarela pretende trasladar o feito de que a moda non ten idade, para o cal representa a imaxen da moda, a través dun look xuvenil nunha persoa de 70 anos. 

    GF Studio, productora fotográfica e audiovisual de moda e publicidade, cun equipo de fotógrafos de primeiro nivel baixo a dirección de Jacobo Gayo, será a encargada de plasmar todo o que aconteza nesta gran pasarela.

    woyza 1Foron nominados ós PREMIOS GOYA DE FOTOGRAFÍA EN PUBLICIDADE no 2007 e no 2011. Compleméntanse cun equipo humano que está formado por publicistas, directores de arte, animadores, deseñadores gráficos, etc. todos eles profesionais de reconocido prestixio nacional e internacional. Entre os seus clientes atopamos: Blu:sens, Fundación Barrié, Siempreesviernes, María Mariño, Olga Santoni, Llongueras, BurgerKing, Bienestar Hoteles, Galiciademoda, Xosé Manuel Budiño, e moitos outros.

    Celebridades da pequena pantalla

    Os presentadores do evento serán Beatriz Manjón, periodista e presentadora na TVG, coñecida polos magacíns, A Revista da Fin de Semana e A Solaina e Rafa Durán, que actualmente presenta o programa da TVG “O Clan dos Impostores”.

    No desenvolvemento do certame, terán lugar actuacións musicais. Confirmouse a actuación de Wöyza, artista moañesa de HipHop, Soule R&B.

     

     

     

    >

    Máis información
  • 17 Setembro, 2012
    Economía e Industria valora a aposta de Confeccións Guerral pola competitividade, no marco do plan


    O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, trasladou este sábado o "recoñecemento" da Consellería de Economía e Industria á empresa Confeccións Guerral, sobre a base da súa aposta pola "competitividade e internacionalización".

    Co obxectivo de continuar nesta liña, a empresa solicitou recentemente a implantación "de servizos avanzados de mellora competitiva", no marco do programa 'ReAcciona', despois de participar na experiencia piloto deste.

    Así as cousas, Aguilera visitou as instalacións da compañía no Polígono Lalín 2000, en Pontevedra, e reuniuse algúns dos seus directivos, segundo informou o departamento dirixido por Javier Guerra nun comunicado.

    Precisamente, nesta nave é onde esta empresa familiar, que conta cun cadro duns 60 empregados, deseña e produce "para os mercados español, europeo e latinoamericano,". En canto á súa estratexia, combina distribuidores, tendas propias e franquías.

    Durante a súa visita, o presidente do Igape tamén destacou o "esforzo" da compañía lalinense por "a mellora continua" a través da formación e a incorporación de innovación nos seus procesos de fabricación.

    Fonte: 20minutos.es

  • 17 Setembro, 2012
    O centro comercial Deza organiza unha campaña para compensar a suba do IVE

    Sorteará cestas durante seis días e outra valorada en 150 euros

    O centro comercial Deza de Lalín poñerá en marcha a partir do luns unha promoción orientada aos clientes co propósito de compensar a suba do IVE. Así, todos os usuarios que realicen unha compra por un importe superior a 10 euros en calquera establecemento do recinto poderán optar ao sorteo de tres cestas da compra diarias valoradas en 30 euros cada unha. E tamén se rifará outro carro de produtos por valor de 150 euros, que se sorteará ao final da campaña entre todos os participantes nesta. A promoción do centro comercial do grupo Eroski será do luns ata o día 22, día no que se entregará o carro da compra de máis valor.

    Por outro lado, o centro retomará en outubro a programación destinada ao público infantil. Así o 27 haberá un taller de pintado de caras de Halloween. A partir do 17 de novembro volverán programarse os talleres en inglés coa axuda de monitores bilingües e tamén prepara xa os eventos de cara ao nadal.

    Fonte: Faro de Vigo.

  • 14 Setembro, 2012
    O Goberno estuda endurecer as penas por furto para protexer o pequeno comercio

     

    A medida pretende disuadir os delincuentes de reincidir
     

    A seguridade é un dos eixes do Plan de Apoio ao Comercio 2013
     

    O secretario de Estado de Comercio, Jaime García-Legaz, informou onte de que o Goberno está a estudar a posibilidade de endurecer as penas por furto para protexer o comercio e disuadir os delincuentes de reincidir na súa comisión.

    Tras a reunión da conferencia sectorial de comercio interior, García-Legaz explicou que trasladaron ao ministerio de Xustiza unha proposta das asociacións de comerciantes para que se endurezan as penas porque entenden que as actuais non son suficientes.

    Lexislación

    Tras explicar que Xustiza está a estudar a proposta e que é competencia deste Ministerio tomar unha decisión final, García-Legaz apuntou que dende Economía entenden que ten que existir unha lexislación penal que disuada do furto e do roubo para evitar que aqueles que se dedican a iso "de forma case profesional" o sigan facendo.

    "O pequeno comercio sofre moito polo furto. O comerciante vese indefenso porque denuncia e ve que non serve de moito", afirmou García-Legaz, quen expresou o seu apoio a un cambio lexislativo se se conclúe que o actual marco non é "suficientemente disuasorio".

    O reforzamento da seguridade no comercio é un dos dez eixes sobre os que xirará o Plan de Apoio á Competitividade do Comercio 2013.

    Este plan centrarase tamén en potenciar a incorporación a grande escala do pagamento electrónico nos pequenos comercios, tanto a través de tarxetas coma do teléfono móbil, algo no que España quere ser líder, sobre todo porque facilitará as compras aos 60 millóns de turistas que visitan o país, e para o que xa están a traballar cos operadores, apuntou García-Legaz.

    Ademais, o plan buscará difundir os beneficios da venda por internet entre os pequenos e medianos comercios.

    Outro eixe será o de modernizar os mercados municipais e potenciar os centros comerciais abertos e as zonas de comercio urbano para evitar que se perdan eixes comerciais históricos.

    Ademais, reforzarase o apoio financeiro ao sector, traballarase na promoción comercial e a reactivación da demanda, promoverase o relevo xeracional á fronte das tendas, sobre todo como alternativa para os mozos desempregados, e reforzarase o binomio "turismo-comercio".

    Por outra parte, a conferencia sectorial abordou a futura Lei de Unidade de Mercado, cuxo texto final podería estar redactado nun mes para que entre en vigor antes de que remate o ano.

    Fonte: El Ideal Gallego


  • Páxina 38 de 85

  • Mostrando do 741 ao 760 dun total de 1686 rexistros