Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 13 Marzo, 2012
    Os negocios vivarienses infórmanse sobre un portal web para vender online

    A Federación Galega de Comercio presentou onte aos propietarios de negocios vivarienses o portal comerciogalicia.es, no que poderán vender os seus produtos a través de internet a partir do 1 de abril.

    O presidente da federación, José María Seijas, explicou que esta iniciativa pretende “dotar ó sector dunha nova vía para incrementar as vendas e achegar novos clientes nestes tempos de crise”. Engade que este portal é un novo escaparate para os produtos do comercio galego “e os comerciantes de Viveiro non poden deixar de estar aí”.

    José María Seijas explicou as facilidades para o empresario, que disporá dunha plataforma “sinxela e cómoda” e ademais recibirá asesoramento e formación “para que o mesmo poida xestionar ou seu espazo de venda”. Di por outra banda que o portal tamén será atractivo para o consumidor, “xa que nun mesmo espazo poderá atopar comercios de tódolos sectores e realizar compras multitendas sen incrementar os portes”, explicou.

    O presidente da Federación Galega de Comercio asegura que se trata “dun proxecto moi ambicioso pero necesario”   e que permitirá aos pequenos comercios “estar á altura das grandes empresas ou cadeas de distribución, poñendo ó comercio galego na primeira liña de venda, dando un salto directo e obrigado cara ó comercio electrónico porque sen dúbida é o momento”.

    Deste xeito, o proxecto nace con dous obxectivos: incorporar o sector ao “reto tecnolóxico” para que mellore a súa competitividade  e amplíe mercados “que fisicamente serían inacadables”, e doutra banda ofrecer os produtos que se comercializan nos negocios a un público máis amplo “as 24 horas do día, co mínimo investimento e menor esforzo”, dixo Seijas.

    Fonte. O Progreso (A Mariña)

  • 13 Marzo, 2012
    Aprendendo a emprender

    Industria organizou en Xove un seminario de creación de empresas no que participaron 22 persoas

    Está claro que hai que ser valentes para iniciar un proxecto empresarial pero ata nos tempos que corren hai nichos de mercado por explorar. Ter unha boa idea tampouco o é todo así que se necesitan diferentes mecanismos para impulsala e facela realidade, claves que coñeceron onte en Xove as 22 persoas que durante tres horas participaron nun seminario para a difusión e a creación de empresas organizado pola Consellería de Industria en colaboración co Concello.

    O obxectivo fundamental desta xornada era “promover o espírito emprendedor e o autoemprego”, algo que segundo o alcalde, Demetrio Salgueiro, que acudiu á presentación, fíxose máis visible con casos prácticos e do propio municipio, como o de catro persoas que impulsaron un exitoso negocio de alimentación.

    O contido do seminario dividíase en dous bloques. O primeiro da as respostas á pregunta de que fai falta para crear unha empresa, que son unha persoa emprendedora e unha idea. A segunda parte consiste en dar forma a esa idea para convertela en empresa, liquidar as necesidades e aproveitar os recursos dispoñibles, como as ferramentas que dispón a consellería a través do Igape e Xesgalicia.

    “O autoemprego é unha saída máis, sempre hai novas ideas que poden ter cabida nun mercado cada vez máis competitivo, nestes tempos difíciles é cando a xente agudiza máis o inxenio e poden saír adiante empresas rendibles”, dixo Salgueiro aos participantes, entre os que había algún desempregado aínda que a maioría eran persoas cunha idea empresarial en distintas fases.

    Todos estiveron moi atentos ás explicacións sobre a importancia de crear un plan de viabilidade  e coñeceron de man de experiencia persoais que “coa motivación, o esforzo e o asesoramento axeitado é posible desenvolver un proxecto empresarial”.

    Fonte: O Progreso (A Mariña)

  • 12 Marzo, 2012
    Xove acolle hoxe un seminario do Igape sobre autoemprego

    O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, pon en marcha hoxe un seminario en Xove sobre o espírito emprendedor e o autoemprego. No encontro abordaranse cuestións básicas sobre as que se debe basear un proxecto empresarial, así como as ferramentas administrativas e as axudas públicas dispoñibles para levalo a cabo. O seminario comezará hoxe, ás 17:00 horas, na aula municipal de formación do concello de Xove.

    Fonte: El Progreso

  • 12 Marzo, 2012
    Carballiño: Os comerciantes regalarán este xoves fotos dos fillos de clientes

    A Asociación de Comerciantes e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballiño organizarán, por segundo ano consecutivo, unha campaña de promoción coa vista posta na data do 19 de marzo (Día do Pai). Así, os 90 establecementos do CCA distribuirán, o vindeiro xoves día 15, un total de 2.000 vales entre os clientes que fagan as súas compras, que deberán ser entregados a partir das 17:00 horas, nunha carpa que se instalará na Praza Maior.

    Cada un dos boletos outorga o dereito a un fillo do cliente a ser fotografado na citada carpa, e a foto, enmarcada pode ser retirada na mesma ao longo de todo o día 19 de marzo, como agasallo dos nenos aos pais. O portavoz da asociación, Manuel Blanco, subliña que “esta é unha iniciativa que nos pareceu boa o ano pasado, na que entregamos máis de medio milleiro de fotografías”, contando coa colaboración do colectivo “O Potiños”.

    O obxectivo da campaña, apuntou Blanco, “non é máis que premiar as compras que se fagan nos comercios de Carballiño, para conquerir a fidelización dos nosos clientes”. O directivo do CCA adiantou que para finais deste mes convocarase unha asemblea extraordinaria da entidade, co fin de abrir o proceso de presentación de candidaturas á presidencia.

    Na actualidade, é unha xunta xestora a que rexe a Asociación de Comeciantes, tralo cese de Adolfo Nogueira, que renunciou ao integrarse na Corporación como edil do PSOE.

    Fonte:  La Región

  • 11 Marzo, 2012
    Sibaritas, palilleiras e cazadores de rebaixas crúzanse nas rúas da cidade

    Luisa, viguesa de 57 anos, acababa de inscribirse na VIII Xuntanza de Labores Artesanais das Mulleres de A Condesa cando leu en internet que este fin de semana na Cidade dos Cabaleiros celebrábanse tamén a Semana da Tapa do Cocido e o MercaBetanzos. Por iniciativas similares, nos últimos meses desprazouse a distintas localidades nas catro provincias, e agora, sen planificalo, ofrecíanlle un tres nun: lecer, gastronomía e oportunidades no mesmo centro da capital das Mariñas. Que máis se pode pedir? En principio, nada. É marzo de 2012.

    Máis de vinte expositores e decenas de impacientes ás portas da carpa –setecentos metros cadrados e dous grandes corredores– instalada en O Campo. Ás 11.00, a corporación municipal, case en pleno, postúlase ao lado da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos (Acebe CCA) para asistir á “posta de longo” do primeiro mercado de oportunidades de 2012. Ao mediodía, centos de persoas mergullan entre pantalóns, camisas e bolsos, todos con descontos superiores ao 50%. “A idea é que este tipo de actividades contribúan a que a localidade sexa un polo de atracción, tanto para a comarca como para toda o área”, apuntan desde Acebe CCA.

    Uns vinte metros cara ao sur, na planta alta do Liceo, máis de 350 mulleres de León, Asturias e Galicia, comparten palillos, alfinetes, agullas e fíos de cores. As mans corren que voan e as explicacións despexan calquera dúbida: “Que si é moi difícil? Que vai. Ven, xa verás”.

    Os actos organizados con motivo do Día Internacional da Muller, unido á iniciativa do comercio e a hostalaría, van camiño de converter este fin de semana no acontecemento social deste inverno, só tres meses despois do Nadal e a menos dun das celebracións de Semana Santa. Porque, con permiso de Lugo, “para comer, Betanzos”. Tamén Betanzos para comprar a bo prezo e gozar desta primavera anticipada, comentan desde o equipo de goberno do socialista Ramón García Vázquez.

    As “palilleiras” e os clientes son consumidores en potencia de tapas que, por un euro, ofrecen bares, mesóns, restaurantes e cafeterías da cidade, cos pratos típicos de Carnaval como protagonistas, desde o porco preparado en todas as súas versións ata as filloas, as orellas e as canas recheas. Pero a Semana da Tapa do Cocido, como o MercaBetanzos, continuarán durante toda a xornada, mentres que a Xuntanza de Labores Artesanais clausurouse onte, pasadas as 18:00 horas.

    Desde antes das 10.00, o Liceo foi un ir e vir de curiosos e afeccionados. “Porque a afección ao labor volve rexurdir”, sinalan as Mulleres de A Condesa.

    A reunión congregou a “máis ou menos as mesmas participantes”  que o ano pasado, pero é que “non hai sitio para máis”, matizan desde a Concellalía de Servizos Sociais. Na capital betanceira, ao redor das mesmas almofadas, coinciden septuaxenarias e nenas de dez anos que xa aprenderon a “palillar” e parecen dispostas a seguir mostrando ao mundo o encaixe de Galicia.

    Os participantes en MercaBetanzos mostraron a súa satisfacción, xa que ata a meteoroloxía axudou, e á espera dos resultados deste domingo, deixan para mañá o balance definitivo e unha análise en profundidade para determinar, co consistorio brigantino e administracións como Xunta e Deputación, o calendario de citas para os próximos meses, xa que, polo menos de partida, a idea é celebrar un segundo mercado de oportunidades para vender os stocks da tempada.

    Fonte: El Ideal Gallego.com

  • 11 Marzo, 2012
    O Morrazo: O comercio local promociónase a toda vela

    Os comercios da comarca non queren deixar pasar a oportunidade de fidelizar á clientela na campaña de vendas do Día do Pai. Para iso, ao longo da próxima semana, recollerán os datos dos compradores e sortearán tres rutas nun barco de vela polas rías de Vigo e Pontevedra.

    O comercio de O Morrazo quere aproveitar a tempada de vendas de cara ao Día do Pai do próximo 19 de marzo. Nun momento de baixada continua do consumo non se poden desaproveitar datas sinaladas deste tipo e a Federación de Comerciantes (Fecimo) inician a campaña promocional "Ata o 19 de marzo no Morrazo, agradécello ao teu pai!!". A enxeñosa iniciativa consiste en sortear, entre os clientes, paseos nun barco veleiro polas rías de Pontevedra e Vigo.

    Entregaranse un total de tres premios deste tipo, cun sorteo por cada vila –Bueu, Cangas e Moaña– co obxectivo de que os consumidores que confían no comercio local poidan sorprender á súa familia cun bucólico percorrido para observar a península morracense desde o mar.

    As rutas en veleiro serán de catro horas e cada premiado poderá invitar a tres persoas máis para que lle acompañen a bordo.

    Os interesados en participar no concurso deben realizar as súas compras nos establecementos identificados co cartel do Día do Pai e reencher convenientemente un boleto cos seus datos persoais. A promoción está activa desde o luns 12 de marzo ata o domingo 18.

    A tarde do propio 19 de marzo, entre todos os boletos recolleitos, realizarase un sorteo aleatorio que decidirá o nome das tres persoas premiadas. Os galardonados serán notificados por teléfono, a través da web e da páxina de Facebook de Fecimo.

    A maiores, a Federación prepara un agasallo extra a través de Twitter. Os que mencionen @viveomorrazo poderán gañar ata 50 euros en cheques de compra para gastar nos establecementos abonados.

    Fonte : La Voz de Carballo

  • 09 Marzo, 2012
    A rúa Matilde Bares reábrese hoxe ao tráfico tras dous meses de obras

    A directora xeral de Comercio estará hoxe en Bueu para visitar a reurbanización da vía

    As obras de reurbanización da rúa Matilde Bares xa están prácticamente concluídas e hoxe mesmo volverase a abrir ao tráfico tras dous meses pechada. A empresa contrastista traballou esta semana na colocación do mobiliario urbano, nos remates da obra e pavimentou de novo a calzada. A actuación foi financiada ao 70% pola Consellería de Industria e hoxe está prevista a visita da directora xeral de Comercio, Nava Castro, para inspeccionar os traballos xunto ao alcalde buenense, Félix Juncal, e o delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís.

    A reurbanización  da rúa implicou a ampliación das beirarrúas, a renovación dos servizos municipais e a instalación dun novo colector de pluviais para recoller as augas procedentes da parte alta de Bueu. A vía seguirá sendo de sentido único de circulación e a partir de agora o estacionamento só será posible na marxe dereita.

    Fonte: Faro de Vigo (Ed. Morrazo).

  • 09 Marzo, 2012
    A Federación de Comercio presenta unha plataforma para a venda por internet

    Novidades: A web comerciogalicia.es  permitirá a compra en varias tendas e o pago dun só porte

    A Federación Galega de Comercio presentou onte no centro cultural Carvalho Calero o portal comerciogalicia.es, que comezará a funcionar o próximo día 1 de abril e poñerá ao servizo dos pequenos comerciantes de toda Galicia unha plataforma para a venda por internet. A directora xeral de Comercio, Nava Castro, participou no acto co presidente da organización empresarial, José Mª Seijas López; e os das entidades locais ACOF e Novo Ferrol, Cristóbal García Nores e Francisco Fajardo.

    A Federación de Comercio encargouse, co apoio da Xunta, de desenvolver esta nova plataforma de comercio electrónico “segura e de calidade”, tal como informaron onte.

    A pasarela de pagos corre a cargo de Novagalicia Banco, a logística corresponde á empresa MRW, a protección de datos a Seguridade de Datos, a formación ao Grupo Femxa e o soporte técnico e a operativa á firma Dos Espacios. Profesionalízase, pois, o portal mercadogalego.eu que puxera en marcha o anterior goberno bipartito e que desaparecerá o mesmo 1 de abril, coa posta en marcha da nova web. Con ela virán outras novidades, como a posibilidade de realizar compras en diferentes establecementos de Galicia e pagar un só porte.

    Segundo destacou onte Nava Castro, o portal permitirá aos comerciantes galegos “combinar a súa actividade tradicional coa venda a través de internet” e subliñou que “o impulso á modernización e dinamización do comercio de proximidade é un dos eixos estratéxicos da actuación da Consellería de Economía e Industria”.  A estratexia do departamento de Javier Guerra plásmase, neste sentido, no plan “Agora recomercia”.

    Para formar parte deste novo escaparate en internet os comerciantes que estean asociados á Federación deberán pagar unha cota de dez euros ao mes –a metade que os que sexan alleos á entidade– e recibirán a cambio o asesoramento e a formación necesaria para xestionar o seu espazo de venda. A presentación celebrada onte en Ferrol forma parte dun calendario de actos similares programados nun total de doce localidades galegas. O obxectivo é atraer ao maior número de comerciantes e dotalos dun instrumento que lles permitirá estar á altura das grandes cadeas de distribución.

    En novembro de 2008 celebrouse en Ferrol un acto similar ao de onte, naquela ocasión para presentar o portal www.mercadogalego.eu. A iniciativa, de participación gratuita para os comerciantes, atraeu únicamente a cinco establecementos da zona de Ferrol.

    Fonte: Diario de Ferrol

  • 08 Marzo, 2012
    O mercado de A Pobra roza a excelencia ao ser climatizado

    A temperatura interior contrólase ata con cortinas de aire frío ou quente nos accesos. Nava Castro inaugurou a mellora.

    Maceiras, Nava Castro, Belén do Campo e os edís Balbina Lojo e Adnrés MillánA directora xeral de Comercio, Nava Castro, inaugurou onte na Pobra, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde, Isaac Maceiras, o novo sistema de climatización da praza de abastos desta localidade, no que a Consellería de Economía e Industria investiu 53.333 € a través do Plan Ágora.

    Nava Castro destacou que "este mercado pode ser un bo exemplo, xa que integra a venda tradicional con novos servizos para os consumidores nunhas instalacións modernas e competitivas". Así mesmo, mostrouse satisfeita ao comprobar "que os cartos públicos están ben investidos".

    “O obxectivo é consolidar as prazas como unha rede de centros líderes na venda do produto fresco e perecedoiro, onde se leve a cabo unha venda moderna con servizos, diversidade e excelencia capaz de unir a tradición de compra ó tempo que se da resposta ás novas necesidades dos consumidores”, dixo.

    Pola súa banda, Belén do Campo destacou que ditas melloras “son unha aposta de futuro polo mercado tradicional” e eloxiou a cooperación das administracións (neste caso, Xunta, Deputación e Concello) para que as actuacións sexan o máis efectivas posible. O alcalde amosouse “orgulloso dun mercado que ten todos  os servizos e equipamentos que pode ter unha praza de abastos”.

    Ademais da instalación de equipos de aire acondicionado mediante bomba de calor tanto na zona de postos abertos (peixe) como na zona de postos pechados (carne, charcutería, legumes, froita, etc), colocáronse cortinas de aire nos accesos ao mercado. Así mesmo, instaláronse máis acometidas eléctricas.

     Esta actuación súmase as melloras financiadas con 57.750 € pola Deputación da Coruña e que incluíron o selado da cuberta con paneles metálicos aillantes de 50 milímetros de espesor; cambio das reixas de saneamento; limpeza e impermeabilización da fachada de pedra; e revestimento con pintura plástica con aditivos funxicidas antibacterias.

    Fonte: El Correo Gallego

  • 08 Marzo, 2012
    Premio da Xunta a Pescados Narcisa

    Pescados Narcisa, S. L., establecemento asociado a Acigu CCA, recibiu na xornada do pasado luns, na localidade de Vilagarcía de Arousa, un dos galardóns “Este inverno presume de praceiro” outorgado pola Dirección Xeral de Comercio dependente da Consellería de Economía e Industria.

    O acto estivo presidido polo titular da Xunta de Galicia, quen agradeceu e felicitou aos praceiros presentes “pola confianza que transmitides aos consumidores, a calidade que poñedes todos os días enriba dos vosos mostradores e a proximidade ao cliente”.

    “Sodes os primeiros en defender o noso. Vendedes –quixo destacar- a marca Galicia todos os días”.

    Fonte: Atlántico Diario.

  • 07 Marzo, 2012
    Alfombra vermella para uns praceiros de Elviña

    Germán e Pili venden queixos e ovos no mercado de Elviña. Fai tres anos e medio herdaron o posto no que durante trinta anos traballou Mariluz, a nai de Pili. Teñen dous fillos e forman un matrimonio que sorrí á vida malia as dificultades. O luns pecharon o negocio, pediron permiso no cole dos nenos, e todos xuntos fóronse a Vilagarcía a recoller o premio Mellor Praceira 2011 concedido pola Xunta de Galicia. «Foron os clientes os que nos escolleron e iso é un gusto. Que che compren, queden satisfeitos e volvan... Estamos moi contentos», comenta Pili. Co diploma que lles entregaron no acto presidido polo presidente da Xunta chegaron onte ao seu posto do mercado. Esperábanlles os queixos do país e os ovos que venden a distintos prezos, desde os máis baratos, a 80 céntimos a ducia, aos de campionato, a 2,70. Pero ademais atopáronse cunha sorpresa inesperada que demostra o queridos que son Germán Ferreiro Santos e Pili López Rivas. Os seus compañeiros de mercado colocáronlles unha alfombra vermella, unhas bandas ao estilo das misses e ata anunciaron pola megafonía da praza o éxito de Pili e Germán. Outros vendedores de mercados coruñeses tamén foron distinguidos pola Xunta grazas aos votos dos clientes, entre eles, Manuel Freijo, frutero das Conchiñas; Encarnación Mourelle, carniceira de Monte Alto; Lourdes García, cun ultramarinos en Palavea; Mari Luz Penas, pescadeira de Ramón Cabanillas; Amparo Catoira, de San Agustín; Dores Souto, de Santa Lucía, e Marisol, froiteira en Oleiros.

    Fonte: La Voz de A Coruña

  • 07 Marzo, 2012
    O Grove mellora a recolleita de residuos da praza

    O Concello reduce o custo deste servizo ao contratar a unha empresa que reciclará os restos de carne e peixe.

    As concellalías de Medio Ambiente e Mercados de O Grove decidiron cambiar o sistema de recolleita de resíduos da praza de abastos. Segundo explica o edil responsable da primeira destas áreas, Alfredo Bea, o modelo actual presenta algunhas deficiencias, como que se tarda demasiado en baleirar os contenedores da carne e o peixe, xerando así malos cheiros na zona. A nova fórmula elixida polo Concello non só permitirá acabar con estes problemas, senón que tamén suporá un importante aforro para as arcas municipais.

    «Antes tiñamos unha empresa que recollía a carne, pero non nos gustaba como se levaba», argumenta Bea. Por iso decidiuse buscar a unha nova firma que satisfaga as necesidades do mercado grovense. Ata agora, os contenedores dos restos baleirábanse unha vez cada dúas ou tres semanas. Cando o novo servizo entre en funcionamento, esa periodicidade  aumentarase a unha ou dúas veces por semana.

    O sistema implica o cambio do colector de ferro que existe actualmente para os residuos de carne por outros de plástico de 240 litros de capacidade. Estes cambiaranse, cada vez que se efectúe a recolleita, por outros limpos. En canto aos restos de peixe, ata agora estes depositábanse nos contenedores que ían a Sogama. A nova concesionaria do servizo instalará contenedores para estes residuos que, ademais, xa non serán tratados na planta de Cerceda. A empresa destinaraos á fabricación de fariñas. Esta medida permitirá ao Concello aforrar no recibo do lixo «unha cantidade importante», explicou Bea.

    Co fin de explicar todos estes cambios aos vendedores, o Concello organizou unha reunión cos afectados. Será ás sete e media da tarde de mañá no salón de plenos da casa consistorial.

    Fonte: A Voz de Arousa

  • 07 Marzo, 2012
    O comercio de Santiago coñece ao seu novo aliado “on-line”

    A Federación Galega de Comercio, a Federación de Comercio da Coruña e a Asociación de Comerciantes de Santiago (Acoutes) presentaron onte aos comerciantes composteláns na sede da patronal galega Comerciogalicia.és, unha plataforma de comercio electrónico “segura e de calidade” para dotar ao sector dunha nova vía para incrementar as vendas e chegar a novos clientes.

    Fonte: El Correo Gallego

  • 07 Marzo, 2012
    Unha saga centenaria de carniceiros

    Pilar Cambeiro, elixida a mellor praceira de Galicia, pertence á terceira xeración dunha familia asentada nos mercados do Berbés e Bouzas desde fai 110 anos.

     

    Neta, filla e sobrina de carniceros, a viguesa Pilar Cambeiro é desde onte a mellor praceira de Galicia grazas ao seu negocio do mercado de Bouzas, ganador do concurso da Xunta “Presume de Praceiro”, “Carnes Cambeiro”, o posto máis votado pola clientela, naceu fai 110 anos no mercado do Berbés e foi o primeiro en instalarse en Bouzas, onde actualmente resiste xunto a unha pescadería e un supermercado. “O premio débese á nosa traxectoria”, razoa.

    Entre corte e corte unha felicitación. O teléfono non parou de soar durante toda a mañá na carnicería Cambeiro do mercado de Bouzas; decenas de clientes e amigos telefoneaban a Pilar, o seu responsable, para darlle a noraboa por gañar o premio á mellor praceira de Galicia outorgado pola Consellería de Economía e Industria. Os mesmos que a chamaron son os que, con toda probabilidade, depositaron meses atrás os votos que a converteron en gañadora. “Non podo estar ao teléfono e atendendo ao mesmo tempo”, di Pilar, preocupada polos compradores e feliz ao mesmo tempo. “Ata me chamou unha anciá que xa era clienta dos meus pais”, ilustra riseiraPilar.

    Pilar Cambeiro pertence a unha saga de carniceiros que se remonta a 110 anos atrás, cando o seu avó trasladouse de Noia a Vigo para instalar unha carnicería no antigo mercado do Berbés. A testemuña foi recollida despois polos seus pais e posteriormente por ela mesma e os seus dous irmáns. Durante este tempo non todo cambiou: seguen adquirindo as tenreiras ás sagas de ganadeiros de poboacións como Ferreira de Pantón, Rubiáns ou Agolada. A únida diferenza é que agora un comprador propio encárgase de seleccionar aos animais, nos inicios de “Carnes Cambeiro” o seu pai e o seu avó ían cun cabalo ata as aldeas do interior de Galicia e regresaban andando coas reses para matalas en Alcabre, no actual Museo do Mar.

    O Mercado de Bouzas inaugurouse co posto do seu avó, que antes tiña o negocio no antigo do Berbés e tamén  na rúa Real. “Gustáballe moito o mar, e por iso quixo vir a esta vila”, indica. Agora son os únicos que resisten xunto a unha pescadería –o resto do espazo pertence a un supermercado- .

    “Traballaron moito durante toda a vida, recordo que os meus pais non puideron vir á miña primeira comuñón porque abrían ata en festivos”, explica Pilar. Esta comezou no negocio con 14 anos e compaxinouno cos estudos en horario nocturno ata a antiga reválida. “Viña co meu pai no primeiro tranvía, case de madrugada”, comenta. Aínda así, cada mañá Pilar séguese levantando ás 6 para, xunto aos seus dous irmáns, abrir ás 8 en punto. “É un negocio que esixe moito sacrificio”, recoñece. Precisamente, Pilar atribúe á traxectoria dos seus avós e os seus pais a distinción obtida agora, “a xente sabe que nos diferenciamos pola calidade”, insiste.

    Ademais de carniceira, Pilar exerce case de cociñeira dando os mellores consellos e receitas aos seus clientes. Carlos Arguiñano sen sabelo, bota unha man ao negocio: “antes ninguén coñecía as carrilleiras e desde que el as utiliza vén moita xente a compralas”, di. Pero nin sequera o famoso chef conseguiu que se revalorice a casquería, “o único que se vende é o fígado, o resto xa non o quere ninguén”- explica. Fronte a estas pezas, Pilar despacha moito os rolos de carne recheos que ela mesma prepara “porque a xente xa non ten tempo”. A crise tamén cambiou os hábitos, agora venden máis polo e porco que nunca “porque resulta máis barato que a tenreira”.

    Fonte: Faro de Vigo.

  • 06 Marzo, 2012
    O titular da Xunta presidiu, onte en Vilagarcía de Arousa, a entrega dos premios “Este inverno presume de praceiro”

    Feijóo cualifica aos autónomos e pequenos empresarios como “a clave” da recuperación económica, “a proba de que se pode, desde o traballo, o rigor e a dedicación, saír desta situación”

    Destaca o compromiso dos praceiros cos consumidores e cos produtos galegos: “vendedes a marca Galicia todos os días”, sinala

    Afirma que a campaña ‘Presume de praceiro’ é para o Goberno galego sinónimo de presumir de Galicia, presumir de esforzo, de determinación e de vocación empresarial

    Garante o traballo da Xunta desde o Plan Ágora polo comercio galego
     

    O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou onte en Vilagarcía de Arousa, aos autónomos e pequenos empresarios como “a clave” da recuperación económica; “a proba –dixo-, de que se pode, desde o traballo, desde o rigor e desde a dedicación, saír desta situación”.

    Durante a entrega dos premios Este inverno presume de praceiro, Feijóo felicitou aos 97 praceiros galardoados e ás 4.100 persoas que traballan nos mercados e nas prazas de abastos galegas “pola confianza que transmitides aos consumidores, a calidade que poñedes todos os días enriba dos vosos mostradores e a proximidade ao cliente”.

    O responsable do Goberno galego salientou, deste xeito, o compromiso dos praceiros cos consumidores e cos produtos galegos. “Baseades o voso éxito na confianza dos vosos clientes; na calidade e na excelencia do que vendedes, dos vosos peixes, das vosas froitas, dos vosos produtos elaborados. Sodes os primeiros en defender o noso. Vendedes –subliñou-, a marca Galicia todos os días”.

    Feijóo afirmou que esta campaña Presume de praceiro, que cumpre a súa segunda edición, é para o Goberno galego sinónimo de presumir de Galicia, presumir de esforzo, de determinación e de vocación empresarial; “é unha honra entregar esta distinción que fan os consumidores galegos, agradecer o labor deste colectivo e recoñecer esa confianza que día a día encontramos en quen nos atende”.

    Ao longo da súa intervención, aseverou que o sector primario galego está en débeda cos autónomos e pequenos empresarios, “xa que sodes a columna vertebral do sistema económico”. “E tamén –engadiu- facedes vilas e cidades, porque vendedes nos núcleos, no corazón das prazas e nos lugares fundamentais desde o punto de vista da convivencia e do entramado urbano. Xa sexan vilas pequenas ou grandes, sodes fundamentais, tamén, para a constitución das cidades e dos pobos”.

    Así mesmo, o titular da Xunta garantiu o compromiso do Goberno galego con este colectivo, a través da posta en marcha do Plan Ágora, cunha partida de máis de 2,5 millóns de euros para modernizar as instalacións de prazas e mercados.

    Fonte: Xunta de Galicia

     

  • 06 Marzo, 2012
    A mellor praceira de Galicia está en Bouzas

    A carniceira Pilar Cambeiro resultou a máis votada no concurso promovido pola Xunta

    A cidade ten oficialmente desde onte á mellor placera de Galicia. A carnicera viguesa Pilar Cambeiro resultou gañadora da campaña "Presume de praceiro" organizada cada ano pola Consellería de Economía e Industria. Así, o negocio rexentado por ela e os seus dous irmáns no mercado de Bouzas foi o que máis votos de clientes obtivo. "É un orgullo e unha alegría para toda a familia, especialmente para os meus pais; foi toda unha sorpresa e emocioneime moito", recoñecía onte tras recibir o premio de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na praza da pescadería de Vilagarcía. Xunto a ela, outros 96 praceiros de cada un dos mercados galegos recibiron un recoñecemento como o mellor praceiro local –Pilar, que é presidenta dos comerciantes de Bouzas, obtivo tamén ese premio–. "Sabía que gañara o local, o galego non, por iso cando me nomearon nin me dei por aludida", recoñece.

    Pilar rexenta un negocio iniciado polos seus avós paternos fai 110 anos no antigo mercado do Berbés. Foi tamén o seu avó quen se trasladou a Bouzas en canto se creou esta praza, sendo actualmente o único posto que permanece aberto desde entón –actualmente só hai dúas peixerías e a carnicería Cambeiro, o resto do espazo ocúpao un supermercado–. Tralos seus avós, os pais de Pilar tomaron a substitución e agora forman a terceira xeración, con todo, difícilmente haberá unha cuarta "porque os nosos fillos non están polo labor, aínda que coa crise nunca se sabe". O certo é que o negocio "esixe moito sacrificio", de feito, só descansan os domingos o día completo –tamén pechan sábados e luns pero só pola tarde– e levántanse cada día ás seis da mañá. Malia todo, cre que o futuro das prazas de abastos "é esperanzador se, tal e como fixemos estes últimos anos, modernizámonos cada día e adaptámonos aos novos tempos e necesidades dos consumidores", razoa.

    "O mellor premio para un consumidor é que o comerciante que lle atende coñeza o seu nome, onde vive e saiba quen é. E iso non o pode ofrecer ningún outro sistema de comercio nin de distribución alternativo aos mercados de abastos", sinalou Alberto Núñez Feijóo na entrega das distincións. O presidente estivo acompañado polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e diversas autoridades locais e provinciais.

    "A xente valora o trato persoal, a calidade e o bo precio"

    Pilar  Cambeiro e os seus dous irmáns levántanse cada día ás seis da mañá para que ás oito o posto resulte atractivo aos seus clientes e "a carne luza cos seus mellores cortes". "Este traballo esixe moito sacrificio, pero a competencia é enorme e nós temos que estar á altura", confesa. Ao longo da súa experiencia víronse obrigados a innovar : "agora ofrecemos produtos preparados como o rolo de carne ou roastbeef porque a xente non ten tempo para cociñar", comenta. A procura pola mellor categoría e variedade lévaos a adquirir os animais nas aldeas galegas. "Os clientes aprecian moito a nosa calidade, o prezo asequible e o trato persoal", di Pilar, que moitas veces exerce case de cociñeira para aconsellar aos compradores "as mellores receitas ou os cortes máis adecuados para cada cousa". A familia Cambeiro é moi optimista porque entre a súa clientela predomina a xente nova. "É que nun supermercado atópaste case perdido, non sabes que comprar, e nós aquí asesorámoslles completamente", xustifica. Malia todo, a substitución xeracional no negocio é complicado, "ningún dos nosos fillos quere seguir", confesa.

    Fonte: Faro de Vigo

  • 06 Marzo, 2012
    O lalinense Marcos Gutiérrez, entre os 97 premiados de "Praceiro do Ano"

    É a segunda vez que Carnicería Faílde obtén este galardón

    O lalinense Marcos Gutiérrez, de Carnicería Faílde, foi un dos 97 praceiros premiados no concurso Praceiro do Ano 2011, entre os máis de 4.200 vendedores que entraron no programa e que foron seleccionados polos votos dos clientes das Prazas de Abastos de Galicia. É a segunda vez que esta carnicería obtén o galardón e, en palabras da edil de Comercio, María José Batán "ten valor porque é outorgado polos propios clientes, que son os que xulgan día a día o traballo destes profesionais do comercio".

    A entrega de premios tivo lugar onte na Praza da Peixería, en Vilagarcía de Arousa, e estivo presidida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o conselleiro de Industria, Javier Guerra. Este abordou a liña de axudas orientada á modernización das prazas. Precisamente, unha subvención deste tipo permitiu remodelar a Praza de Abastos de Lalín. Tanto Guerra como a concellala de Comercio quixeron resaltar as Prazas de Abastos como zonas de comercio directo e de confianza, "nas que se reforza a idea de produtos de primeira calidade e sen intermediarios", como ocorre co programa Hortiña da Praza.

    A modo de anécdota, un dos premios para os praceiros asistentes ao acto foi unha escapada romántica para coñecer a comarca dezana.

    Fonte: Faro de Vigo.

  • 06 Marzo, 2012
    “Mary”, Mellor Praceira do Mercado de Ponteareas

    Mari Carmen Fernández Alfaya, propietaria da “Frutería e Charcutería Mary”, foi elixida, por segundo ano consecutivo, Mellor Praceira 2011 do Mercado de Abastos de Ponteareas, ao resultar a máis votada polos clientes e usuarios.

    Onte pola mañá, Mary, recibiu de mans da concellala de Comercio, Marisol Valado e a directora xeral de Comercio, Mª Nava Castro, o diploma acreditativo, no acto que se celebrou no mercado de Vilagarcía de Arousa.

    En opinión de Valado Pérez, que ao final da entrega pousou para a foto coa galardonada, ponderou este tipo de iniciativas por entender que como no caso de Ponteareas, “contribúen a fomentar a mellora dos servizos que prestan os mercados de abastos e a consolidar  a Praza como núcleo da actividade comercial de toda a zona”.

    O conselleiro Javier Guerra e o presidente da Diputación, Rafael Louzán, apoiaron coa súa presenza a iniciativa de “O Mellor Praceiro” ideada para reactivar o comercio de proximidade.

    Fonte: Atlántico Diario

  • 06 Marzo, 2012
    Un rianxeiro de Ourense é o mellor praceiro

    Antonio González Rey, froiteiro da zona de Rianxo da Praza de Abastos de Ourense, recibiu onte en Vilagarcía de Arousa o premio Mellor Praceiro 2011. Os premios foron entregados nun acto no que se contou coa presenza do presidente da xunta, Núñez Feijoo, a directora xeral de Comercio, Nava Castro, e o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra. Núñez Feijoo e Nava Castro trasladaron ao presidente da Praza de Ourense, Emilio González, o seu apoio á reforma da praza.

    Fonte. La Voz de Ourense.

  • 06 Marzo, 2012
    Rosa Méndez: Aquí vén xente ata de Vigo e de Pontevedra, din que compran mellor e máis fresco

    Rosa Mendéz foi elixida polos clientes da praza de Vilagarcía como a mellor vendedora do ano, aínda que ela recoñece con humildad que non quería. O premio fai referencia ao 2011, pero detrás del hai tres décadas de traballo contínuo, como recordaba onte Rosa: «Levo trinta anos», e moita tradición mamada xa desde a súa tataravoa, que, polo menos que ela saiba, inaugurou a dinastía de praceiras fai xa moitos anos.

    Rosa é de Vilaxoán, como tantas outras compañeiras, e cada mañá levántase para ir á Illa a comprar a mercancía que despois vende na praza de abastos vilagarciana. «Son pescantina, pero vendo máis ben marisco. Sabes como me chaman? A do mexilón».

    Como é lóxico, en trinta anos pasou por multitude de avatares, e agora tócalle lidiar coa crise. «Notar moitísimo, no noso traballo polo menos. Nós na praza somos moitas a vender ou mesmo, hai case noventa e pico, e seremos sesenta vendendo, hai moita competencia», afirma. Rosa presume de praza. Asegura que a de Vilagarcía é moi recoñecida. «Aquí vén xente ata de Vigo e de Pontevedra, din que compran mellor aquí, máis fresco», e o certo é que «hai de todo, hai caro, hai mediano e hai barato, para elixir o que queiran».

    Agora Rosa está tratando de afacerse á súa nova ubicación na reformada sala de vendas. Para o cliente, é mellor, «é máis quente, máis limpa, non andan cos pés mollados, e ademais dincho elas, que é marabilloso». Con todo, «para nós, para as peixeiras, é máis incómodo, porque hai moi pouco sitio, pero hai que ir afacéndose», conclúe.

    Fonte: La Voz de Arosa


  • Páxina 57 de 85

  • Mostrando do 1121 ao 1140 dun total de 1686 rexistros