Xunta de Galicia
Vostede está aquí:

Actualidade Comercial

  • 24 Xaneiro, 2018
    Conde aposta na Coruña polas novas tecnoloxías como unha oportunidade de crecemento para o comercio de proximidade
    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou hoxe polas novas tecnoloxías e por Internet como unha oportunidade para que o comercio de proximidade poida medrar, durante a presentación das axudas Smart Commerce que realizou na libraría Moito Conto da Coruña, gañadora do Premio Smart Commerce 2017. Co de hoxe, iniciouse unha rolda de encontros-networking para explicar as novidades da nova convocatoria que chegará a outras cidades galegas. No acto, o conselleiro puxo a libraría Moito Conto como exemplo no que poden mirarse outros establecementos comerciais polo seu esforzo por integrar as novas tecnoloxías nas súas tarefas diarias. Así, incidiu na importancia da dixitalización do comercio polas novas oportunidades que abre e animou aos asistentes a trasladar as principais vantaxes do pequeno comercio, como o trato persoal ou o atractivo da tenda física, ao comercio electrónico: “Esa mestura entre comercio tradicional e dixital é o camiño que queremos impulsar”, sinalou. Desde xeito, os establecementos poderán medrar como marca e chegar a un público máis amplo, á vez que se mellora a experiencia de compra do cliente. Conde insistiu na necesidade de que Administración e comercio realicen un esforzo conxunto para reinventar o comercio galego dando resposta ás demandas dos consumidores actuais: “Temos que favorecer a modernización do comercio para que poida dar resposta aos retos actuais desenvolvendo un comercio moderno e dixital”, asegurou e engadiu a importancia da imaxe de marca e de ofrecer un produto diferenciado. No transcurso do encontro, os asistentes puideron informarse das novidades así como resolver as súas dúbidas con respecto ás liñas de axudas que o Goberno galego publicará no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 1 de febreiro cun importe de 4,5 millóns de euros para modernizar e impulsar o pequeno comercio e os obradoiros artesanais galegos. Trátase de tres iniciativas, que mobilizarán nove millóns de euros, e que abranguen desde proxectos de expansión comercial e novas fórmulas de comercialización; dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais; ata programas da competitividade da artesanía galega. Estas liñas permitiron, en 2017, apoiar preto de 375 proxectos. O obxectivo destas convocatorias é ofrecer un valor engadido ao comercio galego, vencellando o seu crecemento, expansión e modernización ás novas canles de comercialización, utilizando a innovación, o social commerce, e a mellora da imaxe, como factores para facer máis competitivo o tecido comercial de Galicia. Así, a Xunta apoiará con máis de 3,1 millóns de euros a dixitalización e modernización de empresas comerciais e, como novidade deste ano, tamén artesanais para a implantación de solucións dixitais que permitan aos beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral dun local. En canto á liña dedicada á expansión comercial e novas fórmulas de comercialización, contará cun orzamento dun millón de euros e poderanse beneficiar pemes e, no caso do desenvolvemento dun proxecto pop up, tamén comerciantes on line e, como novidade, fabricantes. Preténdese impulsar a apertura de novos establecementos comerciais por titulares doutro comercio cun mínimo de dous anos de antigüidade, así como proxectos pop up por un prazo máximo de dous meses nun concello distinto onde se veña exercendo a actividade. Por último, apoiarase con 255.000 euros o fomento da comercialización da artesanía e o impulso da actividade do sector. As axudas, dirixidas á promoción a través da participación en feiras e certames e a organización de eventos feirais, están destinadas a obradoiros artesanais, asociacións profesionais de empresarios e artesáns e concellos. Máis información
  • 22 Xaneiro, 2018
    Publicación da Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das becas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo para o ano 2018
    ORDE do 20 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN225A). Máis información
  • 17 Xaneiro, 2018
    A Xunta impulsa en Silleda a actividade comercial a través do apoio ao novo espazo activo de emprendemento no rural
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou o Espazo activo de emprendemento comercial de Silleda, ubicado no edificio da antiga escola unitaria da parroquia de Cira, onde destacou a importancia de apoiar estas iniciativas coas que se impulsa a actividade comercial da localidade. En concreto, a Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, destinou preto de 70.000 euros a esta actuación para apoiar ao Concello de Silleda na adecuación destas instalacións nas que os emprendedores poidan exercer neles a súa actividade. O departamento autonómico, para iso, financia tanto as obras de adecuación como o equipamento e mobiliario para o seu funcionamento. O respaldo aos novos locais enmárcase no programa de impulso aos Espazos activos de emprendemento comercial no rural, un programa de axudas a través do que o Goberno galego financia ata o 70% das obras de mellora cun máximo de 70.000 euros por proxecto. Ao abeiro deste programa creáronse 18 espazos activos de emprendemento comercial no rural, que contaron no 2017 cun apoio de preto de 515.000 euros e de preto de 427.000 euros no 2016, xerando un investimento total de máis de 1,3 millóns de euros: ao Espazo activo de Silleda súmanse outros seis na provincia de Pontevedra (As Neves, Mondariz, O Grove, Cambados, Porriño e Tomiño), cinco existentes en Lugo (O Vicedo, Cervo, Portomarín e Mondoñedo) cinco en Ourense (Bande, Barco de Valdeorras, Vilamarín e A Veiga) e un na Coruña (Moeche). A iniciativa dos Espazos activos de emprendemento comercial no rural enmárcase na aposta da Xunta por fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes cun programa de formación e emprendemento nestas áreas que conta cun investimento de máis de 30 millóns de euros. Máis información
  • 13 Xaneiro, 2018
    O Plan de inspección comercial da Xunta para 2018 centrará as súas actuacións no asesoramento aos comerciantes sobre a normativa vixente e realizará un labor preventivo
    A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Plan de inspección comercial para o ano 2018 que centra as súas actuacións na información e asesoramento aos comerciantes sobre a normativa comercial, así como inspeccións para velar polo respecto á legalidade co fin de beneficiar tanto aos propios comerciantes como aos consumidores. En concreto, o Plan recolle campañas de información da normativa comercial que chegarán a máis de 400 establecementos comerciais e prazas de abastos para concienciar aos comerciantes do cumprimento da lexislación; campañas de vixilancia do cumprimento da normativa comercial que se centrarán nas actividades de promoción de vendas de 200 establecementos, nos prezos e medios de pagamento noutros 200 establecementos, na política de devolución de produtos en 200 comercios, no control dos horarios comerciais ou o exercicio da actividade comercial en locais con autorización autonómica; así como campañas de verificación do cumprimento das axudas que chegarán a un mínimo de 100 inspeccións. Polo tanto, xunto coas campañas informativas, tamén se realizarán visitas de inspección para garantir o cumprimento da normativa. De feito, en 2017 realizáronse preto de 1700 actuacións inspectoras e, dentro das campañas de información da normativa comercial, logrouse máis dun 92% de cumprimentos na segunda visita de comprobación. O de 2018 é o cuarto Plan anual de inspección comercial trala aprobación, a finais de 2014, do decreto polo que se desenvolve regulamentariamente o papel da inspección de comercio de Galicia, regulada na Lei 13/2010 de Comercio Interior de Galicia. Ese decreto contempla a posta en marcha de plans anuais de inspección co obxectivo de maximizar a eficacia e eficiencia da actividade inspectora que xa se viña desenvolvendo, e potenciando a actuación da inspección de comercio na súa vertente de apoio e asesoramento ao sector, así como o seu labor preventivo para corrixir determinados incumprimentos e mellorar aspectos da súa actividade en beneficio das persoas consumidoras. Máis información
  • 10 Xaneiro, 2018
    A Xunta avanza no seu obxectivo de conseguir mercados excelentes cunha nova actuación na praza da Guarda
    A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, destacou esta mañá na Guarda que a Xunta avanza no seu obxectivo de conseguir mercados excelentes. Tal e como sinalou, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de apoiar a instalación dun ascensor panorámico e outras actuacións de mellora no mercado desta localidade, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade. A directora xeral explicou que, entre as accións desenvolvidas, destacan as obras realizadas para a colocación dun ascensor panorámico na praza de abastos para garantir a accesibilidade. Ademais, situouse unha pasarela e varanda de vidro para protexer a zona de desembarque do primeiro andar do edificio. A actuación incluíu, tamén, investimento en mobiliario: seis papeleiras, tres xardineiras, dous sillóns e un banco. A Xunta apoiou estes traballos aportando un 30% do investimento xa que a porcentaxe de financiación nas axudas para a consecución da categoría de Mercado Excelente varía en función da fase na que se atope a praza de abastos. Así, nos mercados onde sexa preciso a realización de obras de adecuación das instalacións a porcentaxe será do 30%, incrementándose ao 50% para os mercados que se atopen nunha fase máis avanzada e previa para a consecución da excelencia e ao 70% para os mercados que xa teñan a consideración de excelentes e dirixan a inversión ao mantemento e mellora da mesma. A esta actuación súmanse outros traballos de remodelación, modernización e asesoramento no mercado da Guarda nos que, desde 2013, se levan investido máis de 250.000 euros. Por outra banda, a Xunta destinou, desde o ano 2010, máis de 30.000 euros en axudas á asociación de praceiros e praceiras Mercaguarda para a realización de actuacións de dinamización. Estes apoios enmárcanse no programa de impulso aos mercados e prazas de abastos posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de acadar a excelencia destes espazos e forma parte do Plan de mercados excelentes de Galicia 2016-2020 que recolle un total de 20 actuacións específicas coas que se pretenden potenciar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica, adaptados aos novos hábitos dos consumidores e vinculados ao territorio. A directora xeral lembrou que a Xunta ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación e, como mostra, concedeu en 2017 apoios por preto de 820.000 euros tanto para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais como para a posta en marcha dos espazos activos de emprendemento comercial. Axudas que se suman ás concedidas ás asociacións de comerciantes para a dinamización de 51 centros comerciais abertos e a 28 agrupacións de praceiros para o desenvolvemento de preto de 700 actuacións en toda Galicia cun investimento de 2 millóns de euros. Todo este conxunto de medidas intégranse no Plan estratéxico de impulso ao comercio que destinará 70 millóns de euros ata 2020 para modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego. Máis información
  • 27 Novembro, 2017
    Conde pon de exemplo a Artesanía de Galicia como marca que avala a calidade dun produto único e con gran potencial

    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou en Madrid, na visita que realizou ao Espazo Pop Up Galicia, saberes e sabores, que Artesanía de Galicia é unha marca que avala a calidade dos produtos que ofrece, todos eles únicos e diferenciados e cun gran potencial. Galicia, saberes e sabores, que pecha hoxe as súas portes despois de 12 días de actividade, é un punto de encontro que achegou a Madrid a tradición e a vangarda da artesanía galega a través dunha selección de pezas de máis de 50 artesáns; showcookings a cargo de cociñeros consolidados con representantes da nova cociña galega como Lucía Freitas do restaurante A Tafona ou Iago Pazos, de Barra Atlántica e Abastos 4.0; exposicións e venda de produtos de alimentación de calidade; e obradoiros participativos abertos a todo o público. No espazo déronse cita unha completa selección dos diversos oficios que conviven no sector artesanal de Galicia con pezas de xoiería, marroquinería, olería tradicional, cerámica, cestería, téxtil, papel, madeira, coitelería, encaixe e complementos de moda. Conde destacou que é un sector en auxe composto na actualidade por máis de 2.900 profesionais, 60 tendas adheridas e 550 obradoiros, presentes en diferentes países dos 5 continentes como Reino Unido, Suecia, Francia, Australia, Xapón e Estados Unidos. A Xunta colabora con esta expansión impulsando a marca Artesanía de Galicia e a todo o sector en xeral con iniciativas como o Espazo Pop Up que hoxe remata e que tivo como obxectivos estreitar lazos profesionais, crear novos contactos e servir como xerme de proxectos futuros; fortalecer as redes comerciais e a venda directa; e realizar accións promocionais. O orzamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria neste eido aumentou este ano nun 23%, crecendo nun 8% a liña de axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector. Os expositores No Pop Up, contou cun espazo propio a cesteira Idoia Cuesta, afincada en Outeiro de Rei, gañadora nos Premios Nacionais de Artesanía 2014 coa súa colección Pandeira na categoría de Premio Produto. Tamén visitaron o Palacio de Santa Bárbara as profesionais da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme (A Coruña), implicadas no proxecto Enredadas de posta en valor deste oficio artesán, que gañou o Premio Nacional de Artesanía 2016 na categoría de Promociona para Entidades Públicas. Maysil, obradoiro da Estrada (Pontevedra) presentou as súas diferentes coleccións de xoiería artesanal, que abarcan desde os modelos máis tradicionais ata os máis transgresores xogando a repensar o uso dos materiais. Contaron tamén cun expositor María Feijoo (Santiago de Compostela), que traballa a seda pintada convertendo o material en lenzo para adaptalo a variados complementos de moda e decoración; e Pilar Rodal (Vigo), con xoias orgánicas inspiradas na natureza e baseadas na exploración da fusión da prata con outros materiais. O programa do evento acolleu obradoiros de artesanía como o dirixido pola artesá Palmira Castro do obradoiro Mimadriña (Fisterra, A Coruña), que traballou a técnica do Origami elaborando unha postal mariñeira. Pola súa banda, a cesteira contemporánea Idoia Cuesta dirixiu un obradoiro de decoración de Nadal con fibras vexetais, mentres que as redeiras estiveron representadas por Rosa Rodríguez da Asociación de Redeiras Illa de Corme, que tamén imparteu un obradoiro de nós mariñeiros. Pola súa banda, os produtos de alimentación estiveron representados por Eidos de Iria&Adolfo. Olivares do Norte, Adegas Castrobrey, as cooperativas Terras da Mariña e Campocapela, Orballo Innovaciones Forestales, Las Cañitas de la Abuela, Obrador de Lamprea, Conservas y Ahumados Lou S.L, A la cena galega e El Capricho de Esther y Cecilia, Sovoral Apicultura Orgánica e Muuhlloa Cosmética Gallega. Ademais, houbo showcookings a cargo de cociñeiros como o ‘Estrela Michelin’ Pepe Solla e representantes da nova cociña galega.

    Máis información
  • 15 Novembro, 2017
    Conde salienta a calidade e a capacidade de adaptación ás novas tendencias como claves da competitividade do comercio galego
    O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinala na entrega dos premios Smart Commerce 2017 que as tecnoloxías da información e da comunicación son un reto que os comerciantes están sabendo aproveitar. Resalta que o orzamento destinado ao sector medra en máis dun 10% en 2018, con medidas para apoiar a dixitalización, a innovación e a modernización. A tenda de moda infantil de Pontevedra ‘Las Merceditas de Iria’ faise co premio Smart Commerce Galicia, resultando tamén distinguidos o establecemento ourensán ‘Clothes&Co’ e a libraría coruñesa ‘Moito Conto’. O negocio especializado en materiais para a impresión 3D Filament2 Print, con sede en Nigrán, gaña na categoría de e-Commerce, mentres que o premio de Social Commerce recae en Blue Popelina, de Betanzos. Máis información
  • 22 Setembro, 2017
    INSTRUCIÓNS DE PUBLICIDADE DO CARÁCTER PÚBLICO DO FINANCIAMENTO DAS ACTUACIÓNS DE MODERNIZACIÓN DE ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS RETALLISTAS (IN201H)

    Orde do 1 de xuño de 2017 DOG num. 113, do 15 de xuño de 2017 (código procedemento IN201H)

    De conformidade co disposto no artigo 17 das bases reguladoras, os beneficiarios das axudas darán a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, empregando o modelo seguinte:

     

    Para isto empregarán adhesivos ou distintivos similares en tamaño DIN A5.

     

  • 11 Agosto, 2017
    Hoxe publícase a Orde de axudas para proxectos de expansión comercial
    Máis información
  • 16 Xuño, 2017
    O comercio galego celebrará do 16 ao 30 de xuño os ‘Días azuis’ para dinamizar as vendas e premiar a fidelidade dos seus clientes

    Do 16 ao 30 de xuño o comercio galego celebra os "Dias Azuis" sorteando 16.000€ en premios entre todos os clientes que realicen compras no comercio de proximidade. Consulta as bases na web!.

    Máis información
  • 15 Xuño, 2017
    Hoxe publícase a convocatoria dos premios Smart Commerce de Galicia 2017
    Máis información
  • 15 Xuño, 2017
    Hoxe publícase a Orde de axudas para a mellora da imaxe, acondicionamento e modernización dos establecementos comerciais minoristas
    Máis información
  • 25 Abril, 2017
    Hoxe publícase a Orde do 12 de abril de 2017 pola que se revisa a relación de actividades artesás do anexo IV do Decreto 218/2001, e se inclúe a actividade de SOMBREIRERÍA
    Máis información
  • 31 Marzo, 2017
    O 27 de marzo publicouse a convocatoria da subvención para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán para o ano 2017, IN201G
    Máis información
  • 14 Marzo, 2017
    A Xunta impulsa o consumo responsable cunha nova materia de libre eleción para o primeiro ciclo da ESO
    Máis información
  • 14 Marzo, 2017
    Hoxe públícase a convocatoria da subvención aos concellos galegos para a creación de espazos activos de emprendemento comercial no medio rural para o ano 2017, IN201I
    Máis información
  • 02 Marzo, 2017
    Hoxe publícase no DOG a subvención ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro de ámbito superior ao municipal ou federacións para a revitalización do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial
    Máis información
  • 02 Marzo, 2017
    Hoxe publícase no DOG a subvención ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia(IN219A).
    Máis información
  • 21 Febreiro, 2017
    Para mellorar as súas relacións coa cidadanía a Xunta de Galicia axiliza os trámites de obtención e renovación da carta de artesán/a e de obtención e renovación da condición de taller artesanal incorporando, a partir de agora, a inscrición telemática.
    Máis información

  • Páxina 7 de 85

  • Mostrando do 121 ao 140 dun total de 1690 rexistros